10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosO Pleno de Mos aproba por unanimidade a rebaixa ao mínimo do...

    O Pleno de Mos aproba por unanimidade a rebaixa ao mínimo do tipo impositivo do IBI

    Con esta medida téntase reducir o impacto do novo Procedemento de Valoración Catastral nos petos dos mosenses

    O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos aprobou en sesión ordinaria do mes de abril, por unanimidade dos seus membros, a Modificación da Ordenanza Fiscal do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para rebaixar o tipo impositivo ao mínimo, pasando do 0,54 actual ao 0,4.

    Esta decisión xa fora anunciada durante a Comisión de Seguemento do novo Procedemento de Valoración Catastral en Mos celebrada o pasado 15 de abril na que tamén se abordaron outra serie de medidas para tentar reducir o impacto deste novo Procedemento de Valoración Catastral nos petos dos mosenses.

    Así, na devandita Comisión de Seguemento, analizouse a posible vía legal de recurso ante a ponencia de valores, para o que se está a facer un estudo do informe xurídico sobre as posibles vías de recurso do Procedemento Simplificado de Valoración Catastral; abordouse a intención de solicitude ao ORAL dun aprazamento da liquidación dos exercicios pasados e da modificación da Ordenanza Fiscal Xeral de Xestión para ampliar a posibilidade do fraccionamento do pago do IBI sen intereses, tratouse o estudo por parte do Concello de posibles bonificacións a aplicar por parte do ORAL e fíxose unha análise da posible redución das valoracións do solo e a realización dun estudo da redución da Ordenanza Fiscal de Vehículos de Tracción mecánica. Deste xeito tentarase paliar o impacto nos bolsillos dos mosenses.

    Desde o pasado 12 de abril lévase producido unha avalancha de veciños na oficina municipal de información sobre Catastro do Concello de Mos. A administración local mosense destina desde dita data dúas traballadoras municipais (a arquitecto técnico e unha administrativo) á información pública sobre a nova revisión catastral pola que Catastro realiza unha ponencia de valores do chan e das edificacións aumentando notablemente o importe do IBI aos mosenses. A media diaria de persoas atendidas en Mos en horario de 09.00 horas a 14.00 horas é dun cento.

    Catastro irá realizando o envío fraccionado e progresivo destas cartas informativas aos contribuíntes mosenses, a razón dunhas 2.000 cartas por semana ata chegar ás 13.381 destinadas á veciñanza de Mos (correspondentes ao número de fincas afectadas).

    A Dirección Xeral de Catastro decidiu engadir as construccións á ponencia de valores do chan en Mos, aumentando aínda máis a subida do IBI aos mosenses. Así mesmo rexeitou o acordo plenario unánime de solicitude de moratoria e decidiu incluír as edificacións sen anunciarllo ao Concello.

    O Catastro non só denegou solicitude da Corporación de Mos ao completo, aprobada por unanimidade en Pleno o pasado mes de febreiro, de retirada do anuncio de revisión do relatorio de valores do municipio e unha moratoria de dous anos desta revisión colectiva, impulsada pola Dirección Xeral de Catastro do Ministerio de Facenda, para evitar que a veciñanza teña que enfrontarse a un aumento do Imposto de Bens Inmobles este ano. Senón que ao anuncio da ponencia de valores do chan engadiron tamén a actualización de valores das edificacións, a pesar de que xa realizaran unha ponencia deste tipo hai poucos anos. Esta actualización que afecta as construcións non se comunicou ao Concello nin se anunciou de ningún modo, senón que a administración local mosense decatouse de casualidade por terceiras persoas que teñen acceso á devandita información.

    Dada a gravidade do asunto, que a moitas familias supoñeralles centos de euros máis ao ano, e que se iniciou de forma unilateral por Catastro, desde o Concello encargouse un informe xurídico para estudar a posibilidade de recurso.

    Desde o Concello de Mos lamentan enormemente que, no medio dunha situación terrible para moitas familias, no medio dunha pandemia e unha crise económica, decídase subir desta forma os impostos á cidadanía con este catastrazo que ademais ten efectos retroactivos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.