A Concellería de Vías e Obras das Neves, que dirixe o primeiro tenente de alcalde, Marcelino Couto, vén de rematar a primeira fase da reparación da estrada de Casal da Vila ao Marquiño, na parroquia de San Xosé de Ribarteme.
Trátase dunha mellora longamente agardada polas veciñas e veciños e que vén de realizarse cun proxecto e financiamento de hai 2 anos, debido a problemas no proceso de adxudicación da obra. “A vía xa sufriu un empeoramento que non estaba previsto inicialmente, polo que se proxecta xa unha seguinte actuación para deixala en condicións óptimas”, subliña Marcelino Couto.
Preto de 4 quilómetros
A actuación realizouse ao longo de 3,6 quilómetros, nunha vía que dá servizo ás parroquias de San Xosé de Ribarteme e Cerdeira, “mellora tamén o acceso As Neves e o desprazamento cara a autovía A-52 pola zona do Pousadouro”, engade Couto, quen reitera a importancia desta actuación e a súa complexidade, “que requeriu para pola en marcha semanas intensas de traballo de cara a facer realidade unha obra que é esencial para esta zona do noso concello” . O orzamento total foi de 55.568,67 euros, financiados na súa totalidade con fondos propios do Concello.
O alcalde e o Tenente de Alcalde, acompañados por técnicos, estiveron no lugar para avaliar e valorar as actuacións da seguinte fase de reparación. “A nosa intención é comezar o máis axiña posible as obras para que a estrada quede en situación para garantir a circulación nas mellores condicións de seguridade”.