A Deputación de Pontevedra vén de coñecer que o audiovisual “Sigue o teu instinto”, producido por Esmerarte, foi elixido polo xurado internacional dos premios “The Golden City Gate”, que se entregan dende fai 21 anos en Berlín, como un dos mellores vídeos de ecoturismo do mundo. Así, a peza coa que a Deputación promoveu o destino provincia de Pontevedra durante o 2020, acada o seu primeiro galardón internacional seguindo a estela de “Fame de experiencias”, que tamén foi premiada en Berlín e suma xa 14 distintivos arredor do mundo.
“Sigue o teu instinto” competiu con outras 122 películas de 23 países que foron avaliadas polo xurado internacional dos premios “The Golden City Gate”. Entre as cuestións que valorou positivamente do vídeo da institución provincial destacan a súa realización audiovisual e acústica, os efectos emocionais, a narración da historia, a innovación e o deseño creativo. Amais, e no marco da categoría “ecoturismo” na que a Deputación acadou o premio de prata, o xurado enxalzou a súa aposta polo turismo verde, saudable e sustentable e polo patrimonio natural da provincia de Pontevedra.
O vídeo promocional da institución provincial, de carácter intimista e protagonizado pola actriz Celia Freijeiro, céntrase en aspectos relacionados coa natureza, o turismo de benestar, a sustentabilidade e o medio ambiente, en liña coa aposta da Deputación polos ODS e a Axenda 2030. “Sigue o teu instinto” recolle tamén cuestións relacionadas co respecto aos animais e á fauna, a acción ecolóxica cidadá e institucional, e a oferta de turismo rural, activo e de aventura na provincia de Pontevedra. Os premios “Golden City Gate” entregan anualmente tres galardóns (ouro, prata e bronce) en cada unha das súas 18 categorías nunha gala enmarcada na feira ITB de Berlín, un dos eventos do sector turístico máis importantes do mundo. Ao longo dos seus 21 anos de traxectoria participaron xa 1.939 vídeos de ata 99 países. “Fame de experiencias”, o audiovisual promocional da Deputación lanzado no 2019, conseguiu un “Golden City Gate” o pasado ano. Xunto a este galardón, tamén sumou outros 13 en festivais internacionais de turismo como os de Kioto, Nova York, Turquía, Bulgaria, Letonia, Los Ángeles, Serbia, Grecia, Portugal, Croacia e Viena.