Domingo, 8 Xuño de 2025

Arte no Camiño para seguir a embelecer a contorna do Pazo de Mos

0

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde mosense, Camilo Augusto, a concelleira de Cultura e Turismo de Mos, Sara Cebreiro, e os representantes da Comunidade de Montes de Mos, Manuel Castro e a secretaria, Vanesa Ferreira, visitaron o mural xa rematado da artista Doa Oa, para o que a CMVMC Salgueirón Mos recibiu unha axuda autonómica de 10.000 euros.

A colaboración da Xunta de Galicia con este fermoso proxecto enmárcase na Liña de Axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago ofertadas pola Axencia Turismo de Galicia para este ano 2022.

O proxecto de mural no antigo depósito da depuradora inhabilitada da granxa de gando vacún e avícola preexistente, que agora se atopa integrado no novo xardín do Pazo, tiña como obxectivo o embelecemento, e integración na contorna natural, do muro da estructura.

O deseño consta de elementos, vexetais, florais e de cultivos agrícolas, en homenaxe á simboloxía do municipio e da parroquia de Mos. As rosas: por ser Mos o Concello da Rosa, flor omnipresente na herálida local (escudo, bandeira e himno) xa desde o Marquesado de Quirós e o seu escudo coa Rosa de Quirós.

A intervención de arte mural procura facer unha homenaxe simbólica da historia do Pazo de Mos e de como ao longo dos tempos foi cambiando de propietarios ata agora, na actualidade é do pobo de Mos. Tal como ilustra a frase de Daniel Castelao “As casas dos señores van ás mans dos labradores” nunha das súas viñetas que fala da abolición dos foros. A composición feita coa representación sintética de dous elementos: a rosa de Mos e a espiga de trigo, son símbolos do reflexo dunha interpretación feita da loita dos Irmandiños, a pesar de que os pazos son após das torres e castelos, a economía de rendas perpetuose ata ben entrado o século XX en Galicia a través dos maiorazgos. No subsconsciente do escritor e intelectual Manuel María podemos ver no seu poema, hoxe cantiga, “O pobo fixo novas sementeiras e xunto ao trigo floreceu a rosa”.

Historia e modernidade dánse a man neste fermoso mural de Doa Oa.

Tomiño crea un novo tramo que dá continuidade á senda da Avenida do Baixo Miño

0

O Concello de Tomiño continúa apostando por recuperar espazos para as persoas, creando zonas de estancia e lecer coas que potenciar tamén a mobilidade sustentable. Neste camiño, o Goberno municipal xa está a traballar na creación dunha senda peonil e ciclista entre a rotonda da Pedra e a rotonda norte da Avenida do Baixo Miño que dará continuidade á existente xa na variante e permitirá crear unha zona de paseo continuo na contorna do Seixo duns 2,3 quilómetros.

“Dende hai moitos anos estamos traballando para crear un novo modelo de mobilidade pensado para as persoas no que teñan cabida espazos amables e de calidade. Esa é a liña que segue esta nova intervención na contorna do centro urbano, un xeito de entender o Tomiño do presente e do futuro que pouco a pouco vaise espallando por todo o municipio”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Este tramo, transferido recentemente pola Xunta tras a construción da Avenida do Baixo Miño, era unha estrada dedicada exclusivamente ao tráfico rodado, con dobre sentido con amplos carrís e beiravías e con vehículos circulando a gran velocidade, pero sen espazos seguros para as e os viandantes. Coa creación deste novo tramo de senda peonil e ciclista “non só melloramos a accesibilidade e seguridade da veciñanza, senón que tamén lle damos continuidade á rúa Gondomar ata a Avenida do Baixo Miño creando unha zona de encontro, de estancia e de lecer para todos os tomiñeses e tomiñesas no corazón da vila”, como explica a rexedora.

Para manter de forma íntegra esa continuidade coa actual peonil e ciclista da variante, este novo espazo estase a construír empregando o mesmo tipo de árbores e luminarias, así como o mesmo formigón coloreado que dá forma ao chan. Deste xeito, o Concello mellorará a mobilidade alternativa neste treito cunha notable integración no ámbito urbano e dotando de espazos seguros para peóns o viario existente. As obras supoñen un investimento de máis de 160.000 euros.

O PSOE de Tomiño cualifica de “nefasta” a xestión política e económica do goberno local

0

As concelleiras socialistas de Tomiño, Violeta de Santiago e Mirta Misa definiron como “nefasta” a postura do goberno nacionalista de Tomiño ante a situación económica do Concello logo de que no Pleno ordinario celebrado o pasado xoves, procedérase a unha moficiación de crédito por valor de 346.223,92 euros, para poder facer fronte a partidas orzamentarias que están sendo incrementadas polo aumento dos prezos dalgunhas materias primas.

“Si ben é certo que a situación actual a nivel mundial era difícil de prever, tamén é certo que xa no Pleno onde se aprobou o orzamento municipal, quedou constancia de que este sería un ano compricado a nivel económico” explica a portavoz socialista Violeta de Santiago.

De Santiago criticou unha xestión froito de decisións políticas erróneas e de encadenar modificacións de crédito levadas ao Pleno para acometer obras “non prioritarias cun claro afán electoralista neste ano de precampaña”, asevera.

O efecto destas decisións, matiza a concelleira socialista, é que na actualidade “o Concello ten as arcas municipais valeiras e o remanente de tesourería de máis de 2 millóns de euros fundido” o que leva a unha situación na que, en palabras de Intervención, podería perigar o pago do subministro eléctrico. As concelleiras socialistas pregúntanse que pasará no caso de que se produza unha emerxencia social en Tomiño.

Esta crise afecta tamén á obra da futura biblioteca municipal que, neste momento, está parada e non se descarta que a empresa adxudicataria renuncie a rematala. “O proxecto estrela do BNG na campaña electoral do 2007, que foi presentado hai 5 anos, que endebedou a Tomiño en 1 millón de euros máis e comprometeu fondos do programa Reacpon da Deputación de Pontevedra, pode que quede nun esqueleto de puro formigón afondando no feísmo urbanístico, e o que é peor, a veciñanza sen ese esencial servizo”, advirten Violeta de Santiago.

Por todo isto as socialistas definen este último mandato do bloque como “a confirmación dun goberno esgotado e desgastado que tan só actúa por impulsos electoralistas e que levaron a Tomiño a unha situación económica realmente preocupante”.

