14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCrecenteCrecente humanizará o acceso aos equipamentos públicos e construirá un novo polideportivo...

    Crecente humanizará o acceso aos equipamentos públicos e construirá un novo polideportivo grazas á Deputación

    Julio César García-Luengo agradece á presidenta a convocatoria dos plans extraordinarios de obras, “DepoRemse” e “Reequilibrio”, e a aposta polo Plan Concellos

    As dúas grandes obras financiadas pola Deputación en Crecente e que transformaron a “fisonomía” deste municipio do interior da provincia de Pontevedra foron inauguradas hoxe pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Julio César García-Luengo, acompañados do deputado Gregorio Agís e varios concelleiros. Os proxectos, valorados en 955.315 euros, permitiron, por unha banda, a humanización integral da rúa de García Neira, que a pesar de acoller o groso dos equipamentos públicos do municipio, carecía de beirarrúas en todo o seu percorrido, e, pola outra, a construción do complexo formado polo novo edificio polideportivo e as pistas de pádel. Carmela Silva amosouse “asombrada” polos resultados. “O que máis me agrada é que a veciñanza de Crecente vai ter máis cousas das que sentirse orgullosa”, afirmou.

    A presidenta da Deputación destacou que o “case millón de euros” investido en Crecente, a través do Plan DepoRemse e o Plan de Reequilibrio, serviu para converter en realidade “equipamentos e dotacións que igualan”, “unhas instalacións de altísimo nivel comparables con esas das que presumen as grandes cidades” e que contribúen decisivamente a que as persoas que viven no rural se reafirmen: “en ningún lado se vive coa calidade de vida que hai no rural”. Silva engadiu, que vistos os resultados alcanzados, “estou segura de que o alcalde xa está a preparar proxectos para presentar ao novo plan extraordinario da Deputación, o ReacPon, (Reacción Pontevedra Provincial), que vimos de presentar”.

    A visita incluíu a sorpresa do descubrimento dunha placa no novo polideportivo de Crecente, que non estaba prevista na axenda e que foi un xesto de agarimo do alcalde. Nesta instalación tamén se comprobou a calidade do mobiliario e aparatos de ximnasia, adquiridos con fondos do Plan Concellos. “Aquí, en Crecente, cumpriuse non ao cen por cen, senón ao mil por mil e fixéronse obras e dotacións de altísimo nivel, así que as veciñas e veciños van aplaudir moito”, explicou Carmela Silva, quen concluíu que, ademais de facilitar a accesibilidade a tódolos equipamentos municipais agrupados na rúa de García Neira, executouse un polideportivo que pon a práctica deportiva ao alcance de todos/as, algo que é de valorar, especialmente nestes tempos de pandemia.

    Julio César García-Luengo cualificou a xornada como “un día de agradecementos”, en primeiro lugar para a presidenta da Deputación. Destacou a calidade das obras na rúa de García Neira e que, ademais do previsto, resolvéronse tamén cuestións como o pintado da fachada das vivendas sociais, o peche da casa do conserxe do colexio e o arranxo do tellado da escola infantil, “unha longa relación de melloras coas que saímos beneficiados/as tódolos/as veciños/as”. Ademais cualificou como unha necesidade o novo polideportivo, así como a aposta polas pistas de pádel “un deporte ao alcance de calquera persoa, calquera condición e idade”. O primeiro edil recolleu a “luva” que lle lanzou Carmela Silva e avogou por lograr para Crecente un novo proxecto no marco da convocatoria ReacPon: “a ver se temos sorte, porque en Crecente levamos a cabo os proxectos tal e como saen as bases”. Neste senso animou a Carmela Silva a “seguir adiante con este tipo de plans extraordinarios”. Finalmente agradeceu a aposta da Deputación polo Plan Concellos, a fórmula de financiamento anual regrado a tódolos concellos de menos de 50.000 habitantes: “quero”, concluíu, “agradecerlle á Deputación que crea nos concellos”.

    Transformación da rúa de García Neira

    Con cargo ao Plan DepoRemse, de mobilidade segura, executáronse as obras de humanización da rúa de García Neira, cun investimento total de 500.000 euros. A actuación supuxo unha transformación completa dos 570 metros desta céntrica rúa que arranca a escasos pasos da Casa do Concello e que dá servizo á Escola Infantil, o Centro de Saúde, a Residencia de Maiores San Pedro, o Pavillón Municipal, o CEIP Plurilingüe Manuel Sieiro, un bloque de 10 vivendas sociais e 12 vivendas de mestres, parcialmente propiedade do Concello. A maiores, tamén se sitúa alí o novo complexo formado polo Polideportivo e as pistas de pádel. A pesar desta alta densidade de equipamentos públicos carecía de continuidade nas beirarrúas, estaba inzada de postes de servizos e afectada por un tráfico desordenado. As obras corrixiron todas estas carencias e deron seguridade ás persoas que camiñan. Onde antes había un só paso de peóns agora hai 10 pasos sobreelevados, ademais de elementos de sinalización horizontal e vertical. Ademais, tódolos servizos de pluviais, abastecemento, saneamento, electricidade e telefonía quedaron soterrados, contribuíndo así a un cambio estético moi significativo.

    Nova dotación polideportiva

    Con cargo ao Plan de Reequilibrio investíronse outros 455.315 euros para a construción dun edificio polideportivo e dúas pistas de pádel ademais dun novo acceso á rúa de García Neira. O polideportivo ten dous andares e está adaptado á pendente do terreo, co primeiro andar en semisoto. Acolle unha pista de pádel cuberta (a outra é exterior) de 10×20 metros e superficie de herba sintética. A maiores dos vestiarios acolle tamén un espazo amplo e polivalente para actividades deportivas, pero tamén para eventos socioculturais do concello de Crecente, ademais dun ximnasio. O acceso ata a rúa está dotado de tódolos servizos soterrados e quedou perfectamente acondicionado.

    A Deputación leva investidos en Crecente, dende o cambio na institución provincial producido no ano 2015, un total de 4,8 millóns de euros, converténdose así, con gran diferencia, na institución que máis aposta por este municipio do interior pontevedrés, duns 2.000 habitantes. Este ano Crecente conta con 405.610 euros asignados do Plan Concellos, que lle permitirán executar 9 obras que dedicará a pavimentacións, saneamentos e alumeado público. Nestes últimos 6 anos, Crecente executou ata 50 obras e puido contratar a 49 persoas desempregadas para traballar nos servizos municipais gracias ao financiamento da Deputación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.