Mércores, 6 Agosto de 2025

Unha persoa tivo que ser excarcerada tras colidir dous vehículos no Porriño

Unha persoa precisou ser excarcerada despois de producirse unha colisión entre dous turismos no Polígono A Granxa, no concello pontevedrés do Porriño.

Ao fío das 17:30 horas de onte, o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular que informaba dunha colisión entre dous coches na parroquia de San Salvador de Budiño, concretamente, á altura da gasolineira do polígono. Así mesmo, o particular informaba que o ocupante dun dos turismos permanecía no interior sen posibilidade de saír.

Inmediatamente, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxo en marcha un operativo que contou coa intervención dos Bombeiros do Porriño, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Ademais, os bombeiros de Vigo foron informados por se fose precisa a súa intervención.

Unha vez excarcerada polos bombeiros, a persoa puido ser atendida polos servizos sanitarios.

A Deputación abre o telón para celebrar o Día Mundial do Teatro a vindeira fin de semana

Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o próximo 27 de marzo, a Deputación de Pontevedra volve abrir o telón para sacar a acción escénica á rúa, con dúas funcións que se desenvolverán este venres 26 en Pontevedra e o sábado 27 en Vigo nos exteriores de ambas as dúas sedes. Deste xeito e baixo o lema “A Depo Inspira Teatro”, a Deputación se  suma á conmemoración desta xornada co fin de dar visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público. Faino collendo aire e levantando de novo a cortina con dúas representacións a cargo de Galeatro e Inventi Teatro, dirixidas a todos os públicos e que se poderán seguir tanto na rúa como en streaming. 

As fachadas do Pazo Provincial e a sede viguesa da Deputación engalanaranse cun enorme telón veneciano en cor vermella que enmarcará ambas representacións, que se desenvolverán co estrito protocolo anti Covid da institución nos seus actos culturais. Deste xeito, o aforo está limitado a cen persoas no exterior do Pazo e a trinta no caso de Vigo. En caso de mal tempo, as funcións trasladaríanse ao salón de plenos e á sala Rosalía de Castro, cun aforo de 40 e 30 persoas respectivamente. Debido a estas restricións, para asistir aos espectáculos, as persoas interesadas deberán reservar butaca no enderezo electrónico [email protected]  (cun máximo catro reservas por persoa).  

A primeira función estará a cargo de Galeatro, que porá en escena a obra “Muiñada”, o venres 26 ás 18 horas en Pontevedra. Trátase dunha montaxe dirixida ao público infantil e familiar (recomendada a partir de tres anos) que constitúe  unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe. Dirixida por Davide González, con texto de Ana Carreira e interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a historia de “Muiñada” protagonízana os personaxes de Sabela e Xacobe, que se encontran nun muíño de auga por un malentendido coas quendas e comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as crianzas e quen non o son tanto se acheguen a unha edificación fundamental para a historia de Galicia. Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo e está especializada en público familiar. Compaxina a súa labor como produtora teatral coa formación en centros de ensino e diferentes concellos da provincia da Coruña.

O sábado 27 de marzo en Vigo a compañía Inventi Teatro representará no exterior da sede provincial no Casco Vello, a partir das 12 horas, a obra “A tropa do doutor Milagre”. É un espectáculo de rúa para todos os públicos con música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia e maxia. O protagonista da historia, un médico-inventor agoniado polas débedas e impulsado por unha necesidade imperiosa de facer fortuna, toma unha arriscada decisión: Facerse con un autobús abandonado para convertelo nun auténtico show de venta ambulante. Para esta aventura estará acompañado do seu fiel axudante, o pequeno Miñoca e a exuberante Madame Bobarí.  A dirección da obra corre a cargo de Inventi Teatro e a protagonizan  Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal.

Esta compañía naceu no 2017 en Vigo da man do citado elenco, co obxectivo de crear espectáculos de rúa divertidos, visuais e para toda a familia. “A troupa do doutor Milagre” foi o seu primeiro montaxe, e levan con el máis de 50 actuacións por toda Galicia, amais de participar con esta obra en certames como o Festival Internacional de Artistas de Rúa de Redondela, a MIT de Ribadavia ou Itineranta en Pontevedra.

A Rúa do Calvario, na Guarda, volve a contar con pavimento de pedra grazas a unha achega de 122.000 euros da Deputación

O Concello de A Guarda dá un novo paso a prol da calidade urbana e a posta en valor do seu patrimonio coas obras de urbanización da rúa do Calvario, que veñen de rematar despois dun investimento de 122.000 euros da Deputación a través do Plan Concellos. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Antonio Lomba, percorreron hoxe esta vía que une o centro histórico coa capela da Nosa Señora da Guía e valoraron o resultado final. Estiveron acompañados da deputada Raquel Giráldez e os concelleiros Montserrat Magallanes e Miguel Español.

Santos Héctor amosou a súa satisfacción polos resultados desta actuación “feita con criterios de máxima calidade”. “Agora hai un pavimento de pedra en plataforma única, que mesmo conserva algunhas das lousas que estaban en mellores condicións”. Destacou a mellora na accesibilidade nunha vía que pasou a ter prioridade peonil. O deputado remarcou os valores patrimoniais da rúa e do propio centro histórico de A Guarda, polo que animou ao concello a continuar nesta liña. “Todo isto non fai máis que confirmar a flexibilidade do Plan Concellos, que permite a cada Corporación destinalos fondos da Deputación ao que crea que é máis necesario, como o patrimonio histórico, como sucede neste caso, ao natural ou á mellora de calquera dos servizos municipais”.

De esquerda a dereita, Montserrat Magallanes, Santos Héctor, Antonio Lomba e Raquel Giráldez

Antonio Lomba: “Ogallá algún día a Xunta de Galicia teña un plan de financiación municipal que ofreza uns fondos comparables ao Plan Concellos, respectando a autonomía municipal para decidir que obras se fan”

Na mesma liña, Antonio Lomba puxo en valor o Plan Concellos, “que permite obras como esta e que achega cartos aos municipios respectando a autonomía municipal; ogallá a Xunta teña algún día un plan de financiación municipal que ofreza uns fondos comparables ao Plan Concellos, respectando a autonomía municipal para decidir que obras se fan, investindo onde se precisa”.

O alcalde explicou que trátase da segunda fase de obras nesta rúa e que queda aínda un último tramo “que xa temos en carteira, porque a veciñanza quedou moi satisfeita”. Antonio Lomba lembrou que a rúa do Calvario estaba asfaltada sobre o un vello pavimento de pedra “porque algún alcalde así o decidiu, para que os coches pasaran máis rápido”. Amosouse, por tanto, feliz de poder “recuperar a nobreza do barrio de Ribadavila”, onde, explicou, faise un Vía Crucis ata a capela. Lomba destacou o acabado do novo empedrado, en plataforma única, e, ao tempo, o acerto de deixar testemuña “coas vellas pedras que se conservaron, do que foi esta rúa con anterioridade, porque baixo o asfalto estaba agochado parte do noso patrimonio”.

[su_image_carousel source=”media: 33038,33036,33034″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Máis de 300 metros

As obras abranguen un tramo de máis de 300 metros e consistiron no empedrado do pavimento, eliminando o asfalto anterior e dando así prioridade ás circulacións peonís, mantendo o tráfico só nunha dirección. Deste xeito dáse continuidade ao pavimento pétreo e continúase o tramo xa recuperado na primeira parte da rúa. As obras incluíron, ademais da integración no pavimento dalgunha das vellas lousas recuperadas, a canalización das augas pluviais a través dunha canle central, nova rede de distribución de auga aos domicilios, nova rede de saneamento, acometidas para o alumeado público e, finalmente, instalación de bocas de incendios.

A actuación súmase aos máis de 10 millóns de euros investidos pola Deputación en A Guarda dende o ano 2015. Este ano recibe máis de 800.000 euros con cargo ao Plan Concellos para obras en servizos de competencia municipal. A Guarda tamén obtivo financiamento para un gran proxecto a través do Plan DepoRemse, o que lle permitiu acometer o redeseño das rúas Vigo e Celta, cunha achega de 500.000 euros.

A OMIX de Tomiño presenta a súa programación para o mes de abril

0

No marco da habitual programación formativa que desenvolve a OMIX de Tomiño, a oficina municipal vén de facer pública a súa oferta de cursos para o mes de abril, no que estarán dispoñibles catro obradoiros sobre distintas temáticas.

Curso online ‘Como elaborar un CV innovador’

Unha cuestión fundamental á hora de atopar traballo é ter unha boa carta de presentación que nos faga destacar, e para isto é importante aproveitar todas as ferramentas que os novos medios nos ofrecen. No curso abordaranse conceptos e eidos coma o portfolio, o blog profesional ou a tarxeta de visita a través de códigos QR, entre outros. Terá unha duración de 20 horas e un prezo de 15 euros. As datas nas que se impartirá irán desde o 13 ao 26 de abril, de luns a venres en horarios de 19:00 a 21:00 horas. Vai dirixido especialmente a persoas desempregadas, estudantes en xeral e a todas as persoas que queiran mellorar as súas posibilidades de atopar traballo.

Obradoiro online ‘Linkedin, a rede social que máis che fará crecer’

As redes sociais poden ser unha forma excelente para atopar emprego e LinkedIn é o mellor exemplo diso. O Curso pretende mostrar as transformacións xeradas polas novas tecnoloxías no ámbito empresarial e laboral e as novas formas de relacionarse e comunicarse neste ámbito en internet, ensinando as bases para comprender o funcionamento da plataforma e as distintas estratexias que existen para acadar o éxito profesional.

O curso será impartido por Raúl Ordóñez, especialista en márketing e estratexia online con máis de 20 anos de experiencia no sector. Director de Sherpa Cultura Digital dende onde guían a empresas e profesionais a adaptarse con éxito ao cambio tecnolóxico e colaborador habitual con diferentes universidades coma a USC, Universidade de Jaén e diferentes escolas de negocios e finanzas.

Impartirase do 12 ao 15 de abril en horario de luns a xoves en horario de 16:00 a 18:00 horas e está dirixido a todas as persoas interesadas entre os 16 e os 35 anos (se quedan prazas libres poderán facer o curso as maiores de 35). Terá un prezo de 15 euros.

