Venres, 19 Setembro de 2025

O Pontebike Team ofreceu espectáculo no Campionato Galego de Enduro

O Club de Enduro/Dh de Ponteareas, Pontebike Team, estivo moi presente no Campionato Galego de Enduro, organizado polo VigobikeContest en Vigo, onde os corredores do club ofreceron espectáculo constante.

Ata Vigo desplazaronse mais de dez corredores, onde todos eles disfrutaron dun gran circuito e boa organización.

A corredora Cadete Lucia Piñeira conseguia rematar o circuito e conseguir facerse co titulo de Campiona Galega de Enduro na sua categoría, estrenándose nas competicions de descenso.

Varios dos corredores tiveron varias averias mecánicas pero todos eles conseguiron rematar a carreira.

O Club tamén se atopa en plena preparación e organización do Campionato Galego de Dh que se celebrará en Ponteareas, nos montes da Picaraña.

Se eres amante del Enduro, Dh o Xco, non dudes en contactar con eles para Federarte para a próxima tempada, a través do seu email [email protected] ou no teléfono: 653461257.

Salvaterra inicia as obras de mellora do camiño de Costa, en Óleiros, e na estrada Arantei-Entenza

As obras incluídas neste proxecto consisten na mellora da pavimentación de dous camiños municipais, un deles no Barrio de Costa, na Parroquia de Oleiros e o outro que conecta a parroquia de Arantei ata o límite do Concello coa Parroquia de Entenza, de Salceda de Caselas, atopándose a totalidade da obra dentro do termo municipal salvaterrense.

[su_image_carousel source=”media: 39099,39097,39096″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ámbolos dous camiños estaban pavimentados con aglomerado pero nun estado avanzado de deterioro, polo que se formulou unha renovación completa da capa de rodadura. Así pois, para a pavimentación definitiva, estenderase e compactarase unha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente tipo AC 16Surf 50/70 nunha superficie total de preto de 5.000 metros cadrados, co fin de mellorar o servicio que ofrecen ditos viais.

O prazo de execución de esta obra será dun mes e ten un presuposto total de 60.151,85 €, actuación que o Concello de Salvaterra de Miño levará a cabo a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda congratúlase do reforzo do Centro de Saúde

0

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda avalia de xeito positivo o reforzo do Centro de Saúde con 3 novos facultativos, co que pasarán a ter 6 dos 8 que corresponden. Levan moito tempo denunciando a situación inadmisíble do centro coa falta de cobertura de ausencias prolongadas, chegando a darse a situación de só ter 3 médicos de xornada ordinaria. As consecuencias apareceron en forma de deterioro na calidade asistencial, de desatención de milleiros de persoas, sobrecarga do persoal do centro e aumento na demora para conseguir unha cita.

Ao longo deste tempo, a poboación e os veciños da Guarda acompañaron e participaron nas mobilizacións, secundadas tamén polo propio persoal do centro. Enténdese que, sen esta acción colectiva, sen esta implicación da sociedade guardesa, esta noticia non sería posible. A presión, a organización e a mobilización popular non son só efectivas, senón que son a única vía para facer valer os dereitos.

A pesares das boas novas, as reivindicacións son claras e transparentes: cobertura plena das ausencias do centro até completar os 8 médicos de Atención Primaria, ambulancia medicalizada na zona e duplo equipo no PAC.

O PAC atende a poboación tamén de Oia e o Rosal. En Oia actualmente non hai médicos e no Rosal falta 1 dos 3. Estando no inicio do verán, período en que se triplica a poboación da Guarda e que coincide coas vacacións e descansos lexítimos do persoal que atende. Todos estes elementos configuran unha situación de risco para a poboación, que se verá atendida durante boa parte do mesmo só por 4 médicos, que non terá opción de atención en horario de PAC no caso de saída dese equipo a unha emerxencia, que pode verse na situación de non ter unha ambulancia disponíbel para unha situación extrema.

Por iso, dentro da satisfacción que produce a consecución dun logro como o que hoxe celébrase, a garda continua alta a fin de non retroceder un só paso, a fin de non dar por perdidos as reclamacións que lexitimamente mantemos.

O Concello de Ponteareas adxudica 70.000 euros en subvencións ás traídas veciñais de auga

O Concello de Ponteareas vén de adxudicar 70.000 euros en axudas ás traídas de augas veciñais de 7 parroquias para a mellora das instalacións durante o 2021. A través destas subvencións en réxime de concorrencia competitiva, o goberno municipal busca colaborar coas Comunidades de Usuarios de Augas de Consumo “para que realicen investimentos nas traídas veciñais que redunden na melloría do servizo, que sirvan para fomentar o asentamento no rural, para promover o emprego local e para dinamizar o asociacionismo veciñal na nosa vila”, como destacou a alcaldesa Cristina Fernández Davila.

Na web municipal pode consultarse a resolución provisional destas axudas, que cobren ata o 80% do investimento a realizar cun límite de 18.000 euros por traída. Nesta convocatoria recibíronse un total de 18 solicitudes, das que finalmente foron aprobadas as presentadas polas comunidades de augas de Cumiar, Santiago de Oliveira, Coelleira Rebordiños, Outeiro Guláns, Arcos, Ballea-Prado e Guillade de Abaixo.  

Estas axudas fináncianse con fondos propios do Concello e comezaron a adxudicarse dende 2018 tras superar a situación de bancarrota económica anterior. Durante moitos anos as comunidades de augas foron xestionando o seu propio subministro, en moitas ocasións coa construción de pozos particulares nos fogares, pero a seca e os incendios provocaron que moitos pozos esgotaran e as redes de abastecemento das traídas sexan insuficientes. “Para o Concello trátase dunha cuestión de vital importancia, por iso debemos colaborar todo o que poidamos coas comunidades de augas, que están a facer un labor fundamental para que a gran maioría da veciñanza rural conte con este servizo básico e prioritario, algo que queremos agradecer profundamente”, salientou a rexedora.

Esta pioneira convocatoria de axudas permitiu realizar nos últimos anos investimentos por importe superior a 500.000 euros na maioría das parroquias con traídas veciñais. Entre as obras realizadas inclúense melloras nos sistemas de captación de auga, sistemas de almacenamento e  potabilización e melloras nas redes de distribución de augas.

Onte tivo lugar a II Xornada Inclusiva en Tui

0

No día de onte, martes 15 de xuño, no CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui tivo lugar as II Xornada Inclusiva. A inauguración das mesmas realizáronna o Xefe Territorial da provincia de Pontevedra, César A. Pérez Ares, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.

Nesta ocasión acudiron diversos expertos e expertas, tanto do ámbito da práctica educativa coma do ámbito teórico, aportando experiencias e boas prácticas educativas inclusivas e sustentándoas coa base teórica que permite entender a súa necesidade. En concreto, colaboraron de xeito altruísta a asesora do CFR de Vigo e experta na aprendizaxe cooperativa, Carmen Vaz, Rafael Pérez de Lis, experto en Prácticas Restaurativas, e formador no centro neste senso; o profesor de Teoría da Educación da Universidade de Málaga, investigador da diversidade e dos procesos de exclusión e inclusión educativa, Ignacio Calderón; a experta en innovación educativa inclusiva e Deseño Universal da Aprendizaxe, Coral Elizondo e o profesor de Historia do IES San Paio, Miguel Abraira.

Nestas ponencias tratouse a importancia de recoñecer a inclusión coma un dereito, dereito a que poidan aprender xuntos alumnado diferente, salientando os seus talentos e achegando estratexias que lles permitan superar as súas debilidades; a necesidade da colaboración, non só do alumnado, senón entre o propio profesorado creando unha verdadeira cultura colaborativa; a potencialidade da aprendizaxe cooperativa coma un fin en sí mesma e coma medio para acadar unha verdadeira convivencia inclusiva; a importancia de implicar nesta convivencia e os procesos que nela existen á comunidade educativa, facendoos partícipes e conseguindo así unha convivencia positiva, baseada no respecto mutuo, a comprensión e a responsabilidade da comunidade.

Estas xornadas, ao igual ca o ano pasado, estiveron abertas a toda a comunidade educativa, participando nas mesmas familias, docentes de diversas etapas e especialidades, membros de servizos sociais e da corporación municipal… Dadas as circunstancias actuais, nesta ocasión, facilitouse tanto a asistencia presencial con aforo limitado, coma a participación de xeito telemático. Tamén participou o alumnado de 6º curso de educación primaria como mestres de ceremonias.

Dende o centro queren agradecer a presenza e participación nestas xornadas de todas as persoas que as fixeron posibles.

Nigrán presume de nova e vangardista biblioteca

0

Nigrán conta xa cunha espectacular biblioteca que constitúe “un dos grandes exemplos da transformación da provincia” como asegurou hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, durante a visita que realizou ás novas instalacións xunto co alcalde, Juan González, o deputado Santos Héctor, e concelleiras e concelleiros do goberno local. Trátase dun edificio espectacular, vangardista e deseñado con todos os criterios de sustentabilidade, que foi financiado co Plan de Reequilibrio da Deputación que, como sinalou o rexedor, vai permitir xerar “centralidade” e a unión da veciñanza no concello de Nigrán.

A nova biblioteca, na que se investiron 1,8 millóns de euros (o 80% pola Deputación a través do Plan de Reequilibrio e o restante 20% polo Concello) ten 1.260 metros cadrados e confórmase nun edificio vangardista e bioclimático deseñado con criterios de sustentabilidade. Está distribuída en catro plantas: un andar baixo para zona de recepción e diversos servizos, un primeiro andar para a sala de ordenadores e sala de préstamo infantil e xuvenil, un segundo para sala de préstamo de literatura para adultos e, finalmente, un terceiro andar coa sala de estudo e catro salas pequenas. Está coroado por unha terraza con “vistas ao paraíso”, como destacou Carmela Silva.