Comeza o obradoiro de emprego de Salvaterra de Miño

Hoxe daba inicio en Salvaterra de Miño o Obradoiro dual de Emprego para o ano 2022/2023, cunha financiación de máis de 500.000 €.

Salvaterra Emprega II é unha clara aposta do grupo de goberno pola formación, que se enmarca dentro das políticas activas de emprego que está realizando o Concello, e que teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas mediante a realización dun traballo efectivo, que xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procura a súa cualificación profesional e favorece a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Salvaterra Emprega II terá unha duración prevista de 12 meses, onde se pretende formar a 20 persoas desempregadas nas especialidades formativas no ámbito Forestal e de Xardinería. Con este obradoiro o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en sí.

A IX edición da Batalla de Rande é a protagonista deste mes en Redondela

0

A programación para o outono/inverno deseñada pola Concellería de Cultura do Concello de Redondela, que xestiona Iria Vilaboa, ofrece unha programación cultural extensa na que se que inclúe un dos eventos históricos máis importantes de Redondela: A Batalla de Rande.

Dende as 19 horas do sábado 15, as rúas e prazas de Redondela encheranse de historia co ‘primeiro acto’ do desfile e representación da Batalla de Rande que chega da man da ACD Rande coa colaboración do Concello de Redondela, e na que a vestimenta de época das tropas hispanofrancesas e inglesas poñerán a cor a un máis que atractivo desfile no que as tropas escoltan os ‘tesouros das indias’ logo da descarga dos galeóns. Un episodio salientable da historia na que Redondela e a enseada de San Simón foron, unha vez máis, testemuñas de privilexio.

Xa a vindeira fin de semana e nas inmediacións do Meirande, en pleno estreito de Rande, terá lugar a representación que, ano tras ano, reforza o seu poder de convocatoria converténdose nunha cita imprescindible do sur de Pontevedra.

O sábado 22 de outubro, a partir das 11 e ata as 20:30 horas, Meirande convertirase nun mercado tradicional no que atoparemos obradoiros tradicionais de alfarería, lacrado e acuñación de moeadas e escritura antiga; así como actividades para os máis cativos cun prezo de 3 euros e teatro tradicional infantil. Ademais das actividades, tamén terá lugar a teatralización da Batalla de Rande coa obra ‘Navíos baixo o lume” e visitas guiadas en barco na Enseada de San Simón (saída dende Meirande), cun prezo de 4 euros. Entre moitas outras sorpresas, cabe destacar a representación naval da batalla con pirotecnia, que é un éxito entre o público.

O domingo 23 despídese o evento repetindo os obradoiros, a teatralización, o desfile e as visitas guiadas pola Enseada de San Simón (saíndo tamén dende Meirande), para aquelas persoas que non puideran asistir antes e así ampliar o público e controlar o aforo.

Encanto á programación, a alcaldesa Digna Rivas, aclara que “debullando a programación, voltamos a apostar por novidades de edición anterior que tiveron gran éxito e acollida, coma os obradoiros tradicionais de alfarería, escritura antiga, lacrado e acuñación de moeada; atraccións de madeira, as vistas guiadas en barco pola Enseada de San Simón ou a representación naval con pirotecnia. Unha das novidades deste ano é o peche da celebración do 22 de outubro cun concerto a cargo dos Carunchos a partir das 21:000 horas”.

Sen esquecer o gran traballo que fai a asociación deportiva e cultural de Rande, Rivas engade que “durante todo o ano, co traballo conxunto do Concello permítenos voltar a celebrar esta conmemoración, que voltará a encher de ledicia a contorna de Meirande e toda Redondela”.

Noemí Fernández, gañadora de ‘Tes talento?’

0

A porriñesa Noemí Fernández alzouse onte co primeiro premio desta edición do concurso musical ‘Tes Talento?’: 500 euros e a grabación dun tema.

O xurado deu como gañadora a esta moza tras unha interpretación maxistral do tema de Dreamgirls, “One night only”. “Todas as voces que escoitamos eran marabillosas, pero a de Noemí preponderaba sobre as demais e emocionounos a todos nas súas dúas intervencións”, destacou o voceiro do xurado, Carlos Tresandí. 

O segundo posto foi para o mosense Iker Faure, que conquistou ao público e xurado cun tema da súa autoría “Hasta que tú quieras” e o terceiro para a porriñesa Lucía Samoelle e a súa persoal interpretación de “La despedida”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, foi o encargado de entregar os galardóns e aproveitou para dar a noraboa “a todos e todas as participantes que demostrastes que sen dúbida algunha aquí hai talento” e destacou “a boa acollida que teñen iniciativas como este concurso musical e todas aquelas actividades culturais que se propoñen, mostra de que O Porriño e a súa veciñanza ten unha enorme inquedanza cultural e, dende o Concello o respaldaremos”.

En total foron 12 os artistas que disputaron a final tras clasificarse nas dúas semifinais celebradas. O xurado, formado por Carlos Tresandí, Bienvenido Estévez, Carla Lourdes, Miriam Rodríguez e Felix da Silva, destacou a calidade artística de todas as propostas.

Xavi Arós, gañador do concurso infantil

Na modalidade infantil o gañador foi Xavi Arós, que se impuxo ao resto dos participantes coa súa interpretación do tema “SloMo”. En segudo lugar un grupo formado por Antón Pedreira, Fabio Ocampo, Javier Muíños e Mateo Pallares, os Generación M, que brillaron con “Miña Terra Galega”. Por último, Nora Rivas ocupou o terceiro posto tras interpretar “The one that got away”.

A rehabilitación do Centro Social para maiores de Arbo avanza a bo ritmo

0

O Concello de Arbo xa ten en marcha a rehabilitación do edificio sito no lugar da Chan, que se converterá no novo local social para maiores e que avanza a moi bo ritmo tras as primeiras semanas de obras.

A reforma integral do edificio destinado a Centro Social, avanza na mellora das súas instalacións e baixo o obxectivo de converterse nun centro  de referencia na comarca, para o que o Concello inviste 327.577,25 €.

Na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación celebrada do día 8 de xullo  de 2019, adxudicábase o  contrato de compravenda do inmoble sito no lugar de Chan, co fin de situar no mesmo o futuro Centro Social para a Terceira Idade e Punto de Atención Infantil (P.A.I), complementando as actuais instalacións e servizos que posúe este Municipio e destinados a este colectivo cada vez máis numeroso en concellos do rural, como Arbo.