Curso de Aplicacións de Google: GOOGLE DOCS ONLINE

O manexo das aplicacións de procesamento de textos e xestión de documentos tense tornado fundamental nos últimos tempos e desde a OMIX ofrecen agora a oportunidade de introducirse ao manexo de Google Docs Online. O curso será en modalidade ONLINE con clases gravadas en vídeo e dispoñibles nunha web con formato de academia online, con vídeos explicativos, documentos PDF e nalgúns casos enlaces a webs. Haberá titorías de luns a venres por correo electrónico. O horario é libre: cadaquén escolle cando realizar a formación malia que o curso terá unha data de inicio e remate (comezará o 19 de abril e rematará un mes despois). Terá un prezo de 10 euros.

Curso de francés online nivel medio

Os participantes deste curso terán a oportunidade de seguir ampliando os seus coñecementos sobre o idioma e a cultura francesa de xeito ameno e, sobre todo, práctico, da man dunha filóloga nativa. O curso terá 20 horas de duración, comezará o 21 de abril, e terá lugar todos os mércores de 20:00 a 22:00 horas. Impartirase de xeito online e terá un prezo de 10 euros.

As persoas interesadas poderán inscribirse a través dos formularios dispoñibles na web municipal. Para máis información pódese contactar coa oficina municipal a través do correo [email protected].

Gondomar celebra o Día Mundial do Teatro inaugurando o ciclo teatral de primavera

0

O espectáculo familiar ¡Ciencia que alimenta! de ‘Compañía Rota e Descosida’ dará o pistoletazo inicial á programación teatral de primavera en Gondomar este próximo sábado 27 de marzo ás 18:00 horas da tarde no auditorio Lois Tobío, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Teatro. A ela sumaranse O Mel non caduca de ‘Iboprufeno Teatro’ (03 de abril); Despois das ondas de ‘Butaca Zero’ (10 de abril); Italiano Grand Hotel de ‘Cia La Tal’; Zampalibros de Sarao Animación (24 de abril); e, Pyka de ‘Cinema Sticado’ (01 de maio).

Serán pois un total seis representacións e cuxas entradas poderánse adquirir a partir de hoxe mesmo a través do despacho de billetes electrónico https://taquilla.concellodegondomar.gal que Gondomar estrea esta temporada para garantir total seguridade no cumprimento da normativa covid-19 e facilitar o acceso ás entradas. Nesa mesma páxina do despacho de billetes electrónico tamén se poderán consultar o resto de representacións, os seus horarios e adquirir as entradas se así se quere.

Desta maneira facilitarase a adquisición de entradas de forma telemática evitando o uso de papel e empregando un código QR que servirá para acceder ao teatro o día da función. O prezo oscilará entre os 2,5 euros (espectáculos familiares) e os 3,5 euros (teatro para adultos) e poderán retirarse para calquera das seis obras previstas na programación.

“Buscouse unha programación pensada para todos os públicos, para familias e para adultos, nun apoio claro que desde un principio tivo este concello co mundo da cultura e todos os seus integrantes ante as consecuencias xeradas pola covid19 neste sector”, manifesta o alcalde, Paco Ferreira, quen subliña que “son miles os empregos que xera anualmente e debemos estar ao seu lado, na medida do posible, porque a cultura é segura”.

¡Ciencia que alimenta! con Carlos Godoy e Cecilia Vázquez sobre o escenario, levantará o pano da programación teatral de primavera en Gondomar o próximo sábado. Sobre as táboas do Auditorio Municipal Lois Tobío os artistas demostrarán ao público que a ciencia non entende de xéneros e que está ao alcance todas e todos.

O Concello pon en marcha un proxecto piloto para a rehabilitación enerxética das unitarias

0

O Concello do Rosal continúa coa súa aposta por acadar a maior eficiencia enerxética nos edificios municipais co obxectivo de reducir os custos de enerxía e contribuír á protección do medio ambiente. Nese camiño, o Concello porá en marcha un proxecto piloto para rehabilitar enerxeticamente as escolas unitarias coas que conta o municipio, “que ademais de constituír un equipamento educativo importante son edificios cun gran valor patrimonial”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que visitou recentemente a escola xunto ao arquitecto encargado do proxecto para o que se contou coa colaboración da dirección e do profesorado da escola unitaria do CRA de Pías. A reforma integral desta escola é o primeiro paso na recuperación destes edificios emblemáticos tras a análise técnica previa da situación na que se atopaban todas as escolas unitarias municipais.

O proxecto incluirá a reforma integral da escola unitaria de Pías para a súa completa transformación en termos de eficiencia enerxética, implementando medidas que axuden a reducir ao mínimo o consumo enerxético e que contribúan a mellorar o confort interior tanto do alumnado como do equipo docente. Así, para incidir nesa mellora enerxética, incorporarase illamento térmico con elevados espesores no interior das fachadas, en teito e solo; renovarase toda a carpintería exterior por unha nova máis eficiente e sanearase o chan retirando o existente e colocando unha soleira ventilada.

Por outra banda, para garantir o confort, instalarase chan radiante que funcionará sistema de climatización adaptado tanto ás épocas de frío como de calor, porase un sistema de aerotermia con bomba de calor de alta eficiencia para producir a enerxía necesaria para o centro co mínimo gasto, instalarase un sistema de renovación do aire interior con ventilación mecánica con recuperación de calor para garantir a calidade do aire sen gastar enerxía na climatización e renovarase completamente o sistema de alumeado interior empregando luminarias LED de moi baixo consumo.

Aproveitando a reforma da escola unitaria, ademais destas obras procederase á renovación de toda a instalación eléctrica das aulas, mellorarase o seu acondicionamento acústico con novos falsos teitos que absorban o ruído xerado e colocarase un novo chan vinílico de doada limpeza e mantemento e moi confortable para os nenos e nenas. O Concello tamén instalará sistemas de ocultación e control solar, renovará as portas interiores e toda a pintura de teitos e pareces e incorporará auga quente nos lavabos do alumnado.

Este xoves 25 de marzo levarase a pleno (no Centro Social Polivalente, ás 20.30 horas) a modificación de crédito para o inicio da actuación, que implicará un investimento de case 200.000 euros para a rehabilitación das dúas aulas que conforman a edificación orixinal da escola.

O aluvión de persoas interesadas en asistir á ‘Facultade Ágora’ obriga a aumentar a 200 o número de prazas

O aluvión de persoas interesadas en asistir ás clases da ‘Facultade Ágora’ sobre como mellorar o espazo público vén de obrigar á Deputación a aumentar a 200 o número de prazas disponibles e a prorrogar a preinscrición até este mércores. Así o manifestou o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen salientou a súa satisfacción pola boa acollida da iniciativa entre os concellos e o persoal técnico da provincia e o interese amosado para construir espazos públicos amables e de calidade para a cidadanía.

A preinscrición na ‘Facultade Ágora’ estaba previsto que finalizase hoxe ás doce da noite, mais a primeira hora da mañá xa se superaban as 150 prazas dispoñibles (xa ampliadas dende as iniciais 100). Visto que o número de solicitudes seguía medrando, o departamento de Mobilidade, de acordo coa Rede de Cidades que Camiñan –coordinadora do proxecto- decidiron engadir outras 50 prazas máis e prorrogar ata o mércores o prazo de preinscrición. Este venres 26 darase a coñecer a lista de persoas admitidas para proceder á matrícula definitiva.

A ‘Facultade Ágora’ nace como unha proposta de formación impulsada polo departamento de Mobilidade da Deputación destinada a persoal político e técnico da provincia que toma decisións sobre o espazo público para ampliar os seus coñecementos sobre como  recuperalo para crear cidades e vilas amables e aumentar a calidade de vida da veciñanza da provincia. Está dirixida a todo o persoal técnico libre (persoas enxeñeiras, arquitectas, enxeñeiras técnicas e arquitectas técnicas, así como de outros perfís) que teña relación con obras de reforma, mellora ou tratamento dos espazos públicos.

O obxectivo da Facultade Ágora é que a formación que dará poida ter unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia e que os proxectos de reforma urbana de vilas e cidade redactados polos futuros ‘técnicos e técnicas Ágora’ –título que se acreditará no curso- cumplan criterios de calidade e de mobilidade natural, poñendo sempre ás persoas no centro de cada deseño.

Inicio do curso

O curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro (venres alternos), repartido en 4 módulos e 12 seminarios. Cada sesión  contará cunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local, e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.

Entre o plantel do profesorado da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra están xa figuras de renome internacional como o urbanista danés Jan Gehl, impulsor do modelo de cidade “a escala humana” e de aplicar as persoas como “unidade de medida” no deseño urbano.

Tamén contará con Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París e director da cátedra ETI (Emprendemento, Territorio, Innovación) da Universidade da  Sorbona e un dos maiores expertos en “cidades intelixentes”. Coñecido mundialmente como experto do concepto “cidades vivas” é o máximo divulgador actual da “cidade dos 15 minutos”. Insiste en redeseñar as cidades e vilas para reducir os desprazamentos, fomentar a proximidade e mellorar o medio ambiente sobre todo nestes momentos de pandemia.

Tamén participarán como relatoras Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’;  María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros.

O Concello de Tui avanza cara a apertura da rúa Ourense en sentido norte

0

O Concello de Tui continúa a avanzar na tramitación de cara á apertura da rúa Ourense en sentido norte co que poder completar o vial dende a Avenida da Concordia até a rúa Maristas, e dende aí enlazar co actual traxecto até a rúa Colón.

En concreto, tras a súa aprobación, arestora está en exposición pública, no portal de transparencia do Concello, o proxecto de ocupación directa dos terreos afectados, que xa no Plan Xeral aparecen así recollidos. Con esta técnica urbanística os propietarios destes terreos verán recoñecida a edificabilidade dos seus terreos unha vez se desenvolva este polígono de solo.  A apertura do vial afecta a un total de sete parcelas, das que seis corresponden a propiedades privadas, e unha a dominio público do viario municipal. Das parcelas privadas cinco veranse afectadas totalmente. Nas mesmas sitúanse 3 vivendas,  de 119 anos, en situación legal antes da aprobación do PXOM actual, que quedan afectadas polo trazado do vial que se pretende ampliar, e que ao ser incompatibles coa desenvolvemento do sector procederase  a súa demolición.

