Xoves, 13 Febreiro de 2025

Baiona firma o convenio de colaboración do programa “Ocio para todos” co Centro Juan María

O Concello de Baiona colabora coa Asociación Benéfico Social de pais e amigos a Esperanza do Val Miñor (Centro Juan María) para sufragar parte dos gastos do proxecto “Ocio para todos”.

Carlos Gómez Prado, en representación do Concello de Baiona, acompañado pola concelleira de Servizos Sociais, Concepción Vara Rodríguez, e José Santoro Pumarega, en representación do Centro Juan María, asinaron un convenio de colaboración que permitirá a 12 alumnos gozar do programa “Ocio para todos”, que levarase a cabo durante o próximo mes de agosto.

A firma deste documento proporcionará ao colectivo o apoio económico e estrutural, para que as persoas beneficiarias do centro poidan levar a cabo, como en veráns anteriores, un servizo de lecer, axudando ao desenvolvemento e integración de persoas con discapacidade intelectual.

O alcalde destacou “o labor desta asociación e o compromiso que o concello de Baiona mostra unha vez máis cunha entidade que desenvolve un gran labor no campo da atención á diversidade funcional”.

A Asociación Benéfico Social é un colectivo de nais, pais e titores de persoas con discapacidade intelectual que traballan desde hai máis de 30 anos para achegar aos fillos ou tutelados o benestar, a protección, educación e os apoios que necesiten para a súa inclusión social e laboral plena na contorna no que viven. Cada día, son 50 os profesionais que axudan para dar cobertura á poboación de Nigrán, Gondomar, Baiona, Vigo e Mos.