A presidenta provincial destacou que a nova dotación plasma á perfección o “aspecto do público, que é o que nos iguala, o que permite que todas as persoas poidamos ter acceso a todo o que nos pertence, neste caso o que ten que ver co acceso á cultura”. Neste senso, incidiu en que a cultura, a lectura e os libros “teñen que estar no centro das prioridades das administracións” e esta biblioteca está “chea dos mellores valores da sociedade”. A presidenta louvou tanto a “extraordinaria” obra arquitectónica, “de gran beleza e cun espazo absolutamente coidado ata o máis mínimo detalle, que vai ter seguro moitos premios”, como o traballo desenvolvido pola construtora. “Nigrán é un dos concellos máis relevantes da provincia –sinalou- e merecía un espazo como este, que amais de facilitar unha nova dotación cultural, vai ser un elemento de atracción e desenvolvemento de moitas actividades, un espazo pluridisciplinar que vai dar moita felicidade”, apuntou.

A presidenta tamén subliñou o feito de que foi unha obra “complexa” que se resolveu grazas “a mostra de moitas vontades traballando para acadar o que hoxe e un exemplo a seguir”. “Isto non é só a biblioteca de Nigrán, senón que é a biblioteca da provincia de Pontevedra –engadiu-. Vai ser a envexa de calquera concello, dos grandes, os do medio e os pequenos, porque é unha auténtica marabilla. Vou presumir moito desta grande obra e de que cos recursos públicos que a Deputación pon a disposición dos concellos, sobre todo dos  de menos 20,000 habitantes, sexamos capaces de facer estes equipamentos. E supón un novo reto, porque  haberá que seguir facendo cousas para que a xente, viva onde viva teña os mesmos dereitos e servizos. É unha garantía que temos que perseguir”.

Pola súa banda, o alcalde Juan González  destacou que esta nova biblioteca vai xerar “esa centralidade que en Nigrán botábamos de menos. Nos faltaba algo que xerara ese espazo de convivencia e unión da veciñanza, e que mellor que facelo cunha biblioteca”. “Para nós era fundamental que co Plan de Reequilibrio tivéramos unha obra tan significativa que falara de educación e cultura e a unión da veciñanza e este edificio o vai xerar”. O alcalde apuntou que a nova dotación “é o resultado da  paciencia, cariño e calma”, tal e como rezaba o lema do concello neste ano de pandemia e subliñou especialmente a “paciencia” da institución provincial “para salvar os escollos durante a tramitación, que nos retrasou máis do que quixéramos”, e da empresa construtora, “porque foi capaz de facer en catro meses algo que parecía imposible e puxéronlle moitísimo cariño á obra”. Tamén destacou a calma e o cariño dos arquitectos que deseñaron o proxecto, Juan Pons e Lucas Gándara.

Carmela Silva aproveitou a visita para anunciar tamén que a Deputación está a piques de finalizar o proxecto da senda de Chandebrito, “e unha vez que estea redactado asinaremos o convenio para iniciar as obras”. “Temos un altísimo compromiso co medio ambiente, con garantir a mobilidade segura e lugares como hai en Nigrán que realmente son dunha beleza natural impresionante, temos que facer que a xente poida vivir en espazos mellores e atraer a visitantes que reclaman cada vez máis estas actuacións”.  Destacou así mesmo o traballo conxunto e o clima de colaboración co Concello: “ Este concello igual que outros da provincia non hai quen o recoñeza, e colaboramos xuntas e xuntos porque temos un proxecto común”.

Volve o programa de roteiros turísticos “Descobre Gondomar”

0

O goberno de Gondomar, a través da Concellería de Turismo, dirixida por Rocío Goberna, reanuda o programa de rutas turísticas “Descobre Gondomar” que na súa volta convidará aos interesados e interesadas a coñecer o Pazo do Conde de Gondomar.

Esta primeira cita con “Descobre Gondomar” desenvolverase o próximo 24 de xuño, a partir das 18.30 horas, e a visita acoutará a un grupo máximo de 20 persoas, seguindo todas as medidas de seguridade vixentes ante a Covid19, como son o uso das máscaras ou  manter distancia social.

A visita, dunha duración aproximada de 90 minutos, partirá da Praza Paradela ata o acceso do Pazo do Conde onde se visitará a súa zona axardinada, a muralla que o rodea e, posteriormente, accederase ao seu interior.

Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude de forma previa enviando os seus datos á dirección de correo [email protected] ou chamando ao teléfono 678 87 49 85, rexistrándose por orde de inscrición ata completar as prazas previstas.

O alcalde da Cañiza entrega os diplomas ás alumnas do curso de atención sociosanitaria

0

Onte o alcalde de Cañiza, Luis Piña, fixo entrega dos diplomas acreditativos de asistencia ao curso gratuito de atención sociosanitaria a persoas dependentes, organizado polo Concello e impartido no Aula Cemit da Casa de Cultura.

Este curso iniciouse o pasado día 13 de abril e tivo unha duración total de 80 horas lectivas.

As alumnas tiveron a oportunidade de prepararse para coñecer as características e necesidades de atención hixiénica e sanitarias das persoas dependentes, técnicas de mobilización, traslado e deambulación e  nutrición e técnicas de administración da inxesta de medicación neste tipo de dependente.

Onte rematou este curso, altamente demandado pola necesidade crecente de este tipo de servizo debido ao elevado índice de poboación envellecida e dependente, e que cada vez son máis as institucións sociais que reclaman este tipo de especialización nos traballadores para poder ofrecer un servizo de calidade aos nosos maiores.

O Pleno de Redondela aproba “por razóns de interese público” a continuidade do contrato do servizo de limpeza

0


O Pleno da Corporación Municipal de Redondela aprobou dar continuidade ao contrato do Servizo de Limpeza dos edificios, dependencias e espazos municipais, logo que no mes de maio o grupo municipal do PP, e en dous plenos, votase en contra tanto da continuidade do servizo coma dos pregos polos que se tería que rexer a nova contratación.

Cómpre salientar que no 2016, con Goberno do PP, aprobábase en Pleno a contratación do servizo de limpeza por un período inicial de dous anos máis dúas prórrogas dun ano cada unha delas. Daquela, o PSOE abstíñase para que o contrato puidera saír adiante e “non bloquear a prestación dun servizo imprescindible para a cidadanía”, lembra Digna Rivas.

Neste mes de maio, o Goberno local levaba a pleno a aprobación dos pregos polos que se rexería a contratación do servizo e a continuidade do mesmo en tanto non se aprobasen os anteditos pregos, punto que contou, en dous ocasións consecutivas, co voto en contra dos populares pese a que os pregos eran similares, ainda que mellorados, que os presentados polos populares no 2016.

O Grupo Municipal PSdeG-PSOE denunciou a actitude do Partido Popular que, cando gobernaban, votaba a favor da contratación do servizo e agora, “coa máis absoluta irresponsabilidade, impediron por dúas veces que o Goberno local puidera sacar adiante os pregos para a súa concesión”.

A postura do PP, apuntan os e as socialistas, “de claro oportunismo político e de, unha vez máis, intentar bloquear ao Goberno sen pensar nas consecuencias que poida sufrir a veciñanza, choca de fronte coa coherencia do BNG que, dende sempre, se manifestou favorable á remunicipalización do servizo de limpeza, sempre votaron en contra e seguen mantendo a súa postura”.

O máis sangrante, “é que agora o PP, unha vez que se da conta de que a súa negativa pon en grave risco á saúde veciñanza, opte pola ‘fuxida cara adiante’ e queiran aparecer como salvadores dun servizo de limpeza que estiveron boicoteando dende hai tempo”.

Tan penosa como esta actitude, afirma Digna Rivas, é o feito “de opoñerse insistentemente á aprobación dos pregos de contratación do servizo pero, ao mesmo tempo, sen poñer ningunha alternativa, proposta ou solución enriba da mesa. E a máis clara definición do non polo non”.

En todo caso, Rivas quere transmitir á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade ao asegurar que “baixo ningún concepto e pese a quen pese, Redondela quedará sen servizo de limpeza” e lembrou a alcaldesa socialista, que ese servizo e imprescindible para a cidadanía xa que se está a falar da limpeza dos colexios, dos pavillóns de deportes, do conservatorio, do multiúsos, “de espazos públicos utilizados pola veciñanza e que, nestes tempos dunha pandemia que aínda segue aí, precisan dunha limpeza reforzada”.

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE non dubida que “a irresponsabilidade” dos populares quedará novamente patente cando se trate o tema do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) aínda que adiantan que se manterán “todas as reunións que sexan precisas para poder sacar adiante outro dos servizos imprescindibles para a cidadanía e que atente ás persoas máis vulnerables”.

A Escola de Música de Xinzo abre o prazo de inscripción para o III Concurso de Solistas

O vindeiro sábado 3 xullo terá lugar no auditorio do Centro Cultural de Xinzo o III Concurso de Solistas da Escola de Música e xa é posible inscribirse para participar. Só poderán facelo aqueles alumnos matriculados na Escola no actual curso 2020/2021, aínda que os gañadores do primeiro premio nas edicións anteriores non poderán competir na mesma categoría.

O concurso consta dunha soa fase na que os participantes tocarán por orde alfabética de primeiro apelido, comezando por unha letra elixida ao azar o propio día do concurso. A obra ou estudo a interpretar será elección persoal do participante, pero en ningún caso poderá estar acompañado por un pianista.