Por outra parte o departamento Urbanismo está articular un convenio que posibilitará a cesión do coñecido coma Hórreo Patazumba, que está catalogado, e que permitirá o seu emprazamento, previa autorización de Patrimonio, nas inmediacións das rúa Ourense, preservando este elemento patrimonial no seu entorno.

O futuro vial terá un ancho de 21 metros e enlazará coa rúa Ourense e a Avenida da Concordia.

A Xunta acomete a humanización integral da rúa San Benito de Arbo, cun investimento de 170.000 €, ao abeiro do Plan Hurbe

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a acometer as obras de humanización integral da rúa San Benito de Arbo cun investimento de case 170.000 euros ao abeiro do Plan Hurbe.

Actualmente, esta mellora urbana está moi avanzada e agárdase que estea rematada despois de Semana Santa, segundo sinalou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que supervisou os traballos de modernización deste vial de acceso ao núcleo urbano xunto ao alcalde, Horacio Gil, e outros membros do goberno local.

“A Xunta de Galicia desenvolve, dende o ano 2010, o Plan Hurbe para favorecer a posta en valor das vilas e dos núcleos rurais e, neste tempo, executou máis de 300 actuacións cun investimento de case 150 millóns de euros que repercutiu notablemente na modernización e confortabilidade dos nosos pobos”, desvelou o representante autonómico, que engadiu que este programa “contribúe a mellorar a imaxe, os servizos e as infraestruturas dos pequenos núcleos como ferramentas contra a despoboación a través do incremento do benestar e da calidade de vida”.

A humanización da rúa San Benito de Arbo, que complementa e da continuidade á xa acometida na rúa Antonia Tovar nunha primeira fase anterior tamén financiada pola Xunta, beneficia a un treito duns 120 metros no que na actualidade estase procedendo ao ensanchamento e renovación das beirarrúas, que quedarán rematadas en baldosa hidráulica ou lousas de granito segundo a zona.

Así mesmo, a actuación tamén contempla a dotación dunha nova plataforma de calzada, a mellora das prazas de aparcamento, a instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical e o reemprazo e modernización de todos os servizos.

Procederase á canalización da rede de saneamento de augas pluviais e fecais, a renovación das tubaxes con válvulas específicas para o abastecemento veciñal, o soterramento das liñas de telecomunicacións e de subministración de enerxía eléctrica e a instalación de luminarias led para gañar en eficiencia.

Tomiño presenta un libro que recolle as árbores senlleiras do municipio

0

Con motivo da conmemoración do Día dos Bosques, este domingo o Concello de Tomiño presentou un catálogo de árbores senlleiras, co que se pretende poñer en valor ás árbores máis identificativas e singulares do municipio e o seu patrimonio natural e cultural asociado, unha iniciativa pioneira no ámbito municipal galego. O libro está dispoñible para descarga na web municipal.

A iniciativa, promovida polo concelleiro Francisco Campo e impulsada pola anterior concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, recolle un total de 125 rexistros compostos por 116 árbores e 9 formacións correspondentes a 40 especies. Delas, a metade son autóctonas coma o carballo, o sobreiro, o amieiro ou o freixo, e a outra metade corresponden a especies exóticas e foráneas como a oliveira, o magnolio ou o cedro do Himalaia.

Segundo explica o autor do libro, Xurxo Mariño, o traballo de campo e recopilación estivo levándose a cabo durante o último ano e medio, onde destacou tamén a implicación e participación de moitos veciños e veciñas na conformación do catálogo. “Quixemos darlle un enfoque múltiple, de xeito que tivese un carácter técnico pero que tamén servise como recurso educativo e divulgativo”, comenta.

Do mesmo xeito, desde a concellería de Medio Ambiente que actualmente dirixe Ana Belén Casaleiro, explican que se escolleron sete rexistros do catálogo para propoñer que sexan incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, e valórase a posibilidade de que o catálogo poida ampliarse facendo unha segunda recopilación.

Concurso de árbores senlleiras

Co gallo da presentación do libro, desde a concellería de Medio Ambiente lanzan tamén o I Concurso de Composición Artística ou Relato Curto: ¿Como ves tí as nosas árbores senlleiras? no que os participantes deberán plasmar o xeito no que vén as árbores singulares do municipio. Estarán divididos en catro categorías dependendo da idade (benxamín, ata os 6 anos, infantil, de 7 a 11 anos, xuvenil, de 12 a 17 anos e adulto, a partir de 18).

Nas categorías benxamín e infantil os participantes poderán presentar un debuxo ou composición realizado con materiais reciclados ou naturais, mentres que na xuvenil e de adultos terán tamén a opción de presentar un relato curto de ata catro páxinas. Haberá dous premios por categoría, entre os que se atopan entradas para visitar a granxa-escola Corazón de Carballo, un circuíto no Ecoparque Marín ou un circuíto termal no Talaso Atlántico de Oia, entre outros. As bases do concurso publicáronse onte na web municipal e os participantes terán de prazo para presentar as súas obras ata o vindeiro 14 de maio.

Alerta de estafa no concello de Baiona

0

O Concello de Baiona alerta dunha estafa na que un individuo de mediana idade que se presenta como edil do goberno local pide diñeiro para as familias necesitadas en nome do Concello de Baiona. A Policía Local de Baiona, xunto co Posto Principal da Garda Civil de Baiona, manteñen abertas dilixencias por estes feitos.

O alcalde, Carlos Gómez Prado, alerta á cidadanía deste fraude e insta os baioneses e baionesas a que “se se topan co citado individuo ou aínda que foron obxectivo de dicha estafa débeno poñer en coñecemento da Garda Civil” e conclúe advertindo de que “coa colaboración de todos será máis fácil acabar con esta situación”, agradecendo de antemán “a colaboración dos veciños e veciñas”.

Analía Beltrán rompe nas Escolas Proval de Nigrán as cadeas do machismo cunha performance do programa “Violencia Zero”

0

Cunha impáctante performance co título de “Cadea”, a artista Analía Beltrán deixou onte pola tarde no IES Escolas Proval de Nigrán o seu berro en favor da igualdade e da loita contra as violencias machistas. Foi unha nova acción do programa da Deputación “Violencia Zero”, na que participaron as deputadas provinciais Victoria Alonso e Raquel Giráldez, o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, e a concelleira de igualdade, Patricia Diego, amais de 90 alumnas e alumnos de 3º e 4º da ESO do centro educativo, así como o profesorado, que interactuaron coa creadora e participaron activamente na acción.

No patio do IES Escolas Proval Analía Beltrán repartiu bolsas de papel que contiñan tarxetas cos nomes das mulleres asasinadas por violencia machista durante este 2021, unha cifra que ascende a día de hoxe a 5 mulleres. A artista inflou unha destas bolsas e estoupouna produciuno un estrondo similar ao producido polo disparo dunha arma. O público imitou a acción da artista e a zona de xogo converteuse nun combate que non debería librarse e no que as mulleres sempre saen perdendo. Beltrán visibilizou coa súa espectacular acción a dicotomía que teñen as mulleres entre as súas aspiracións e obrigas. A artista representou primeiro as ambicións atando globos de helio ao seu cabelo, facendo deste xeito que se elevara cara o ceo, e como símbolo das obrigas e prexuízos cos que as mulleres se atopan na súa vida, atou ladrillos ao seu corpo facendo que este se vise amarrado á terra. Pouco a pouco Analía Beltrán foise desprendendo de todos os elementos que a acompañaron na súa performance amosándose tal e como é ao público.

A deputada de igualdade, Victoria Alonso, lembrou que as estatísticas só recollen números de asasinatos pero “as violencias machistas son moitas máis e a sociedade ten que entender que todas e todos somos iguales. A igualdade é a clave”. A deputada animou á rapazada a que “saiades de aquí pensando, falando entre vós con naturalidade para poñerlle freo á violencia contra as mulleres e involucrarnos na loita máis fermosa que é a da igualdade. Temos que implicarnos todas e todos porque senón nada poderá cambiar”.

Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, puxo tamén o acento na responsabilidade “de toda a sociedade” para acabar coa lacra da violencia de xénero, e exhortou “á xente máis nova a poñerse ao fronte da loita pola igualdade“, agradecendo o compromiso da dirección do Instituto e á Deputación por levar esta acción a Escolas Proval coa que Nigrán pecha o seu calendario de accións do 8M.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 “Mulleres en Acción. Violencia Zero” contará con outras 17 actividades, entre as que haberá performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas, música e poesía.

Hoxe rexístranse un total de 2.490 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.490, deles 955 son da área da Coruña, 188 da de Lugo, 160 da de Ourense, 215 da de Pontevedra, 501 da área de Vigo, 276 da de Santiago e 195 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 46 están en UCI, 203 en unidades de hospitalización e 2.241 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 111.141 persoas curadas, rexistrándose 2.321 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.805.442.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 394.186.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

A Xunta reanuda mañá mércores a administración da vacina de AstraZeneca

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou onte pola tarde, por videoconferencia, nunha nova xuntanza do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, na que se acordou retomar a vacinación coa vacina de AstraZeneca, ampliando o grupo de idade ata os menores de 65 anos.

A vacinación con AstraZeneca reanudarase a partir do vindeiro mércores. En concreto, contémplase retomala onde se parou, cos grupos 3B (Persoal implicado na xestión e resposta da pandemia), 3C (resto de persoal sanitario e sociosanitario non vacinado con anterioridade e 6 (Garda Civil, Policía Nacional e Autonómica, Local, Bombeiros, etc). O Sergas irá incorporando a este proceso aos menores de 65 anos, ao ritmo que marque a chegada de viais.

O número de vacinas de AstraZeneca que chegaron a Galicia esta semana foi o 57% do previsto, en total chegaron algo máis de 12.000 vacinas.

O departamento sanitario galego comezou hoxe a realizar as citacións para retomar a vacinación con AstraZeneca mañá mércores. Ata actualidade, a Xunta de Galicia leva administradas un total de 385.613 doses, Un total de 119.941 persoas teñen a pauta completa.

