O Concello de Nigrán abrirá este sábado co concerto da pianista Brenda Vidal (Auditorio Municipal, 20:00 horas) a súa programación especial de maio, o mes das Letras Galegas. A actividade sociocultural destas catro semanas será intensa e variada adaptándose á realidade sanitaria de cada momento, continuando o sábado 8 cun concerto de voz e piano en homenaxe ás vítimas de Covid-19 a cargo da mezzosoprano Nuria Lorenzo e o pianista Alejo Amoedo.
Unha selección de curtas do Festival Internacional de Curtamextraxes de Bueu (13), a presentación do derradeiro libro de Carlos Méixome ‘Cartas na Memoria. A persecución franquista no Val de Miñor’ (14), cine na rúa en Chandebrito con ‘A Esmorga’ (22) ou o concerto de ‘Cromosóns’ (29) completan esta programación na que se rendirá homenaxe a Xela Arias o día 15 cunha charla-coloquio e o concerto especial de ‘Xardín desordenado’. A tradicional ‘Festa da Bicicleta’ do día 17 de Maio tamén se celebrará cunha marcha polo litoral do municipio (Panxón-Lourido, ida e volta).
“É unha programación moi diversa, adaptada a todos os gustos e na que, como é tradicional, adicamos unha xornada á persoa homenaxeada pola Real Academia Galega cada ano, neste caso Xela Arias. Ademais, mantemos a celebración da tradicional Festa da Bicicleta cunha pequena marcha polo litoral entre os veciños que desexen participar, sendo ao aire libre e mantendo as normas consideramos que é unha actividade segura e saudable”, indicou o alcalde, Juan González.
Concerto de Brenda Vidal
A pianista Brenda Vidal, directora do Conservatorio de Música de Gondomar, ofrecerá un concerto con pezas de Bach, Mozard, Chopin, Prokofiev e Eduardo Soutullo. Cun currículo extensísimo, Vidal participa a cotiá en numerosas agrupacións orquestais e camerísticas, como a Orquestra Sinfónica Vigo 430, Orquesta Sinfónica do Algarve, Orquesta Filarmónica Ciudad de Pontevedra, Orquesta Clásica de Vigo, Banda Municipal de Pontevedra, etc. É membro fundador da formación lusa Quarteto Contratempus, adicado á opera de cámara contemporánea, e ten actuado en grandes salas e auditorios de toda Europa. O programa do concerto en Nigrán e o seu C.V. está a disposición dos interesados na páxina web do Concello.
O Concello de Tomiño concederá un ano máis subvencións a asociacións sen fins de lucro, que realizan actividades no ámbito cultural, deportivo e social no municipio. A convocatoria, publicada onte, martes 27 de abril, ten coma finalidade apoiar a estas entidades, chegando este ano o monto das subvencións a 90.000 euros.
Os organismos poderán recibir, coma vén sendo habitual, o 80% coma máximo, do orzamento presentado.
No caso das asociacións culturais, veciñais e xuvenís, as subvencións poderán ser solicitadas para financiar actividades ou proxectos que contribúan á promoción e recuperación da cultura e tradicións locais durante o ano 2021, coma por exemplo, a realización de actividades culturais por asociacións culturais, veciñais e xuvenís; a realización de actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural; a realización de actividades de promoción dos produtos agrícolas ou gastronómicos da zona; ou aquelas tendentes á recuperación de espazos naturais e/ou de lecer, entre outras.
No que se refire ás asociacións deportivas, poderán ser beneficiarias da subvención os clubs e entidades federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas respectivas federacións deportivas. Tamén deportistas tomiñeses individuais recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional, poderán ser beneficiarios destas axudas. Serán subvencionables os gastos federativos de 2021; gastos de arbitraxe, de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas; de material deportivo de carácter funxible e vestimenta deportiva, etc.
As entidades de carácter social, pola súa banda, deberán solicitar as axudas para proxectos ou actividades “de especial interese cultural e social” nos que estea xustificado o financiamento municipal. Axudas destinadas a promover o benestar social da cidadanía do Concello de Tomiño
a través de accións ou actividades de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e
sensibilización da participación cidadán, dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais
e que se realicen durante o ano 2021.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na Sede Electrónica do Concello, ou en calquera das formas previstas na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. O prazo para a presentación de solicitudes empezará o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e finalizará no prazo dun mes natural. Esta convocatoria publicarase tamén na páxina web do Concello. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta o esforzo económico do equipo de goberno para seguir axudando a todas aquelas entidades (e persoas no caso dos deportistas individuais) que traballan polo municipio de xeito desinteresado no eido da cultura, do deporte ou da sociedade.
Alexandro Bouzó, natural de Reboreda (Redondela) pero veciño de Santiago de Oliveira (Ponteareas) dende a infancia, presenta a súa primeira novela no marco das actividades que está a desenvolver a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas.
Será o acto que peche o ciclo de presentacións de libros que leva todo o mes de abril a conmemorar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor e que ten como denominador común a aposta polas escritoras e escritores do municipio. O acto terá lugar o sábado 30 de abril, ás 19 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal, e contará coa presenza e participación do autor e de Gabriel Cajide, director do grupo de teatro Pena do Equilibrio de Ponteareas.
Nestes intres, Alexandro Bouzó estuda un grao en Psicoloxía e xa acadou varios premios en concursos de relatos tanto no IES do Barral, onde estudou, como o 2º premio do concurso de Relatos Ilustrados de Nadal, que organizou a Concellaría de Cultura do dito Concello.
Pensamiento contrafáctico é a súa primeira novela, unha historia que transcorre entre un clima xuvenil e que está ambientada en Ponteareas.
“Clausuramos este ciclo de presentacións que alcumamos como Abril, mes dos libros con esta primeira novela de Alexandro Bouzó, unha historia que leva, triplamente, o nome de Ponteareas: está creada por un ponteareán, a protagonista é a mocidade de Ponteareas e está ambientada no noso termo municipal” comenta o edil de cultura, Fernando Groba. Ademais, salienta “o éxito deste ciclo que estivo arroupado por unha alta participación de público” e agradécelle, encarecidamente, “a disposición e a amabilidade de todas as persoas que formaron parte del”.
Para asistir á presentación, é necesario reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a [email protected].
O Concello da Guarda informa que debido á celebración do Día do Traballador (1 de Maio), esta semana o Mercadillo dos sábados, que habitualmente celebrase os sábados, pasa a celebrarse na xornada do venres día 30 de abril pola mañá no entorno da Alameda da Guarda.
O Concello de Baiona seguirá sumando tecnoloxía LED á súa rede de alumeado público. Para iso vén de publicar o anuncio de licitación para a renovación de dito alumeado en diferentes puntos do rural baionés. O concelleiro responsable da iluminación pública, Óscar Martínez Álvarez, explica que o contrato “inclúe a substitución dun total de 158 luminarias por tecnoloxía LED de alta calidade”.
García subliña o feito que o uso de luminarias led “implicará un aforro de máis do 65 % do consumo de electricidade e estímase un aforro de máis de 6.000 euros anuais para as arcas municipais”.
Un dos obxectivos do Concello de Baiona é a redución do consumo de enerxía eléctrica nas instalacións públicas e na súa iluminación. Nese sentido cómpre salientar que o estado da rede de alumeado público está totalmente desactualizada, existindo unha gran cantidade de lámpadas de gran consumo.
O consumo enerxético anual da instalacións, obxecto deste proxecto, antes da reforma é de 68.040 kWh/ano, unha vez feitas as reformas aquí propostas estímase que o consumo enerxético será de 22.800 kWh/ano, o que representa un aforro de 45.240 kWh/ano, é dicir un 66,49 % da enerxía consumida actualmente. .
Doutra banda, o estado actual das cabezas dos farois existentes en distintas zonas rurais causa moitos problemas, especialmente no inverno. Esta actuación busca unha mellora para os usuarios diarios deste vial e para o concello, que obterá un menor consumo e unha redución de avarías.
“Baiona é unha localidade comprometida co medio ambiente, a eficiencia enerxética e a racionalización dos consumos”, afirma o alcalde Carlos Gómez, e nesa liña adianta que o Goberno local “seguirá traballando para reducir a dependencia enerxética e fomentar tecnoloxías con maior rendemento enerxético. Todas as zonas obxecto da actuación terán unha clasificación ‘A’ despois das reformas propostas”, destacou o rexedor baionés.
As actuacións levarán a cabo na zona de Eidos, na parroquia de Baíña; Viso de Calvos en Santa Cristina da Ramallosa; a Percibilleira, no Barrio da Torre en Baredo, e na Granxa na parroquia de Belesar.
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicou este mércores 28 de abril a licitación para a explotación do quiosco permanente situado na Explanada do Horizonte no Camiño de Santiago ao seu paso por Portecelo. Trátase dun módulo de 45 metros cadrados cunha zona de aseos e dúas pérgolas, unha delas con terraza. A concesión será por catro anos prorrogables outros catro máis e establécese de saída un canon anual de licitación de 3.073,69€ que pode ser incrementado á alza polos licitadores.
As persoas interesadas terán 15 días naturais a partir de hoxe mesmo para presentar as súas ofertas. Estas ofertas clasificaranse ordenadamente de maior a menos seguindo o criterio de prezo máis alto ofertado, dando a máxima puntuación de 100 puntos á oferta máis elevada e 0 puntos á que oferte o canon de saída.
O quiosco será o único punto de venda de bebidas ou comidas ao longo de todo o tramo do Camiño de Santiago pola Costa ao longo do municipio do Rosal, xa que os puntos máis próximos atópanse a 3,6 e 6,1 quilómietros, nos concellos de A Guarda e Oia, respectivamente.
Este quiosco-bar, situado nun módulo fixo que forma parte do proxecto de acondicionamento do Camiño de Santiago e da Explanada do Horizonte redactado pola arquitecta paisaxista María Fandiño, busca dotar de novos servizos á contorna para o desfrute dos veciños e veciñas de Portecelo e Sanxián, para as persoas que realicen este tramo do Camiño de Santiago ou para os e as excursionistas que se acheguen a este espazo.
Ademais, o Concello tratará de rachar coa estacionalidade convertendo a Explanada do Horizonte en punto de lecer e encontro durante todo o ano, organizando actividades culturais para todas as idades coas que dinamizar a zona. Toda a información está dispoñible no BOPPO e no perfil do contratante da web municipal.
O PSdeG-PSOE vén de denunciar o “veto” do PP de Galicia a unha iniciativa socialista para liberalizar as peaxes das autoestradas AG-55 A Coruña-Carballo e AG-57 Puxeiros-Val Miñor. Fíxoo, onte, no Pleno do Parlamento, logo de votar en contra dunha proposición non de lei presentada pola voceira de Infraestruturas Patricia Otero.
Así, Otero lamentou a negativa do PP de Galicia para instar á Xunta a acabar co “espolio” ao que está sometida a veciñanza de Costa da Morte, Bergantiños e Val Miñor, “principais agravados fronte ao resto da cidadanía galega” cando as demais vías de altas prestacións da comunidade autónoma son gratuítas.