O Centro Social de Arbo, destinado aos maiores da zona, é unha aspiración prioritaria para o alcalde desde o anterior mandato. Situarase nun inmoble adquirido polo Concello polo importe de 175.000 euros, no lugar da Chan, que por estar situado na contorna do centro urbano “resulta o máis idóneo para a implantación do Centro Social para maiores, dotación que ten como misión principal a acollida, entretemento e coidado deste colectivo”, explicaba o alcalde Horacio Gil.

O proxecto ten un marco social como é o fomento da cooperación e interacción entre os maiores para evitar o seu illamento, e manter as persoas maiores ben atendidas nas súas necesidades básicas co equipamento necesario, formadas e informadas das súas posibilidades no melloramento da calidade de vida.

As instalacións darán resposta ás necesidades dos maiores, que tamén dispoñerán de espazos recreativos e de esparexemento,  xa que, o proxecto “ten un marco social: fomentar a cooperación e interacción entre os maiores para evitar o seu illamento e mantelos ben atendidos no que respecta a as súas necesidades básicas  ademais de proporcionais a mellor calidade de vida posible”, explica o alcalde.

Para o financiamento do investimento da obra, que ascende a 327.577,25 €, o Concello de Arbo ten asinado un convenio co Consorcio Galego de Igualdade e de Benestar da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, donde o Consorcio comprométese a achegar ao Concello a cantidade de 270.000,00 €, sendo asumido por conta do Concello 57.577,25 €.

A nova infraestrutura contará con 569 metros cadrados distribuídos en dúas plantas, con salón social, cafetería, salas de rehabilitación e de audiovisuais  así como espazos de lectura. E o inmoble que tamén acollerá a futura gardería.

O Goberno de Mondariz e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dan por pechada a crise do centro de día

0

O Concello de Mondariz recibiu o pasado venres, 30 de setembro, a visita do xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, meses despois de chegar a importantes acordos sobre a resolución dos problemas de cofinanciamento do centro de día de Mondariz e a renovación do convenio de colaboración entre as dúas partes para a prestación deste servizo.

Após formalizar na Casa Consistorial a sinatura do novo convenio a catro anos, establecido o pasado mes de abril, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dirixiuse á sede do centro de día de Mondariz para coñecer as instalacións e conversar coas persoas traballadoras e usuarias, acompañado polo alcalde, Xosé Emilio Barros, e o concelleiro de Servizos Sociais e Facenda, José Luis Fernández.

Situación totalmente regularizada

Esta simbólica visita deu por pechado o conflito entre Xunta e Galicia e Concello de Mondariz polo incumprimento dos compromisos de cofinanciación do centro de día. A débeda que acumulaba Mondariz, en relación a este servizo, saíra á luz pública no verán de 2019, semanas despois de que as últimas eleccións municipais propiciaran un cambio de Goberno. Esta situación, que comprometía enormemente as finanzas municipais e o propio futuro do centro de día da localidade a un ano de vencer o convenio de colaboración, nunca fora visibilizada diante da Corporación Municipal e requeriu dun arduo proceso de investigación e análise por parte do Goberno actual para negociar o pagamento co Consorcio. Naquel momento, ademais, o Concello de Mondariz funcionaba cun orzamento obsoleto pensado para 2017 que non incluía partidas para os pagamentos relacionados co centro de día, polo que as negociacións iniciais foron aínda máis complicadas.

Para chegar a unha conclusión favorable, no entanto, fixeron falta meses de xestións políticas e administrativas. O Concello de Mondariz pagou as cotas semestrais correspondentes aos anos 2019, 2020 e 2021, normalizando totalmente a situación; mentres que a débeda histórica de 92.500 euros, correspondente aos anos 2017 e 2018, foi renegociada formalmente para unha devolución fraccionada en 25 meses, entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2024. 

A reclamación por vía xudicial da retención da débeda histórica e a dotación no orzamento municipal de 2021 da cantidade suficiente para efectuar os pagamentos semestrais de 2021 e 2022 ao Consorcio polo centro de día de Mondariz acabaron por ser accións claves para a resolución desta situación irregular.

Goberno responsable e xestión eficaz

En lugar de arquivar o asunto e deixar apodrecer o conflito, o Goberno municipal asumiu a responsabilidade desde o primeiro momento, solicitando reunións co Consorcio e preparando un novo orzamento municipal que incluíra as partidas necesarias. Aínda así, en xullo de 2020 foi notificado que os 92.500 euros correspondentes aos anos 2017 e 2018 serían retidos dos ingresos que debía recibir o Concello a través do Fondo de Compensación Interterritorial. Esta decisión, xa entón de dubidosa legalidade, obrigou ao Concello de Mondariz a interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do director xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda a mediados de setembro de 2020 que, en abril de 2021, o Tribunal de Xustiza de Galicia resolveu favorablemente por defectos de forma e outras irregularidades detectadas no procedemento.

Nesta sentenza declarábase ilegal a retención da débeda histórica polo centro de día de Mondariz, polo que se abría un novo período de negociación da mesma co Consorcio. En lugar de proceder á devolución dos 92.500 euros retidos pola débeda contraída en 2017 e 2018, negociouse compensar este importe coas liquidacións correspondentes aos anos 2019 e 2020 e aboar a diferenza. Así mesmo, respecto da débeda histórica de 2017 e 2018, o Goberno municipal propúxolle ao Consorcio unha devolución fraccionada en 25 meses que finalmente foi aceptada. “Iniciar un preito cunha argumentación clara e contar cuns orzamentos municipais que incluíran esta partida foi fundamental para resolver este asunto antes de 2022 e normalizar a situación”, conclúe José Luis Fernández, concelleiro de Facenda e Servizos Sociais de Mondariz.

