No día de onte, martes 15 de xuño, no CEIP Plurilingüe Número 1 de Tui tivo lugar as II Xornada Inclusiva. A inauguración das mesmas realizáronna o Xefe Territorial da provincia de Pontevedra, César A. Pérez Ares, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González.
Nesta ocasión acudiron diversos expertos e expertas, tanto do ámbito da práctica educativa coma do ámbito teórico, aportando experiencias e boas prácticas educativas inclusivas e sustentándoas coa base teórica que permite entender a súa necesidade. En concreto, colaboraron de xeito altruísta a asesora do CFR de Vigo e experta na aprendizaxe cooperativa, Carmen Vaz, Rafael Pérez de Lis, experto en Prácticas Restaurativas, e formador no centro neste senso; o profesor de Teoría da Educación da Universidade de Málaga, investigador da diversidade e dos procesos de exclusión e inclusión educativa, Ignacio Calderón; a experta en innovación educativa inclusiva e Deseño Universal da Aprendizaxe, Coral Elizondo e o profesor de Historia do IES San Paio, Miguel Abraira.
Nestas ponencias tratouse a importancia de recoñecer a inclusión coma un dereito, dereito a que poidan aprender xuntos alumnado diferente, salientando os seus talentos e achegando estratexias que lles permitan superar as súas debilidades; a necesidade da colaboración, non só do alumnado, senón entre o propio profesorado creando unha verdadeira cultura colaborativa; a potencialidade da aprendizaxe cooperativa coma un fin en sí mesma e coma medio para acadar unha verdadeira convivencia inclusiva; a importancia de implicar nesta convivencia e os procesos que nela existen á comunidade educativa, facendoos partícipes e conseguindo así unha convivencia positiva, baseada no respecto mutuo, a comprensión e a responsabilidade da comunidade.
Estas xornadas, ao igual ca o ano pasado, estiveron abertas a toda a comunidade educativa, participando nas mesmas familias, docentes de diversas etapas e especialidades, membros de servizos sociais e da corporación municipal… Dadas as circunstancias actuais, nesta ocasión, facilitouse tanto a asistencia presencial con aforo limitado, coma a participación de xeito telemático. Tamén participou o alumnado de 6º curso de educación primaria como mestres de ceremonias.
Dende o centro queren agradecer a presenza e participación nestas xornadas de todas as persoas que as fixeron posibles.