Os participantes divídense en tres categorías diferentes —A, B e C—, dependendo do nivel do músico. Na categoría para poden inscribirse os participantes matriculados en primeiro ou segundo nivel elemental; na B, os de terceiro e cuarto nivel elemental e os de nivel complementario que non cumprisen 18 anos na data do concurso; e o a categoría C, alumnos de nivel complementario maiores de 18 anos.

O xurado do concurso será o que proclame aos gañadores. Estará formado por profesores da Escola de Música e representantes da Banda de Música. O día do concurso cada participante deberá entregarlle tres fotocopias da obra ou o estudo para interpretar e calquera membro do xurado poderá deter a actuación se así o considera.

Os premios son diferentes segundo as categorías nas que se participe. Na categoría A tan só obsequiarase con agasallos aos participantes, mentres que tanto os da B como os da C recibirán axuda económica para compra de material musical —50 €, 40 € ou 30 € dependendo do premio que se gañe—, ademais de participar nun concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo como solista o gañador do primeiro premio.

Os interesados en inscribirse deben encher o formulario correspondente e depositalo na caixa de correos que se atopa na porta da oficina da Escola de Música. O prazo expira o próximo 11 de xuño.

O Concello de Nigrán apremia ao operados R a que leve a fibra óptica aos 42 núcleos pendentes desde 2020

0

O Concello de Nigrán apremia á operadora R a que acometa no menor prazo de tempo posible a instalación de fibra óptica en 42 núcleos do municipio que están pendentes desde o ano 2020, data límite outorgada no Plan Estratéxico Nacional do goberno do Estado. Estas zonas nas que non se desplegou, pese a estar contempladas e adxudicadas a R, afectan especialmente ás parroquias de Priegue (Mámoa, Navas, parte de Av. Pablo Iglesias, entre outras), Parada (Laxe, Tinde, Cabaleiros, entre outras) e Camos (Carballal, Carballeira, Touza, entre outras).

“Conseguimos grandes avances nos últimos meses coa incorporación dos barrios de A Rotea, Piñeiros, Levada e Lama en Camos; Mallón en Ramallosa ou Igrexa e Rabadeira en Parada”, explica o edil Diego García Moreira, quen destaca especialmente o recente desplegue de fibra en 28 vivendas unifamiliares de A Ramallosa da contorna de Romana Alta. “Esta zona de A Ramallosa nin sequera estaba contemplada por ningún operador, por iso estivemos intermediando sen descanso para que non quedase fora”, indica García Moreira, quen avanza que “están en estudo outros 60 fogares da Ramallosa tras requirilo desde o Concello”. Así, neste núcleo urbano ata agora a fibra estaba limitada aos bloques de vivendas, non ás casas unifamiliares.

Igualmente, o goberno de Nigrán anuncia que asumirá a instalación de fibra óptica propia en todos aqueles núcleos que queden ao marxen do Plan Estratéxico de Banda Ancha ou que finalmente non sexan atendidos polos operadores. “Calquera núcleo que estivese contemplado e non se instale fibra por parte do operador correspondente ou que quede a marxe das zonas previstas, esperamos que realmente sexan poucos núcleos e interviremos neles” explica o edil Diego García Moreira.

“Somos conscientes de que é un tema vital para a veciñanza e de que temos que loitar para que as teleoperadoras rachen coa fenda tecnolóxica que existe entre o urbano e o rural. Hoxe en día internet supón o cordón umbilical do progreso e a totalidade da localidade ten que estar subida a ese tren, non podemos estar no século XXI con velocidades efectivas menores de 1 MB”, considera o alcalde, Juan González.

O Concello de Ponteareas substituirá parte da cuberta da piscina municipal para arranxar as deficiencias que presenta

O Concello sacou a licitación as obras de substitución parcial do material da cuberta da piscina municipal de Ponteareas, integrada no Complexo Deportivo Álvaro Pino, un edificio construído hai 26 anos e que presenta “un deterioro en parte das súas instalacións polo paso do tempo”. “O edificio da piscina entrou en funcionamento en 1987 e agora presenta danos substanciais nos materiais tanto da cuberta do volume principal, que abarca o vaso da piscina e as gradas, como da secundaria, que afecta aos vestiarios. Dende o Concello queremos poñer solución a estas deficiencias para que a veciñanza continúe gozando dunhas instalacións municipais en perfectas condicións”, explica Miguel Bouzó, edil da Concellaría de Deportes, área encargada das obras.

O panel sándwich da cuberta do volume principal e secundario presenta perforacións que implican a entrada de auga, zonas de oxidación da chapa, perda de fixacións e canlóns deficientes. As mesmas deficiencias presenta a bóveda de policarbonato do segundo volume, moi deteriorado e con perda de transparencia e sucidade interior.

Para arranxar estes problemas, procederase á desmontaxe dos paneis solarse situados na cuberta e substituirase o panel sándwich do volume principal e do segundo, así como a bóveda de policarbonato. Tamén se procederá a cambiar os canlóns de recollida de augas pluviais nos dous volumes e a executar os remates de encontros dos paneis e da bóveda cos petos perimetrais. Ademais, instalarase unha liña de vida para posteriores tarefas de mantemento da cuberta. Os paneis solares volverán montarse na cuberta da piscina tras as reparacións.

Estes traballos están en fase de licitación por un importe máximo de 129.470 euros. As empresas interesadas en concorrer terán ata o vindeiro 17 de xuño ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas a través da Plataforma de Contratación do Sector Público.

Asociación de Empresarios de Redondela e praceiros colaboran para a mellora da praza de abastos

0

Un restyling da imaxe de marca que se adapta ao verdadeiro xeito de referirse a este espazo de comercialización de produto fresco preside a porta de entrada da sección do peixe. A proposta de chamarse simplemente A Praza xurdiu dos propios praceiros xa que esa é a forma tradicional de referirse ao mercado de abastos.

A implementación da marca tamén se comenzou a colocar sobre a indumentaria laboral. Unha nova uniformidade que ven a complementar as accións que xa se veñen poñendo en marcha dende o pasado ano nas Prazas de Abastos de Redondela e Chapela.

Ambas entidades, Asociación de Empresarios de Redondela e Asociación de Praceiros, veñen traballando conxuntamente para a dinamización do Mercado de Abastos. As intervencións para a mellora da imaxe seguen sendo unha prioridade pero neste ano esperan poder realizar actividades orientadas a dinamización do consumo dos produtos frescos que se comercializan nas prazas. A posta en valor desta tradicional forma de comercialización de produto fresco e a súa importancia para manter unha dieta saudable serán os principios que guiarán as novas accións de dinamización previstas.

A nova indumentaria foi deseñada conforme as necesidades expresadas polos praceiros e praceiras entre as que compre destacar as baixas temperaturas e a humidade que sofren durante todo o inverno e que se ve acentuada nas épocas de choivas polas filtracións da cuberta do mercado e o deficiente estado do chan.

Polo tanto, procurouse unha indumentaria quente e tamén confortable xa que a montaxe e desmontaxe diaria das mercadorías e o seu traslado ás cámaras require dunha indumentaria flexible que facilite o movemento.

As cores azul, para a zona de peixes, e verde, para a zona da froita, serán as predominantes pero tamén a carne, o servizo de cafetería e outras actividades complementarias contan coa súa propia indumentaria.

Gondomar lembra a importancia de recoller o lixo coas mensaxes do alumnado do CEIP Souto Donas

0

O alumnado do Souto Donas de Gondomar, acompañado por tres das súas profesoras, repartiron polas papeleiras do Parque da Coelleira, carteis que deseñaran previamente no colexio e adaptado para poder fixalos nelas. Con axuda dun funcionario municipal, aparafusaron os letreiros coa mensaxe clara que se quere trasladar: “Se tiras lixo ao chán, @s nen@ s tristes estarán”.

Click para ampliar

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, recibiu aos pequenos e pequenas no Concello e agradeceu “o traballo tan importante que facedes para defender o noso medio ambiente e manter limpo Gondomar”. Engadiu que “sodes todo un exemplo para todos nós”.

Un traballo que dende o concello se preparou para que luza tamén como un cadro no colexio “para que vos acordedes sempre do gran traballo que fixestes en materia de concienciación”, asegurou o alcalde, que estivo acompañado neste encontro pola edil de Educación, Araceli Regueiro, e o responsable de Medio Ambiente, Brais Misa.

Os pequenos e pequenas do Souto Donas terminaron a mañá realizando unha recollida de entullos, papeis ou residuos que se atoparon no traxecto da súa excursión.

O Club Tenis Ponteareas abre a inscrición para o ‘XI Open Tenis Vila do Corpus’

O próximo 24 xuño dará comezo en Ponteareas o XI Open Tenis Vila do Corpus organizado polo Club Tenis Ponteareas nas pistas da Freixa. O torneo, todo un clásico no sur da provincia, disputarase durante unha semana e media ata o 4 de xullo e o club xa ten aberta a inscrición.

Click para ampliar

Do mesmo xeito que no resto de edicións, o torneo disputarase en categoría Infantil, Cadete, Absoluto Masculino e Feminino, e Veteranos +35 e +45 Masculino. Ademais, este ano súmanse dúas novas categorías: Benjamín e Alevín, para menores de entre oito e once anos.

Os campións e subcampións de cada categoría recibirán os trofeos correspondentes, ao que se lle sumará un premio en metálico de 2.000 € a repartir entre os gañadores das categorías Absoluto Masculino e Feminino.

As persoas que desexen competir no torneo deberán realizar a inscrición a través da plataforma de Ibertenis ou directamente nesta ligazón. O prazo remata o vindeiro o 20 de xuño.