As orixes do conflito

A crise de débeda do centro de día de Mondariz, malia saír á luz pública no verán de 2019, comezou anos antes, cando en 2017 se mudou o sistema de cofinanciación deste servizo. Naquel momento, déuselle aos concellos a posibilidade de manterse no sistema de cofinanciamento anterior, pero o Goberno municipal que tiña Mondariz aceptou o novo sistema de cofinanciamento por omisión. Así pois, xa en 2017, o Concello de Mondariz comezou a recibir as liquidacións correspondentes a este novo sistema de cofinanciamento do centro de día. Cómpre ter en conta que antes de 2017, co antigo sistema de cofinanciación, tampouco se pagara nada desde que en 2010 se asinara o convenio de colaboración para poñer en marcha o centro de día, pero esta débeda anterior a 2017 foi “aparcada lexislativamente”, segundo se manifestou durante as reunións que mantivo o Goberno municipal coas autoridades do Consorcio.
Co sistema de cofinanciación que entrou en vigor en 2017, Mondariz paga anualmente 2.500 euros por cada habitante do Concello que faga uso do centro de día a pesar de que as instalacións son de propiedade municipal, pero non pode asignar ningunha das 30 prazas entre os seus veciños e veciñas porque esta é unha competencia da Xunta de Galicia. Polas persoas usuarias do centro de día que veñen doutros concellos, é a Xunta quen asume o custo total do servizo.

“O legado que recibimos do Goberno anterior non foi favorable e tivemos que destinar moitos esforzos a resolver problemas como este co centro de día, que tamén chegou a prexudicar ao Concello de Mondariz financeiramente cando a Xunta decidiu reter os 92.500 euros pendentes de pagamento dos ingresos municipais que veñen do Fondo de Compensación Interterritorial. Lamentamos que o principal grupo da oposición non asumira a responsabilidade deste problema en ningún momento, e tampouco apoiara a súa resolución, votando en contra dun orzamento que si incluía as partidas necesarias para cofinanciar o servizo”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. “Con todo, estamos satisfeitos coa resolución do problema. A situación do centro de día está a día de hoxe totalmente regularizada, e a relación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar é cordial”.

O Rosal xa desfruta da renovación da Praza do Calvario

0

O Rosal vén de estrear por todo o alto o novo centro neurálxico da vila coa transformación da praza do Calvario, unha obra que marca “un antes e un despois” na recuperación do espazo público do concello para as persoas e que constitúe o primeiro dos 47 proxectos levados a cabo con financiación do Plan ReacPon da Deputación rematado na provincia. A veciñanza ten deste xeito un novo punto de encontro e lecer que se inaugurou con música e baile, e que a presidenta provincial Carmela Silva definiu como “unha nova e fermosa mostra da transformación  pensando nas persoas e tamén un exemplo palpable da reactivación da provincia que vai supoñer este plan”. Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, subliñou opaso histórico” dado con esta obra, “coa que non só cumprimos un gran compromiso, senón que recuperamos o epicentro da nosa actividade económica, social e de convivencia para as persoas. Porque xuntas e xuntos estamos a construír o Rosal das persoas”.

A renovación desta praza, que constitúe o centro social e administrativo do Rosal, tivo un orzamento de 1.518.474 millóns, dos que a Deputación aportou a través do ReacPon un total de 517.938€ e Concello 1.000.536 €. Carmela Silva cualificou a reforma como “modélica” e destacou na súa intervención o coidado e a calidade estética desta obra, “pensada e executada cuns estándares excepcionais, que se cabe serve para poñer aínda máis en valor a historia desta vila e os seus grandes valores patrimoniais”. “Isto va máis alá de rehabilitar; falamos de humanizar, de crear espazos amables para a xente como este que sirvan para o reencontro, para a convivencia, onde se desenvolvan actos culturais e sociais e que sexan un polo de atracción para dinamizar o concello, tanto desde o punto de vista económico como turístico –apuntou-. En definitiva, cambiar aquel modelo onde os vehículos eran protagonistas para un no que as persoas esteamos no centro”. A presidenta provincial subliñou así mesmo a relevancia do ReacPon para dotar de recursos aos concellos con este plan extraordinario “cos que mobilizar a economía da provincia, impulsando proxectos maduros que supoñen un compromiso coa mobilidade sostible, co medio ambiente, con infraestruturas modernas e dotacións para que as persoas, vivan onde vivan, desfruten dos mesmos dereitos e servizos”.

“Melloramos e transformamos a nosa praza –apuntou pola súa banda a alcaldesa Ánxela Fernández– nun espazo público de calidade e en maiúsculas, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible. Convertemos un aparcamento e unha rotonda no centro neurálxico de interacción social, de convivencia, creando un espazo seguro, amable, saudable, moito máis verde no que potenciar a actividade económica de proximidade, o comercio e o consumo local”.

A renovada praza, que acolleu nesta estrea a actuación do grupo de baile de Paula Covián e a da Banda da Agrupación Musical do Rosal, conforma un novo espazo público de lecer e de uso polivalente que dota de identidade á zona. Abordouse un deseño unitario, atractivo e dinámico para esta contorna, que integra ao Concello, a Igrexa, o Mercado, a Cámara Agraria, e que conta agora cun espazo central como elemento cohesionador. Nel destaca unha sobreira de gran porte, que recorda ás árbores desta especie que había no lugar a principios do século XX, amais doutros árbores que potencian a multifuncionalidade da praza. Tamén hai que destacar o elemento elevado a modo de escenario que reinterpreta o templete de música que tiña a praza hai un século, realizado en ladrillo artesán en recordo aos cabaqueiros, produtores de tellas e ladrillos cerámicos que traballaban na zona.

Na remodelación empregáronse materiais construtivos que preservan e potencian o carácter patrimonial e arquitectónico da praza (pedra e xabre compactado con cal e formigón) e melloráronse as condicións ambientais e paisaxísticas. O proxecto incluíu así mesmo a renovación das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións e eléctricas. Amais, instalouse iluminación eficiente feita a medida que permite axustala en función das necesidades de cada momento e nova sinalización.

A Xunta salienta a calidade do comercio local en Redondela

0

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou en Redondela a calidade e a profesionalidade do comercio desta localidade pontevedresa, destacando así mesmo o traballo que realiza a Asociación de Empresarios de Redondela no seu impulso, con diferentes iniciativas ao longo do ano para dinamizar as vendas e incrementar a competitividade dos establecementos locais.

Precisamente, Heredia visitou a Feira anual de oportunidades e novidades de Redondela, organizada por esta asociación empresarial. O acto incluíu o sorteo en directo da campaña Mercar no teu comercio ten premio, impulsada pola Federación Galega de Comercio co apoio da Xunta de Galicia co obxectivo de achegar o consumidor aos establecementos locais e poñer en valor as súas vantaxes.