Neste senso, a responsable socialista lamentou que, malia nacer sendo un vial público e gratuíto, a AG-55 privatizouse no ano 1997 aproveitando a inauguración do segundo tramo entre A Laracha e Carballo, o que supuxo “un proceso de espolio a quen lle foran expropiados os seus terreos para a construción dunha autovía pública”.
“Dende o primeiro momento, o vial contou cunha gran oposición social, algo que continúa presente debido ao lastre económico que supón para as comarcas de A Coruña, Bergantiños e Costa da Morte, así como para o asentamento da poboación nas zonas rurais destas comarcas”, sinalou a socialista, ao lembrar que teñen un estas peaxes teñen un custo “excesivo” e cuxa concesión foi prorrogada polo PP ata 2045.
Continuando con esta liña recadadora, no ano 1999 e “cunha Xunta gobernada polo PP que apostaba pola construción de autoestradas de peaxe”, sinalou Otero, inauguraron a AG-57, entre Puxeiros e Val Miñor.
“Dende aquela, os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar, moi afectados polas peaxes que ten a autoestrada, piden a súa eliminación para non lastrar a economía das súas empresas e conectar estes concellos coa cidade de Vigo e con infraestruturas e servizos como o Hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo, o aeroporto de Peinador ou o Parque Tecnolóxico de Valadares”, destacou.
Nesta liña, a voceira socialista lembrou que a Consellería de Infraestruturas reduciu as tarifas das autovías galegas “para empresas de transporte e en horario noctuno”, o cal é “insuficiente” para a cidadanía afectada.
Por todo isto, a deputada instou á Xunta a presentar, no prazo de seis meses, os estudos precisos para proceder á “liberalización” destas dúas peaxes, así como establecer “de xeito inmediato” a rebaixa das peaxes para a totalidade das persoas usuarias”.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe ao Concello de Ponteareas a proposta de convenio de colaboración no que se sustentará a mellora da estación de autobuses do municipio, ademais da cesión da súa xestión á Administración local para fins relacionados co labor municipal.
Técnicos do departamento da Dirección Xeral de Mobilidade mantiveron esta mañá un encontro de traballo cos representantes do Concello de Ponteareas, para abordar as actuacións proxectadas pola Xunta para o acondicionamento da terminal de autobuses, que se estima suporá un investimento conxunto de case 535.000 euros.
O obxecto deste convenio é executar as obras necesarias de acondicionamento da estación do municipio e outorgar ao Concello a explotación da terminal de autobuses e o uso destas dependencias.
A proposta presentada hoxe establece que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade tan só achegaría o 30 % do investimento das obras de mellora, preto de 160.000 euros, e o Concello de Ponteareas tería que poñer o 70 % restante, preto de 375.000 euros.
A Xunta, ademais, redactou o proxecto das reformas e redactará o de explotación da infraestrutura, que se incluirá no convenio.
A proposta de colaboración, segundo a Xunta, “dá resposta á solicitude do Concello de Ponteareas para a explotación do conxunto da estación de autobuses e inclúe a concesión de dominio público sobre os terreos e as instalacións da terminal por un prazo de 10 anos, prorrogable por períodos de 5 anos ata un máximo de 25 anos”.
“Que non enganen á xente. Nunca haberá un título de FP para a Escola de Cantería se non se reclama e se defende a transferencia do centro á Xunta de Galicia”, asegurou a deputada provincial Noemí Outeda referíndose ás últimas demandas formuladas polo PP a nivel estatal. A responsable da Escola de Cantería, que deu “a benvida á preocupación que ultimamente están a ter pola escola”, recordou que “a educación é competencia exclusiva das Comunidades Autónomas” e manifestou botar en falta “que as e os señores do PP non presenten iniciativas no Parlamento Galego esixindo a transferencia do centro” á Xunta de Galicia.
A deputada provincial asegurou non entender “como agora entran as presas para que haxa un novo título de FP cando entre 2011 e 2018 había un ministro de Educación do PP ao que non formularon demandas de ningún tipo, a pesar de que tanto o alumnado coma o profesorado reclamaban unha titulación oficial”. Tamén recordou Outeda que “cando chegamos á Deputación de Pontevedra a Escola de Cantería por non ter, non tiña nin licencia. Tivemos que investir moitos recursos para conseguir, en xuño de 2020, que o centro, que levaba vinte anos en funcionamento, acadase a licenza de primeira ocupación. Esta era a vergoñenta xestión do PP”.
Fai un ano que o goberno provincial rematou as obras na Escola de Cantería, nas que investiu case medio millón de euros, para acadar a licenza municipal de actividade coa adaptación do centro á normativa vixente en materia de accesibilidade, contaminación acústica, protección contra incendios e seguridade, condicións hixiénicas e de habitabilidade e prevención de riscos laborais. Estas obras permitiron que a Escola poida optar á acreditación como Centro de Formación para o Emprego no que impartir ata cinco certificados de profesionalidade (elaboración de pedra natural, obras de artesanía e restauración en pedra natural, operacións auxiliares en plantes de elaboración de pedra natural e de tratamento e beneficio de minerais e rochas, desenvolvemento e supervisión de obras de restauración en pedra natural e colocación de pedra natural). Amais, nestes momentos, xa está en contratación a redacción do proxecto para o cambio da cuberta da Escola cun novo investimento de en torno aos 380.000 euros.
Actualmente, a Deputación de Pontevedra atópase á espera de que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a administración competente, a autorice para impartir a formación dos cinco certificados a través dun convenio. “Enviamos xa fai unhas semanas o borrador á Consellería e estamos á espera da súa conformidade” asegurou a deputada provincial, quen engadiu que “precisamos menos mocións e máis accións, que a Xunta se mova e se axilicen os trámites xa para que se faga unha realidade”.
Amais destes importantes pasos dados pola Deputación de Pontevedra, en setembro de 2019 a institución provincial enviou escrito á Consellería de Educación para traballar conxuntamente na transferencia da escola á Xunta de Galicia e poder avanzar cara a FP. Tamén reiterou en varias ocasións á administración autonómica que destinase recursos no marco do seu orzamento para facerse cargo, ao menos, do 50% dos custes do funcionamento do centro e dar, así, pasos nesta dirección.
O AECT Río Miño, en boca do seu vicedirector Uxío Benítez, pediu hoxe aos gobernos español e portugués que a decisión de poñer fin ao estado de emerxencia portugués conleve a apertura das fronteiras de maneira inmediata. Segundo apuntou Benítez, para o territorio transfronteirizo do Río Miño a decisión e o anuncio que debe facer o Estado Portugués non é tanto relativa ao estado de emerxencia en vigor dende o 9 de novembro, senón sobre a apertura formal das fronteiras, xa que o peche vai cumplir tres meses nos vindeiros días. “Non tería ningún sentido que se anuncie a non renovación do Estado de Emerxencia e non leve parella a apertura”, subliñou.
Ademais, o vicedirector destacou que o AECT, a estas alturas, non vai celebrar o feito de abrir a fronteira en si mesmo, toda vez que “entendemos que levamos tres meses nunha ruína por unha decisión política equivocada que está a xerar un prexuízo económico”. De feito, o nacionalista esixiu aos gobernos o anuncio de medidas concretas para compensar aos territorios como o do Miño que sufriron un grave deterioro económico por duplicado, tanto pola pandemia en si, como polo feito de estar nunha ubicación transfronteiriza.
Ademais de pedir públicamente a apertura da fronteira Benítez deu a coñecer que o AECT, co fin de chamar a atención de todas as institucións, instalou unha gran pancarta reivindicativa na Ponte da Amizade entre Tomiño e Cerveira na que se pode ler ‘EU Help. Open de borther’, en relación á necesaria chegada de fondos europeos para reactivar a economía da zona.
O estudo do impacto socioeconómico encargado polo AECT Rio Miño á Universidade de Vigo sobre o primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal revelou que se producirá unha caída do Produto Interior Bruto de máis de oitenta millóns de euros nos 26 concellos do territorio transfronteirizo do Miño só nese periodo. A caída derivada do efecto fronteira no comercio foi dun 14,18 % sobre o efecto do confinamento, e na hostalaría e restauración foi dun 16,53 %. Os expertos, que xa están a traballar cos datos do peche de 2021, sinalan que o efecto e a baixada do PIB será moito maior neste exercicio.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a concesión dunha subvención aos Concellos de Salvaterra de Miño, Arbo e Crecente para a prestación de Servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá. Os tres concellos únense para solicitar esta subvención e así poder prestar aos seus veciños e veciñas un servizo de proximidade e de calidade, co fin de que non se teñan que desprazar fora do seu termo municipal para poder obter unha atención eficaz e de calidade.
O servizo será ofertado dous días no Concello de Salvaterra de Miño e Arbo e un no de crecente, e así desta maneira organizada e colaborativa levar a cabo un servizo que de outra maneira sería imposible.
Deste xeito os tres concellos, un do Condado e dous da Paradanta, buscan unha acción integral destinada a satisfacer os dereitos e necesidades dos nenos e nenas con trastornos no desarrollo o en risco de padecelos e das súas familias, así como a súa prevención, e deste modo tamén, dar resposta á necesidade de regular os servizos de atención temperá como unha rede integral de responsabilidade pública e de carácter universal, rexida polos principios de igualdade, coordinación, atención personalizada, integración social, interese superior do e da menor, prevención, autonomía persoal e participación, descentralización, cercanía, inerdisciplinariedade e alta califiación profeniaonal, diálogo e participación familiar e calidade.
A trascendencia dos cambios Sociais e a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos que se recollen en documentos de referencia como o Libro Branco de atención temperá e o informe da Axencia Europea para o desenvolvemento da Educación Especial, sinalan a conveniencia de asumir un novo concepto da citada atención basado nos dereitos dos nenos e nenas, na igualdade de oportunidades e na participación social, centrado nas necesidades da familia e na prestación dos servicios no seu contorno e por outra parte, implica necesariamente que a saúde, a educación e os servizos sociais se involucren e interrelaciones para ofrecerlles unha acción integral.
Tras a primeira sesión, na que máis de 300 persoas reuníronse on line para escoitar a mulleres da sanidade, educación, ciencia e da investigación como África González, Tatiana López, Ana Concheiro, Capitolina Díaz, Elena Rivo e Elena Vázquez, este xoves 29 de abril celebrarase a segunda parte da xornada ‘A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro’, organizada pola Deputación de Pontevedra e a USC, na que se afondará no liderado feminino nas institucións públicas e nas cidades sostibles. A vicepresidenta do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, intervirá no acto de apertura, e a presidenta da Consello do Estado, Mª Teresa Fernández de la Vega, farao na clausura xunto á presidenta provincial, Carmela Silva, e á avogada xeral do Estado, Consuelo Castro.