A Deputación subvenciona aos festivais audiovisuais da marca provincial Rías Baixas Film Fest 2021

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos cara adiante no seu apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais na provincia. Deste xeito a Xunta de Goberno vén de aprobar destinar 150.000 €, 20.000 € máis que no 2020, aos Rías Baixas Film Fest 2021, a marca que impulsou a institución provincial o pasado ano da man do sector e que integra aos festivais FICBueu (Bueu), Novos Cinemas (Pontevedra), Cans (O Porriño), Play-Doc (Tui), Galician Freaky Film (Vigo), Festival Primavera do Cine (Vigo), Festival de Cine Inclusivo (Vigo) e Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía).

As achegas, dirixidas ás entidades sen fins de lucro que promoven e desenvolven os festivais, oscilan entre os 7.550 € de contía mínima aos 29.500 de máxima.  A presidenta da Deputación Carmela Silva detallou que o FicBueu recibirá 27.500 €, Novos Cinemas 22.000€, Cans 25.000 €, Play Doc 29.549, Galian Freaky Film 7.550 €, Primavera do Cine 9.900 €, Festival de Cine Inclusivo de Vigo 8.500 € e Curtas Festival do Imaxinario 20.000 €. Tamén recordou que ao igual que o pasado ano estas subvencións, cuxas bases foron revisadas e acordadas co sector, diríxense a eventos cunha duración mínima de catro xornadas e ao menos 20 proxeccións; con  cinco sesións ou un 10% de títulos de produción/dirección galegas; que conten cun mínimo de catro edicións consecutivas anteriores (exceptuando o 2020 por mor da covid) , empreguen a lingua galega na comunicación e inclúan actividades paralelas educativas ou formativas.

Ademais destas axudas a Deputación ten tamén en marcha, entre outras iniciativas centradas no audiovisual, o programa de mecenado “Pontevedra, plató de Cinema”, que conta neste 2021 cun orzamento de 900.000 €, e os premios #Mulleresnofoco dirixidos a incentivar o talento, traxectoria e perfís de mulleres deste sector.

Magníficos resultados do C.N. Ponteareas no Campionato Galego Máster de verán de natación

A pasada fin de semana, 12 e 13 de xuño, o complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas acolleu o Campionato Galego Máster de natación, unha cita na que se deron cita preto de 250 nadadores e nadadoras de 25 clubs galegos. Era esta á única cita autonómica da categoría esta tempada, logo da cancelación, por motivos sanitarios, do campionato galego de inverno o pasado febreiro.

O evento celebrouse baixo un protocolo sanitario estricto que engadía, por exemplo, a entrada e saída ao recinto mediante código QR e, como ven sendo habitual, sen público na grada.

[su_image_carousel source=”media: 39031,39030,39029,39027,39026,39025,39024″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A nivel deportivo, o club anfitrión obtivo uns resultados máis que salientables: campións gaegos na categoría conxunta; campioas galegas na categoría feminina e subcampións galegos na categoría masculina e proclamándose os nadadores do CN Escualos, campións galegos.

Aproveitando a cita, o sábado fíxose entrega tamén do trofeo de Campións de Liga 20-21, galardón que tamén acadou o equipo máster do C.N. Ponteareas, como resultado da regularidade amosada nas 5 xornadas de liga.

Máis alá dos resultados deportivos, a organización do campionato foi gabada polos clubs participantes, recollendo numerosas mensaxes de agradecemento de nadadores e nadadoras que agradeceron as mostras de agarimo, profesionalidade e os pequenos detalles que fixeron que as e os participantes só tivieran que ocuparse de disfrutar da natación.

O club agradece asemade a colaboración dos voluntarios, colaboradores e patrocinadores e por suposto o respaldo do Concello de Ponteareas para facer realidade esta fin de semana Deportiva.

Crecente humanizará o acceso aos equipamentos públicos e construirá un novo polideportivo grazas á Deputación

0

As dúas grandes obras financiadas pola Deputación en Crecente e que transformaron a “fisonomía” deste municipio do interior da provincia de Pontevedra foron inauguradas hoxe pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Julio César García-Luengo, acompañados do deputado Gregorio Agís e varios concelleiros. Os proxectos, valorados en 955.315 euros, permitiron, por unha banda, a humanización integral da rúa de García Neira, que a pesar de acoller o groso dos equipamentos públicos do municipio, carecía de beirarrúas en todo o seu percorrido, e, pola outra, a construción do complexo formado polo novo edificio polideportivo e as pistas de pádel. Carmela Silva amosouse “asombrada” polos resultados. “O que máis me agrada é que a veciñanza de Crecente vai ter máis cousas das que sentirse orgullosa”, afirmou.

A presidenta da Deputación destacou que o “case millón de euros” investido en Crecente, a través do Plan DepoRemse e o Plan de Reequilibrio, serviu para converter en realidade “equipamentos e dotacións que igualan”, “unhas instalacións de altísimo nivel comparables con esas das que presumen as grandes cidades” e que contribúen decisivamente a que as persoas que viven no rural se reafirmen: “en ningún lado se vive coa calidade de vida que hai no rural”. Silva engadiu, que vistos os resultados alcanzados, “estou segura de que o alcalde xa está a preparar proxectos para presentar ao novo plan extraordinario da Deputación, o ReacPon, (Reacción Pontevedra Provincial), que vimos de presentar”.

A visita incluíu a sorpresa do descubrimento dunha placa no novo polideportivo de Crecente, que non estaba prevista na axenda e que foi un xesto de agarimo do alcalde. Nesta instalación tamén se comprobou a calidade do mobiliario e aparatos de ximnasia, adquiridos con fondos do Plan Concellos. “Aquí, en Crecente, cumpriuse non ao cen por cen, senón ao mil por mil e fixéronse obras e dotacións de altísimo nivel, así que as veciñas e veciños van aplaudir moito”, explicou Carmela Silva, quen concluíu que, ademais de facilitar a accesibilidade a tódolos equipamentos municipais agrupados na rúa de García Neira, executouse un polideportivo que pon a práctica deportiva ao alcance de todos/as, algo que é de valorar, especialmente nestes tempos de pandemia.

Julio César García-Luengo cualificou a xornada como “un día de agradecementos”, en primeiro lugar para a presidenta da Deputación. Destacou a calidade das obras na rúa de García Neira e que, ademais do previsto, resolvéronse tamén cuestións como o pintado da fachada das vivendas sociais, o peche da casa do conserxe do colexio e o arranxo do tellado da escola infantil, “unha longa relación de melloras coas que saímos beneficiados/as tódolos/as veciños/as”. Ademais cualificou como unha necesidade o novo polideportivo, así como a aposta polas pistas de pádel “un deporte ao alcance de calquera persoa, calquera condición e idade”. O primeiro edil recolleu a “luva” que lle lanzou Carmela Silva e avogou por lograr para Crecente un novo proxecto no marco da convocatoria ReacPon: “a ver se temos sorte, porque en Crecente levamos a cabo os proxectos tal e como saen as bases”. Neste senso animou a Carmela Silva a “seguir adiante con este tipo de plans extraordinarios”. Finalmente agradeceu a aposta da Deputación polo Plan Concellos, a fórmula de financiamento anual regrado a tódolos concellos de menos de 50.000 habitantes: “quero”, concluíu, “agradecerlle á Deputación que crea nos concellos”.

Transformación da rúa de García Neira

Con cargo ao Plan DepoRemse, de mobilidade segura, executáronse as obras de humanización da rúa de García Neira, cun investimento total de 500.000 euros. A actuación supuxo unha transformación completa dos 570 metros desta céntrica rúa que arranca a escasos pasos da Casa do Concello e que dá servizo á Escola Infantil, o Centro de Saúde, a Residencia de Maiores San Pedro, o Pavillón Municipal, o CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro, un bloque de 10 vivendas sociais e 12 vivendas de mestres, parcialmente propiedade do Concello. A maiores, tamén se sitúa alí o novo complexo formado polo Polideportivo e as pistas de pádel. A pesar desta alta densidade de equipamentos públicos carecía de continuidade nas beirarrúas, estaba inzada de postes de servizos e afectada por un tráfico desordenado. As obras corrixiron todas estas carencias e deron seguridade ás persoas que camiñan. Onde antes había un só paso de peóns agora hai 10 pasos sobreelevados, ademais de elementos de sinalización horizontal e vertical. Ademais, tódolos servizos de pluviais, abastecemento, saneamento, electricidade e telefonía quedaron soterrados, contribuíndo así a un cambio estético moi significativo.

Nova dotación polideportiva

Con cargo ao Plan de Reequilibrio investíronse outros 455.315 euros para a construción dun edificio polideportivo e dúas pistas de pádel ademais dun novo acceso á rúa de García Neira. O polideportivo ten dous andares e está adaptado á pendente do terreo, co primeiro andar en semisoto. Acolle unha pista de pádel cuberta (a outra é exterior) de 10×20 metros e superficie de herba sintética. A maiores dos vestiarios acolle tamén un espazo amplo e polivalente para actividades deportivas, pero tamén para eventos socioculturais do concello de Crecente, ademais dun ximnasio. O acceso ata a rúa está dotado de tódolos servizos soterrados e quedou perfectamente acondicionado.

A Deputación leva investidos en Crecente, dende o cambio na institución provincial producido no ano 2015, un total de 4,8 millóns de euros, converténdose así, con gran diferencia, na institución que máis aposta por este municipio do interior pontevedrés, duns 2.000 habitantes. Este ano Crecente conta con 405.610 euros asignados do Plan Concellos, que lle permitirán executar 9 obras que dedicará a pavimentacións, saneamentos e alumeado público. Nestes últimos 6 anos, Crecente executou ata 50 obras e puido contratar a 49 persoas desempregadas para traballar nos servizos municipais gracias ao financiamento da Deputación.