A iniciativa desenvolverase en máis de 40 localidades de toda Galicia, sorteando máis de 40.000 euros en premios entre os clientes do comercio de proximidade. Estenderase ata finais de novembro a través de campañas dunha semana de duración en cada unha das localidades. Os tíckets das compras realizadas no comercio local nese tempo poderán cambiarse o día final da campaña por boletos de participación no sorteo en directo de premios, consistentes en tarxetas prepago de 30 e 50 euros.

Nesta ocasión a iniciativa contou coa colaboración da Asociación de Comerciantes de Redondela. Así, todos os clientes desta localidade pontevedresa que fixesen compras entre o pasado 26 de setembro e onte, 30 de setembro, puideron participar no sorteo en directo de 1000 euros en premios.

Estas iniciativas complementan as distintas accións impulsadas pola Xunta para reactivar o consumo, entre as que destaca a segunda edición dos Bonos Activa Comercio, que empezarán a funcionar nas próximas semanas. Este programa impulsado pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación permitirá mobilizar máis de 17 millóns de euros en compras, fomentando deste xeito o consumo no comercio de proximidade. Os clientes poderán acceder a un bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

Cun orzamento que alcanza os 5 millóns de euros, este programa da Xunta súmase ás diferentes liñas de axudas específicas para o comercio galego promovidas pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, centradas en eidos como a transformación dixital e a modernización do sector, así como para a dinamización e incentivación do consumo a través dos centros comerciais abertos e federacións de comerciantes e o impulso das prazas de abastos.

Nigrán adquire unha cadeira de rodas para unha xogadora de baloncesto profesional

0

O Concello de Nigrán dá un empurrón a súa veciña Uxía Chamorro para que poida competir no Mundial de Catar 2023 de Baloncesto Adaptado. Con este obxectivo o consistorio ven de investir 8.000 € na adquisición dunha cadeira de rodas feita ex-profeso para a deportista do Amfiv acorde ao seu peso, medidas, tipo de discapacidade e ao deporte que practica. Para elo o Concello tivo que recurrir á empresa madrileña ‘Olympic Mobility & Sports’, unica de España especializada neste traballo e proveedora de deportistas discapacitados de todo o mundo. O resultado final, testeado onte pola propia Uxía no Pavillón Municipal de Panxón, é unha cadeira a medida de aluminio aeronáutico e 5 kg máis lixeira da que ten en préstamo no seu clube, polo que resulta moito máis rápida e fácil de manexar.

“Uxía é unha deportista de élite de San Pedro da Ramallosa que merece o mesmo apoio que calquera outro profesional, polo que sabendo da súa necesidade urxente de contar cunha cadeira de rodas mellor non dubidamos en patrocinala”, explica o alcalde, Juan González, quen asistíu onte xunto a Agustín Alejos, tamén deportista nigranés de baloncesto en cadeira, á entrega por parte da empresa a Uxía. Alí, coa presenza do Club Baloncesto Nigrán, a deportista puido probala baixo a atenta mirada de de Álvaro González, socio fundador de ‘Olympic Mobility & Sports’ e quen in-situ a rematou de axustar.

“Disponer de una silla en condiciones puede ser fácilmente la diferencia en llegar a ser convocada para la selección porque lógicamente las condiciones de juego mejoran notablemente”, explica Uxía, quen destacaba tras a proba a sensación de “agilidad” e “rapidez en el giro”. “Iba tan rápido que al girar pensaba que igual me podía caer, pero a los 20 minutos estaba ya completamente adaptada y me sentía súper segura, esta ya es de verdad mi silla”, explicaba Uxía, quen empregaba ata agora unha silla do Amfiv do ano 2007 e pola que xa pasaron 3 xogadores.

“La silla para estos deportistas puede ser la gran diferencia a la hora de competir”, corrobora Álvaro González, quen fundou no 2013 esta empresa tras adicarse á fabricación ortopédica e detectar esta necesidade. “No existía la especialización en sillas para deportistas de élite, estaban totalmente desatendidos y no había ninguna profesionalización al respecto, ni siquiera existía ese concepto de personalización”. Por iso o cambio e o éxito de Olympic Mobility&Sports foi absoluta, nesta empresa miden e pesan aos deportistas, estudan a súa discapacidade e deseñan ex-profeso a cadeira pensando tamén no deporte ao que se vai adicar, “por ejemplo, en el caso del baloncesto es necesario una defensa delantera potente porque es un deporte muy de contacto. No hay dos sillas iguales, es imposible”, explica. Só o deseño (non fabricación) desta cadeira levou 35 horas (Álvaro desprazouse ex-profeso en abril para medir a Uxia e tomar todas as referencias).

Uxía Chamorro

Uxía Chamorro (Nigrán, 2002) naceu con atrogriposis e escoliosis, polo que dificilmanente pode desprazarse en distancias cortas con muletas, así que emprega habitualmente cadeira de rodas. Con 8 anos descubríu de casualidade nun evento as posibilidades do baloncesto adaptado, despois asistíu como público a un partido e quedou definitivamente prendada deste deporte, polo que pasou a formar parte das escolas do Amfiv, clube no que xoga en Primeira División desde 2021, tendo sido convocada en diferentes ocasión pola Selección Española. “Mi objetivo es llegar a Catar, no va a ser fácil porque hay mucho nivel, pero si no me seleccionan no podré decir que es por culpa de una silla que me limita”, confesa.

“El baloncesto es para mi compromiso, felicidad y calma. Me ayuda mucho, en el Amfiv tengo realmente una segunda familia, pasamos muchas horas juntos y lo agradezco”, explica Uxía, quen mestura os adestramentos a diario co estudo dun ciclo de produción audiovisual en Bouzas. “En un futuro me gustaría poder simultanear el baloncesto con el trabajo audiovisual, que es mi otra gran pasión. Realmente, vivir sólo del baloncesto en silla es casi imposible”, reconoce. 

SmartPeme comeza outubro con cinco novas formacións online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a ciberseguridade e a suplantación de identidade, o márketing de contidos, a mellora do posicionamento web con Google, o funcionamento de Blockchain ou técnicas de márketing para a promoción de Tours.