Exposición conmemorativa do 135 aniversario da vella ponte internacional Tui-Valença

0

O Concello de Tui conmemora cunha exposición o 135 aniversario da vella Ponte Internacional Tui-Valença. A  mostra achega información sobre esta histórica infraestrutura que supuxo un antes e un despois nas comunicacións, non só entre Tui e Valença, senón entre Galicia e Portugal. A exposición, que recupera material dunha anterior exposición,  realiza un percorrido polo proceso de deseño e construción da Ponte Internacional sobre o río Miño. Tamén se amosa unha maqueta da ponte unindo as dúas cidades integran a mostra. Poderá visitarse até o 4 de abril, na Sala de Exposicións Municipal na Área Panorámica.

O 25 de marzo de 1886 tivo lugar o solemne acto de inauguración oficial da Ponte Internacional de Tui, cun acto que consistiu no encontro das locomotoras Valença  e Alfonso XII reunindo, segundo as crónicas xornalísticas da época, preto de 20.000 persoas en ambas ribeiras do Miño.

Esta singular obra foi deseñada polo enxeñeiro español Pelayo Mancebo Agreda combinando os piares graníticos, procedentes das canteiras de Guillarei, coa celosía metálica que define a estrutura desta singular obra, realizada pola empresa belga, con presenza en Portugal, “Braine la Compte”.

Na vista a exposición podemos achegarnos ao proceso de acordo entre os gobernos de España e Portugal, ao deseño por Pelayo Mancebo, ao proceso de construción dirixido polos enxeñeiros Eugène Rolin e o seu irmá Ernest, que axiña foi substituído por Auguste Cazaux, xunto ao enxeñeiro inspector, o galego Andrés Castro Teijeiro.

A ponte metálica sobre o Miño, integrada por cinco tramos de ferro que alcanzan unha luz de 330 m, é un dos exemplos sobranceiros do patrimonio industrial de Galicia. Pero esta Ponte posúe tamén un alto valor simbólico como imaxe das relacións entre Galicia e Portugal ao tempo que expresa a entrañable unión de Valença e Tui que grazas á comunicación que posibilita converta a estas cidades miñotas nun único espazo cidadán, cunha continuidade urbana que resulta un exemplo único en toda a fronteira hispano-lusa. Para a concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, esta exposición, mais aló da súa modestia de montaxe, contribúe a afondar nas estreitas relación que a ponte posibilita entre Valença e Tui, interrompidas na actualidade polo peche da fronteira provocado pola pandemia que todos agardamos axiña poidamos superar para recuperar a comunicación intensa que acolle esta ponte centenaria.

Muller e con traballo na industria, perfil maioritario das persoas afectadas polo peche da fronteira con Portugal

Muller e con traballao na industria. Ese é o perfil maioritario das persoas do Miño transfronteirizo afectadas polo peche da fronteira con Portugal segundo o análise realizado polo AECT Río Miño sobre o seu rexistro de persoas prexudicadas. A mostra, que estudou os datos achegados voluntariamente entre o 2 e o 18 de marzo, preséntase como representativa da situación pola que está a pasar a xeralidade de traballadoras e traballadores transfronteirizos no territorio.

Un dos datos estatísticos máis relevantes é a diferencia significativa con respecto ao xénero das persoas rexistradas, xa que un 62% son mulleres e un 37% son homes. Isto podo explicarse por dúas causas: unha maior decisión á hora de rexistrarse e reclamar os seus dereitos, prexudicados polo peche das pontes; ou ben, o feito de

que a man de obra transfronteiriza, especificamente, entre o Baixo Miño e o Alto Minho, ten unha maioría de xénero feminino. En todo caso, esta poboación foi a máis prexudicada porque a ponte entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira, sendo a quinta ponte en mobilidade entre España e Portugal, con 5.812 vehículos medios diarios , foi a única que, por non abrires, deixou incomunicados a dous concellos.

No relativo á procedencia por sector económico a análise dos datos leva a apreciar que o sector industrial é o que ocupa a un maior número de persoas (50%). En menor medida, están as persoas ocupadas do sector servizos, no comercio e, finalmente, na administración e servicios públicos.

En consideración ao prexuízo provocado, e dentro da lista de causas alegadas, o máis

comunicado é o grave aumento de distancia e tempo, no percorrido entre a residencia dos afectados ao seu traballo e viceversa. O peche da ponte internacional, que obriga ao desvío da rota, así como a agarda para cruzar os controis, fan deste factor o máis salientable no prexuízo ás persoas traballadoras transfronteirizas.

En segundo lugar, o 25.29% dos afectados acusan un incremento notable no custo dos seus desprazamentos, algo compatible coa primeira das causas presentadas. En terceiro lugar, un 12.94% das persoas comunican que a situación impediulles, de  facto, poder cruzar a fronteira para desprazarse ao seu posto de traballo.

Por último, o 1,76% da mostra alegou un prexuízo puramente económico, derivado da diminución do número de clientes procedentes da outra marxe. Este caso é moi común, aínda que non o é nesta lista, dado que o prexuízo para moitos negocios de ambas as dúas beiras do Miño depende dos clientes dos dous países. Neste caso, a mobilidade que condiciona a actividade económica non é a do traballador, senón a dos clientes.

O análise do rexistro, así, desvela novamente que o restablecemento da fronteira entre os dous Estados ibéricos, acordado a partir do 31 de xaneiro de 2021, supuxo un retroceso, a todos os efectos, para o territorio do río Miño transfronteirizo, singularmente nas limitacións sociais e económicas.

Dentro do dano causado por unha decisión política refréndase que un dos conxuntos máis prexudicados é o das e dos traballadores transfronteirizos, persoas que, con independencia da súa nacionalidade, residen nun país e traballan noutro. Ademais de salientar os custes económicos e de tempo boa parte das persoas rexistradas mencionaron tamén o “cansazo físico e psicolóxico” que lles produce esta situación.

O formulario aínda se pode cubrir online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela. A intención é que estes datos poidan servir de base para reclamar compensacións para o territorio, para o que serán remitidas ás administracións competentes na materia.

O peche da fronteria con Portugal, decretado o 31 de xaneiro deste ano, seguirá en vigor alomentos ata despois do 5 de abril. Mentres unicamente estará aberto 24 horas o paso de Tui e os de Arbo e Salvaterra seis horas diarias (tres de mañá e tres de tarde), e só para persoas con necesidade acreditada para cruzar a raia.

O Concello de Nigrán conclúe a ampliación do saneamento e abastecemento nas rúas Xestal, Lagoíña e Palomar

0

O Concello de Nigrán rematou as obras para dotar de saneamento as rúas Palomar, Xestal e Lagoíña e tamén de abastecemento nesta última (única que carecía do mesmo xunto cun treito pequeno de Lagoíña), beneficiando con elo a máis de 30 casas. Trátase de tres rúas no núcleo do municipio, Palomar atravesa os barrios de Nogueira e Sanromán (parroquias de Nigrán e Priegue) e Xestal e Lagoíña os barrios de Ceán, A Barxa e Lagoíña (parroquia de Nigrán). Os traballos, con proxecto da Enxeñeira Municipal, executáronse cun investimento de 198.987,22 € ao cargo do Plan Concellos 2018 retrasándose o prazo de execución moito máis do desexado pola renuncia da empresa adxudicataria á metade de obra, tendo que asumir a súa finalización directamente o Concello.

“Era unha obra moi demandanda porque beneficiará a moitas familias e, desde o goberno, temos o compromiso de ir ampliando a rede de abastecemento e saneamento ata chegar ao 100% do municipio. Lamentados as molestias aos veciños porque se demorou moito máis do previsto, pero ao fin está todo rematado e en funcionamento”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca que esta intervención incluíu o asfaltado do carreiro forestal por onde continuaba a rúa Palomar, “o que permite conectar directamente a parte baixa de Priegue con Nigrán (A Nogueira e Pombal) evitando así rodeos kilométricos”.

As obras tiveron como cometido construír novos ramais, dividíndose en dúas zonas de actuación: por unha banda, na zona de Lagoíña e Xestal discorrendo os colectores por pistas, sendeiros e 250 metros da EP-2101 (antigamente PO-3323) e conectándose desde o paseo peonil que bordea Porto do Molle; por outro na rúa Palomar, entre San Román e A Tarela, tamén entre estradas, pistas e sendeiros públicos. Os colectores de saneamento en total foron 1’5 km que se instalaron baixo gabia son de PVC de 250 mm de diámetro e o de abastecemento 300 metros de 63 mm en Xestal e Lagoíña. En todos os casos realizouse unha reposición do firme coas mesmas características do existente (agás o fin de Palomar, que estaba en terra).

O Concello de Mos súmase a colaborar no proxecto europeo contra o cambio climático iniciativa dunha clase de 4º de Primaria do CEIP Pena de Francia

0

Coincidindo co Día Mundial da Auga que celebrouse onte, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recibiu unha carta do alumnado de 4º B de Primaria do Colexio de Pena de Francia para pedirlle a súa axuda na participación da clase no proxecto europeo eTwinning contra o cambio climático.

Algunhas das ideas propostas por estes cativos para frear o cambio climático son non malgastar a auga corrente, non desfeitar de xeito inapropiado o lixo común nin as mascarillas, reciclar e reutilizar, entre outras.

eTwinning é a comunidade de centros escolares de Europa. Ofrece unha plataforma aos equipos educativos (profesorado, equipos directivos, persoal de biblioteca, etc.) dos centros escolares dos países europeos participantes, para comunicarse, colaborar, desenvolver proxectos, compartir ou o que é o mesmo: sentirse e formar parte da comunidade educativa máis atractiva de Europa. eTwinning está cofinanciado e forma parte de Erasmus+, o programa da Unión Europea en materia de educación, formación, mocidade e deporte.

Incluíndo aos do mosense CEIP Pena de Francia, a rede eTwinning está integrada por un total de 918.886 profesores/as, 217.277 centros escolares e 120.362 proxectos.

Os 13 alumnos/as da clase de 4º B do Colexio Pena de Francia: Fabio, Gael, Leire, Sofía, Nico, Uxía, Marta, Jose, Laura, Anxo, Ariadna, Rihana e Marcos remitiron unha misiva á rexedora local mosense que recibiu e leu hoxe xunto co concelleiro de Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas. Nela pídenlle á alcaldesa colaboración para poder levar a cabo o seu proxecto no municipio e “facer realidade o noso soño de loita contra o cambio climático”, como eles mesmos din na súa carta.