Máis dun centenar de persoas xa están inscritas para asistir, de xeito telemático, á derradeira cita de A Axenda 2030 e o papel das mulleres na administración pública do futuro, impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals. O prazo seguirá aberto ata o propio xoves ao través da web institucional da Deputación na ligazón https://www.depo.gal/xornada-a-axenda-2030-e-o-papel-das-mulleres-na-administracion-publica-do-futuro
A sesión comezará ás 9.30h co acto de apertura e a primeira mesa que versará sobre O liderado feminino na Administración e o seu avance cara unha igualdade real. Será moderada pola Valedora do Pobo, Dolores Fernández, e participará a directora Financeira e de Orzamentos da OCDE, Ana José Varela, a presidenta da Asociación de Mulleres no Sector Público, Concepción Campos, e a titular da Asesoría Xurídica do Concello de Vigo, Margarita Pajaró.
Cidades sostibles: un reto para o liderado feminino no mundo local na procura de institucións sólidas será a segunda e última mesa de debate na que a catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, Mª Xosé Rodríguez Galdo, conversará coa concelleira de Territorio e Acción polo Clima de Vitoria-Gasteiz, Ana Oregui, coa xornalista especialista en comunicación e redes sociais na administración pública local, Amalia López, e coa interventora da administración local e directora do ORAL da Deputación, Inmaculada Viña. A partir das 13.00 horas terá lugar a clausura da xornada na que intervirán a presidenta do Consello do Estado, Mª Teresa Fernández de la Vega, xunto á presidenta provincial Carmela Silva e á avogada xeral do Estado Consuelo Castro.
A xornada A Axenda 2030 e o papel das mulleres na Administración pública do futuro, estase a desenvolver de forma semipresencial e online desde o Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra. Nela, máis de vinte expertas están a debater e a reflexionar sobre a necesidade da voz das mulleres e o liderado feminino na xestión da Axenda 2030 e a consecución dos ODS, afondando en eidos como o socio-sanitario, a investigación, a ciencia, a educación pública, o liderado institucional, o urbanismo sostible e o mundo local.
A concelleira socialista de Vías e Obras, Chus Garrote, visitou esta semana a execución das obras na vía de Cortellas que vai do barrio da Cova á Cañoteira, en Ponteareas. A finalidade desta obra é dar servizo ás preto de dez vivendas, xa que a día de hoxe nin unha ambulancia nin un camión de bombeiros pode acceder ás vivendas polo camiño. “É unha necesidade e unha prioridade que un servizo de emerxencias poda chegar ata a casa dunha familia”, afirma Chus Garrote.
O proxecto de ampliación e mellora da vía fora aprobado no ano 2018 por un importe de 144.884,12 euros e agora xa obtidas as autorizacións e modificacións requiridas por Patrimonio da Xunta de Galicia estase a executar por un importe total de 168.438,28 euros. Así mesmo estase analizando, na continuación dese mesma vía, a mellora de pavimentación e control de pluviais de xeito que poida realizarse, de ser posible, con fondos do Plan Concellos ao igual que se financia esta obra.
A concelleira socialista agradece aos veciños e veciñas “as cesións que fixeron para poder mellorar a accesibilidade no camiño así como a paciencia que tiveron á espera dunhas obras tan necesarias”.
Este proxecto súmase aos que se veñen facendo recentemente para dar cumprimento ás propostas feitas na presente lexislatura. “Nós debémonos aos nosos veciños e veciñas e sempre estaremos ao seu carón para mellorar en todo o que poidamos o seu benestar”, afirma Chus Garrote, concelleira de Vías e Obras.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais a un total de 39 concellos galegos, por un importe global de preto de 2,3 millóns de euros.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución pola que se anuncia o esgotamento de crédito desta orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
Esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.
Cómpre recordar que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).
As actuacións deberán cumprir coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.
Aposta pola colaboración cos concellos
Cómpre subliñar que esta orde de subvencións, convocada por concorrencia non competitiva, enmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.
De feito, nos orzamentos de 2021 ten reservados máis de 7,4 millóns para actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.
Unha parte destes fondos destinarase a cofinanciar proxectos municipais a través da sinatura de convenios cos concellos no marco do Plan Hurbe, un programa posto en marcha en 2010 e a través do cal a Xunta executou ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de municipios; e a outra, á convocatoria da orde de axudas dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes que foi convocada hoxe.
O mercado en Ponteareas trasládase ao venres 30 por mor do festivo
A concellería de Promoción Económica de Ponteareas, que dirixe Eva Gil, informa que, por mor da festividade do Día Internacional da Clase Traballadora que se conmemora o vindeiro día 1 de maio, o mercado do sábado celebrarase extraordinariamente o venres, día 30 de abril.
Do mesmo xeito, dende o Concello informan que as instalacións do Mercado Municipal permanecerán pechadas o sábado día 1.
O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), arrancou esta semana un “escape room” de igualdade e prevención da violencia de xénero pioneiro en Galicia que rotará por todos os seus centros educativos ata o 7 de maio (está destinado a 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO). Este tipo de xogo mental en equipo foi deseñado ex-profeso para o municipio pola empresa especializada Territorio Comanche, sendo a primeira vez que se emprega na comunidade un ‘escape room’ profesionalizado para este fin coeducativo.
Ada Lovelace (matemática e primeira programadora informática), Valentina Tereshkova (primeira muller cosmonauta), Isabel Zendal (primeira enfermeira de historia en misión humanitaria), Ella Fitzgerald (cantante de Jazz), Nefertiti (reina exipcia), Mata Hari (espía durante a Primeira Guerra Mundial), Agata Christie (escritora) e Maruja Mallo (pintora surrealista pertencente á Xeración do 27) son as grandes protagonistas neste xogo creado para Nigrán.
Un “escape room” educativo é unha técnica de xogo que consiste en enfrontar ao alumnado a unha situación imaxinaria de encerro. Estes organízanse en grupos de catro ou cinco participantes, dispoñendo cada equipo dunha caixa co material necesario para realizar as diferentes probas e obter a súa ‘liberación’. A actividade recrea un entorno cheo de pistas, crebacabezas, enigmas… que van resolvendo co seu enxeño e a informacións suministrada durante o xogo (un audio cunha voz en off está soando en bucle durante a proba).
“Trátase dun tipo de xogo moi popular entre a mocidade e que os engancha desde o principio. É moi interesante porque por unha banda aprenden a traballar en equipo e, por outra, visibiliza a mulleres senlleiras na Historia. Desta forma, mesturando a parte informativa e a dimensión lúdica, os contidos chegan máis ao alumnado”, explicou a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, durante unha visita esta mañá ao IES Val Miñor xunto co alcalde, Juan González.
En total, o Concello ofrecerá 19 sesións en sete centros cunha duración de 50 minutos (comezaron onte e rematarán o 7 de maio no CEIP Humberto Juanes). A iniciativa será financiada a través dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, contempla este ano un orzamento de máis de 410.000€ para a mellora de camiños municipais na bisbarras do Condado e A Paradanta ao abeiro do Plan Marco, segundo anunciou o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao concello de Crecente.
O representante autonómico informou que este municipio ten consignados un total de 39.695€ no Plan Marco 2021-2022 nunha visita de supervisión realizada esta mañá -na compaña do alcalde, Julio César García-Luengo- á actuación executada nos lugares de Carreira e Santa Mariña coa anterior convocatoria, na que se investiron máis de 32.000€.
Ademais da achega ao concello de Crecente, o organismo dependente da Consellería do Medio Rural vén de orzamentar, co Plan Marco, 68.818€ para o concello da Cañiza, 61.519€ para Covelo, 36.008€ para Arbo, 50.842€ para Ponteareas, 46.938€ para As Neves, 43.193€ para Salvaterra do Miño, 43.800€ para Mondariz e 23.590€ para Mondariz-Balneario.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos rurais para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros que, no caso dun municipio como Crecente, teñen bastante peso na súa economía”, indicou o delegado territorial, que revelou que este concello supera os 230.000€ de axudas de Medio Rural para a mellora de camiños nos últimos cinco anos só cos fondos do Plan Marco.
Así, e grazas a estas achegas, o Concello de Crecente modernizou unha ducia de vías municipais en lugares como Carreira, Santa Mariña, Montecelo, Nane, Pousa, Os Piñas, Ribeira de Abaixo, Chan da Mó, Pazo, Moucho, Vilapide ou o acceso á capela da Frieira e proxecta actuar este ano, co Plan Marco 2021-2022, na Lama, na parroquia de Albeos, e Mandelos, na de Villar.
Finalmente, Luis López destacou o elevado investimento nesta materia nas bisbarras do Condado e A Paradanta, “que levan este exercicio máis de 410.000€ para as súas vías interiores municipais dado o seu peso agrogandeiro, con especial preponderancia da hortofruticultura e da vide, e a existencia de moitas e amplas zonas rurais que precisan da mellor conectividade”.
Así mesmo, garantiu o “absoluto compromiso e máxima colaboración” do Goberno galego coas necesidades de Crecente, “dándolle continuidade ás moitas actuacións que está a acometer a Xunta en todos os ámbitos en aras do interese xeral dos veciños e que, no referente ao rural, plásmanse, por exemplo, no aumento este ano de case un 25% na dotación do Plan Marco para este municipio”.
A Regata de Primavera do Monte Real Club de Iates de Baiona cumpre este ano o seu cuadraxésimo terceira edición coa celebración, a próxima fin de semana, de dúas regatas costeiras na ría de Vigo. A histórica cita do club baionés, unha das máis importantes da vela pesada en Galicia e unha das máis lonxevas do panorama náutico español, volve a escena patrocinada un ano máis por Repsol, ratificando así o apoio que, desde hai anos, a empresa enerxética presta ao deporte da vela.
“Cúmprense 21 anos desde que Repsol vinculouse á Regata de Primavera do Monte Real” dixo a xefa de Mariña e Pesca da compañía, Inés González Megido, “e desde entón non só apoiamos esta competición, senón moitos outros proxectos inclusivos do club como a Escola de Vela Adaptada para persoas con discapacidade ou o proxecto de Vela en Feminino para o impulso da muller no mundo náutico. Iniciativas que son unha mostra de todo o positivo o que tanto o club como nós podemos ofrecer”.
Na presentación oficial do evento, celebrada este martes no Monte Real, o presidente do club, José Luis Álvarez, asegurou que para o club é todo un orgullo poder organizar unha regata que cumpre xa 43 anos. “Serían 44 –dixo Álvarez– se o ano pasado o COVID non nos impedise celebrala, pero segue sendo unha cifra marabillosa, que moi poucas regatas alcanzaron en España. Son xa máis de 4 décadas protagonizando unha das grandes citas coa vela pesada en Galicia, á que concorren as mellores tripulacións non só da nosa comunidade, senón tamén doutros puntos de España e Portugal”.
O encargado de explicar os detalles da competición foi o comodoro do Monte Real, Ignacio Sánchez Otaegui, quen contou que a 43ª Regata de Primavera–Trofeo Repsol celebrarase os días 1 e 2 de maio na ría de Vigo e baía de Baiona, cunha previsión de participación de medio centenar de barcos. Este ano, a novidade é que non haberá bastóns e as dúas probas en liza serán percorridos costeiros.