Este luns 3 de outubro, Manuel Freire, experto en Robótica, programación e impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro “Ciberseguridade, Ransomware e a suplantación de identidade”. Este curso ten como obxectivo dar a coñecer o Ransomware, así como o ciberataque máis popular actualmente, a suplantación de identidade. Freire tamén conducirá un dos cursos impartidos na xornada do xoves 6, “Blockchain, metaverso” que completará a formación dunha serie de 4 actividades e nela falarase sobre o Metaverso, para que vai servir e cal e o seu desenvolvemento.

O martes 4, ás 12.00 horas, terá lugar vía Zoom “Márketing de contidos: aprende a diferenciarte da competencia” un taller centrado nos horarios adecuados para postear ou de como dirixirnos aos nosos clientes para acadar un maior engagement. Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas será quen o dirixa.

A xornada do mércores 5 estará conducida pola experta en Comunicación Corporativa, María Aller, coa acción “Mellora o teu posicionamento web con Google Search Console”. Centrarase en descubrir como manexar as ferramentas que Google Search Console pon a disposición de emprendedores/as para optimizar as súas páxinas web. O peche da semana de obradoiros será o xoves 6 de outubro pola tarde, co taller “Técnicas de márketing para a promoción de Tours” dirixido a empresas turísticas que inclúen diversos servizos de ocio e entretemento para viaxeiros, turistas ou poboación local. A guía desta derradeira acción será Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas.

O 21 de febreiro e o 29 de setembro de 2023, festivos locais no Rosal

0

O 21 de febreiro e o 29 de setembro de 2023 serán días festivos no Rosal. Esta é a proposta que aprobou o pleno municipal na sesión celebrada este xoves ás 20.30 horas na Casa Consistorial na que, entre outros asuntos, aboraronse os dous días de festa que o Concello ten dereito a marcar cada ano.

Deste xeito, o martes de Entroido, que o vindeiro ano coincide co 21 de febreiro, volverá a marcarse en vermello no calendario local como ven sendo tradicional para os rosaleiros.

Por outra banda, o Goberno municipal tamén declarará festivo o venres 29 de setembro de 2023, coincidindo coa festividade de San Miguel, para recoñecer así tamén unha data especial para esta parroquia que levaba moitos anos sen ser festividade local.

Presentación do 2º Concurso “#ConSalceda de Pinchos e Tapas”

O Concello de Salceda presentou onte o 2º Concurso “#ConSalceda de Pinchos e Tapas”, organizado pola concellería de comercio, dirixida pola alcaldesa Verónica Tourón, en colaboración con ACISA.  Esta iniciativa forma parte do programa de dinamización do comercio local “Con Salceda”.

No concurso participaran os seguintes locais de Salceda: Arruda Cofee Bar, Tabertenda, O Recuncho, Tapería Ozores, La Marujita, Vinoteca Salceda, Bar Caselas, Centro Cultural San Xurxo e      Cafetería Altamira.

Cada un dos establecementos participantes concursa nunha das categorías de pincho ou de  tapa. Os establecementos gañadores de cada categoría recibirán un galardón por parte do concello.

A persoas que degusten as tapas ou pinchos e voten por cada un deles participarán nun sorteo que conta con tres premios: un por valor de 600€ en vales de compra nos establecemento asociados a ACISA (doado por esta asociación de comerciantes), outro por valor de 300€ en vales de compra para todo o comercio local aportado polo concello e outro de 90€ en vales para consumir nos establecementos participantes no concurso. Así mesmo todas as persoas participantes que completen a ruta de pinchos e tapas recibirán un agasallo directo.

O concurso comezará o 14 de outubro e rematará o domingo día 23.

Para poder gozar ao máximo do concurso recoméndase consultar o folleto dispoñible no comercio local, e tamén na web e nas redes sociais do concello, para coñecer os horarios nos que cada pincho e tapa serán servidos polos establecementos participantes.

O Concello de Salceda quere agradecer á hostalería local a súa alta participación e á asociación de comerciantes a colaboración prestada para esta iniciativa.

Verónica Tourón, alcaldesa e concelleira de Comercio indicou “dende a Concellería de Comercio continuamos apostando por este tipo de eventos que dinamizan dunha forma moi especial a hostalería local ofrecéndolle á cidadanía unha oportunidade fantástica para gozar de cada un dos establecementos participantes e coñecer a súa oferta gastronómica”.

O Museo de Pontevedra celebra o día da Arte Rupestre

O Museo de Pontevedra vai celebrar o Día Europeo da Arte Rupestre –que se conmemora oficialmente o 9 de outubro- cunha programación que busca trasladar á cidadanía a importancia da arte rupestre en Europa e, especialmente, en Galicia. Por unha banda, unha conferencia achegará información sobre os últimos achados de pintura rupestre esquemática no país, mentres que varios obradoiros permitirán ás nenas e nenos coñecer mellor o modo de vida do ser humano no Paleolítico.

As actividades arrancarán o mércores 5 de outubro coa celebración de varios obradoiros sobre tecnoloxía prehistórica e arqueoloxía experimental a cargo do arqueólogo e responsable de actividades das Covas Prehistóricas de Cantabria, José Aurelio García Munúa. Pola mañá celebraranse dous obradoiros dirixidos a centros escolares. ‘A natureza, o supermercado da Prehistoria’ axudará ao alumnado a valorar o coñecemento das persoas do Paleolítico sobre a natureza e como obtiñan recursos dela sen modificar a súa contorna. No obradoiro ‘O primeiro graffiti’ a rapazada achegarase aos procedementos das e dos artistas paleolíticos e comprenderá o proceso intelectual que hai detrás da concepción e o deseño dos útiles de pintura.

O mesmo mércores 5 ás 17.30 horas terá lugar un novo obradoiro dirixido a familias con crianzas a partir de 8 anos. Titúlase ‘Pel para vestir e moito máis’ e explicará como a caza era no Paleolítico superior un recurso de primeira orde, no que se aproveitaba integramente as pezas cazadas. Para iso as persoas adultas e menores participantes montarán un bastidor cunha pel de cervo. Este obradoiro será aberto ao público, realizando a inscrición a través do correo electrónico [email protected].

As actividades do Día Europeo da Arte Rupestre continúan o martes 11 de outubro ás 19.00 horas coa conferencia ‘Investigacións sobre o contexto da pintura rupestre esquemática no noroeste peninsular’, a cargo da arqueóloga e profesora Beatriz Comendador.