Entre as peticións dos rapaces figuran iniciativas que xa se están a levar a cabo no Concello de Mos, así como outras que se poderían mellorar ou implementar e algunhas a poñer en marcha. Algunhas das devanditas suxerencias son “máis puntos limpos para a recollida de obxectos contaminantes, charlas medioambientais nos centros educativos, instalación de placas solares, saídas colectivas para limpeza de montes e zonas verdes, fomento do uso de medios informáticos e electrónicos para reducir o uso de papel, fomentar o uso de bolsas de papel e tea, así como de composteiros nos fogares e de vehículos eléctricos, reducir o consumo de plástico…” etc.

Entusiasmados ante a proposta e desexosos de colaborar e participar no proxecto a alcaldesa Nidia Arévalo e os concelleiros de Educación, Julia Loureiro, e Medio Ambiente Sostible e Mocidade, Leo Costas, manterán unha xuntanza por videoconferencia próximamente con estes 13 cativos e a súa mestra, en aras de poñer en marcha as iniciativas propostas que aínda non se atopen activas e mellorar en todo o posible as xa existentes para “facer”, tal e como din os nenos na súa carta enviada á alcaldesa, “do noso Concello un lugar máis limpo e sostible, e que siga a ser un lugar agradable e bonito”. Unha carta que non podía elixir mellor data para chegar a destino como é o Día Mundial da Auga.

O Día Mundial da auga celébrase cada 22 de marzo para lembrar a relevancia deste líquido esencial. Foi proclamado pola ONU en 1992.

A pesar de que todas as actividades sociais e económicas dependen en gran medida do abastecemento de auga doce e da súa calidade, 2200 millóns de persoas no mundo viven sen acceso a auga potable. Esta celebración ten por obxecto concienciar sobre a necesidade de buscar medidas para acadar o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible: Auga e saneamento para todos antes de 2030.

O C.R. Chapela feminino, imponse nas categorías alevín, cadete, xuvenil e absoluta da XXV Bandeira Concello de Redondela de Bateis

0

As augas da ría de Vigo acollían onte domingo, 21 de marzo, a disputa da XXV Bandeira Concello de Redondela de Bateis, proba puntuable para a Liga Galega de Bateis e organizada polo Concello de Redondela e o C.R. Chapela é na que se daban cita máis dunha ducia de clubs da provincia de Pontevedra.

As boas condicións meteorolóxicas converteron esta competición organizada polo Concello de Redondela, nunha auténtica festa do deporte na que os equipos femininos do C. R. Chapela amosaron todo o seu potencial gañando as respectivas bandeiras nas categorías Alevín, Cadete, Xuvenil e Absoluta, mentres que a bandeira infantil íase para Moaña da man da Sociedade Deportiva Samertolameu.

Nas categorías masculinas, a cousa estivo máis repartida de tal xeito que o Club de Remo Virxe da Guía proclamábase gañador na categoría infanil. Pola súa banda a S.D. Samertolameu facía ‘doblete’ ao gañar nas categorías alevín e cadete e, para non ser menos, o Club de Mar Bueu apuntábase tamén aos triunfos dobres gañando as bandeiras nas categorías xuvenil e absoluta.

A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Deportes, Nacho González, –que fixeron entrega das bandeiras ás tripulacións gañadoras– salientaron a importancia de apoiar ao deporte en todas sus categorías “como actividade non só saudable senón capaz de desenvolver valores como o traballo en equipo, o esforzo e a solidariedade”.

Ponteareas pecha as súas contas en positivo por cuarto ano consecutivo, tras décadas de bancarrota

O Concello de Ponteareas encadea xa catro anos consecutivos en números verdes, tras facer oficial onte que o exercicio 2020 se pechou cun resultado positivo de máis de 200.000 euros. Este resultado revela que unha vez máis o Concello ingresou máis do que gastou.

“Trátase dunha boa xestión económica e duns resultados inéditos tras décadas de números vermellos, débedas e bancarrota que revelan como o goberno do BNG e PSOE foi quen de sanear economicamente un Concello arruinado”, sinala a Alcaldesa en funcións, Cristina Fdez. Davila. Ademais,  salientou que estes resultados teñen especial mérito e importancia “nun ano 2020 no que a pandemia trastornou as previsións de gastos e xerou novas necesidades imprevistas, que tivemos que atender realizando un importante esforzo económico para atender ás familias que máis o precisaban, aumentando as axudas de emerxencia social e creando liñas de axuda para o comercio e a hostalaría”. O Concello destinou o pasado ano máis de 1,3 millóns de euros en axudas a familias en situación de emerxencia e a negocios e colectivos sociais.

A Alcaldesa nacionalista explicou que “esta boa situación económica permite ao Concello seguir optando a financiamento para novas obras e servizos. Para abordar grandes investimentos podemos recorrer a préstamos con boas condicións porque temos a capacidade de cumprir e devolvelos puntualmente mantendo o equilibrio económico, algo que antes non acontecía”. Davila indicou que os investimentos do pasado ano en obras ascendeu a case 2,7 millóns de euros. Ademais, as contas revelan que o Concello está ao día en todas as súas obrigas de pagamento. “Atrás quedaron os tempos nos que as empresas e persoas autónomas non cobraban polos seus servizos e subministros e tiñan que demandar ao Concello nos tribunais para poder cobrar”, lembra a alcaldesa en funcións, engadindo que “agora quen traballa para o concello de Ponteareas faino con confianza e coa seguridade de que vai cobrar nun prazo breve de tempo”.

O Goberno Local insiste na necesidade de que a Xunta asuma os servizos da súa competencia e que continua pagando o Concello, coma o Conservatorio ou a Escola Infantil, cun custo que supera o millón de euros. “Se eses servizos os asumira a Xunta, Ponteareas tería acadado un resultado positivo de 1,2 millóns de euros que poderíamos destinar a mellorar servizos ou facer máis obras”, aclarou a Alcaldesa en funcións.

Fernández Davila agradeceu o esforzo do departamento económico municipal baixo a dirección da interventora e do propio Alcalde, Xosé Represas. Así mesmo, amosouse satisfeita cos datos oficiais porque ademais “desmontan a campaña de manipulación e falsidades do Partido Popular sobre a situación económica do Concello”. A alcaldesa nacionalista lembrou que “no ano 2014, último ano do goberno do PP e con Belén Villar coma concelleira de Facenda o resultado económico foi negativo en máis de 5 millóns de euros”. Davila recomendou ao PP e a Villar “humildade, recoñecer os seus erros, pedir perdón pola ruína e o dano causado a Ponteareas” e convidouna a “aprender do actual goberno como se xestionan con rigor os recursos públicos e os impostos que paga a veciñanza”.

A Oficina de Rehabilitación ofrece información e asesoramento sobre as axudas para a compra de vivenda no centro histórico convocadas polo IGVS

0

A Oficina de Rehabilitación do concello de Tui ofrece información e asesoramento sobre as axudas convocadas polo IGVS, Instituto Galego de Vivenda e Solo, para a compra de vivenda en centro históricos, entre eles o de Tui.

As bases e a convocatoria destas axudas publicáronse o pasado 15 de marzo no DOG nº 50.

Poden beneficiarse desta axudas as persoas físicas maiores de idade, que adquiran unha vivenda construída (nova, usada ou que vaia ser obxecto de rehabilitación) no ámbito do Plan Especial de Protección Histórico-Artístico de Tui.

As axudas poden chegar até os 12.800 €, para as persoas menores de 35 anos, e até o 10.800€ para os maiores desta idade. En ambos casos non superarán o 20% do prezo da vivenda.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto até o 1 de setembro deste ano, ou até esgotar o crédito destinado a estas achegas.

Entre os requisitos para poder optar a esta convocatoria están ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda. Tamén estar empadroado na vivenda, ou en caso de rehabilitación, empadroarse no momento da finalización das obras. Amais a persoa solicitante e demais persoas da súa unidade de convivencia non poderán ser propietarias ou usufrutuarias doutra vivenda no territorio español.

As persoas interesadas, poden recoller un resumo e os impresos no Concello (rexistro) ou enviar un correo a [email protected].

O Concello de Nigrán alerta dunha estafa pedindo cartos para as familias necesitadas en nome do Goberno local

0

O Concello de Nigrán alerta dunha estafa na que un individuo de mediana idade que se presenta como edil do goberno local pide cartos en nome do propio alcalde para sufragar bombonas de butano para as familias en situación de vulnerabilidade.

A Policía Local de Nigrán ten constancia dunha estafa de 40€ a unha persoa maior e, xunto co Posto Principal da Guardia Civil de Baiona, manteñen abertas dilixencias por feitos practicamente idénticos tamén neste municipio veciño.

“O Concello de Nigrán e o seu goberno nin pide nin pedirá nunca cartos á veciñanza baixo ningún pretexto ni por ningún medio, polo que recomendamos que se denuncie ante o Posto Principal da Guardia Civil en Baiona calquera acción deste tipo”, advirte o rexedor, Juan González, ante a sospeita de que poida haber máis persoas estafadas.

“Toda axuda se canaliza a través dos Servizos Sociais, non confiemos xamais en alguén que pida cartos ou donacións empregando para elo o nome do Concello ou o seu goberno”, insiste.

ADIF comunica que debe retomar os traballos de mantemento que afectarán ao tráfico de vehículos na zona do paso a nivel

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) comunicou ao Concello do Porriño que hoxe o luns 22, debe retomar os traballos de mellora na área ferroviaria que motivará a repetir os recortes e desvíos do tráfico de vehículos na contorna.
As restricións serán entre as 23 horas desta noite e as 6 horas da mañá do martes 23.

Para executar esas tarefas manterán as barreiras baixadas para interromper tanto o tráfico ferroviario como o tráfico de vehículos a motor, polo que se habilitarán desvíos, de novo.

A Policía Local informa que serán os mesmos que lembramos:

  • A rúa Peña será cortada na Rotonda da Central para os vehículos que proveñen da rúa Estación, que, polo tanto, deben circular pola rúa Ramiranes.
  • Os vehículos que circulen pola rúa Cando deben ir á rotonda da Central e continuar obrigatoriamente pola rúa Ramiranes.
  • E os vehículos que circulen pola Avenida Bos Aires deben continuar pola rúa Progreso.

Estes desvíos serán sinalizados e controlados pola Policía Local.