Na primeira xornada de probas, durante o primeiro de maio, festivo do Día Nacional do Traballo, os veleiros participantes deberán completar, a partir de únaa da tarde, un percorrido que sairá da baía de Baiona e percorrerá a ría de Vigo ata a ponte de Rande, onde as tripulacións deberán dar volta para emprender regreso de novo cara á baía baionesa.
Un día despois, o domingo 2 de maio, os equipos volverán embarcarse para disputar a segunda e última etapa da competición. Por diante terán un percorrido de circunnavegación das illas Cíes, con saída e regreso, se o vento permíteo, no interior da baía de Baiona. O comité de regata dará a saída esta vez ás doce do mediodía e a previsión é que as tripulacións empreguen non máis de 4 horas ata cruzar a liña de chegada.
A xornada acabará en terra coa entrega de premios aos gañadores, ás seis e media da tarde nos xardíns do Monte Real Club de Iates. Nela participará, entre outros, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, que este martes, na presentación oficial, destacaba o traballo que o club leva facendo desde hai anos “para dar a coñecer o nome de Baiona non só a nivel nacional senón tamén internacional, coa celebración de eventos que traspasan as nosas fronteiras e supoñen un moi bo reflexo de todo o bo que exporta a nosa vila”.
Con este tipo de competicións como a Regata de Primavera–Trofeo Repsol estase tamén “transmitindo a idea de normalidade no deporte que todos necesitamos agora” dixo o Xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, presente tamén na rolda de prensa. Benavides insistiu na necesidade de seguir organizando eventos “coas máximas seguridades sanitarias, como todos os que se organizan no Monte Real”.
Desde a Deputación de Pontevedra, o deputado de deportes, Gorka Gómez, agradeceu a Repsol o apoio a este evento porque “sen as empresas que manteñen os seus patrocinios, -dixo- a celebración deste tipo de eventos sería algo inviable, e Galicia necesita esa sinerxia de industria, turismo e deporte para impulsarse tras a situación vivida o último ano” Esa situación, coas restricións derivadas do COVID19, foi a que impediu a celebración, en 2020, da 43º Regata de Primavera, que se disputará esta fin de semana en augas das Rías Baixas. Na última edición, a de 2019, resultaron vencedores o Aceites Abril dos irmáns Luíse Jorge Pérez Canal (RCN Vigo) en ORC 1, o Unus de Luís García Trigo (MRCYB) en ORC 2, o Okofen de Javier de la Gándara (MRCYB) na competición dos J80 e o Bouvento patroneado por Luís Alcázar (MRCYB) na clase Fígaro.
Nesta edición manteranse as mesmas clases de ORCs, J80 e Fígaros e haberá, a maiores, dúas categorías máis, as de ORC Open e ORC A2, con veleiros tripulados unicamente por dúas persoas.
Programa Trofeo Repsol · 43º Regata de Primavera
Venres, 30 de abril
12:00 a 19:00 horas Presentación de documentación e entrega de Instrucións de Regata
Sábado, 1 de maio
10:00 a 11:00 horas Presentación de documentación e entrega de Instrucións de Regata
13:00 horas Percorrido costeiro todas as clases (saída desde a enseada de Baiona)
19:30 horas Degustación se as restricións COVID permíteno
O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres novas achegas por importe de máis de 710.000 euros ao abeiro do Plan Concellos 2021, que beneficiarán a un total de 17 municipios da provincia. En concreto, na súa firme aposta por seguir dotando de recursos aos concellos na actual situación de pandemia, a Xunta de Goberno dará luz verde a catro subvencións da Liña 1 de Investimentos para Ponteareas, Salvaterra e A Estrada, por importe de 447.076 euros, e a outras 30 achegas da Liña 2 de amortizacións, pago de débedas e de actividades socioculturais, por un total de 263.848€, que beneficiarán a 15 concellos.
Da Liña 1 de investimentos, para Ponteareas aprobarase unha subvención de 67.998€, coa que este concello poderá financiar a adquisición de tres vehículos, dous para o servizo municipal de Vías e Obras e outro vehículo adaptado que se destinará a Servizos Sociais. Este concello recibirá tamén outra achega, de 130.579 euros, coa que poderá acometer as obras de asfaltado e ampliación da calzada do viario de subida a Santa Cristina de Bugarín.
Doutra banda, para Salvaterra de Miño aprobarase unha achega de 143.500 euros, destinada á adquisición dun vehículo para o servizo de recollida de lixo. Para A Estrada darase luz verde a un investimento de case 105.000 euros, destinado á pavimentación da avenida de Ponteareas e da rúa Baiuca, así como dos dous aparcadoiros anexos.
Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobará a sexta relación de achegas da Liña 2, que beneficiará aos municipios de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, Lalín, A Lama, Marín, Meis, Mondariz, Moraña, As Neves, Pontecesures, Vila de Cruces e Vilagarcía.
As axudas están dirixidas na súa maioría a financiar actividades sociais, culturais ou deportivas, entre elas a Festa Corsaria 2021 de Marín, as Festas de San Bieito de Meis, as actividades de promoción cultural de Vila de Cruces, a Festa do Carneiro ó Espeto (Moraña), a XXXII Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz, o XXVIII Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey (O Grove), o Verán Cultural da Lama, as actividades de teatro e música en Cerdedo-Cotobade ou as Visitas Teatralizadas na Guarda, entre outras.
Doutra banda, no caso de Pontecesures, recibirá tres achegas que permitirán ao Concello contratar asistencias técnicas para realizar tarefas de levantamentos topográficos, así como asistencia xurídica en materia de urbanismo e o asesoramento en xestión enerxética.
O Concello de Mondariz aproveitou o último ano da convocatoria de axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) para presentar varios proxectos de rehabilitación enerxética de edificios públicos que finalmente foron aprobados e xa están en marcha. Estas actuacións na Casa do Concello e no edificio que acolle a Escola Municipal de Música de Mondariz están financiadas nun 80% con fondos europeos e se complementan coa aportación xa confirmada da Deputación de Pontevedra. En ambos casos, son intervencións que melloran a eficiencia enerxética dos edificios.
Proxectos de rehabilitación enerxética
No antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pé de Muíño, s/n), convertido en sede da Escola Municipal de Música de Mondariz e doutras actividades formativas, como o obradoiro dual de emprego “Medrando entre todos e todas” que se leva a cabo este ano, o proxecto subvencionado busca unha rehabilitación enerxética da cuberta mediante o illamento e unha rehabilitación enerxética da fachada mediante a substitución de elementos de carpintería. O orzamento desta obra ascende a 176.661 €, dos que 141.329 € son fondos europeos tramitados e concedidos a través do IDAE e o importe restante será financiado pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021.
“Estamos falando dunha construción do ano 1970 que presenta notables deficiencias enerxéticas e materiais que hoxe en día non se utilizarían, como a uralita. Con esta actuación, buscamos renovar as instalacións para lograr un aforro enerxético que reverte no benestar da comunidade”, afirma o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
Unha vez executadas al obras, está previsto que as emisións de CO2 diminúan de 5,8 kgCO2/m2 a 4,4 kgCO2/m2, pasando de cualificación enerxética B a A, que é o nivel máis eficiente.
Para a Casa Consistorial, un edificio construído en 1983 que tamén presenta deficiencias enerxéticas por mor do carácter obsoleto da súa envolvente de carpintería metálica, o Concello de Mondariz ten previsto desenvolver un proxecto de rehabilitación que afecta aos ocos da fachada, tanto portas como fiestras, e mellora a demanda enerxética actual. Con esta actuación, as emisións de CO2 diminúen de 22,2 kgCO2/m2 a 20,8 kgCO2/m2, pasando de cualificación enerxética G a E. Este proxecto está valorado en 132.415 €, dos que 105.932 € corresponden a cofinanciación FEDER.
“Foi unha mágoa que o Concello de Mondariz non aproveitara estas axudas europeas antes do ano 2020, pois estaban dispoñibles desde 2014 e naquel momento incluso os concellos máis pequenos tiñan prioridade. Estas actuacións son fundamentais para avanzar na liña de eficiencia e de aforro de enerxía que marcan os tempos. O esforzo que fixemos para solicitar estas axudas cando o programa operativo para o periodo 2014-2020 estaba case esgotado pagou a pena”, afirma Barros.
Estes non son os únicos proxectos de rehabilitación enerxética que tramitou o ano pasado o Concello de Mondariz. O máis ambicioso, que suporía mudar o alumeado público de todo o territorio municipal para acadar un enorme aforro enerxético e económico na factura eléctrica, aínda está en proceso de resolución. “Estes son os investimentos estratéxicos en servizos públicos básicos que realmente precisan os concellos para modernizarse e avanzar. Na comarca houbo concellos que aproveitaron estes mesmos fondos europeos con éxito. Sería unha mágoa quedarse atrás”, comenta o alcalde de Mondariz, en referencia á falta de apoio que recibira a iniciativa gobernamental de presentar unha solicitude de fondos europeos para financiar este proxecto de aforro enerxético no pleno da Corporación Municipal por parte de grupos de oposición en xuño de 2020.
A estes proxectos financiados con fondos europeos tamén se suma a rehabilitación enerxética da escola unitaria de Valiño, valorada en 378.309 €, que foi promovida pola Entidade Local Menor de Vilasobroso a través da Deputación de Pontevedra.
O Pasado 26 de abril de 2021, celebrouse a I Gala de Calidade Turística no destino SICTED Condado-Paradanta, evento no que se entregou, un ano máis, o distintivo SICTED –que premia a excelencia e profesionalidade de empresas e servizos turísticos– ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea ‘Arabo’. O responsable do Museo Arabo, Guillermo Gayoso, recibiu o distintivo SICTED da man do alcalde de Arbo, Horacio Gil.
O centro de Interpretación do viño e a Lamprea Arabo, leva recibindo este distintivo de calidade dende o ano 2006. O distintivo “é o soporte que acredita o cumprimento dos requisitos establecidos na metedoloxía e recoñece o esforzo e compromiso de calidade e a mellora continua, a vez que distingue o establecemento frente a competencia”, destacou o alcalde Horacio Gil.
O Centro de Interpretación do viño e da Lamprea Arabo, e unha fiestra que permite que os visitantes descubran o que o Concello de Arbo pode ofrecer, ademais de transmitir a través dos paneis e os vídeos a verdadeira realidade e a historia do municipio.
No ano 2020 mellorouse o deseño, promoción e execución da actualización e mellora da exposición permanente do Centro de Interpretación da lamprea e do viño do Condado coa dotación de sistemas multimedia para o visionario de contidos de vídeo e interactivo: pantallas táctiles, monitores de vídeo e proxectores con novos videos, fotografía, grafismos, vídeo e contidos interactivos e redacción de novos textos.
O Museo Arbo, alberga un espazo cunha exposición permanente sobre a Festa da Lamprea, celebración que se remonta ao 16 de abril de 1961, data na que se celebra a primeira edición organizada por un grupo de veciños, funcionarios e restauradores do Concello a cargo da Comisión ‘Pro Homenaxe á Lamprea’. Nesta exposición permanente amósase o traballo realizado e a importancia desta xornada festiva e é tamén o recoñecemento a unha riqueza antiga e inmemorial que Arbo proporciona.