A especialista tomou parte de varios proxectos de investigación arqueolóxica na área transfronteiriza do val do Támega e dirixiu a investigación do xacemento de Penedo Gordo (Vilardevós) e a do conxunto arqueolóxico da Cidá das Laxes das Chas/Castelo de Lobarzán (Monterrei), dous dos catro sitios onde se ten atopado arte esquemática pintada en Galicia. Esta palestra ten como obxectivo achegar ao público o fenómeno da pintura rupestre postpaleolítica, así como contextualizar estes achados nunha visión integrada transfronteiriza, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre peninsular.

O Día Europeo da Arte Rupestre celébrase o 9 de outubro, data que precisamente coincidirá coa clausura da mostra ‘Arte rupestre. Da rocha ao Museo’, que se exhibe no Edificio Castelao. Esta exposición recorda as primeiras iniciativas de difusión da arte prehistórica e constitúe unha boa oportunidade para comprender como a Prehistoria se converteu nunha disciplina científica e como se deu a coñecer por primeira vez ao público xeral nas primeiras décadas do século XX .

O pleno municipal de Tomiño amosa o seu apoio ao IES Antón Alonso Ríos

0

O goberno de Tomiño levou onte ao Pleno Municipal unha moción de apoio ao IES Antón Alonso Ríos na súa solicitude dunha segunda especialista en Pedagoxía Terapéutica. O centro conta actualmente cunha matrícula de 590 alumnos, un número en crecemento exponencial acorde ao perfil demográfico do Concello. Este incremento ten suposto novas necesidades para o centro. Como amosa o proxecto de ampliación das súas instalacións que está a piques de executar a Xunta de Galicia.

Sen embargo, e pese a evidencia de que a un maior número de alumnado demanda dun mellor servizo, o IES Antón Alonso Ríos leva dous cursos sen unha 2ª especialista en Pedagoxía Terapéutica. Un segundo docente de apoio individualizado ao alumnado con necesidades específicas do que dispuña até o curso 2020-21. É dicir, que o centro sufriu un recorte en vez dun incremento a pesares de ir medrando en demanda.

Dende a dirección, o claustro e a comunidade educativa fixéronse as xestións correspondentes para a súa solicitude, tanto no curso pasado coma no presente curso, co visto bo do equipo específico de orientación e co inspector da zona, mais non recibiron resposta algunha.

Ante esta situación, o consello escolar municipal acordou levar ao pleno municipal a situación e as necesidades urxentes coas que conta o centro educativo tomiñés. Finalmente, na xornada de onte, o Pleno do Concello de Tomiño mostrou o seu apoio a solicitude do IES Antón Alonso Ríos para a concesión da segunda especialista en pedagoxía terapéutica. A alcaldesa Sandra González confirmou tamén “o compromiso do Concello para trasladar á Xunta de Galicia a necesidade deste segundo docente para que IES Antón Alonso Ríos poida atender todas as necesidades que o alumnado tomiñés precisa”.

Charla-taller sobre educación canina en Baiona

0

O Concello de Baiona oferta de forma gratuíta unha charla-taller de educación canina mañá, 1 de outubro, no Campo de fútbol da Ladeira, entre as 11:00 e as 14:00 horas.

A programación inclúe unha charla-taller sobre educación canina, veterinaria e sobre a protectora de animais “Vos Biosbardos”. A jiornada finalizará con sorteos entre as persoas asistentes e cunha exhibición canina.

O obxectivo desta iniciativa é a concienciación na tenencia responsable, fomentando a idea de que o can é un membro máis da familia. Todo iso a través dunha actividade ao aire libre para ensinar os aspectos básicos da educación canina.

Desta forma, preténdese previr problemas de comportamento, dar pautas aos asistentes sobre educación canina,veterinaria e dar a coñecer a protectora Vos Biosbardos. Todo iso co fin de facilitar a convivencia do animal na súa familia e en sociedade.

Dentro da programación tamén se contempla unha parte práctica para a cal é necesaria a inscrición previa a través do 6341506018. Todas aquelas persoas rexistradas na parte práctica faráselles entrega dun pack de produtos de can e tamén entrarán nos sorteos dun lote de produtos de can.

Baixo o lema “Un animal tranquilo e ben educado será mellor acollido en Sociedade” Lara Martínez Martínez impartirá este interesante taller no que desbelará os segredos para unha boa educación e convivencia cos nosos amigos de catro patas.

Alternativa por Mondariz lamenta que o concello de Mondariz deixe de apoiar a celebración de Outono en Son

0

AporM lamenta que o goberno do concello de Mondariz decidise deixar de colaborar co coro Mistura Vocal financiando o VI Ciclo Coral Outono en Son, que levaba 5 edicións celebrándose de forma ininterrompida na vila co apoio do Concello. Por esta razón, Mistura Vocal decidiu trasladar a edición deste ano, por vez primeira, fóra de Mondariz, e terá lugar o vindeiro 1 de outubro no convento de Canedo, en Ponteareas.

Outono en Son convertérase nunha celebración coral de referencia na bisbarra do Condado e A Paradanta, como proba a masiva asistencia de público de toda a área metropolitana de Vigo, non só conformado polos familiares dos coristas, como aseguran desde o goberno local.

En canto aos fondos empregados para financiar Outono en Son, estes non son fondos propios, senón que ata agora o Concello de Mondariz procuraba os fondos na Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos. Este medio foi o utilizado este ano polo goberno local para conseguir os 12.100 € que custou o grupo América e os 5.445 € do escenario do grupo Dakidarría, dúas actuacións que tiveron lugar este verán na localidade. Seguindo a lóxica do goberno local, Xoán C. Montes Bugarín recórdalle ao alcalde que ningún destes grupos son do municipio, ao igual que Mistura Vocal, coa diferencia de que este último si ten veciños de Mondariz entre os seus compoñentes.

Calis recorda que tampouco é certo que eses 4.000 € que o Concello deixa de destinar a Outono en Son vaian a repercutir en asociacións da vila, polo tanto queda en evidencia que se trata dunha decisión exclusivamente política: o alcalde decidiu non financialo e non repetir este evento en Mondariz, argumentando ante os organizadores que “a luz vai cara” ou que prefiren “apoiar economicamente actividades de dinamización sociocultural organizadas por asociacións e colectivos da localidade”.