Salvaterra de Miño – Cidade 30

O Concello de Salvaterra de Miño adheriuse o 27 de xullo do 2020 á rede de Concellos Ágora polo Espazo Público, que pretende ser rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023.

Os 10 principios dos Concellos Ágora: O espazo público é un dereito, as persoas primeiro, mobilidade inclusiva, autonomía infantil, movilidades alternativas, espazos seguros, hábitat saudable, espazos amables e de calidade, actividade económica de proximidade e mobilidade sustentable. Para iso a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos persoal técnico especializado para orientar e asesorar no desenvolvemento dos obxectivos marcados.

O pincipio sexto “Espazos seguros” identifica a seguranza viaria como unha prioridade nos concellos, incentivando políticas de calmado de tráfico, a través da colocación de pasos peonís sobreelevados e da implantación de 30km/h como velocidade máxima en casco urbano, algo que xa contempla a propia Dirección Xeral de Tráfico e que entrará en vigor no próximo mes de maio, co cal o que fan os Concellos Ágora e adiantarse  á normativa de tráfico que entrará en vigor nun par de meses

Premio internacional para “Sigue o teu instinto” nos prestixiosos “Golden City Gate” de Berlín como un dos mellores vídeos de ecoturismo do mundo

A Deputación de Pontevedra vén de coñecer que o audiovisual “Sigue o teu instinto”, producido por Esmerarte, foi elixido polo xurado internacional dos premios “The Golden City Gate”, que se entregan dende fai 21 anos en Berlín,  como un dos mellores vídeos de ecoturismo do mundo. Así, a peza coa que a Deputación promoveu o destino provincia de Pontevedra durante o 2020, acada o seu primeiro galardón internacional seguindo a estela de “Fame de experiencias”, que tamén foi premiada en Berlín e suma xa 14 distintivos arredor do mundo.

“Sigue o teu instinto” competiu con outras 122 películas de 23 países que foron avaliadas polo xurado internacional dos premios “The Golden City Gate”. Entre as cuestións que valorou positivamente do vídeo da institución provincial destacan a súa realización audiovisual e acústica, os efectos emocionais, a narración da historia, a innovación e o deseño creativo. Amais, e no marco da categoría “ecoturismo” na que a Deputación acadou o premio de prata, o xurado enxalzou a súa aposta polo turismo verde, saudable e sustentable e polo patrimonio natural da provincia de Pontevedra.

O vídeo promocional da institución provincial, de carácter intimista e protagonizado pola actriz Celia Freijeiro, céntrase en aspectos relacionados coa natureza, o turismo de benestar, a sustentabilidade e o medio ambiente, en liña coa aposta da Deputación polos ODS e  a Axenda 2030. “Sigue o teu instinto” recolle tamén cuestións relacionadas co respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional, e a oferta de turismo rural, activo e de aventura na provincia de Pontevedra. Os premios “Golden City Gate” entregan anualmente tres galardóns (ouro, prata e bronce) en cada unha das súas 18 categorías nunha gala enmarcada na feira ITB de Berlín, un dos eventos do sector turístico máis importantes do mundo. Ao longo dos seus 21 anos de traxectoria participaron xa 1.939 vídeos de ata 99 países. “Fame de experiencias”, o audiovisual promocional da Deputación lanzado no 2019, conseguiu un “Golden City Gate” o pasado ano. Xunto a este galardón, tamén sumou outros 13 en festivais internacionais de turismo como os de Kioto, Nova York, Turquía, Bulgaria, Letonia, Los Ángeles, Serbia, Grecia, Portugal, Croacia e Viena.

Concentración do sector profesional de salóns de peiteado e imaxe en demanda da redución do IVE

Hoxe tivo lugar unha concentración no Porriño na que participaron principalmente os traballadores do sector profesional de salóns de peiteado e imaxe.

Coa lectura dun manifesto en demanda da redución ao 10% do IVE para o sector de salóns de peiteado, barberías e estética, rematou a concentración de profesionais e traballadores da bisbarra que se celebrou na praza do Concello, cunha gran participación e por espazo dunha hora.

A alcaldesa Eva Garcia, os membros do goberno municipal PSOE-BNG e concelleiros do PP, EUSon e UDDL da corporación porriñesa asistiron para amosar a súa solidariedade con estes profesionais. Tamén acudiron a alcaldesa de Mos e concelleiros doutros concellos da bisbarra.

Ao remate da concentración, Marcos Valverde agradeceu a participación e avogou “por non ter que repetila”.

O Sergas publica a relación provisional de admitidos e excluídos nas probas para o acceso a diversas categorías de persoal sanitario

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, os anuncios polos que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio da lingua galega, nas probas selectivas para o acceso a 42 categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario e 6 de persoal técnico sanitario, para cubrir un total de 1.311 prazas, correspondentes ás ofertas acumuladas de 2018-2019 e 2020.

Destas 1.311 prazas, 996 corresponden a 42 categorías de persoal licenciado sanitario, das cales 89 pertencen á categoría de médico de urxencias hospitalarias, 10 a médico asistencial do 061, 5 a médico de admisión e documentación clínica e 892 ás seguintes 39 especialidades de facultativo de área: alergoloxía, análises clínicas, anatomía patolóxica, anestesioloxía e reanimación, anxioloxía e cirurxía vascular, aparello dixestivo, cardioloxía, cirurxía cardiovascular, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía torácica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, dermatoloxía médico cirúrxica e venereoloxía, endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina do traballo, medicina física e rehabilitación, medicina intensiva, medicina interna, medicina nuclear, medicina preventiva e saúde pública, microbioloxía e parasitoloxía, nefroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía clínica, neuroloxía, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía, oncoloxía médica, otorrinolaringoloxía, pediatría e as súas áreas específicas, pneumoloxía, psicoloxía clínica, psiquiatría, radiodiagnóstico, radiofísica hospitalaria, reumatoloxía, uroloxía e xeriatría.

As 315 prazas restantes corresponden a persoal técnico sanitario das especialidades de farmacia (86), laboratorio de diagnóstico clínico (104), imaxe para o diagnóstico (63), hixiene bucodental (10), anatomía patolóxica e citoloxía (41) e radioterapia (11).

Na mesma resolución publicada no Diario Oficial de hoxe tamén se nomean os membros dos tribunais, titulares e suplentes, que xulgarán tales procesos selectivos. Na súa designación respectáronse os criterios acordados pola Dirección Xeral de Recursos Humanos coas organizacións sindicais no ámbito da Mesa Sectorial de Sanidade. Así, incorpóranse profesionais con distintos niveis de antigüidade no sistema, pertencentes a distintos centros de xestión e a súa composición respecta a paridade e a especialización dos seus membros.

Nestas probas resultaron admitidos, con carácter provisional, un total de 8.579 aspirantes e foron excluídos o 5,5 % dos profesionais inscritos.

O 22,16 % das persoas aspirantes inscritas deberán realizar a proba de lingua galega, ao non resultar exentas de dito exercicio, por non estar en posesión do celga ou certificado acreditativo do coñecemento de galego correspondente.

Cómpre destacar que o 12,97% das inscricións para este proceso formalizáronse por persoas residentes en concellos de fóra da nosa Comunidade Autónoma. O 61 % dos admitidos teñen menos de 40 anos e o 80 % son mulleres.

Exercen o seu dereito á promoción interna, solicitando participar por esta quenda de acceso, un total de 284 aspirantes, todos eles profesionais do Servizo Galego de Saúde, con vinculación fixa que están a desenvolver as súas funcións noutra categoría profesional do mesmo ou inferior nivel de titulación.

As listas coa relación provisional de admitidos e excluídos e os aspirantes exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, atópanse publicadas, ao dispor dos usuarios, na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a aspirante en Fides/expedient-e, no apartado de “Procesos”.

Os aspirantes excluídos, non exentos do exercicio de lingua galega ou que non aparezan na lista de admitidos ou excluídos, dispoñen de 10 días hábiles (o prazo remata o 7 de abril) contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, para presentar reclamación dirixida á mesma Unidade de Validación á que dirixiron a instancia de participación, a través da cal poderán corrixir o defecto que motivou a súa exclusión ou a declaración de non exención do exercicio de galego.

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: [email protected]. Estas consultas non terán a consideración de reclamación.

Está previsto que os exercicios da fase de oposición para o acceso a estas categorías se realicen a partir da segunda quincena de setembro. Para o desenvolvemento de tales probas nas máximas condicións de seguridade no actual contexto de crise sanitaria, elaborouse pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas un protocolo de actuación covid que conta co informe favorable da Dirección Xeral de Saúde Pública. Entre outras medidas, este protocolo contempla:

    • Suprímese o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas.

        • O acceso realizarase de forma escalonada, por tramos horarios.

    • A través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e no momento en que se publique no Diario Oficial de Galicia a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos fixando a data de exame, e que deberá imprimir para a súa presentación no lugar de desenvolvemento dos exercicios.

   • A cumprimentación dos datos identificativos da folla de respostas efectuarase pola propia persoa aspirante no seu posto de exame.

    • Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, logo de finalizados os tempos de exame.

    • Habilitaranse, no lugar de realización das probas, espazos diferenciados de especial vulnerabilidade, con medidas de protección e seguridade reforzadas, para os aspirantes inmunodeprimidos, embarazadas, aqueles que por razóns médicas xustificadas non poidan usar máscara ou deban inxerir alimento durante o desenvolvemento dos exercicios así como nos supostos de lactación materna.

Medidas organizativas que contribuirán a unha maior axilidade no desenvolvemento das probas e a unha redución do contacto interpersoal.

Ademais, no apartado de medidas hixiénico-sanitarias, en execución deste protocolo garantirase unha separación entre aspirantes en cada un dos postos de exame de entre 3 e 5 metros, facilitarase a cada aspirante e persoal colaborador que interveña nos labores de vixilancia un kit de 3 máscaras cirúrxicas, de uso obrigatorio, co obxecto de que procedan á súa renovación antes do inicio das probas, así como se porá á súa disposición xeles hidroalcohólicos para unha correcta desinfección das mans.

As normas de funcionamiento dos tribunais acordadas pola Mesa Sectorial de Sanidade así como o protocolo de medidas organizativas e hixiénico-sanitarias, derivadas da pandemia, estarán a disposición das persoas interesadas na páxina web do Servizo Galego de Saúde, na sección de emprego público.

