O Concello do Rosal continúa coa súa aposta por acadar a maior eficiencia enerxética nos edificios municipais co obxectivo de reducir os custos de enerxía e contribuír á protección do medio ambiente. Nese camiño, o Concello porá en marcha un proxecto piloto para rehabilitar enerxeticamente as escolas unitarias coas que conta o municipio, “que ademais de constituír un equipamento educativo importante son edificios cun gran valor patrimonial”, salienta a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, que visitou recentemente a escola xunto ao arquitecto encargado do proxecto para o que se contou coa colaboración da dirección e do profesorado da escola unitaria do CRA de Pías. A reforma integral desta escola é o primeiro paso na recuperación destes edificios emblemáticos tras a análise técnica previa da situación na que se atopaban todas as escolas unitarias municipais.
O proxecto incluirá a reforma integral da escola unitaria de Pías para a súa completa transformación en termos de eficiencia enerxética, implementando medidas que axuden a reducir ao mínimo o consumo enerxético e que contribúan a mellorar o confort interior tanto do alumnado como do equipo docente. Así, para incidir nesa mellora enerxética, incorporarase illamento térmico con elevados espesores no interior das fachadas, en teito e solo; renovarase toda a carpintería exterior por unha nova máis eficiente e sanearase o chan retirando o existente e colocando unha soleira ventilada.
Por outra banda, para garantir o confort, instalarase chan radiante que funcionará sistema de climatización adaptado tanto ás épocas de frío como de calor, porase un sistema de aerotermia con bomba de calor de alta eficiencia para producir a enerxía necesaria para o centro co mínimo gasto, instalarase un sistema de renovación do aire interior con ventilación mecánica con recuperación de calor para garantir a calidade do aire sen gastar enerxía na climatización e renovarase completamente o sistema de alumeado interior empregando luminarias LED de moi baixo consumo.
Aproveitando a reforma da escola unitaria, ademais destas obras procederase á renovación de toda a instalación eléctrica das aulas, mellorarase o seu acondicionamento acústico con novos falsos teitos que absorban o ruído xerado e colocarase un novo chan vinílico de doada limpeza e mantemento e moi confortable para os nenos e nenas. O Concello tamén instalará sistemas de ocultación e control solar, renovará as portas interiores e toda a pintura de teitos e pareces e incorporará auga quente nos lavabos do alumnado.
Este xoves 25 de marzo levarase a pleno (no Centro Social Polivalente, ás 20.30 horas) a modificación de crédito para o inicio da actuación, que implicará un investimento de case 200.000 euros para a rehabilitación das dúas aulas que conforman a edificación orixinal da escola.