Según afirma o rexedor,Horacio Gil, o municipio de Arbo “permite aos visitantes gozar dunha excelente enogastronomía, e a súa vez ofrece cultura, patrimonio e magníficos paisaxes. Arbo, cada vez, é un destino máis demandado polo público en xeral”.
Baiona iluminou de cor laranxa a casa do Concello na noite deste luns ao amparo da conmemoración do Día Nacional da Fibrose Quística, que se celebra hoxe 28 de abril. Deste xeito a institución baionesa únese á demanda da Asociación Galega de Fibrose Quística, co obxectivo de visibilizar a enfermidade.
O edificio municipal estivo tamén iluminado desta cor durante a noite deste de martes tamén para tratar de dar maior visibilidade a esta enfermidade e aos colectivos que traballan na loita da mesma e con persoas afectadas.
Dúas persoas precisaron asistencia médica a pasada tarde despois de que un coche colidise contra outro vehículo que envorcou na A-52, ao seu paso por Ponteareas.
Os feitos producíronse no punto quilométrico 291 da autovía, en sentido a Ourense, preto das oito.
Foi, nese momento, cando varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para dar conta dun coche que envorcara nese lugar da autovía e, posteriormente, alertaron da colisión doutro turismo contra o primeiro vehículo accidentado.
Nada máis ter coñecemento da situación, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos GES e Bombeiros de Ponteareas, da Policía Local, dos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e do servizo de mantemento da vía de circulación.
Xa no lugar dos feitos e unha vez atendidas as persoas que circulaban, respectivamente, nos vehículos accidentados, os efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas confirmaron ao 112 Galicia que os dous vehículos sinistrados foran retirados da autovía mediante un guindastre.
A Deputación aprobará este venres na Xunta de Goberno as axudas para os clubs deportivos federados que compiten no ámbito nacional, que destinarán 850.000 € entre 90 entidades de atletismo, baloncesto, balonmán, ciclismo, fútbol sala, fútbol, rugby, tenis de mesa, voleibol, judo e outras modalidades deportivas asentadas en 24 concellos da provincia. Este ano as achegas incrementáronse en 75.000 € con respecto ao ano pasado, un 9,7% máis, e beneficiaranse delas nove clubs máis que no 2020.
Por vez primeira estas achegas equiparan por completo os recursos e as contías que reciben os equipos femininos e os masculinos, de tal xeito que os clubs femininos e masculinos percibirán os mesmos recursos que abranguen entre os 25.000 € de contía máxima aos preto de 1.600 de contía mínima. A maior partida irá para os clubs de balonmán, con 225.000 € distribuídos entre 13 equipos; seguida dos de fútbol que recibirán 190.000 € a repartir entre 15 clubs. Un total de 6 equipos de baloncesto recibirán 110.000 € e 24 clubs de diferentes modalidades deportivas (bádminton, volei, natación, surf, baile, etc.) beneficiaranse de 109.000 € de axudas. Pola súa banda 13 equipos de ciclismo recibirán 90.000 €, oito de fútbol sala 35.000 €, dous de atletismo 24.000 €, cinco de tenis de mesa 22.000 €, dous de judo 18.000 €, un de voleibol 17.000 e outro de rugby 10.000 €.
Por comarcas máis de 450.000 € irán dirixidos a 46 clubs deportivos da comarca de Vigo pertencentes aos concellos de Vigo, Redondela, O Porriño, Nigrán e Mos; preto de 130.000 irán a 14 clubs da comarca de Pontevedra dos concellos de Pontevedra e Marín; máis de 110.000 € destinaranse a dez clubs da comarca do Salnés e zona de Arousa dos concellos de Vilagarcía, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Catoira e Cambados; máis de 60.000 € distribuiranse entre 6 equipos do Morrazo asentados en Bueu, Cangas e Moaña; máis de 45.000 € a 4 entidades deportivas das comarcas de Deza e Terra de Montes con sede en Lalín e A Estrada; máis de 35.000 € a 6 equipos das comarcas do Condado e da Paradanta dos concellos das Neves, Ponteareas e A Cañiza e preto de 35.000 € a tres equipos da comarca do Baixo Miño asentados en O Rosal, Oia e A Guarda.
A Deputación incrementou para este 2021 ata un 4,1% as subvencións deportivas que superan en total os 2,6 millóns de €. Así, xunto ás axudas aos clubs de elite, que superan os 678.000 €, amais das dirixidas a clubs deportivos federados de ámbito nacional que van ser aprobadas este venres, están a piques de resolverse as subvencións ao deporte náutico, clubs de ámbito inferior a nacional e fútbol preferente. Amais, a Deputación mantén outra liña de apoio ao deporte a través das bolsas DepoDan e DepoPromesas, para as que xa se poden solicitar ou renovar as categorías, e unha liña de axudas para a organización de actividades e eventos deportivos. En total, este ano serán 3,1 millóns de € os recursos que a Deputación achegará ao fomento do deporte na provincia.
O Concello do Rosal aprobou en Xunta de Goberno comezar este mes de abril o proxecto de mellora de abastecemento de auga na zona de Viso dos Eidos coa que “optimizar as conexións e garantir o subministro”. As obras, desenvolvidas ao abeiro do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra e cun investimento de arredor de 39.000 euros, permitirá a mellora da conexión da rede existente no Camiño da Buraca e que vai ata a Subida a Martín. A través destas obras executarase unha arqueta que permitirá conectar as redes existentes nesa rúa.
Click para ampliar
A implementación desta nova conexión prolongará a execución da canalización de 180 mm dun depósito anterior, repoñendo tamén os pavimentos neste tramo. Por outro lado, a execución de dous elementos de manobra permitirá a regulación mediante válvulas dos diferentes fluxos de auga, permitindo cortes sectoriais no caso de que sexa necesario. O tamaño das arquetas permitirá ademais manter esta infraestrutura nas condicións axeitadas.
Como complemento a estes traballos de mellora o Concello valorará levar a cabo tamén a substitución da actual arqueta situada na glorieta da PO 354 na rúa Xulio Sesto, mellorando o abastecemento no núcleo urbano do Rosal.
As obras durarán arredor de dous meses e medio, polo que está previsto que estean rematadas a inicio de verán.
A veciñanza dos lugares de Pazo e Outeiro, na parroquia de Albeos, en Crecente, xa non terá que estar pendente dos frecuentes cortes de auga gracias ás obras de renovación da rede de abastecemento financiadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Por outra banda, os traballos permitiron ampliar o saneamento en Coedros (Quintela) e Mandelos (Vilar). O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde de Crecente, Julio César Garcia-Luengo, visitaron estas obras e comprobaron, ademais, a funcionalidade dun novo brazo mecánico rozador para o mantemento das estradas municipais financiado pola Deputación. O investimento total alcanzou os 64.000 euros.
Durante a visita, na que tamén participou a deputada Olga García, destacouse o valor que estas obras teñen dentro do compromiso medioambiental da Deputación. Santos Héctor explicou que, por unha banda, garántese un aforro de auga en Albeos acabando coas fugas continuas e as importantes perdas durante as avarías da obsoleta rede e, por outra, se eliminan fosas sépticas nas parroquias de Quintela e Vilar. O deputado destacou a vocación de dotar de servizos de calidade a todo o rural da provincia de Pontevedra, contribuíndo así a afrontalo reto demográfico. Santos Héctor concluíu remarcando a colaboración constante da Deputación co municipalismo a través de financiamento regrado e en cantidade suficiente para que os concellos decidan as actuacións máis necesarias.
O alcalde, Julio César García-Luengo destacou que os cartos do Plan Concellos “están moi ben aproveitados” e destacou que este isntrumento “vennos moi ben aos concellos de menos de 5.000 habitantes”. “É un Plan que mellora a calidade dos servizos para as nosas veciñas e veciños”, concluíu.
As obras de abastecemento en Pazo renovaron e instalaron preto de 400 metros de tubaxes, o que permitiu mellorala rede e levar o subministro, cun novo ramal, a catro vivendas. Con este proxecto aproveitouse a marxe da estrada provincial de Pazo para construír un tramo de senda peonil que mellora moito a seguridade viaria nunha zona moi utilizada pola veciñanza. A obra garante, ademais do aforro de auga, a eliminación de sedimentos previndo así as avarías nos electrodomésticos da veciñanza. En Outeiro substituíronse outros 210 metros de tubos e renováronse outras 5 acometidas para modernizar tamén a súa rede de abastecemento. En canto ao saneamento en Coedros e Mandelos acometéronse dous novos ramais con lonxitudes próximas aos 100 metros para ampliar as redes existentes a partir do colector secundario. Con elo garántese a chegada do servizo ás últimas vivendas dos núcleos.
No que atinxe ao novo brazo rozador, a máquina ven substituír á anterior, que presentaba continuos fallos e xa non resultaba funcional. Cun custo superior aos 22.000 euros, ten un alcance de 5 metros e está dotado dun cabezal de corte mínimo de 1,30 metros. Con esta maquinaria, o Concello poderá continuar prestando un mantemento fundamental para a seguridade viaria, así como a limpeza dos camiños e a prevención contra os incendios forestais. Crecente conta con máis de 100 Km de vías municipais.
A Deputación achegou case 5 millóns de euros ao Concello de Crecente desde 2015. Con cargo ao Plan Concellos de 2021 xa ten concedidos 405.610 euros, unha dotación económica que financia boa parte dos investimentos municipais, pois servirá para acometer un total de 9 obras para seguir mellorando o saneamento en Albeos, Mandelos e Varóns e realizar pavimentacións en Carreira, Pousa, Parada, Surreiro, Castro, Lameiro, Lobariñas, Fonterrastrada, Paredes, Regueiro, Paradela, Pazo, Mollapán e Freixo. Por outra banda, o Concello de Crecente beneficiouse do Plan DepoRemse, acondicionando os accesos ao CEIP, Residencia e Centro de Saúde, cun investimento provincial de 450.000 euros, e do Plan de Reequilibrio co edificio polideportivo, pistas de pádel e mellora dos accesos da rúa García Neira (outros 370.403 euros). Este ano tamén contratará a 8 persoas desempregadas con financiamento da Deputación.
Yaiza Cameselle, natural de Mondariz mais vinculada dende a infancia con Ponteareas, presenta o seu primeiro libro de poemas, La guerra de Elisabeth; o fará no marco do ciclo de presentacións de libros Abril, mes dos libros que organiza a Concellaría de Cultura do Concello de Ponteareas para celebrar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor.
O acto terá mañá xoves 29 de abril, ás 19 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal, e contará coa presenza e participación da autora e da profesora Iria Mota Teixeira.
Actualmente, Yaiza estuda criminoloxía e psicoloxía en Girona. Escribe dende a adolescencia; no ano 2019, un dos seus poemas foi publicado na primeira antoloxía poética da Editorial Sinergias.