O CNPonteareas e o CNEscualos, gañadores do campionato galego de natación categoría máster

Gran nivel competitivo no Campionato Galego Máster de natación, celebrado a pasada fin de semana en Ponteareas, e no que as nadadoras e nadadores galegos rexistraron varios récords. A proba reuniu a 250 deportistas de 25 equipos de toda Galicia na piscina do complexo deportivo Álvaro Pino, onde se viviu un ambiente deportivo espectacular.

O CNPonteareas acolleu este evento no que se implementou un estrito protocolo de prevención ante a actual realidade sanitaria, no que se incluía por exemplo a entrada e saída á piscina mediante a presentación dun código QR confeccionado pola Federación Galega de Natación ou a incorporación das instalacións deportivas anexas á piscina para que nadadoras e nadadores puideran seguir dende alí en directo a proba a través dunha pantalla a competición, evitando así aglomeracións. Ademais, a organizacións instalou tamén a zona de podio instalouse no pavillón contiguo á piscina e puxo en marcha moitos máis detalles para que as e os deportistas se atopasen o máis cómodos posible.

Precisamente na procura dun aforo o máis limitado posible, a cita autonómica celebrouse sen público, que puido seguir a competición en streaming, e dividiuse en dúas xornadas, unha o sábado para competidoras e competidores maiores de 45 anos e outra o domingo para menores desa idade.

En canto aos resultados deportivos, o CNPonteareas resultou vencedor na categoría conxunta e feminina, mentres que os nadadores do CNEscualos alzáronse coa vitoria na categorías masculina seguidos a moi pouca distancia polos deportistas ponteareáns.

Dende o Concello e dende o CNPonteareas quérese destacar o gran labor que os numerosos voluntarios e voluntarias do club e de Protección Civil desenvolveron ao longo de toda a fin de semana, garantindo grazas ao seu traballo que toda a competición transcorrera sen contratempos. O equipo ponteareán tamén quere agradecer as mostras de agarimo de todas e todos os participantes, que fixeron fincapé no inmenso labor organizativo.

Pola súa banda, a Concellería de Deportes, que dirixe Miguel Bouzó, quere trasladar os parabéns en nome de todo o goberno local ao Club Natación Ponteareas non soamente pola espectacular organización do campionato, senón tamén polos bos resultados acadados.

Alternativa por Mondariz censura ao Goberno municipal por converter a Escola de Música nun vertedoiro

0

O portavoz de Alternativa por Mondariz (AporM) Xoán C. Montes Bugarín Calis, vén de censurar a actuación do Goberno municipal por amorear varios camións cargados de rodas, pedras, ramas e podas no patio de recreo da Escola Municipal de Música.

O portavoz independente cualifirca de “inédito” xa que, afirma “ningún alcalde de Mondariz utilizou o patio da Escola Municipal de Música como vertedoiro, xa que neste espazo xogan a diario os nenos e as nenas do centro”.

A este feito, engádese segundo Calis, “que nesta época do ano, con elevadas temperaturas, existe un perigo real de incendio evidente”. O portavoz do grupo municipalista recordou que o seu grupo “censurou o peche de puntos verdes das parroquias que leva a cabo o goberno actual e que habilitara o anterior goberno local en colaboración coa Deputación de Pontevedra”. “Se a alternativa aos puntos verdes parroquiais é este desastre, temos un severo problema”, recalcou.

“A Escola de Música e o seu patio non poden converterse nun vertedoiro de lixo. Isto é un despropósito intolerable”, recalcou Montes Bugarín. “Non o imos consentir. Diálogo para solucionar os problemas, todo, pero sobre a base da racionalidade e a sensatez, nunca para retroceder en materia de tratamento de residuos e crear problemas onde nunca os houbo”.

Retraso na roza de camiños e estradas

O portavoz municipalista tamén destacou que o Goberno municipal leva un enorme retraso na roza de camiños e estradas de titularidade municipal “o que provoca grandes trastornos aos veciños e veciñas, tanto aos que se moven a pé, como aos que o fan en vehículos a motor, xa que a vexetación invade as beiravías, reducindo o espazo dispoñible para circular, o que reduce a seguridade vial”. Montes Bugarín instou ao concelleiro de Vías e Obras a cumprir coas demandas da veciñanza e a “dedicar máis medios materiais e humanos para realizar estes traballos en tempo e forma”.

Aberto o prazo de inscrición no campamento municipal de verán da Cañiza

0

Con base nas instalacións do Pavillón Municipal “Carballo do Marco”, o campamento está estructurado en dúas quendas. A primeira do 1 ao 15 de xullo e a segunda do 16 ao 31. Durante estes 15 días, de luns a venres e en horario de 9.00h a 14.00h,  desenvolverase  un completo programa de cara a fomentar a práctica de actividades físicas, deportivas e recreativas no medio natural. Ademáis polas mañás e sempre que o tempo o permita, poderán usar en exclusividade as instalacións da piscina ao aire libre.

A dinámica e estrutura do campamento está deseñado para cumprir coa normativa sanitaria  e sigue as pautas para a adaptación das actividades infantís ao novo escenario, favorecendo o coñecemento e a correcta aplicación das medidas hixiénico- sanitarias e tamén o protocolo de acción que permita dar resposta a un posible caso de contaxio de COVID-19.

En cada quenda, poderán participar ata 50 nenos sempre que teñan 3 anos de idade cumpridos ( coa condición indispensable de que estes pequenos houberan cursado alomenos un ano de Educación Infantil) establecéndose o límite de idade nos 12 anos. O prezo está establecido en 22 €uros para cada quenda

As actividades do campamento están organizadas atendendo a tres grupos diferenciados de idades. O Grupo I corresponde aos máis pequenos de idades entre os 3 e 5 anos. O II Grupo está dirixido a nenos de 6 a 9 anos e o III aos maiores de 10 a 12 anos.

Os nenos participantes disporán de actividades de carácter sociocultural, recreativo, deportivo e convivencial. Talleres de aprendizaxe, pequenas olimpiadas, xogos e moito entretemento para que os máis pequenos poidan disfrutar dunhas merecidas vacacións de verán.

Podes descargar o formulario de inscrición na seguinte ligazón.

O Concello de Tui urxe aos propietarios de inmobles en ruínas no conxunto histórico a eliminar a maleza

0

O Concello de Tui ten remitido diversas ordes de execución a propietarios de inmobles en ruínas situados no conxunto histórico. O obxectivo é reducir a situación de risco que representan as edificacións abandonadas

Dende a concellería de Patrimonio entenden que un dos pasos fundamentais para revitalizar o Conxunto Histórico é reducir as edificacións en ruína ou abandonadas. Para iso están levando a cabo distintas accións.  Unha delas é a tramitación de ordes de execución. Búscase incentivar aos propietarios a mellorar a imaxe degradada das súas edificacións así como a reducir a inseguridade e insalubridade que xeran no entorno. 

Explican que en aplicación da Lei de Rehabilitación e de Rexeneración Urbana de Galicia as persoas propietarias están obrigadas á conservación e mantemento das súas propiedades, a garantir a seguridade e salubridade das mesmas, polo que dende o Concello, mediante a orde de execución, ínstanse ao propietario a eliminar elementos de cuberta e fachadas que corran o risco de provocar desprendementos á vía pública, e tamén se lles require a eliminación da maleza que na maioría das veces favorece a presenza de ratas e humidades en vivendas habitadas lindeiras.

Unha vez recibida a orde de execución, os propietarios dispoñen do prazo de 1 mes para realizar as obras urxentes requiridas. En caso de non realizarse o Concello, en base á Lei de Rehabilitación e á Lei do Solo de Galicia, poderá comezar a emitir multas coercitivas.

O concelleiro de Patrimonio, Laureano Alonso, indica que “comezamos afrontando o problema do abandono no ámbito da Corredoira, Augusto Besada e Martínez Padín, iniciáronse uns 15 expedientes. O maior problema no procedemento é atopar aos propietarios, que moitas veces, son herdeiros de segunda ou terceira xeración. Pero os localizados están respondendo positivamente. A idea é continuar no ámbito de intramuros do Conxunto Histórico”.

Lembra tamén que outra das accións importantes para revitalizar o conxunto estanse é o programa Rexurbe que dá a oportunidade de venda destas parcelas e ruínas á Xunta de Galicia.  

Oia abre o prazo para solicitar fogueiras de San Xoán ata o 21 de xuño

0

O Concello de Oia abre o prazo para que, os particulares que así o desexen, poidan solicitar a autorización para acender fogueiras de San Xoán en fincas privadas. O antedito prazo permanecerá aberto ata as 12.00 horas do próximo 21 de xuño.

As persoas interesadas deberán presentar unha comunicación no Rexistro Municipal (de forma presencial ou a través da sede electrónica), achegando o modelo de solicitude publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na web municipal (www.concellodeoia.es).

Este ano, por mor da Covid-19, as tradicionais fogueiras de San Xoán (noite do 23 ao 24 de xuño) só poderán facerse por parte de particulares e en terreos privados, pois a súa celebración en espazos públicos está prohibida.

Medidas de seguridade

Nas cacharelas autorizadas será obrigatorio cumprir as medidas de seguridade, tanto en materia sanitaria como no que respecta a prevención de incendios. Polo tanto, deberán respectarse en todo momento as restricións vixentes en materia de aforos, distancias, uso de máscara e outras medidas de autoprotección.

