O portavoz de Alternativa por Mondariz (AporM) Xoán C. Montes Bugarín Calis, vén de censurar a actuación do Goberno municipal por amorear varios camións cargados de rodas, pedras, ramas e podas no patio de recreo da Escola Municipal de Música.
O portavoz independente cualifirca de “inédito” xa que, afirma “ningún alcalde de Mondariz utilizou o patio da Escola Municipal de Música como vertedoiro, xa que neste espazo xogan a diario os nenos e as nenas do centro”.
A este feito, engádese segundo Calis, “que nesta época do ano, con elevadas temperaturas, existe un perigo real de incendio evidente”. O portavoz do grupo municipalista recordou que o seu grupo “censurou o peche de puntos verdes das parroquias que leva a cabo o goberno actual e que habilitara o anterior goberno local en colaboración coa Deputación de Pontevedra”. “Se a alternativa aos puntos verdes parroquiais é este desastre, temos un severo problema”, recalcou.
“A Escola de Música e o seu patio non poden converterse nun vertedoiro de lixo. Isto é un despropósito intolerable”, recalcou Montes Bugarín. “Non o imos consentir. Diálogo para solucionar os problemas, todo, pero sobre a base da racionalidade e a sensatez, nunca para retroceder en materia de tratamento de residuos e crear problemas onde nunca os houbo”.
Retraso na roza de camiños e estradas
O portavoz municipalista tamén destacou que o Goberno municipal leva un enorme retraso na roza de camiños e estradas de titularidade municipal “o que provoca grandes trastornos aos veciños e veciñas, tanto aos que se moven a pé, como aos que o fan en vehículos a motor, xa que a vexetación invade as beiravías, reducindo o espazo dispoñible para circular, o que reduce a seguridade vial”. Montes Bugarín instou ao concelleiro de Vías e Obras a cumprir coas demandas da veciñanza e a “dedicar máis medios materiais e humanos para realizar estes traballos en tempo e forma”.