O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, reuniuse onte co presidente da Federacion Provincial de Empresarios de Hosteleria de Pontevedra (Feprohos), César C. Sánchez-Ballesteros Fernández e o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona( ACEBA), Marcos Comesaña para tratar da posta en marcha dun proxecto conxunto de asesoramento ao sector servizos da vila para cumprir as medidas de seguridade respecto ao COVID 19. Tamén se aproveitou o encontro para tratar outra inquietudes que preocupan ao sector de Baiona.
O alcalde Carlos Gómez agradeceu tanto a Feprohos coma a Aceba “o seu traballo por garantir que Baiona, un ano máis, sexa un destino seguro e para iso poñerase en marcha este proxecto conxunto a partir do mes de maio”.
“Todos somos conscientes –engadiu o rexedor local– que acabamos de saír dunha situación grave e temos que traballar xuntos para conseguir a recuperación. Temos que ser conscientes de que esta recuperación vai ser gradual. E neste proceso hai un factor fundamental, que é a recuperación da confianza do consumidor, algo que nos concierne a todas e todos e no que todas e todos temos un papel que cumprir”.
Así mesmo Gómez Prado subliñou que “a recuperación no ámbito económico é complexa, depende de máis factores, pero non se pode entender sen a sanitaria”.
Xeración de riqueza e vida
Carlos Gómez Prado destacou a importancia do sector da hostalería na xeración de riqueza e emprego e na achega ao sector turístico desde o punto de vista socioeconómico, “pero tamén os bares, cafeterías e restaurantes lle dais brillo, luz e vida á localidade, aos nosos barrios, prazas e rúas, un valor fundamental que achegades”.
“Contade connosco. O Concello e o seu Goberno Municipal somos os vosos aliados naturais nos vosos obxectivos e na vosa folla de roteiro como sector. Nós necesitámosvos para que a localidade estea viva e funcione. E vós necesitádesnos para que podamos canalizar e converter en realidade as vosas iniciativas e propostas de sector. Necesitámonos os uns aos outros”, remata o alcalde baiones.