As autorizacións quedarán automaticamente revocadas no caso de que as autoridades decidan suspender este tipo de actividades atendendo ás circunstancias meteorolóxicas, de seguridade ou sanitarias que así se determinen conforme a lexislación vixente. Tamén quedarán revocadas automaticamente en caso de que o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio forestal) sinale risco extremo de incendio para ese día. O Concello de Oia fai un chamamento á veciñanza para o cumprimento das normas de seguridade (as cales aparecen detalladas no modelo de solicitude a presentar por rexistro ou sede electrónica), así como tamén de todas aquelas de carácter sanitario que estean en vigor.

Concello de Ponteareas, Cruz Vermella e Smurfit Kappa favorecen a integración de 15 mulleres no mercado laboral

O Concello de Ponteareas colaborou co Plan de Emprego de Cruz Vermella e a empresa Smurfit Kappa para a posta en marcha dunha acción formativa coa que se busca favorecer a integración das mulleres no mercado laboral, coñecendo o contexto no que se desenvolve a ocupación e o achegamento á cultura do mundo laboral. Este curso de ‘Operaria/o de industria de cartón’, na que participan 15 mulleres de diversos concellos, desenvolveu a súa parte teórica no Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas. Nestes intres as participantes están a realizar a formación práctica no centro de traballo no Porriño de Smurfit Kappa, empresa especializada na industria da embalaxe.

A concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández, felicitou ás mulleres integrantes desta formación polo seu esforzo e tesón para buscar a reincorporación ao mundo laboral nun ámbito tan difícil como o industrial. “É imprescindible que entre todas as administracións e organizacións cooperemos para tentar poñer fin a unha crise social e económica que prexudica enormemente ás mulleres. Por este motivo agradezo persoalmente a Cruz Vermella e Smurfit Kappa esta iniciativa e invito a outras empresas a sumarse a proxectos tan interesantes coma este”, afirmou Vanesa Fernández.

Este curso está enmarcado no itinerario ‘Pontes cara ao emprego: itinerarios pola igualdade’, unha iniciativa dirixida ao fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no mercado laboral, promovendo a participación de aquelas mulleres que, por diversas circunstancias, están máis afastadas do mercado laboral, converténdose nun colectivo de risco (responsables de familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, inmigrante e/ou maiores de 45, con baixa ou nula cualificación, con escasa ou nula experiencia laboral…). As súas situacións de vulnerabilidade e os seus baixos perfís de empregabilidade fan necesarias respostas específicas e especializadas que compensen as desigualdades.

Nigrán conmemora o Día Nacional da Lingua de Signos instalando alfabetos dactilolóxicos

0

O Concello de Nigrán conmemorou onte, 14 de xuño, o Día Nacional das Linguas de Signos en España coa instalación de paneis co alfabeto dactilolóxico nos parques e colexios públicos do municipio. Adicionalmente, o alumnado do CEIP da Cruz (Camos) participou durante esta mañá nunha actividade do Concello dirixida por Yoli García, persoa xorda creadora da personaxe ‘Cofi’, xurdida para concienciar e sensibilizar á sociedade sobre que significa e implica a discapacidade auditiva. A iniciativa contou coa colaboración do servizo de interpretación e formación Entresignos, empresa radicado no municipio. Finalmente, a Casa Consistorial e a ponte da Ramallosa tinguirase esta noite de azul turquesa por ser a cor que identifica á comunidade xorda.

Esta maneira de conmemorar a data no municipio forma parte do proxecto ‘Un Nigrán para todos’ co que o goberno local busca a plena accesibilidade física e cognitiva, neste caso trátase de difundir entre a veciñanza a lingua das persoas xordas, a súa utilidade e o seu valor, poñendo en coñecemento dos cidadáns que son un idioma para a vida e para a convivencia.

“No 2018 instalamos paneis co alfabeto dactololóxico en diversos parques e, realmente, consideramos que era interesante levalos a todos os colexios e a máis espazos de xogo dos máis pequenos. O obxectivo é dobre: por un lado concienciar desde a infancia da existencia desta discapacidade sensorial e, por outro, outorgarlle desde pequenos unhas ferramentas básicas que lles achegue á lingua de signos para facilitar así a comunicación entre ouvintes e non ouvintes”, explica o alcalde, Juan González, quen acudíu hoxe á xornada en Camos xunto a edil de Educación, Marina Vidal. Nesta actividade Yoli García amosou as súas habilidades como ilustradora, ensinou e practicou co alumnado unhas nocións básicas da lingua de signos e, finalmente, deulles a probar as cinco mochilas vibratorias do Concello para que as persoas xordas sintan a música, un dos momentos que máis impresionou aos nenos ao experimentar por eles mesmos este outro xeito de ‘sentir’ a música.

O Concello de Nigrán foi pioneiro en España xunto con Madrid en adquirir mochilas vibratorias e nesta crise do Covid-19 forneceu ás persoas xordas e ao profesorado de máscaras especiais coa zona dos beizos en plástico transparente para que toda esta comunidade poida comunicarse e non se sinta máis illada. Todo este tipo de iniciativas son propostas a través dun equipo interdisciplinar integrado no proxecto municipal ‘Un Nigrán para todos’ adicado á plena inclusión.

Día Nacional Linguas de Signos

Esta data adoptouse no 2014 en Consello de Ministros, e desde entón celébrase cada 14 de xuño porque ese mesmo día de 1936 foi constituída a Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), entidade que xunto a a súa rede asociativa fixo posible que estas linguas sexan valoradas na sociedade como linguas de cultura, linguas de comunicación, tan válidas como calquera outra para transmitir ideas, acceder ao coñecemento, avanzar cara á igualdade, e construír cidadanía.

O Ciclo “Sostendo o Futuro” remata este sábado coa representación de “Plancton” na Praia do Muíño da Guarda

0

O Concello da Guarda pecha este sábado o ciclo “Sostendo o Futuro”, actividades coa finalidade de tomar conciencia en torno aos valores de sostebilidade e coidado da nosa contorna. Para este fin escolléronse actividades de diferente natureza que nos axuden a preguntarnos, dende diferentes posicións, sobre o noso día a día e a consecuencia de accións cotiás e insignificantes aparentemente.

Xa para pechar este ciclo e ás portas do verán, chega unha proposta infantil coa compañía “Títeres Entucasa” sobre a contaminación das nosos océanos, concretamente de como o incremento dos plásticos afecta ao plancton e aos cambios no hábitat das especies mariñas.

Unha divertida aventura onde os máis pequenos descubrirán que é o plancton e como axudar a salvalo, unha obra con afán divulgativo  e mensaxe ecoloxista na que rir, asustarse e cantar coa canción de Planky e Tonky.

A representación de “Plancton” será o sábado 19 de xuño na Praia do Muíño, ás 18:00h. Inscrición previa en [email protected] e en caso de choiva o evento terá lugar no Centro Cultural.

Ponteareas acolle esta fin de semana unha nova sesión de teatro coa representación de ‘O mozo da última fila’

Ponteareas acolle esta fin de semana unha nova sesión de teatro. A Concellería de Cultura trae este sábado 19 de xuño (20.30 horas) á sala de usos múltiples do auditorio municipal a obra O mozo da última fila, de Redrum Teatro, unha representación organizada ao abeiro do convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

O mozo da última fila é unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística. Dirixida e adaptada por Alex Sampayo e cun reparto de luxo entre o que se atopa o ponteareán Rubén Porto, a obra foi gañadora dos Premio Max ao mellor autor no 2008. “Poderemos gozar da primeira tradución ao galego dunha das pezas máis coñecidas de Juan Mayorga, un dos dramaturgos contemporáneos máis importantes. Esta produción non só introduce a Mayorga no canon do teatro en lingua galega, senón que ofrece unha nova mirada sobre un clásico contemporáneo”, salienta Fernando Groba, concelleiro de Cultura.

O prezo das localidades é de 4 euros e as persoas interesadas poden facer as súas reservas ata o venres 18 (12.00 h) no enderezo electrónico [email protected]. As reservas deberán retirarse no auditorio municipal antes das 19.30 horas do propio sábado 19. Unha vez pasado este prazo poranse á venda. O horario de despacho de billetes será o sábado 19 de 11.00 a 14.00 e de 10.00 a 20.30 horas.

A representación contará con aforo reducido e con todas as medidas e protocolos de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.

Redondela organiza outra xornada de kaiak educativo-ambiental pola enseada de San Simón

0

O Concello de Redondela, dentro da posta en valor dos espazos naturais da rede Natura 2000, pon en marcha saídas en kaiak para coñecer e gozar dun espazo natural único no mundo.

A actividade

A actividade consiste na valoración da contorna natural de forma activa, disfrutando e navegando as súas augas, e mostrando todos os valores que posúen estas e os seus ecosistemas asociados a biodiversidade da enseada. Realizaranse paradas divulgativas na illa de San Simón, na batea, no illote das Corveiras, no monumento ao Capitán Nemo (tentando observar o bosque de zoostera ou sebe que se atopa nas inmediacións), e outras segundo as inquedanzas do público e as posibilidades da xornada.

Desta forma poderanse observar e coñecer de primeira man o valor deste espazo da Rede Natura 2000.

 A actividade estará dirixida por:

  • Un educador ambiental
  • Monitores de kaiak (que se encargarán do control do grupo, de axudalos a manterse unidos ao grupo, de remolcar aos usuarios que se cansen e de dinamizar e animar o servizo).

Normativa e seguranza

A actividade conta cos permisos necesarios para a súa realización, e o seguro de R.C. e póliza de accidentes con especificación de seguro de rescate.

Saída do Porto de Cesantes as 10:00 horas do sábado 19 de xuño.

