12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación destina 220.000 euros a concellos e entidades culturais para desenvolver...

    A Deputación destina 220.000 euros a concellos e entidades culturais para desenvolver actividades e programas de fomento da lingua galega

    A edición 2021 aumentará a puntuación aos concellos que teñan Servizo de Normalización Lingüística e permitirá solicitar subvencións para varios eventos dun mesmo programa

    A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Lingua, vén de facer públicas as bases de subvencións dirixidas aos concellos e ás entidades culturais sen fins de lucro para as actividades de dinamización da lingua galega do ano 2021. Estas axudas, que segundo confirma a deputada María Ortega ascenden a 220.000 euros, incorporan varias novidades con respecto a anteriores edicións: priorizarán as actividades organizadas por concellos que dispoñan de Servizo de Normalización Lingüística e permitirán financiar non só unha, senón varias actividades sempre que estean dentro dun programa xeral de potenciación da lingua.

    Segundo destaca María Ortega, estes cambios pretenden “poñer en valor aos concellos cunha maior sensibilidade a prol da lingua galega permitindo consolidar a súa programación, máis sempre cuns criterios claros e dentro da concorrencia competitiva”. Repartiranse 120.000 euros entre as entidades solicitantes e 100.000 euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes.

    As actividades subvencionables deberán estar encamiñadas á dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores que teñan repercusión social. Búscase que as actividades que organicen os concellos no seu termo municipal estean dirixidas a promover, fomentar e difundir o emprego da lingua galega, é dicir, a “fomentar o uso e o prestixio do galego no conxunto da sociedade” e que se realicen entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021.

    Entre outras, subvencionaranse as seguintes accións: o fomento da creación e difusión cultural en lingua galega (certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos), traballos de sociolingüística e toponimia (estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia), fomento do emprego do galego no comercio e na industria (xornadas, campañas e publicacións ), recoñecementos e distincións ( Día das Letras Galegas ou calquera outra actividade ou programa de actividades cuxo obxectivo sexa fomentar o uso do idioma galego entre a poboación, nomeadamente entre a infancia e a mocidade), e fomento do emprego do idioma galego (para a captación de neofalantes e dinamización e normalización).

    A axuda para a realización de actividades de dinamización da lingua tanto para os concellos como para as entidades non poderá superar o 75 % do orzamento presentado para a súa realización.

    O prazo de presentación de solicitudes finalizará o vindeiro 15 da abril despois das publicación das bases e os extractos das convocatorias no Boletín da Provincia logo de ser aprobados en Xunta de Goberno do pasado 26 de febreiro.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.