As augas da ría de Vigo acollían onte domingo, 21 de marzo, a disputa da XXV Bandeira Concello de Redondela de Bateis, proba puntuable para a Liga Galega de Bateis e organizada polo Concello de Redondela e o C.R. Chapela é na que se daban cita máis dunha ducia de clubs da provincia de Pontevedra.
As boas condicións meteorolóxicas converteron esta competición organizada polo Concello de Redondela, nunha auténtica festa do deporte na que os equipos femininos do C. R. Chapela amosaron todo o seu potencial gañando as respectivas bandeiras nas categorías Alevín, Cadete, Xuvenil e Absoluta, mentres que a bandeira infantil íase para Moaña da man da Sociedade Deportiva Samertolameu.
Nas categorías masculinas, a cousa estivo máis repartida de tal xeito que o Club de Remo Virxe da Guía proclamábase gañador na categoría infanil. Pola súa banda a S.D. Samertolameu facía ‘doblete’ ao gañar nas categorías alevín e cadete e, para non ser menos, o Club de Mar Bueu apuntábase tamén aos triunfos dobres gañando as bandeiras nas categorías xuvenil e absoluta.
A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Deportes, Nacho González, –que fixeron entrega das bandeiras ás tripulacións gañadoras– salientaron a importancia de apoiar ao deporte en todas sus categorías “como actividade non só saudable senón capaz de desenvolver valores como o traballo en equipo, o esforzo e a solidariedade”.