8.3 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui reclama a igualdade real e efectiva cun manifesto lido por seis...

    Tui reclama a igualdade real e efectiva cun manifesto lido por seis mulleres de distintos ámbitos

    Seis mulleres puxeron hoxe voz á reivindicación dunha igualdade real e efectiva en todos os ámbitos coa lectura do manifesto deste 8 de marzo, no acto institucional organizado polo Concello de Tui. O antigo edificio dos xulgados, na praza da Inmaculada acolleu esta conmemoración nun evento que foi transmitido en directo a través de YouTube, a web municipal e as redes sociais.

    A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, abriu o acto deste 8 de marzo de 2021 expondo que “as mulleres continuamos reivindicando os nosos dereitos, o noso lugar, gritando en voz alta contra a violencia, a explotación e as desigualdades que estamos sufrindo”. Reivindicou “o valor da nosa contribución ao patrimonio común en creación e coñecemento, en coidados e apoios, en arte, na ciencia, na economía, na filosofía, … E por suposto, reivindicamos a nosa categoría como mulleres, como suxeito político e diana da opresión”. Un acto no que se recordou a memoria e a historia de todas as mulleres, e no que se visibilizou un ano máis que “a loita das mulleres está viva”.

    A continuación proxectouse o audiovisual ‘Únete á R-Evolución nos coidados’ que rende homenaxe ás mulleres que estiveron en primeira liña durante a pandemia.

    Os versos do poema ‘Pensamentos de realidade’ da pedagoga Teresa Domínguez xunto ás pezas musicais interpretadas por Dafne Piñeiro e Lourdes Quintela, alumnas do Conservatorio Profesional de Música de Tui, intercaláronse na lectura do manifesto a cargo de seis mulleres de diferentes ámbitos.

    Chelo Domínguez, directiva dunha empresa de automoción, recoñeceu que “aínda que no mundo occidental as mulleres gañamos moito terreo, aínda existen desequilibrios estruturais de carácter social, educativo e laboral que ameazan con que o soño dunha igualdade efectiva entre mulleres e homes non fose máis que unha simple ilusión. Para evitalo necesítanse medidas intelixentes e atrevidas”. E apuntou cómpre “equilibrar a grella de saída rompendo os roles de xénero no acceso ao mercado laboral. E iso só pode traballarse mediante políticas que entendan que a influencia da contorna educativa, social e familiar nos primeiros anos de vida son absolutamente claves”. Expuxo que á celebración do 8 de marzo chegamos tras “unha loita moitas veces xorda, pero constante, das nosas e nais e avoas”. Engadía que “hoxe nos corresponde concienciarnos con que hai que seguir loitando para que na fotografía do futuro as nosas fillas e netas non lles custe saír ben encadradas, enfocadas, e en primeira fila; brillando ao lado, e non detrás, dos nosos fillos e netos”.

    Marisa Giráldez, deportista, mestra e presidenta do Club de Badminton Tui reivindicou a igualdade das mulleres “en todos os ámbitos da súa vida e especialmente no deporte, unha das áreas onde a discriminación da muller polo feito de ser muller é unha realidade aínda vixente”. Concluía indicando que “as mulleres somos corredoras de fondo: seguiremos e seguiremos, tamén despois desta crise, como sempre o fixemos, até chegar á máis xusta das metas: a igualdade real, plena e efectiva”.

    Laura Méndez, coma ela mesma explicaba “continuadora dunha historia laboral de catro xeracións de mulleres emprendedoras e loitadoras no sector hostaleiro” expuxo que “grazas ás mulleres da miña familia aprendín que esta situación complicada do sector pasará, e, o renacemento chegará cheo de emocións, sentimentos e retos marabillosos e nunca esquecendo o importante de ter sempre unha mirada de xénero que me leva a reivindicar os valores dun liderado feminino como cimentos sólidos que crean unha nova realidade no contexto Covid, con oportunidades dun futuro firme e seguro”. Concluíu indicando que “tal como fixemos avanzar este sector no pasado, podemos hoxe, mañá e sempre alcanzando, desta forma, un futuro igualitario”.

    Rocío Gómez, presidenta da Asociación de Amas de Casa de Tui, explicou coma este colectivo naceu en 1992 “ co firme propósito de tecer redes entre mulleres para achegalas ao espazo público, ao coñecemento e ao tempo libre e para dar voz ao que nunca se conta: A nosa historia”. Explicou coma a pandemia oculto o papel das mulleres “ invisibles no público pero imprescindibles no universo dos afectos, do coidado, da sustentabilidade e da supervivencia familiar. Mulleres que sosteñen o mundo coas súas mans”. E reclamou “o noso espazo persoal e profesional, o noso tempo para o lecer e o autocoidado, a repartición equitativa dos coidados familiares e as tarefas domésticas e a visibilidade das nosas contribucións á sociedade que foron e aínda hoxe seguen sendo silenciadas. Hoxe, as mulleres dicimos: estamos aquí e continuaremos este camiño para construír fogares entre iguais e onde o espazo público, as rúas e as prazas sexan tamén os nosos lugares”.

    Laura Villaverde, actriz e creadora escénica, amosou o seu “compromiso e interese en crear personaxes femininos que leven soas o peso dramático de toda a obra escénica, e contribuír a romper cos aínda existentes e restrinxidos roles femininos”. Engadía que “como creadoras e creadores temos que fomentar a posibilidade de que unha muller poida interpretar a un personaxe con identidade ó servizo da historia e non ó servizo dun protagonista masculino, onde se poida extraer un discurso de igualdade como forma de exercer poder; realizando unha representación da realidade feminina que inflúa e condicione a formación dun referente feminino no imaxinario colectivo. Temos que visualizar e crear referentes” Concluía sinalando que “reivindicar a igualdade da muller tanto no mundo laboral, sexual, como no persoal segue a ser un asunto vixente”.

    Nuria Garabal, mestra e directora non Ceip Plurilingüe Nº1 de Tui, indicou que “dende a educación todos ou días facemos por conseguir un futuro igualitario para todas e todos. Os docentes somos modelos e inspiramos aos nosos nenos e nenas a crear un mundo sen discriminación de xénero”. E sinalaba que “só educando en igualdade avanzaremos como sociedade”. Expuña que “a coeducación, a incorporación das mulleres como referentes nos libros, o trato igualitario na aula, no recreo, nas titorías…, son tarefas que nos corresponden como mestras e mestres”. Rematou animando “a todas as mulleres e nenas para que crean nas súas posibilidades e alcancen as súas metas, sabendo que as capacidades das persoas son ilimitadas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.