A autora escribe baixo o pseudónimo de Elizabeth Guerra Torres, porque quería protexerse e ocultar o medo a que a xente vise o que escribía e o que sentía. O nome pretende honrar as persoas máis importantes da súa vida; Guerra, porque era o que estaba vivindo no seus sentimentos e, Torres, pola fortaleza e firmeza que representa.
“Con esta nova presentación, a cuarta do mes, seguimos presentando as novas propostas e, xa que logo, novas voces que chegan á literatura dende Ponteareas como epicentro creativo”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba. Neste caso, –engade– “é o primeiro libro dunha rapaza nova que se iniciou na poesía como terapia para superar unha ruptura sentimental, o que pon de manifesto a importancia da lectura e a escritura para plasmar e reflexionar sobre os sentimentos das persoas”.
Para asistir á presentación, é necesario reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a [email protected].
Un total de Vinte e oito alumnas recibiron os diplomas do curso de Lingua de signos A1.1 que se desenvolveu de xeito telepresencial, en dous grupos de 14 persoas e cunha duración de 30 horas, durante os meses de marzo e abril. Os diplomas acreditativos foron entregados polo concelleiro de Lingua, Fernando Groba e Raquel González Novelle e David Fernández García, docentes do curso.
A pesar do seun formato telepresencial, a derradeira sesión celebrouse na Biblioteca Pública Municipal para que as alumnas puidesen coñecerse fisicamente e practicar entre elas os coñecementos adquiridos. Ademais, as formadoras trouxeron, como sorpresa, dúas persoas xordomudas convidadas para a ocasión.
As participantes mostraron a súa satisfacción polo curso sinalando, entre os motivos que lles levaron a facer esta actividade, ben que querían aprender unha lingua nova ou ben porque coñecían a algunha persoa xorda e desexaban mellorar a súa comunicación con ela.
Despois de completar o curso, as alumnas decatáronse de que existe un gran descoñecemento sobre a lingua de signos e sobre os falsos mitos que existen no contorno das persoas xordas e teñen intención de practicar o aprendido e axudar a mellorar a situación deste colectivo.
“O éxito desta iniciativa e desta edición aléntanos para intentar ofertar máis cursos de lingua de signos”, apuntaba o edil de Lingua Fernando Groba e adiantaba que serán, por unha banda, “para persoas que queiran comezar de cero e, por outra, para as que asistiron a estes e poidas seguir adquirindo máis vocabulario e practicando novas estruturas gramaticais”.
Groba subliñou a intención “de seguir realizando outras actividades coa comunidade existente no Concello como xa se realizou durante o confinamento co contacontos Felipe ten gripe, que se difundiu a través da páxina de Facebook Cultura e Turismo Ponteareas (@visitponteareas)”.
Esta mañá tivo lugar a presentación da XXXI edición da Festa da Bicicleta, sen dúbida, a súa edición máis especial xa que a tradicional cita deportiva do Val Miñor adaptouse á época COVID. Desde o Concello de Baiona, encargado de organizar esta edición, ideouse unha fórmula semi virtual para que os veciños e veciñas interesados poidan participar na proba.
Con esta iniciativa, quérese seguir fiel á tradición e continuar fomentando o uso de de a bicicleta e esta práctica deportiva polo que se organizou unha festa virtual que se prolongará desde o 1 de maio ata o 17 de maio, data tradicional na que viña celebrando a festa ata o ano pasado que se viu obrigada á súa suspensión debido á crise sanitaria derivada do Covid-19 e ao estado de alarma vixente.
O Concello de Baiona e o de Gondomar animan a todas as persoas afeccionadas ao deporte do pedal a que participen neste evento no que as persoas interesadas en participar deberán descargar nos seus dispositivos móbiles a aplicación saudeter, totalmente gratuíta. As inscricións serán igualmente gratuítas e virtuais. A realización do percorrido será libre: onde e cando se queira pero garantindo cumprir con exactitude o regulamento deseñado para a proba, así como os protocolos COVID vixentes no momento de realización da proba.
Click para ampliar
Para incentivar a participación o día 18 de maio ás 12.00 h, efectuarase en Baiona, o sorteo de dúas bicicletas, unha por cada un dos concellos colaboradores. Tamén todos os amantes do deporte das dúas rodas, tanto pequeno como adultos, que participasen na XXXI Festa dá Bicicleta, recibirán, pola súa participación, o diploma acreditativo desta edición tan especial de 2021.
“Nesta edición o COVID impídenos saír ás rúas do Val Miñor de forma masiva para gozar da bicicleta e reivindicar o seu uso, tanto para a práctica deportiva como para os desprazamentos. Por iso deseñamos este edición semi virtual para celebralo dunha forma segura ”, explica o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado.
“O obxectivo da organización deste evento tan singular non é outro máis que fomentar a práctica deportiva de toda a cidadanía de forma segura xa que non se poñen límites para participar, unicamente ter ganas de pedalear, levar casco, e por suposto, será obrigatorio o uso da máscara, manter as necesarias distancias de seguridade que marcan os protocolos COVID, para gozar dun momento de lecer e diversión en familia, percorrendo as rúas, paseos, montes ou mesmo a túa propia parcela ou calquera outro espazo de Baiona ou Gondomar que permita realizar a proba ”, conclúe.
Ambos os concellos animan a todas a cuidadanía a participar neste evento que se desenvolverá desde as 00:00 h do día 1 de maio e ata as 24:00 h do día 17 de maio. Os interesados terán eses 17 días para inscribirse e realizar os percorridos pertinentes. Poderán realizar a proba en calquera momento entre ambas as datas, buscando o percorrido e horario que mellor se axuste ás súas condicións. Será obrigatorio o uso de casco e máscara para realizalo, mantendo as necesarias distancias de seguridade que marcan os protocolos COVID.
En canto ás inscricións, unha vez descargada a app accederase á mesma á apartado “Festa da Bicicleta do Val Miñor” podendo elixir a distancia do percorrido e o concello polo que desexan participar (Gondomar ou Baiona). A elección da modalidade segundo o municipio é totalmente libre, sen prexuízo do lugar de residencia. Só permítese unha única inscrición por parte das persoas interesadas. Optando así a un sorteo dunha bicicleta en función do Concello seleccionado. Para formalizar a inscrición, deberán cubrirse os formularios solicitados desde a aplicación, que cumpren as normativas referentes á protección de datos. Estipularase un máximo de participantes por concello, sendo o único requisito esixible a orde cronolóxica de inscrición.
A aplicación poderá descargarse accedendo á páxina www.saudeter.com e a través da App Store ( Apple) ou Google Play Store (Android), escribindo na barra de procura saudeter.
Establécese un percorrido mínimo de 10 km para os maiores de 7 anos e 4 km para os menores de 7 anos. Para facilitar ao máximo a participación, o itinerario destes percorridos será totalmente libre, tendo como único deber o cumprimento da distancia mínima estipulada (10 km e 4 km segundo a idade).
Unha vez alcanzada a distancia mínima esixida, desde a propia aplicación saudeter poderase sacar un diploma acreditativo (nome do participante, distancia feita e tempo). Tamén quen así o desexe poderá obter un recordo desta especial edición sacándose unha foto practicando deporte.
O regalamento da XXXI Festa da Bicicleta atópase publicada na páxina web do Concello de Baiona: www.baiona.gal.
A Alameda de Redondela encheuse hoxe de emoción coa performance da artista Laura Villaverde, enmarcada no programa “Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra. A actriz tudense estreou “Panos de Vinagre”, unha acción inspirada no valor do legado familiar intanxible. Coa lembranza da súa bisavoa Xenerosa como fío condutor, a artista fixo ao público partícipe dunha historia real de violencia e como as mulleres da súa familia utilizaban panos de vinagre para curar os negróns. En definitiva, unha historia tantas veces repetida, na que o patrimonio inmaterial interxeracional se convirte no mellor aliado contra a violencia machista e na que se chama a reflexionar sobre a súa importancia.
A presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a deputada de igualdade, Victoria Alonso, seguiron a representación acompañadas de representantes da corporación local. Ademais, foron invitados a visualizar o acto por streaming todos os centros educativos do concello, os colectivos do sector social e os colectivos da muller que puideron seguilo en directo a través das canles en liña da Deputación e do Concello.
Laura Villaverde fixo protagonista, en “Panos de Vinagre”, ao corpo ferido da muller polas numerosas malleiras a mans dun home. A artista foi escaneando as partes do corpo maltratadas para logo empapar as follas escaneadas en vinagre e pegalas na súa pel deixando un intenso cheiro a vinagre na praza. A continuación, unha voz en off narrou como a sociedade vía os maltratos e as decisións que tomaban sobre eles tendo en conta a situación das mulleres e a lexislación vixente hai unhas décadas. A artista finalizou a súa interevención explicando que a expresión “ponlle panos de vinagre” forma parte do ben inmaterial da súa familia e fixo reflexionar ao público asegurando que “seguro que a túa familia tamén che deixou un ben inmaterial coma o meu, que tes pensado facer con el?”.
Na súa intervención, Carmela Silva puxo voz a todas as mulleres asasinadas polo machismo ao lembrar as “cifras intolerables” que se acadan ano tras ano. Hoxe, recalcou a presidenta, coñecemos un novo caso que eleva a oito as mulleres asasinadas no que vai de 2021, “dúas mulleres cada mes”, que se suman ás máis de mil asasinadas dende 2003. A presidenta lembrou que esta violencia comeza “moito antes”, cando “as adolescentes son controladas polos seus mozos ou cando imos pola rúa e temos que soportar que nos digan verdadeiras barbaridades”. Para Carmela Silva a violencia machista non son só “os golpes e os maltratos” senón tamén “as descualificacións e a invisibilización” que sofren moitas mulleres en todos os eidos. “Con esta acción, subliñou, Laura Villaverde chamou á reflexión e lembrounos que nós somos herdeiras de todas esas mulleres que sufriron tanto. Un sufrimento inxusto e intolerable fronte ao que ten que poñerse toda a sociedade”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sentiu moi de preto esta acción “porque na miña familia tamén se viviron episodios de violencia machista”. A alcaldesa quixo desvelar como a súa bisavoa lle narraba “como moitas mulleres padecían esa violencia en silencio”, entre elas unha das súas fillas, que tivo que soportar que o seu marido a golpeara e incluso lle prendera lume á súa vivenda. Digna Rivas remarcou que ”sucedeu fai moitos anos pero, por desgraza, seguimos padecendo o mesmo”. Neste sentido, a alcaldesa subliñou que “as institucións temos esa débeda, ese compromiso, e temos que dar exemplo”, algo que a Deputación leva facendo “dende o primeiro día” e que a propia Rivas, que foi deputada, “seguimos a facer no municipio. Resaltou tamén a importancia de programas como “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que “fomenta o empoderamento das mulleres na cultura, algo que agora fai máis falla que nunca”.
Está é a décima acción da VI edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Para o que resta de 2021 contará con outras 15 actividades, entre as que haberá en diferentes concellos da provincia performances, intervencións murais, accións de danza contemporánea ou escénicas e música.