Gondomar e Condado levan as preseleccións

O campionato de preseleccións celebrouse o pasado sábado 20 de marzo en Redondela, baixo a organización do Club Patinaxe Artístico Condado, con todas as medidas e protocolos adoptados pola Federación Galega de Patinaxe para facer fronte á situación epidemiolóxica.

Este campionato actúa como filtro para os patinadores, xa que segundo a súa clasificación ou puntuación, poderán competir en categoría nacional o que reste da tempada.

O sábado participaron patinadores das categorías benxamín, alevín e infantil. Un total de 9 infantís, 8 alevíns e 4 benxamines obtiveron a puntuación e clasificación mínima para competir en categoría Nacional.

Gondomar clasificou a un total de 7 patinadores mentres que o CPA Condado 3. Estes patinadores súmanse aos que xa obtiveran a clasificación o pasado 13 de Marzo en Salvaterra de Miño.

Artesacía estrea “Illas Desertas” no Teatro Municipal de Tui

0

O Teatro Municipal de Tui acolle o martes 23 e o mércores 24 de marzo, ás 19.30 h,  a estrea de “Illas Desertas” da Compañía Escénica Transmédia Artesa Cía.

A obra está escrita e dirixida por Artesa Cía con textos de SebastIán Álvaro. Sobre o escenario estarán Laura Villaverde, Roi Fernández, Héctor Pazos e Susana Méndez. Contan coa colaboración tecnolóxica de Fura dels Baus.

“Illas Desertas” válese das experiencias e reflexións de dous dos grandes fracasos da historia, a aventura da aviadora Amelia Earhart e da expedición antártica do explorador Ernest Shackleton. Toda a obra está bañada pola súa transmisión cultural, polo seu camiño vital cara á utilidade desas cousas inútiles.

Os protagonistas desta historia convidan ao público, a través dos seus móbiles, a subirse a bordo dunha expedición cara unha illa deserta, que flota no espazo-tempo (no Pacífico, na Antártida, na Indonesia de hai 40.000 anos?). Esta viaxe fraccionada en etapas convértese nun acto poético e nunha experiencia, unha bela aventura contemporánea na que se amosa outro camiño, outra alternativa á competitividade e produtividade da sociedade actual atafegada polo éxito, as metas e a posesión de bens.

As entradas poranse á venda o luns en tui.gal e poderán mercarse até o día da función hora e media antes do comezo. Os precios son 6 e 5€.

Previa a estrea a compañía está a realizar sete días de residencia no teatro tudense.

Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e O Porriño súmanse cunha pancarta á dor das familias afectadas polo tráxico accidente do venres

As alcaldesas de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira; Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel e O Porriño, Eva García, xunto con representantes da policía local e o grupo de protección civil de Salceda, sumáronse en nome da veciñanza dos tres Concellos á dor das familias afectadas polo tráxico accidente que tivo lugar na noite do pasado venres.

Un lazo negro, lembra ás víctimas mortais deste tráxico suceso no que perderon a vida unha nai, un fillo e unha filla, ámbolos dous menores de idade. “Dende os tres Concellos queremos trasladar o apoio nun momento de tanta dureza”, sinalaron as rexedoras locais.

Fernández-Tapias e Prado Surf Escola presentan “O Teu Camiño”, un proxecto destinado a escolares no marco de “O Teu Xacobeo”

0

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse ata o Concello de Nigrán para presentar “O Teu Camiño” a proposta de Prado Surf Escola no marco da primeira edición do programa “O Teu Xacobeo” que o Goberno galego puxo en marcha no 2019.

Unha iniciativa destinada aos escolares de Galicia que da man de Prado Surf Escola, tal e como explicou a súa directora Lorena Vilán consiste na realización de varias etapas do Camiño de Santiago, apoiadas nun concurso fotográfico; a participación en charlas de concienciación medioambiental e actividades relacionadas, como a recollida de residuos nas praias, e un bautismo de surf. En total 10 xornadas, en horario de 9.00 a 16.00 horas, que comenzarán a partir do 1 de maio, en caso de que a situación sanitaria así o permita, e que se estenderán ata finais de xullo. Conta cun apoio económico da Xunta de Galicia de  17.431,96 euros.

Tras recordar que no marco da primeira convocatoria de “O Teu Xacobeo” están a levarse a cabo proxectos nuns 140 concellos da Comunidade, Fernández-Tapias exemplificou nas preto de 1.000 solicitudes rexistradas na nova edición o éxito deste programa autonómico. Así, a delegada sinalou que esta segunda edición permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural deste Ano Santo que se estenderá ata o 2022, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros.

Unha actuación coa que a Xunta de Galicia, dixo, busca a implicación e a participación de toda a cidadanía na programación deste Xacobeo, co obxectivo de que “sexan eles mesmos os que conten as súas historias e experiencias nos distintos roteiros do Camiño de Santiago”. Segundo informou, os beneficiarios desta última convocatoria están xa a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.

Unha muller chama ao 112 Galicia para que a rescaten do interior dun pozo en Ponteareas

Unha veciña do lugar das Penas, en Ponteareas, chama ao 112 Galicia para pedir un rescate tras caer ao interior dun pozo.

Así o explicou a propia afectada na súa comunicación co servizo de emerxencias cando apenas pasaban uns minutos deste mediodía.

Ela mesma confirmou o seu bo estado de saúde, pero a incapacidade de saír dunha escavación de case dous metros de profundidade, a onde caeu ao ceder a tapa. Igualmente, indicou que a auga acumulada no fondo cubría apenas ata os seus xeonllos, polo que podía respirar con normalidade. 

Para sacala do pozo, os xestores do 112 Galicia pediron a intervención dos membros do GES-Bombeiros de Ponteareas, que tamén recibiron o apoio e colaboración dos voluntarios de Protección Civil.

Do mesmo xeito, solicitouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o envío de medios co obxectivo de verificar o bo estado de saúde da muller e avisouse ás forzas de seguridade locais e da Garda Civil.

Os populares da Cañiza solicitan ao goberno local retomar o proxecto do Polígono do Vieiro

0

O Partido Popular insta ao goberno municipal da Cañiza que retome o proxecto do Polígono do Vieiro que consiste na creación dunha nova área comercial e industrial que complete a que xa existe. Trátase dun proxecto que conta cun estudo realizado por Pedro de la Puente, (experto en desarrollo urbanístico), segundo afirman os populares, e co visto bo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, única administración competente para o desenvolvemento urbanístico de Galicia.

O voceiro do Partido Popular, Miguel Domínguez, anuncia unha serie de iniciativas que van a presentar, para “contrarrestar a parálise do goberno local e do seu equipo. “Non podemos ser cómplices do afundimento municipal que se está a perpetrar na Cañiza. Necesitamos apostar por iniciativas reais que vaian en beneficio dos veciños e do propio pobo e non en teorías nin promesas sen viabilidade real. O proxecto do polígono do Vieiro é un impulso positivo para a Cañiza e Piña ten que deixar de secuestrar todos os proxectos que deixamos en marcha”.

Ademáis, os populares, denuncian que o que busca o goberno local é deixar á Cañiza baixo  mínimos en servizos e inversións, pechando instalacións principais como no caso da piscina climatizada e do novo parque infantil, ou paralizando proxectos xa iniciados polo anterior goberno, coma o Polígono do Mercado do Gando ou agora o proxecto do Polígono do Vieiro.

Domínguez declara que desde o seu grupo, queren apostar por “traballar en positivo e con ilusión en iniciativas que teñan como obxecto crear e non destruir, como está facendo o alcalde coas súas políticas socialistas e autoritarias. O voceiro da oposición, afirma que “queremos manter nosa promesa de seguir traballando pola Cañiza. É o compromiso que adquirimos cos veciños e ser a lista máis votada danos a lexitimidade necesaria para facelo”.

“A apatía e a falta de xestión do alcalde, sumado ao desapego polo pobo que ocasiona o non vivir nel, están xa chegando demasiado lonxe e tendo consecuencias nefastas para todos nós, e por iso desde o Partido Popular, traballamos con toda a enerxía posible, para contrarrestar esta deriva á que nos están levando día a día porque A Cañiza non se merece vendetas autoritarias propias das inseguridades dun alcalde sen formación algunha para gobernar o noso concello e que pretende disfrazar esa ignorancia con palabrería e promesas de estudos que xa outros deixamos feitos e pagados”, engade Domínguez.

Estrea das charlas de “Conversa e Descubre”: os atrancos de ser muller na industria da música

Denunciando as dificultades pero “aliñadas e dispostas” a non renunciar a un espazo no que queren estar. Así, dúas rapazas cantantes, Mariña Paz, a voz de Furious MonkeyHouse, e Susana Saavedra, voz e percusión de Agoraphobia; unha manager e produtora de concertos como Patricia Hermida; e Raquel Seijo, de “Swit Nocturna”, unha das poucas promotoras en España e presidenta de Festivais de Galicia, visibilizaron este sábado na sede da Deputación en Vigo as dificultades que, como en moitos outros ámbitos, sofren as mulleres que desenvolven a súa actividade na industria da música. A primeira das Mesas de “Descúbreas”, a plataforma que puxo en marcha a Deputación en colaboración con RegalaMúsica, contou coa asistencia da presidenta provincial Carmela Silva, acompañada polas deputadas Victoria Alonso, Ana Laura Iglesias e Ana Mejías, amais de rapazas e docentes de escolas de música como a Escola Fran Brea de Vigo, a Escola de Mondariz ou do Ateneo de Bembrive entre outras

A presidenta Carmela Silva, agradeceu ás catro participantes “a súa valentía de mulleres rexas e fortes cuns currículos potentísimos e voces imprescindibles “porque con “Descúbreas” estamos a visibilizar ás mulleres da música , a denunciar a situación de falta de ocupación dos espazos é a promover que as cousas cambien porque o que queremos é transformar o mundo”. Carmela Silva insistiu que as nenas que queiran iniciar unha carreira musical teñen que ter referentes polo que “e necesario trasladar estas reflexións e a creación de redes e alianzas porque xuntas somos máis fortes”. A presidenta provincial chamou aos homes a unirse nesta loita. “Si eles nos acompañan ben para eles porque estarán no lado bo do mundo e as mulleres somos integradoras”. “Son optimista, rematou, porque somos capaces de cambiar o mundo poñan os atrancos que poñan. Que se cansen porque non vai haber quen nos pare, estamos decididas a dar moito que falar”

A primeira das mesas de “Conversa e Descubre“, que fixo un chamamento a apoiar á cultura “porque a cultura é segura”, puxo de manifesto que ser muller e traballar na música segue a ser un camiño con atrancos a pesar de que se deron pasos, como coincidiron ás protagonistas da Mesa, conducidas por Olalla Dopico, coordinadora de Descúbreas.