Prezo da actividade bonificada: 15€

Venta de entradas na Casa do Concello, na oficina de turismo, no horario de 11:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 19:00 horas.

Concentración silenciosa na Cañiza contra a violencia de xénero

0

Onte tivo lugar na Cañiza, diante da Casa do Concello ás 20 horas, unha concentración silenciosa en solidariedade coa familia das nenas ana, Olivia e Rocío, así como dos  41 nenos asasinados dende o ano 2013 e das 1096 mulleres falecidas dende 2003 por violencia machista.

A Cañiza únese nesta concentración para “encher de silencio España” contra a Violencia en calquera das súas manifestacións.

“Sobrecollidos e  apenados no máis profundo, seguimos consternados polo cruel desenlace do caso das pequenas Anna e Olivia. Nada pode reparar a perda, pero non deixamos de acompañar á nai e á familia e estar con eles con todo o noso afecto e proximidade, con toda a nosa solidariedade.

Desgraciadamente, o terrible suceso das nenas en Tenerife non foi o único nas últimas horas co mesmo denominador común: a violencia machista. Ademais de Anna e Olivia, Rocío, en Estepa, Sevilla, 17 anos.

E uns días atrás, non fai aínda nin un mes, cinco mulleres asasinadas, unha delas embarazada, e un neno asasinado tamén en apenas unha semana.

Por todas elas, reunámonos en silencio fronte ao Concello este luns 14 de xuño, ás 20h.

Por Anna, por Olivia, por Rocío. 

Polos 41 nenos asasinados desde 2013 por violencia machista.

Polas 1.096 mulleres mortas desde 2003 por violencia machista.

Por todas elas e todos eles, por nós, por todos, pola convivencia, convócote a esta concentración para “encher de silencio España”.

Reunámonos por elas e eles”, eran as palabras do alcalde Luis Piña.

Os Concellos de Tui, Salceda de Caselas, Mondariz e Salvaterra de Miño deciden a non apertura das piscinas

Os Concellos de Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Mondariz veñen de reunirse novamente para tratar o delicado asunto das Piscinas Municipais para este verán.

Se ben o ano pasado abrir as piscinas supuña un risco extremo dada a situación pandémica, este ano tampouco parece viable unha apertura en base as restricións impostas dende o Ministerio de Sanidade xa que pouco varían respecto ás de 2020, establecese unha ocupación aforo do 50% mantendo as distancia de seguridade, nos vestiarios e zonas de ducha unha ocupación máxima do 30%. A esto engadese, a obrigatoriedade de establecer turnos de uso con reserva de cita previa, limpeza e desinfección despois de cada uso, co peche temporal que conlevan estas tarefas, a reducción do espazo nas zonas de estadía das piscinas.

Estes catro Concellos teñen o problema engadido de que as súas piscinas son visitadas cada verán por un gran número de usuari@s, polo que as continuas labores obrigadas de limpeza e desinfección dos vasos, zonas de estar e vestiarios perxudican notablemente obxectivo destas piscinas, que son a comodidade e o lecer dos seus veciños e veciñas, que se verían interrupidos constantemente.

É por iso que tras valorar a situación e analizar detidamente as continxencias propias dunha apertura segura para todos e todas, vemos que o cumprimento das restricións choca frontalmente coa finalidade que teñen este tipo de instalacións.

Polo tanto, os catro Concellos chegaron á difícil decisión conxunta de NON ABRIR as piscinas
tampouco en 2021, desexando que a evolución da COVID sexa favorable e faga máis flexibles as restricións para poder garantir deste xeito unha apertura segura e que cumpra coas expectativas dos veciños e veciñas.

Estes Concellos aproveitarán para facer as melloras oportunas nas súas respectivas piscinas cara unha nova apertura.

O Rosal recupera a súa ‘Memoria viva’

0

O Concello do Rosal presenta este venres 18 de xuño no auditorio municipal (20.00 horas) ‘Memoria viva’, un proxecto plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda do patrimonio inmaterial do Rosal, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio.

Trátase dunha iniciativa plurianual no que se recollerán as lembranzas das e dos maiores do Rosal, “recuperando e recompilando vivencias persoais, momentos históricos, formas de vida… para que non caian no esquecemento”. “Este proxecto nace polo desexo de que non desapareza unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, de conservar esas historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiras e rosaleiros”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Fotografía de Gustavo Rivas

O proxecto recolle en vídeo as entrevistas a diferentes persoas de idade con coñecementos relativos a  unha época, un oficio, unha tradición ou calquera elemento patrimonial de interese, así como libros de pequeno formato coleccionables de cada unha destas entrevistas. Nesta primeira edición o Concello contou coa inestimable colaboración de Nemesio Castro e Marcola González e das súas familias, sen as que non sería posible ter chegado a realizar os traballos de documentación e gravación.

Durante o acto presentaranse os dous primeiros libros do proxecto, así como os dous primeiros vídeos documentais.

As persoas interesadas en asistir poderán reservar a súa praza a través da páxina web municipal. O acto contará con aforo limitado e todas as medidas de seguridade.

A Deputación celebrará o 21 de xuño o Día Europeo da Música cun concerto ao aire

No marco da súa programación “Aviventa Cultura”, a Deputación vai celebrar o vindeiro 21 de xuño o Día Europeo da Música cun concerto ao aire libre no exterior da sede provincial na rúa Chao de Vigo.

A institución súmase así a esta celebración na que os e as profesionais da música saen anualmente ás rúas a compartir o seu traballo e máis nun momento como o actual, como sinalou a presidenta, Carmela Silva, no que hai que recoñecer o papel da música durante a pandemia: “Estaremos celebrando a música e celebrando que xa podemos comezar a respirar e sentirnos máis libres. Que mellor que facelo con cultura e con música!”.

“Se sempre é importante a cultura –subliñou-, particularmente a música nestes momentos que estamos saíndo da pandemia e que temos un certo optimismo, ocupa un espazo aínda máis relevante. Debémoslle que en todas as etapas de confinamento, semiconfinamento, estado de alarma ou de redución de aforos, estivese presente a través das redes sociais. Por iso debémoslle moito á xente da música e queremos celebrala con eles e elas”.

O concerto está dirixido a todos os públicos, aínda que en especial á mocidade, e comezará  ás 20.00 horas no exterior da sede viguesa, coa participación do grupo vigués de soul, funk e rock “The mirror music” (integrado por Alejandro Vasconcellos, Tania Rodríguez, Óscar Román, Rubén Carrera e Gorio Álvarez).  Debido ás restricións do aforo, para asistir a ambos concertos haberá que reservar praza previamente no enderezo electrónico [email protected].

Ao longo de toda a xornada, a Deputación utilizará nas súas redes sociais os hashtags #brincacoaDepo #aDepobrincacoamúsica para difundir aínda máis esta conmemoración.

Redondela acolle unha xornada do proxecto ZOSTECO sobre a convivencia das actividades humanas coas pradeiras mariñas

0

O proxecto ZOSTECO, liderado pola Universidade de Vigo e no que participa o Instituto de Hidráulica Ambiental de Cantabria, organiza un  taller participativo no que se abordará a interacción entre as praderías mariñas e as actividades humanas que nelas desenvólvense. O taller terá lugar en Redondela mañá día 15 de xuño. O proxecto desenvólvese co apoio da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa  PLEAMAR, co-financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O proxecto ZOSTECO ten como obxectivo avaliar e  cartografiar os beneficios que xeran as praderías mariñas á sociedade e explorar os potenciais conflitos e sinerxias que se establecen entre estas e as actividades humanas, coa finalidade de mitigar os impactos que destas actividades derívense e permitir unha máis adecuada xestión dos espazos naturais obxecto de estudo.

A investigación, que se desenvolve en dúas zonas piloto: a baía de Santander (Cantabria), e a enseada de San Simón na ría de Vigo (Galicia), recolleu todo o coñecemento publicado sobre estas dúas zonas, e integra o saber acumulado polos actores que operan nestes espazos a través de entrevistas en profundidade realizas a pescadores, mariscadores, administradores públicos, usuarios do espazo natural, empresas de actividades recreativas, organizacións ambientais, investigadores, etc.

Os resultados obtidos presentaranse, discutirán e validarán en dous talleres nos que participan todos os actores implicados: un que tivo lugar en Santander o pasado 8 de xuño e o que se desenvolverá en Redondela o 15 de xuño. Posteriormente, no mes de setembro, organizarase un foro participativo e mesas de traballo nos que se discutirán e acordarán posibles accións de mellora da xestión destes espazos naturais.

No proxecto colaboran a Xunta de Galicia a través da  Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, o Goberno de Cantabria a través da Consellería de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, o  Concello de Redondela, representantes da pesca artesanal (Confederación de Pescadores de Galicia e en particular a confraría de Redondea), colectivos ambientais (ADEGA) e investigadores da Universidade de Vigo, do Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidade de Cantabria, da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación  Lonxanet.

Gondomar reúne a mesa local do comercio para analizar proxectos e as demandas do sector do comercio e hostalería

0

Xunto ao alcalde tamén participaron a edil responsable da área, Rocío Goberna, así como a representante dos comerciantes de Gondomar, Esther Lorenzo, e o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Val Miñor (OVALMI), Jose Anxo González Goce, quen anunciou a recuperación este ano -tras o parón motivado pola pandemia- da Feira Portobello 2021 en Gondomar.

Acordouse a súa celebración o próximo día 4 de xullo, así como o número de postos e medidas que se adoptarán para suxeitarse, en todo momento, aos requisitos sanitarios aínda existentes, como pode ser o manter a distancia obrigatoria. O rexedor e a concelleira coincidiron á hora de sinalar que esta cita é necesaria “para avanzar un pasiño máis no apoio e revitalización do sector”.