O Concello de Tomiño vén de conseguir do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia) unha nova liña de axudas para a instalación de sistemas de enerxía fotovoltaica nos edificios públicos. Recentemente viñeron de ser concedidas dúas subvencións para a realización de proxectos deste tipo na Casa do Concello e no Auditorio de Goián, ás cales se suma agora unha nova partida conseguida para a Escola Infantil da Galiña Azul do núcleo do Seixo.
O campo fotovoltaico colocado no edificio estará composto por 18 paneis solares de silicio configurados nun sistema de compensación de excedentes, é dicir, instalarase ademais un controlador que regule o consumo, dando preferencia á enerxía solar autoxerada e consumindo a enerxía da rede só cando a fotovoltaica non sexa suficiente. No caso de que se xerase máis enerxía da demandada, esta será vertida á rede e compensarase no recibo mensual o prezo que marque o regulador do mercado eléctrico.
Deste xeito, ademais dos beneficios que isto ten para o medio ambiente, o aforro enerxético será tamén un dos beneficios destacables, unha cuestión importante tendo en conta que se trata dunhas instalacións cun consumo constante durante todo a xornada debido á presenza continuada de nenos e nenas desde a primeira hora da mañá ata o final do día. Ademais, o edificio conta cunha cuberta sen sombras e con boa orientación, optimizando a capacidade de xeración de enerxía por parte dos paneis.
O proxecto terá un custe total de 8.049,89 euros, dos cales un 80% (6.439,91 euros) serán cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten como obxectivo favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores aumentando a proporción no consumo final de enerxía procedente de fontes renovables.
A concelleira socialista de Vías e Obras, Chus Garrote, informa que nestes días procédese á mellora da pavimentación da vía de acceso principal ao barrio de Chan da Gándara, Padróns. Tras moitos anos sen pavimentar e por mor da cantidade de tránsito de vehículos pesados que soporta, o firme estaba moi deteriorado e por iso dende esta concellería se tentou axilizar ao máximo posible a súa reparación.
A pasada semana, Chus Garrote reuniuse cos veciños e veciñas para informarlles do comezo inminente das obras e da posibilidade de asfaltar algunha outra vía de acceso á vía principal debido a unha baixa que se produciu na adxudicación do contrato. “Son os veciños e veciñas os que coñecen mellor que ninguén as necesidades da parroquia, polo que deben ser eles e elas os que propoñan aqueles camiños que desexen mellorar”, afirma Chus Garrote que engade que “traballamos a diario coa máxima celeridade posible. Temos 24 parroquias e a metade da poboación vivindo no rural. Cando eu cheguei a concellería, despois de moitos anos de abandono,a demanda era tan grande que a veciñanza vese na obriga de agardar por obras indispensables ás que pouco a pouco imos dando resposta”.
Esta obra, financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, adxudicouse por un importe de 52.632,83 euros e o prazo de execución será dun mes. Despois da limpeza de cunetas e de firme xa están traballando na capa de rodaxe. “É realmente satisfactorio poder atender as necesidades dos nosos veciños/as, e actuacións coma esta poñen de manifesto a aposta e defensa do rural dende o Goberno local”, afirma Chus Garrote, concelleira de vías e obras.
O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos aprobou en sesión ordinaria do mes de abril, por unanimidade dos seus membros, a Modificación da Ordenanza Fiscal do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para rebaixar o tipo impositivo ao mínimo, pasando do 0,54 actual ao 0,4.
Esta decisión xa fora anunciada durante a Comisión de Seguemento do novo Procedemento de Valoración Catastral en Mos celebrada o pasado 15 de abril na que tamén se abordaron outra serie de medidas para tentar reducir o impacto deste novo Procedemento de Valoración Catastral nos petos dos mosenses.
Así, na devandita Comisión de Seguemento, analizouse a posible vía legal de recurso ante a ponencia de valores, para o que se está a facer un estudo do informe xurídico sobre as posibles vías de recurso do Procedemento Simplificado de Valoración Catastral; abordouse a intención de solicitude ao ORAL dun aprazamento da liquidación dos exercicios pasados e da modificación da Ordenanza Fiscal Xeral de Xestión para ampliar a posibilidade do fraccionamento do pago do IBI sen intereses, tratouse o estudo por parte do Concello de posibles bonificacións a aplicar por parte do ORAL e fíxose unha análise da posible redución das valoracións do solo e a realización dun estudo da redución da Ordenanza Fiscal de Vehículos de Tracción mecánica. Deste xeito tentarase paliar o impacto nos bolsillos dos mosenses.
Desde o pasado 12 de abril lévase producido unha avalancha de veciños na oficina municipal de información sobre Catastro do Concello de Mos. A administración local mosense destina desde dita data dúas traballadoras municipais (a arquitecto técnico e unha administrativo) á información pública sobre a nova revisión catastral pola que Catastro realiza unha ponencia de valores do chan e das edificacións aumentando notablemente o importe do IBI aos mosenses. A media diaria de persoas atendidas en Mos en horario de 09.00 horas a 14.00 horas é dun cento.
Catastro irá realizando o envío fraccionado e progresivo destas cartas informativas aos contribuíntes mosenses, a razón dunhas 2.000 cartas por semana ata chegar ás 13.381 destinadas á veciñanza de Mos (correspondentes ao número de fincas afectadas).
A Dirección Xeral de Catastro decidiu engadir as construccións á ponencia de valores do chan en Mos, aumentando aínda máis a subida do IBI aos mosenses. Así mesmo rexeitou o acordo plenario unánime de solicitude de moratoria e decidiu incluír as edificacións sen anunciarllo ao Concello.
O Catastro non só denegou solicitude da Corporación de Mos ao completo, aprobada por unanimidade en Pleno o pasado mes de febreiro, de retirada do anuncio de revisión do relatorio de valores do municipio e unha moratoria de dous anos desta revisión colectiva, impulsada pola Dirección Xeral de Catastro do Ministerio de Facenda, para evitar que a veciñanza teña que enfrontarse a un aumento do Imposto de Bens Inmobles este ano. Senón que ao anuncio da ponencia de valores do chan engadiron tamén a actualización de valores das edificacións, a pesar de que xa realizaran unha ponencia deste tipo hai poucos anos. Esta actualización que afecta as construcións non se comunicou ao Concello nin se anunciou de ningún modo, senón que a administración local mosense decatouse de casualidade por terceiras persoas que teñen acceso á devandita información.
Dada a gravidade do asunto, que a moitas familias supoñeralles centos de euros máis ao ano, e que se iniciou de forma unilateral por Catastro, desde o Concello encargouse un informe xurídico para estudar a posibilidade de recurso.
Desde o Concello de Mos lamentan enormemente que, no medio dunha situación terrible para moitas familias, no medio dunha pandemia e unha crise económica, decídase subir desta forma os impostos á cidadanía con este catastrazo que ademais ten efectos retroactivos.
A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias inician este xoves a segunda edición do “Ciclo Aida Fernández Ríos”, destinado a seguir achegando á cidadanía a importancia da ciencia, mediante dez relatorios ata o mes de xullo, en formato webinario ou semipresencial, e desde setembro con cinco charlas que se desenvolverán en centros educativos da provincia.
Esta primeira xornada estará centrada na contaminación por microplásticos e se desenvolverá ás 19.00 horas de xeito telemático. Carmen Pérez, catedrática de Ciencias de Materiais da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, falará nunha primeira charla sobre “Os microplásticos, que son? A súa incidencia na sociedade actual”. E, a continuación, Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía no Centro Oceanográfico de Vigo, versará sobre “Microplásticos; descifrando o seu impacto no medio mariño”.
As conferencias continuarán o xoves que vén, 6 de maio, con dúas novas intervencións sobre as “pandemias silenciosas”. Todas aquelas persoas que desexen asistir a estas charlas tan só teñen que encher unha solicitude de inscrición no sitio web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal).
O Concello de Nigrán cuadriplicará o orzamento destinado ao servizo de axuda a domicilio, o que permitirá duplicar o número de usuarios ao incrementarse de 165.000 € anuais a 580.000 €. Así o recolle o prego de prescricións técnicas que presentou o goberno local na sesión plenaria de esta mañá co obxectivo de licitar o novo contrato do ‘Servizo de Axuda no Fogar’ (actualmente prorrogado) e que obtivo o voto en contra do PP pese a recoñecer que “a priori son unhas boas bases”. O importe da licitación supón 2’3 millóns de euros, máis dun 10% dos recursos ordinarios do orzamento, polo que o alcalde, como fixo coa tramitación da Biblioteca Municipal, tivo que levar a este pleno unha petición de delegación de competencias para axilizar ao máximo a contratación.
“A excusa do PP para votar en contra é que non coñecen as bases aínda que ao mesmo tempo din lles parecen boas, toda unha contradición, é curioso que leven meses pedindo que axilicemos este contrato e que agora pretendan retardalo máis”, criticou o alcalde, Juan González, quen reprochou que acudisen ao pleno sen ter estudado o expediente no que constan os pregos técnicos desde hai xa dúas semanas.
Tal e como explicou o rexedor, nas bases prima a calidade sobre a oferta económica e a duración será de dous anos con posibilidad de aumentalo a outros dous (de 2021 a 2025). O obxectivo do goberno local é duplicar o número de beneficiarios, sendo actualmente unhas 60 persoas. Ademais, inclúe tamén como baremo a mellora das condicións laborais dos empregados co obxectivo de garantir máis xornadas laborais completas e por vez primeira dá cobertura a todos os días da semana incluídos sábados pola tarde, domingos e festivos (a intensidade horaria depende de cada programa individualizado pero nunca será inferior a unha hora diaria).
Segundo plan de rescate hostaleiro
O goberno local aprobou por unanimidade na sesión plenaria desta mañá un segundo plan de rescate tamén municipal por importe de 120.000 € con cargo ao Remanente e que abrangue novamente ao sector hostaleiro e ao do taxi, este último con axudas que se incrementan dos 70 € aos 400 €. A aprobación destas bases será publicada proximamente no BOP, o que abrirá o prazo de solicitudes.
Neste segundo plan as axudas ao taxi serán por cada vehículo que teña o propietario e independentemente da localidade onde esté expedida a licencia, a diferencia da anterior convocatoria. Por outra banda, no sector hostaleiro auméntanse o número de posibles beneficiarios dentro dun mesmo negocio recoñecendo a figura do autónomo colaborador e de máis socios. “Criterios como o empadroamento, localización do establecemento e domicilios fiscais foron revisados e mellorados nesta ocasión para poder de verdade chegar a gran maioría do sector do taxi e da hostalaría, dando así un paso máis”, resumíu Raquel Giráldez, edil de Desenvolvemento Local, quen aclarou que os desempregados sen prestación que tiveran un contrato neste sector entre o 20/10/2020 e a actualidade terán novamente dereito a 750 €. Finalmente o PP votou a favor pese a criticar na sesión que sexan axudados só os hostaleiros “só por ser os que máis protestaron, é dicir, por un criterio mediático do goberno local”. Neste sentido, o rexedor engadíu que se presentará un tercer plan de rescate dirixido a outros sectores tamén afectados duramente pola pandemia.