A vocalista de “Furious MonkeyHouse”, Mariña Paz, que contou os seus inicios na banda, recordou como ao principio “non fomos conscientes de que eramos todas nenas porque para nós era un hobby. Despois hai cousas frustrantes porque as mulleres sempre temos que demostrar que o facemos ben”. “A eles non se lles cuestiona iso, lamentou. A súa reflexión  foi compartida por Susana Saavedra, de Agoraphobia, que recoñeceu que “non seria capaz de vivir sen esa necesidade de expresarme ao través da musica”. Recordou que no inicio “non había case grupos de mulleres, como tampouco as había entre os técnicos de son ou de iluminación” Susana insistiu en que “falta moito por camiñar aínda que agora hai mais bandas, pero falta moitísimo”. As cabezas de cartel nos festivais seguen a ser homes cando hai mulleres que poderían selo. Por que J Balvin e non Rosalía?”, preguntou.

Raquel Seijo, de “Swit Nocturna”, unha das poucas promotoras e presidenta de Festivais de Galicia, denunciou que si na parte artística a descompensación é enorme, na parte empresarial xa e brutal, moi poucas mulleres chegan a ter a súa empresa. Hai que mirar a parte positiva, dixo, porque hai un camiño feito e mulleres que están a facer cousas super interesantes, pero queda moitísimo por facer”. Seijo chamou a quitarse complexos. “Creo que debemos quitarnos a losa de que sempre temos que estar a demostrar. Nos estamos auto impoñendo unha autoexisencia que xoga en contra nosa”. Pola súa banda, a manager e produtora Patricia Hermida recoñeceu que “pesa moito esa necesidade de ter que mostrar que estas ao nivel e por enriba conciliar, seguir formándote e defender unha empresa”. Sinalou que “ao principio non che das conta pero despois somos conscientes que estamos sometidas a condescendencia dun sistema patriarcal. No primeiro momento, engadiu, te apoian porque chama a atención unha banda só de mulleres, pero iso convértese despois en ter que demostrar todo o tempo”. A mánager esixiu o cumprimento da lei de igualdade “tamén no noso sector. Necesitamos que as administracións cumpran con esa fiscalización”.

Respecto ás nenas que queren empezar no mundo da música, todas coinciden: gañas e motivación. Mariña Paz insistiu en que “agora todo o mundo pode facer música, hai máis canles. O que se necesita é a inquedanza para que ningunha se free”. Susana Saavedra aconsellou ás máis novas que “desfruten do proceso de creación porque che fai feliz”. Raquel Seijo animou a “aproveitar o momento que vivimos. Antes parecía que competiamos entre todas, interesaba enfrontarnos pero xa o superamos. Agora é unha loita común. Todas podemos estar e todas imos axudar a estar”. Finalmente, Patricia Hermida animou ás rapazas “a que busquen referentes. Con plataformas como Descúbreas hai lugares para acudir e hai unha grande sororidade. Estamos aliñadas e dispostas a demostrar que queremos este espazo ao que non imos a renunciar”.

Próximas accións

“Descúbre-as”, que segue a dar pasos cos contidos na plataforma, o directorio de profesionais, a creación de redes e o proceso de mentoring, continuará durante este mes de marzo no marco da programación que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver co gallo do 8M. Despois deste primeiro “Conversa e Descubre” o ente provincial seguirá a reivindicar a axenda feminista dende a música cun novo acto o próximo venres 26 na sede provincial en Vigo: un concerto e a presentación dun vídeo colaborativo no que as mozas da música da provincia interpretarán “Matriarcas”, de Gaudí Galego.

Galicia sitúase por debaixo dos 2.500 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.481, deles 959 son da área da Coruña, 193 da de Lugo, 153 da de Ourense, 208 da de Pontevedra, 500 da área de Vigo, 271 da de Santiago e 197 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 49 están en UCI, 215 en unidades de hospitalización e 2.217 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 111.061 persoas curadas, rexistrándose 2.320 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.802.302.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 385.613.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O PP de Ponteareas solicitará unha alternativa na N-120, entre a rotonda de Canedo e Barral, que non perxudique aos negocios e residentes

O Grupo Municipal do PP presentou por rexistro unha solicitude de información en referencia ao pintado de liña continua levado a cabo na N-120, nun tramo moi amplo, entre a rotonda de Canedo e o Barral, no que se atopan numerosos negocios que ven enormemente prexudicados pola nova sinalización.

“Chamáronnos empresarios e veciños da zona para denunciar este cambio. Entenden que por seguridade, sobre todo na zona do IES Barral é moi necesaria a liña continua, pero esixen que se ofreza unha solución paralela para eles. Unha glorieta que permita o cambio de sentido ou carrís centrais de espera”, explican os populares.

O PP preguntará no Pleno quen tomou a decisión, quen a executou e se se estudaron os problemas que ocasionaría aos propietarios de negocios na zona que, en moitos casos, teñen que facer cargas e descargas de mercadorías pesadas, e como afectará tamén aos seus clientes.

O parque infantil do Montiño obxecto de actos vandálicos ás poucas horas de rematar a súa reparación

0

O parque infantil situado no Montiño, en Rebordáns, foi obxecto de actos vandálicos ás poucas horas de rematar a súa reparación.

O pasado martes, 16 de martes, ás 14 h a persoal municipal xunto á concelleira de Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, levaban a cabo unha última revisión das obras de reparación e reposición de elementos de xogos e do chan de herba artificial, comprobando que o remate das obras se axustaba ao previsto.

Esa mesma tarde, ás 18 h, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, achegouse tamén a estas instalacións e foi cando constatou que varios elementos do parque e mesmo o chan recen colocado, foran obxecto de actos vandálicos empregando un produto químico, concretamente un adhesivo industrial co que mancharon de xeito intencionado estes elementos.

O parque tivo que ser pechado, xa que ese producto impedía a utilización do mesmo, xa que mancha moito e por suposto pode ser tóxico se os nenos que poderían ir o parque o tocaran ou como parte dun xogo o meteran na boca.

Desde o Concello de Tui amosan a súa preocupación por este ataque, claramente premeditado, e solicitan da veciñanza a súa colaboración para poder identificar os autores do mesmo.

[su_image_carousel source=”media: 32876,32875,32874,32873,32872,32871,32870,32869″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Tres novos obradoiros de SmartPeme da Deputación para esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre como transmitir un evento en liña, que desenvolverase en dous bloques, así como promocionar o teu negocio en Google.

En concreto, este martes 23 impartirase o obradoiro ‘Como transmitir o teu evento en liña de xeito profesional III – A túa imaxe en Streaming, estarán a cargo, como noutros obradoiros, de Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos artísticos de Deseño Gráfico.

O mércores 24, Adrián Fernández, Licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá Promociona o teu emprego con Google My Business, obradoiro que ten a finalidade dar a coñecer a ferramenta de Google, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade.

Para finalizar a semana, o xoves 25, falarase de Como transmitir o teu evento en liña de xeito profesional IV,onde Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, explicará as bondades dunha boa comunicación online e como mellorar os eventos en liña cos clientes.

A Deputación inicia o programa de mantemento dos campos de fútbol da provincia coas primeiras solicitudes para 71 instalacións de 29 concellos

O Plan de Mantemento de Campos de Fútbol da Deputación de Pontevedra iníciase un ano máis co fin de conservar nas mellores condicións os terreos de xogo da provincia. Ata o de agora o ente provincial xa recibiu solicitudes para 71 instalacións deportivas correspondentes a 29 concellos a fin de levar a cabo os traballos de acondicionamento.

Nos últimos días a Deputación xa actuou nos campos de herba sintética de Ribadelouro, no concello de Tui, e Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, e fará o propio con outros 48 terreos deste tipo e 21 de herba natural. A vindeira semana continuarán os traballos en tres instalacións de Vilagarcía, concretamente nos campos municipais de Berdón, María Paz Vilas e Manuel Jiménez Abalo.

Entre as actuacións máis demandadas atópanse a limpeza, descompactación, cepillado, reposición de caucho ou área e picado. Todos os concellos da provincia que o desexen poden solicitar este servicio provincial que, polo de agora, dará mantemento a instalacións dos 29 concellos que xa o demandaron: A Estrada, Arbo, Baiona, Barro, Cambados, Covelo, Gondomar, Lalín, Moaña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A través desta iniciativa, a Deputación acondicionou o ano pasado un total 88 campos de fútbol, dos que 61 correspondían a instalacións de herba sintética e os 27 restantes a canchas de herba natural. Deste xeito, o plan de mantemento garante a recuperación das instalacións proporcionándolle aos concellos a maquinaria e a man de obra precisa para poder levar a cabo labores de conservación e estender así a súa vida útil.

Cortes de tráfico e desvíos esta noite no Porriño polas obras de mantemento do paso a nivel

A Policía Local do Porriño vén de car conta dunha serie de cortes e cambios de tráfico rodado para vehículos, debido aos traballos de mantemento que ADIF realizará a partir das 23 horas deste domingo 21 e ata as 6 da mañá do luns 22, na zona do paso a nivel.

Para executar esas tarefas manterán as barreiras estarán baixadas para interromper tanto o tráfico ferroviario como o tráfico de vehículos a motor, polo que se habilitarán desvíos.
A Policía Local informa que serán os seguintes:

  • A rúa Peña será cortada na Rotonda da Central para os vehículos que proveñen da rúa Estación, que, polo tanto, deben circular pola rúa Ramiranes.
  • Os vehículos que circulen pola rúa Cando deben ir á rotonda da Central e continuar obrigatoriamente pola rúa Ramiranes.
  • E os vehículos que circulen pola Avenida Bos Aires deben continuar pola rúa Progreso.
    Estos desvíos serán sinalizados e controlados pola Policía Local. Serán válidos ata que os traballos de mantemento que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) vai realizar.