Así mesmo, na mesa local presentouse a iniciativa Publiocio que o goberno local quere poñer en marcha e que busca “reverter o retraimiento do consumo nos negocios rexistrado tras a COVID19, apostando polo comercio de proximidade e lograr a fidelidade dos consumidores”.

O alcalde de Gondomar informou sobre as axudas concedidas aos comerciantes e sector do taxi nunha primeira liña, cun importe de 100.000 euros, e anunciou que en breve faranse públicas as bases dunha segunda liña de subvencións que ascenden a 125.000 euros.

A mesa local de comercio na súa orde do día tamén abordou as obras de reforma interior que se van a acometer de forma inmediata na Praza de Abastos, así como as liñas mestras do proxecto de humanización e peonalización anunciado polo goberno local na Praza de Rosalía de Castro.

Ponteareas súmase á condea dos últimos casos de violencia machista

O Concello de Ponteareas sumouse este luns 14 ao chamamento da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para realizar unha concentración silenciosa en sinal de repulsa polos últimos e numerosos casos de violencia machista e violencia vicaria acontecidos en todo o estado. Ducias de persoas gardaron un minuto de silencio diante da Casa Consistorial para expresar a súa clara e firme repulsa por todos os crimes de violencia machista perpetrados.

A Concellaría de Benestar Social e Igualdade habitualmente convoca a persoal político, á veciñanza e a persoal municipal ás concentracións de repulsa cando se trata de vítimas galegas, seguindo o protocolo acordado por todos os grupos municipais. Non obstante, nesta ocasión uniuse á petición da FEMP a todos os municipios de España tras o suceso das pequenas Anna e Olivia, de Rocío ou das cinco mulleres e dun neno asasinados no último mes e “seguir loitando sen descanso contra a violencia machista”, destacou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Dende 2013, en España foron asasinados 41 nenos e nenas e 1.096 mulleres por violencia machista. Dende o Concello quérese trasladar o pésame ás familias das vítimas e, como asegurou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, “amosar a nosa sensibilidade con esta grave problemática que vulnera os dereitos de mulleres e menores e expresar o noso máis enérxico rexeitamento a todos os crimes de violencia machista”.

Baiona firma o convenio de colaboración do programa “Ocio para todos” co Centro Juan María

0

O Concello de Baiona colabora coa Asociación Benéfico Social de pais e amigos a Esperanza do Val Miñor (Centro Juan María) para sufragar parte dos gastos do proxecto “Ocio para todos”.

Carlos Gómez Prado, en representación do Concello de Baiona, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Concepción Vara Rodríguez, e José Santoro Pumarega, en representación do Centro Juan María, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a 12 alumnos gozar do programa “Ocio para todos”, que levarase a cabo durante o próximo mes de agosto.

A firma deste documento proporcionará ao colectivo o apoio económico e estrutural, para que as persoas beneficiarias do centro poidan levar a cabo, como en veráns anteriores, un servizo de lecer, axudando ao desenvolvemento e integración de persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde destacou “o labor desta asociación e o compromiso que o concello de Baiona mostra unha vez máis cunha entidade que desenvolve un gran labor no campo da atención á diversidade funcional”.

A Asociación Benéfico Social é un colectivo de nais, pais e titores de persoas con discapacidade intelectual que traballan desde hai máis de 30 anos para achegar aos fillos ou tutelados o benestar, a protección, educación e os apoios que necesiten para a súa inclusión social e laboral plena na contorna no que viven. Cada día, son 50 os profesionais que axudan para dar cobertura á poboación de Nigrán, Gondomar, Baiona, Vigo e Mos.

O Concello de Tomiño forma a dez persoas desempregadas no manexo de plataformas dixitais

0

“Recursos dixitais para a busca de emprego” é o curso de 15 horas organizado polos departamentos de Benestar Social e Orientación Laboral do Concello de Tomiño, co obxectivo de formar a dez persoas desempregadas usuarias dos servizos, o manexo das principais plataformas útiles para a busca de traballo (Linkedin, Infojobs, Randstad, Adecco, etc.), ou aquelas propias de empresas con procesos de selección abertos.

O obxectivo do Concello é o de dotar ás persoas usuarias dos servizos sociais de ferramentas dixitais que lles permitan acceder ao mercado laboral. “Hoxe en día, a maioría das ofertas e demandas de emprego realízanse a través de internet; e se non manexamos as plataformas online non podemos acceder en igualdade de condicións que outros colectivos”, explica a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez.

As dez persoas seleccionadas polos servizos de Benestar e Orientación son na súa grande maioría mulleres de mediana idade que levan en paro moito tempo. Durante a semana pasada, tiveron que acudir ás instalacións da Aula CeMit de Tomiño para recibir as clases impartidas por unha academia especializada. Unha media de 3 horas por día, nas que aprenderon como moverse polas distintas redes e plataformas ou presentar a súas candidaturas. Elaborar un currículo online e manexar nubes para a xestión de datos persoais, foron outros dos aspectos abordados.

Imaxe da clausura do curso

Este mediodía celebrouse no Salón de Plenos do Concello a clausura e entrega de diplomas. Presidiu o acto a alcaldesa Sandra González, acompañada da concelleira de Benestar Social e da orientadora laboral do Concello.

Entre as alumnas que recibiron o seu diploma, atopábase Laura González, veciña de Goián, ama de casa en paro, con dous fillos de 13 e 7 anos, que fixo o ciclo superior de FP administrativo, pero debido ás obrigas familiares e problemas de saúde non puido traballar nos últimos anos. Este curso foi para ela decisivo na súa reciclaxe no mercado laboral e tras os primeiros intentos de atopar emprego a través de internet, xa ten a súa primeira entrevista en Baiona.

Un caso similar é o de María Pérez (veciña de Tomiño centro), moi contenta co curso, sobre todo, por poder agora moverse polas páxinas de supermercados e outras empresas con ofertas de traballo. Licenciada en filoloxía francesa, traballou en atención ao público e recepcionista, pero quedou no paro en decembro do 2020.

Últimas prazas para os Cursos náuticos de recreo en A Guarda

0

O Concello da Guarda vai a promover este verán a formación para obter os títulos de Patrón de Navegación Básica (PNB) e de Patrón de Embarcacións de Recreo (PER).

As inscricións están xa abertas e aínda quedan prazas vacantes a través do teléfono 986 226 105 ou do correo electrónico [email protected].

Esta formación realizarase en instalacións municipais a través dunha academia autorizada.

O Concello da Guarda convidan á veciñanza a que se aproveite esta oportunidade para obter estas titulacións con clases teóricas na Guarda e clases prácticas en Vigo.

Crecente, Nigrán e Salceda de Caselas entre os beneficiarios da nova liña do Plan Concellos da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un novo investimento de 511.860€ ao abeiro da Liña 2 do Plan Concellos 2021, co que a institución provincial financiará un total de 15 achegas que beneficiarán aos municipios de Cambados, Crecente, A Estrada, Lalín, Nigrán, Ponte Caldelas, Salceda de Caselas e Vilagarcía de Arousa. Neste senso, a presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor estas achegas, destinadas tanto a amortizacións, pagamento de débedas e gastos correntes, “como a todo o que ten que ver coa cultura, que é financiado tamén por esta administración”.

No apartado de amortizacións, pago de débedas e gastos correntes, a achega de maior contía será para A Estrada, que recibirá 327.508 euros para as tarefas de reforzo de limpeza e desinfección de espazos públicos. Cambados e Crecente tamén utilizarán as achegas concedidas, por 62.687 e 8.216 € respectivamente, para pagamento de gastos correntes, como as facturas de Sogama. Así mesmo, Crecente poderá abordar con outra achega de 18.023€ a contratación extraordinaria de servizos de limpeza e desinfección da Covid 19. Salceda recibirá unha achega de 7.500€ para o acondicionamento de espazos municipais. No que atinxe á financiación de actividades socioculturais, Nigrán recibirá seis achegas, por un importe de preto de 53.000 euros, que lle permitirán financiar diversas iniciativas, como os programas Vive Nigrán, Nigrán Jazz, Chandefolk, o Campionato de España de Petanca, a Carreira Nocturna e o Servizo Municipal de Canguros.

Doutra banda, Ponte Caldelas poderá financiar o seu Programa Cultural de Verán 2021 cunha achega de 31.451€, mentres que Vilagarcía recibirá unha achega de 6.000 euros para o proxecto Actívate de Actividades Cognitivas. Por último, Lalín recibirá dúas achegas, de 13.720 e 3.780 euros para financiar o Campamento no Mar 2021 e un Curso de Poda e Enxertos.

Controlado o lume en Salvaterra de Miño

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe.

Permanece controlado desde as 00,14 h desta madrugada o lume rexistrado en Salvaterra de Miño, na parroquia de Uma, tras iniciarse ás 21,51 horas do sábado, e afectar tamén ás localidades veciñas de Mondariz e Covelo.

Neste lume foi preciso decretar a Situación 2 pola proximidade do lume ao núcleo de Maceiras, en Salvaterra, e posteriormente aos núcleos de Mouriscados, Fontebalán e Crespos, xa en Mondariz. Grazas ao traballo dos servizos de extinción, a medida preventiva quedou suspendida na mañá do domingo.

Segundo as últimas estimacións, este incendio forestal afecta unha superficie provisional de 350 hectáreas. Para o seu control téñense mobilizado ata o momento 1 técnico, 15 axentes, 55 brigadas, 35 motobombas, 2 pas e 2 helicópteros.