Valdoviño
O Concello de Nigrán aprobou oficialmente hoxe a proposta de irmandamento co coruñés de Valdoviño co obxectivo de promover e fomentar a cultura surfista que comparten desde a orixe deste deporte en Galicia nos anos 70. Trátase este do primeiro irmandamento para o municipio e conta tamén co apoio da Federación Galega de Surf e a Asociación de Escolas de Surf de Patos.
Outras cuestións
Paralelamente, o goberno local aprobou en solitario o recoñecemento de pago de 136 en facturas por importe total de 123.657 € e, por unanimidade, delegar o nomeamento do Xuiz de Paz no Tribunal de Xustiza de Galicia. Ademais, aprobouse a primeira ‘Relación de Postos de Traballo’ do Concello de Nigrán proposta polo goberno, aspecto que contou co voto a favor de toda a corporación e que xa viña refrendado pola mesa de negociación sindical. “Por fin cumpriremos co imperativo legal de ter unha RPT aprobada polo Concello de Nigrán, a primeira da súa Historia e que permitirá corrixir desigualdades inxustificables”, sinalou Diego García Moreira, edil de Persoal.
Finalmente, o alcalde de Nigrán recordou á oposición que o Concello de Nigrán dispón dunha partida orzamentaria de 40.000 € para a compra de alimentos e, tal e como lexislou o goberno central ao inicio da pandemia, os municipios poden empregar o seu superavit para cuestións sociais mediante decreto de alcaldía, tal e como xa fixo en xuño de 2020 con 100.000 € destinados a este fin e 20.000 € para a compra de EPIS. “Temos actualmente cartos suficientes para garantir a compra de alimentos aos usuarios dos Servizos Sociais pero, evidentemente, ampliaremos a contía en canto sexa preciso mediante decreto e coa cantidade que se estime necesaria para cubrir esas necesidades, non hai nin haberá ningún problema de falta de cartos para este fin, non confundamos”, reiterou González, quen declinou novamente incluír ás ONG no reparto de alimentos. “Respectamos o seu traballo pero o noso é un servizo público”, sinalou.
O Concello de Arbo, vén de dar por rematados os traballos da segunda fase do ensanche e mellora do camiño de Urzal–Cividá, obras que comezaban nos ultimos meses do ano 2020 e que contaron cun investimento de de 90.978,94 € realizado ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Con este tipo de obras, o Concello de Arbo pretende mellorar a súa rede municipal de estradas e pistas asfaltadas, e pavimentando completamente as pistas que se atopan con firme de terra. Unha das súas prioridades e mellorar a seguridade viaria, executando ensanches e mellorar o trazado nos tramos mais perigosos, realizandose nos últimos anos de goberno máis de 200 acondicionamentos, pavimentacións, ampliacións e melloras en estradas municipais.
Dada a amplía superficie do concello, e o gran numero de estradas existentes, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicado, sendo necesaria proxectos de pavimentación que rexeneren completamente a rodadura en ditas estradas e que melloren a seguridade viaria coa optimización do trazado.
Coas actuacións realizadas pretendeuse mellorar o servizo que ofrece para os usuarios o camiño Urzal–Cividá, obxecto da obra, ao ser un viarioutilizado, tanto por vehículos como por peóns, prevéndose a súa mellora e pavimentación, ao atoparse en mal estado, e así dar continuidade ao mellorado nunha primeira fase, tal e como sinalou o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
Seguindo a mesma linea de melloras en camiños de titularidade municipal, no ano 2021 o Concello ten previsto a última fase das melloras no Acceso ao barrio do Couto en Arbo, a Igrexa a Cequeliños, a humanización da Estrada da Estación de Arbo…. entre outras.
O Concello de Redondela vén de dar conta dunha serie de actos vandálicos acontecidos na mañanciña do domingo que, en forma de pintadas realizadas por persoa ou persoas descoñecidas, afectaron tanto a edificios de vivendas coma a edificios públicos, mobiliario urbano e elementos patrimoniais da vila dos viadutos.
O Goberno local procedeu no día de onte a inventariar todos os danos ocasionados para, ao longo do día de hoxe, presentar a correspondente denuncia nas dependencias da Policía Nacional de Redondela a fin de que desenvolvan as investigacións pertinentes que dean co autor ou autores dos feitos.
Viaduto de Madrid, palco da música e kiosko da Alameda, fachada do mercado de abastos e multiúsos da Xunqueira amenceron o domingo con pintadas ás que se suman as realizadas en varios edificios de vivendas do casco urbano. Por non salvarse destes actos de puro vandalismo, nin se salvaron os carteis da exposición Mulleres da Illa, colgados na Alameda de Redondela e que representan o valor destas mulleres en época da Guerra Civil e da ditadura franquista.
Son feitos, sinalouse por parte do Concello, que “prexudican notablemente á cidadanía” porque para limpar estas pintadas “é preciso empregar o tempo do persoal municipal e cartos do Concello que son diñeiros de todas e todos os veciños”.
Tanto a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como o concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez, condenaron estes feitos “que nada teñen que ver coa lexítima defensa das ideas de cada quen, senón que son actos incívicos e vandálicos dos que carecen do máis mínimo respecto polos bens públicos que son patrimonio de toda a cidadanía”.
Non é esta a primeira vez que estes actos se producen, de feito, no pasado mes de marzo o Concello de Redondela denunciaba feitos similares na área infantil de Vilar do Mato, na parroquia de Ventosela.
O Concello segue chamando á colaboración veciñal para que, no caso de ser testemuña deste tipo de incidentes se poñan en contacto coa Policía Local.
Un accidente entre dous vehículos rematou, onte, con dúas persoas feridas, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño.
Pasadas as 14:00 horas de onte, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de condutores particulares que acababan de ver unha colisión entre dous coches na autovía A-52, arredor do punto quilométrico 287, en sentido a Benavente. As persoas afirmaban que un dos turismos estaba envorcado e que descoñecían se os ocupantes estaban atrapados no interior.
Inmediatamente, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Salvaterra, ao GES-SPEIS de Ponteareas e aos Bombeiros do Porriño. Ademais tamén se alertou aos membros de Protección Civil da localidade e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.
Unha vez chegados ao punto, os medios movilizados confirmaron que non había ninguén atrapado nos vehículos e que, finalmente, dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro.
Para garantir a seguridade da vía e restablecer a circulación, o 112 Galicia tamén lle deu aviso ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada.
Poder gozar da arte efémera e coñecer máis sobre as alfombras florais do Corpus de Ponteareas durante todo o ano. Ese é un dos obxectivos cos que o Concello de Ponteareas lidera unha alternativa pioneira para crear o primeiro museo a ceo aberto de Galicia, unha experiencia de realidade aumentada que procura facer desta festividade un novo referente a nivel tecnolóxico, implicando a grandeza da tradición coas tecnoloxías e incrementando a repercusión destas accións no sector turístico e comercial da vila.
Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, pretende “pór en valor a toda a veciñanza que de forma vocacional transmite de xeración en xeración o coñecemento e a experiencia de crear as alfombras florais”.
Eva Gil explica que, “con este proxecto, as rúas de Ponteareas terán sinalizados os tramos alfombrados a través de marcadores con códigos QR. Así, todas as persoas que enfoquen co seu móbil a algún dos códigos, disporán dunha información atractiva sobre o punto no que se localizan e poderán visualizar material relativo á festa do Corpus, a partir de arquivos multimedia dos que dispón o propio concello, así como consultar a información dos portais nos que se realizan os labores previos como o deseño ou a preparación de materiais.
“A través da realidade aumentada, visualizaranse deseños de alfombras de anos anteriores, vídeos da festa nestes tramos, entrevistas e outro material dispoñible que teña relación con cada un dos puntos do percorrido onde se coloque o código QR”, sinalou a concelleira nacionalista.
Ademais, a partir dos deseños das alfombras dos que se dispón de documentación gráfica, vivirase unha recreación sobre imaxe 360º da rúa, permitindo así á persoa visitante ver cal era o deseño da alfombra nun determinado momento da historia e realizar un percorrido virtual evolutivo da festa.
Punto de Información Turística Dinámico
A concelleira de Promoción Económica sinalou que, para dar a coñecer a oferta turística da vila e obter información permanente do Corpus Christi, o Concello avanza tamén na creación dun Punto de Información Turística Dinámico. “Trátase dun panel que estaría en funcionamento as 24 horas dos 365 días do ano, e que ofrecerá un mapa automático para guiar ás persoas visitantes dentro dos itinerarios dispoñibles na vila”, explicou
Directamente dende o seu teléfono móbil poderán enfocar ao panel e disporán de información relevante de acontecementos temporais e permanentes, permitíndolles escoller como queren vivir a oferta turística da vila. “Porase especial interese na festa do Corpus para que poida ser vivida todo o ano, utilizando material de arquivo de recursos dispoñibles no Concello para a súa posta en valor e poder mostrar algúns dos deseños florais dos pasados anos”, explicou Eva Gil.
O Concello expuxo este ambicioso proxecto á Axencia Galega de Turismo, propondo a colaboración entre ambas institucións para o desenvolvemento destas accións.
O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, reuniuse onte co presidente da Federacion Provincial de Empresarios de Hosteleria de Pontevedra (Feprohos), César C. Sánchez-Ballesteros Fernández e o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona( ACEBA), Marcos Comesaña para tratar da posta en marcha dun proxecto conxunto de asesoramento ao sector servizos da vila para cumprir as medidas de seguridade respecto ao COVID 19. Tamén se aproveitou o encontro para tratar outra inquietudes que preocupan ao sector de Baiona.
O alcalde Carlos Gómez agradeceu tanto a Feprohos coma a Aceba “o seu traballo por garantir que Baiona, un ano máis, sexa un destino seguro e para iso poñerase en marcha este proxecto conxunto a partir do mes de maio”.
“Todos somos conscientes –engadiu o rexedor local– que acabamos de saír dunha situación grave e temos que traballar xuntos para conseguir a recuperación. Temos que ser conscientes de que esta recuperación vai ser gradual. E neste proceso hai un factor fundamental, que é a recuperación da confianza do consumidor, algo que nos concierne a todas e todos e no que todas e todos temos un papel que cumprir”.
Así mesmo Gómez Prado subliñou que “a recuperación no ámbito económico é complexa, depende de máis factores, pero non se pode entender sen a sanitaria”.
Xeración de riqueza e vida
Carlos Gómez Prado destacou a importancia do sector da hostalería na xeración de riqueza e emprego e na achega ao sector turístico desde o punto de vista socioeconómico, “pero tamén os bares, cafeterías e restaurantes lle dais brillo, luz e vida á localidade, aos nosos barrios, prazas e rúas, un valor fundamental que achegades”.
“Contade connosco. O Concello e o seu Goberno Municipal somos os vosos aliados naturais nos vosos obxectivos e na vosa folla de roteiro como sector. Nós necesitámosvos para que a localidade estea viva e funcione. E vós necesitádesnos para que podamos canalizar e converter en realidade as vosas iniciativas e propostas de sector. Necesitámonos os uns aos outros”, remata o alcalde baiones.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.