14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta porá en marcha este mes unha antena en Londres para...

    A Xunta porá en marcha este mes unha antena en Londres para asesorar ás empresas galegas ante os retos do Brexit

    Lamenta que o Goberno está comprometendo un proxecto de automoción en Cataluña antes da propia convocatoria de axudas, e demanda ao Goberno que traslade cales son os criterios

    O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe durante a súa participación nun seminario sobre o Brexit organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEP) en Vigo que este mes de marzo a Xunta abrirá unha antena en Londres para atender as demandas de información do tecido produtivo galego e que este poida manter o seu posicionamento no Reino Unido, que é o cuarto destino das exportacións galegas.

    Xunto con este apoio sobre o terreo, a Oficina Brexit posta en marcha a través do Igape tamén contempla apoios como o Cheque Brexit, para cubrir servizos de consultoría, que se pode solicitar ata o 17 de maio cun orzamento dun millón de euros. Ademais, activouse unha plataforma de autodiagnóstico que permite ás empresas coñecer de forma personalizada o impacto do Brexit no seu día a día para poder anticiparse e adoptar as medidas oportunas. Ata o momento, 130 empresas galegas xa empregaron esta ferramenta, entre as que se identifica un nivel de exposición medio, o 43% da provincia de Pontevedra.

    Esta plataforma complementa o servizo de atención permanente Brexit Igape Responde, que ofrece unha atención personalizada ás compañías galegas. A estas medidas de acompañamento súmanse accións de información e formación que se están desenvolvendo desde o Igape, como boletíns informativos e webinarios específicos.

    Conde apuntou que no ano 2020 Galicia seguiu mantendo a súa posición de liderado desde o punto de vista das exportacións, lembrando que foi a segunda comunidade autónoma con mellor saldo exportador, remarcando que cómpre seguir traballando nesa dirección. Neste sentido, apuntou que o peche dun acordo para a saída do Reino Unido da Unión Europea é unha boa noticia porque “vai permitir que non teñamos que facer fronte a importantes aranceis, e que polo tanto os sectores máis importantes desde o punto de vista das exportacións, tanto o téxtil como a automoción, poidan manter esa posición de liderado xunto co sector agroalimentario nas vendas ao Reino Unido”.

    O vicepresidente económico destacou que “temos un reto aínda pendente que é o sector pesqueiro”, e que “imos seguir mantendo esa demanda para que se poidan garantir as cotas que temos nestes momentos e que haxa unha estabilidade no posicionamento da frota pesqueira”.

    Conde salientou que Pontevedra é a principal provincia desde o punto de vista da exportación, con 11.000 millóns exportados en 2020, subliñando que a colaboración coa CEP é fundamental para que o tecido produtivo poida continuar mantendo esa posición.

    Planta de baterías

    Con respecto ao anuncio dunha planta de baterías eléctricas para Cataluña, o vicepresidente económico remarcou que “o Goberno sorprendeu ao conxunto da automoción en España cunha decisión inédita: comprometer un proxecto antes da propia convocatoria de axudas”, sinalando que “está poñendo en evidencia o propio mandato da Comisión Europea”, que vincula o reparto dos fondos europeos ao diálogo e a cogobernanza, ao tempo que se garante a igualdade de oportunidades.

    Lembrou que non se coñecen cales son os criterios que o propio Goberno vai establecer para a definición dos proxectos estratéxicos, e, ao mesmo tempo, “está comprometendo un proxecto de automoción en Cataluña cando temos dez comunidades autónomas que teñen fabricantes e que polo tanto poden estar en condicións de desenvolver un proxecto destas características”, lembrando que Galicia, onde PSA está desenvolvendo o coche autónomo e o coche eléctrico, ten unha candidatura moi solvente para poder optar a un proxecto destas características. Á vista do sucedido, o vicepresidente económico sinalou que “o que precisamos é que o Goberno nos traslade cales son os criterios e as axudas que está disposto a comprometer” apuntando que desde a Xunta se ofrece “a máxima colaboración, incluso participando nese modelo de consorcio público-privado que está anunciando”, e que “a partir de aí Galicia poida competir en igualdade de condicións con respecto a outros territorios”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.