Mércores, 19 Marzo de 2025

O aluvión de persoas interesadas en asistir á ‘Facultade Ágora’ obriga a aumentar a 200 o número de prazas

O deputado de Mobilidade manifesta a súa satisfacción polo interese amosado para mellorar o tratamento do espazo público na provincia

O aluvión de persoas interesadas en asistir ás clases da ‘Facultade Ágora’ sobre como mellorar o espazo público vén de obrigar á Deputación a aumentar a 200 o número de prazas disponibles e a prorrogar a preinscrición até este mércores. Así o manifestou o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen salientou a súa satisfacción pola boa acollida da iniciativa entre os concellos e o persoal técnico da provincia e o interese amosado para construir espazos públicos amables e de calidade para a cidadanía.

A preinscrición na ‘Facultade Ágora’ estaba previsto que finalizase hoxe ás doce da noite, mais a primeira hora da mañá xa se superaban as 150 prazas dispoñibles (xa ampliadas dende as iniciais 100). Visto que o número de solicitudes seguía medrando, o departamento de Mobilidade, de acordo coa Rede de Cidades que Camiñan –coordinadora do proxecto- decidiron engadir outras 50 prazas máis e prorrogar ata o mércores o prazo de preinscrición. Este venres 26 darase a coñecer a lista de persoas admitidas para proceder á matrícula definitiva.

A ‘Facultade Ágora’ nace como unha proposta de formación impulsada polo departamento de Mobilidade da Deputación destinada a persoal político e técnico da provincia que toma decisións sobre o espazo público para ampliar os seus coñecementos sobre como  recuperalo para crear cidades e vilas amables e aumentar a calidade de vida da veciñanza da provincia. Está dirixida a todo o persoal técnico libre (persoas enxeñeiras, arquitectas, enxeñeiras técnicas e arquitectas técnicas, así como de outros perfís) que teña relación con obras de reforma, mellora ou tratamento dos espazos públicos.

O obxectivo da Facultade Ágora é que a formación que dará poida ter unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia e que os proxectos de reforma urbana de vilas e cidade redactados polos futuros ‘técnicos e técnicas Ágora’ –título que se acreditará no curso- cumplan criterios de calidade e de mobilidade natural, poñendo sempre ás persoas no centro de cada deseño.

Inicio do curso

O curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro (venres alternos), repartido en 4 módulos e 12 seminarios. Cada sesión  contará cunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local, e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.

Entre o plantel do profesorado da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra están xa figuras de renome internacional como o urbanista danés Jan Gehl, impulsor do modelo de cidade “a escala humana” e de aplicar as persoas como “unidade de medida” no deseño urbano.

Tamén contará con Carlos Moreno, asesor da alcaldesa de París e director da cátedra ETI (Emprendemento, Territorio, Innovación) da Universidade da  Sorbona e un dos maiores expertos en “cidades intelixentes”. Coñecido mundialmente como experto do concepto “cidades vivas” é o máximo divulgador actual da “cidade dos 15 minutos”. Insiste en redeseñar as cidades e vilas para reducir os desprazamentos, fomentar a proximidade e mellorar o medio ambiente sobre todo nestes momentos de pandemia.

Tamén participarán como relatoras Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos’;  María Ángeles Durán, Catredrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de ‘La ciudad de los cuidados’; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, Director da Axencia de Eoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de ‘Calmar el tráfico’, entre outros.