11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán presume de nova e vangardista biblioteca

    Nigrán presume de nova e vangardista biblioteca

    A praza estrea un imaxe corporativa

    Nigrán conta xa cunha espectacular biblioteca que constitúe “un dos grandes exemplos da transformación da provincia” como asegurou hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, durante a visita que realizou ás novas instalacións xunto co alcalde, Juan González, o deputado Santos Héctor, e concelleiras e concelleiros do goberno local. Trátase dun edificio espectacular, vangardista e deseñado con todos os criterios de sustentabilidade, que foi financiado co Plan de Reequilibrio da Deputación que, como sinalou o rexedor, vai permitir xerar “centralidade” e a unión da veciñanza no concello de Nigrán.

    A nova biblioteca, na que se investiron 1,8 millóns de euros (o 80% pola Deputación a través do Plan de Reequilibrio e o restante 20% polo Concello) ten 1.260 metros cadrados e confórmase nun edificio vangardista e bioclimático deseñado con criterios de sustentabilidade. Está distribuída en catro plantas: un andar baixo para zona de recepción e diversos servizos, un primeiro andar para a sala de ordenadores e sala de préstamo infantil e xuvenil, un segundo para sala de préstamo de literatura para adultos e, finalmente, un terceiro andar coa sala de estudo e catro salas pequenas. Está coroado por unha terraza con “vistas ao paraíso”, como destacou Carmela Silva.

    A presidenta provincial destacou que a nova dotación plasma á perfección o “aspecto do público, que é o que nos iguala, o que permite que todas as persoas poidamos ter acceso a todo o que nos pertence, neste caso o que ten que ver co acceso á cultura”. Neste senso, incidiu en que a cultura, a lectura e os libros “teñen que estar no centro das prioridades das administracións” e esta biblioteca está “chea dos mellores valores da sociedade”. A presidenta louvou tanto a “extraordinaria” obra arquitectónica, “de gran beleza e cun espazo absolutamente coidado ata o máis mínimo detalle, que vai ter seguro moitos premios”, como o traballo desenvolvido pola construtora. “Nigrán é un dos concellos máis relevantes da provincia –sinalou- e merecía un espazo como este, que amais de facilitar unha nova dotación cultural, vai ser un elemento de atracción e desenvolvemento de moitas actividades, un espazo pluridisciplinar que vai dar moita felicidade”, apuntou.

    A presidenta tamén subliñou o feito de que foi unha obra “complexa” que se resolveu grazas “a mostra de moitas vontades traballando para acadar o que hoxe e un exemplo a seguir”. “Isto non é só a biblioteca de Nigrán, senón que é a biblioteca da provincia de Pontevedra –engadiu-. Vai ser a envexa de calquera concello, dos grandes, os do medio e os pequenos, porque é unha auténtica marabilla. Vou presumir moito desta grande obra e de que cos recursos públicos que a Deputación pon a disposición dos concellos, sobre todo dos  de menos 20,000 habitantes, sexamos capaces de facer estes equipamentos. E supón un novo reto, porque  haberá que seguir facendo cousas para que a xente, viva onde viva teña os mesmos dereitos e servizos. É unha garantía que temos que perseguir”.

    Pola súa banda, o alcalde Juan González  destacou que esta nova biblioteca vai xerar “esa centralidade que en Nigrán botábamos de menos. Nos faltaba algo que xerara ese espazo de convivencia e unión da veciñanza, e que mellor que facelo cunha biblioteca”. “Para nós era fundamental que co Plan de Reequilibrio tivéramos unha obra tan significativa que falara de educación e cultura e a unión da veciñanza e este edificio o vai xerar”. O alcalde apuntou que a nova dotación “é o resultado da  paciencia, cariño e calma”, tal e como rezaba o lema do concello neste ano de pandemia e subliñou especialmente a “paciencia” da institución provincial “para salvar os escollos durante a tramitación, que nos retrasou máis do que quixéramos”, e da empresa construtora, “porque foi capaz de facer en catro meses algo que parecía imposible e puxéronlle moitísimo cariño á obra”. Tamén destacou a calma e o cariño dos arquitectos que deseñaron o proxecto, Juan Pons e Lucas Gándara.

    Carmela Silva aproveitou a visita para anunciar tamén que a Deputación está a piques de finalizar o proxecto da senda de Chandebrito, “e unha vez que estea redactado asinaremos o convenio para iniciar as obras”. “Temos un altísimo compromiso co medio ambiente, con garantir a mobilidade segura e lugares como hai en Nigrán que realmente son dunha beleza natural impresionante, temos que facer que a xente poida vivir en espazos mellores e atraer a visitantes que reclaman cada vez máis estas actuacións”.  Destacou así mesmo o traballo conxunto e o clima de colaboración co Concello: “ Este concello igual que outros da provincia non hai quen o recoñeza, e colaboramos xuntas e xuntos porque temos un proxecto común”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.