A pesar de todo convidamos á veciñanza desprazarse ate ao Convento de Franciscanos de Canedo, no concello veciño de Ponteareas, onde seguro que os coros Mistura Vocal e Solo Voces non defraudarán ao público asistente, en particular ao da vila de Mondariz.

AporM comprométese públicamente a recuperar este certame coral para Mondariz na súa edición de 2023 se os veciños decidan poñelos ao fronte da alcaldía o próximo mes de maio.

Grande éxito do Programa de Maiores da Universidade de Vigo no Rosal

0

O Concello do Rosal pechou a súa participación no Programa de Maiores da Universidade de Vigo cun éxito absoluto de inscritos e inscritas e cunha gran satisfacción por parte de todos eles. En total, 36 persoas participaron nestas xornadas deseñadas para achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural de máis de 50 anos. Unha cifra que salienta o grande interese dos rosaleiros e rosaleiras por este programa, xa que, como salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “O Rosal rexistrou o maior número de participantes de todos os concellos que forman parte deste programa da Universidade de Vigo”.

Unha alta participación que se combina co gran grao de satisfacción entre todos os participantes nesta formación artellada arredor de tres seminarios, o primeiro deles sobre arte e historia, centrándose no patrimonio do propio concello, como os petróglifos do Ghorghalado ou a capela da Madalena. No segundo as e os asistentes aprenderon a usar ferramentas e aplicacións do teléfono móbil, como os códigos QR ou aplicacións sanitarias ou de banca. O curso rematou cunha sesión formativa e outra práctica sobre saúde, benestar e alimentación que incluíu un roteiro cardio-saudable.

A rexedora agradece a implicación da Asociación de Maiores do Rosal neste programa e noutras actividades postas en marcha no Concello. Ademais, valora moi positivamente o impacto que iniciativas como o Programa de Maiores da Universidade de Vigo ten nun municipio de 6.400 habitantes. “Queremos que este tipo de formación para as nosas e nosos maiores volva ao noso concello. Dende o Concello xa lle avanzamos ao reitor, Manuel Reigosa, e á Universidade de Vigo o noso interese por seguir traballando man a man e repetir experiencia ou incluso poder impartir unha formación máis ampla ao longo de todo un ano”, recalca Fernández Callís.

Os globos de San Miguel desafían o vento

O ceo de Ponteareas encheuse un ano máis de cor co lanzamento dos tradicionais globos de San Miguel, un agardado espectáculo que marca a recta final das Festas de Setembro que este ano volveu ter como escenario unha Praza de Bugallal ateigada de público. Os cinco globos de papel de seda desafiaron ao forte vento da xornada para sucar os ceos da vila e da comarca, aínda que con diferente sorte: mentres tres dos globos ascenderon ata que o público os perdeu de vista, as outras dúas pezas apenas conseguiron subir uns metros ao producírense continuos refachos de vento.

Estas pezas artesanais foron elaboradas en papel de seda e ensambladas de forma manual por Vicky Amoedo e Liliana Valencia, coa inestimábel colaboración e supervisión de Enrique González. A pesar de que só tres dos cinco globos voaran con éxito, o numeroso público que abarrotou a Praza de Bugallal rompía en aplausos tras o espectáculo.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, fixo un balance moi positivo deste lanzamento, que “nesta edición recobrou a total normalidade para dar paso de novo á ilusión, á tradición e á festa”. O edil quixo agradecer “o intenso traballo que cada ano realizan todas as persoas implicadas na confección destes globos cheos de simbolismo”, así como o labor dos servizos de emerxencias e das e dos integrantes do dispositivo de seguridade que cada ano velan para que todo transcorra sen incidentes.

Tras o lanzamento de globos as festas continúan cun amplo programa de actividades no que a música e as actividades para toda a familia cobran unha gran relevancia. Bouzó anima a todas e todos os ponteareáns a seguir desfrutando destes días e a achegarse á ducia de concertos, actuacións, obradoiros e espectáculos que se celebrarán ata o vindeiro domingo 2 de outubro.

Radio escolar desde a praza da Catedral de Tui para lembrar ás mulleres da raia

0

A Radio do Patrimonio é o proxecto co que a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! leva a radio escolar dos centros ás rúas para recuperar o patrimonio cultural inmaterial que se creou arredor das rutas xacobeas. Despois de comezar a súa peregrinación nas ondas en Cea, recalan este venres 30 na praza da Catedral de Tui, onde a
partir das 12 do mediodía, os alumnos do IES San Paio e do CPR Santa María de Tui descubrirán a música tradicional a través dos ‘instrumentos pobres’ de Xavier Blanco, cantarán con Andrea Pousa e coñecerán as historias do tráfico de mercadorías na posguerra con Diana Gonçalves, directora do documental Mulleres da raia.

Será na praza fronte a Catedral de Tui, Eurocidade xunto con Valença, onde os máis pequenos descubrirán as historias das mulleres que traficaban, na posguerra, con produtos dun lado e doutro do río. O alumnado entrevistará a Diana Gonçalves que achegará algún dos testemuños que ela mesma recompilou na súa viaxe polo espazo tranfronteirzo entre Galicia e Portugal.

Tamén Andrea Pousa, que participou en Ponte…nas Ondas! no seu proxecto musical, Meniños Cantores, responderá ás preguntas das estudantes, a un mes de sacar o seu novo single sobre as familias da raia.

O ramo ao programa porao Xavier Blanco que tentará transmitir aos xoves o amor pola música tradicional que el mamou desde ben cativo, sendo herdeiro da saga familiar dos Soledás de Moaña. Ademais, presentará a súa Fundación Legar coa que, desde Quiroga (Lugo), traballa na recuperación dos antigos instrumentos ‘pobres’ e de coplas esquecidas.

Sarria e Santiago, serán as seguintes paradas, o 20 e 21 de outubro co Mago Antón e Pancho Álvarez como convidados, respectivamente.

PNO! a un paso de ser modelo de boas prácticas

O proxecto da Radio do Patrimonio chega a uns meses de que o modelo da Asociación Ponte…nas Ondas! sexa inscrito no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO. PNO! leva 27 anos, desde 1995 impulsando a radio escolar para implicar ao alumnado na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial.

A candidatura de PNO! como modelo de boas prácticas co PCI foi presentada por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, en marzo de 2021. Na 17a sesión do Comité Intergobernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro, onde se coñecerá inscrición do “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.

Chega a Festa dos Callos do Porriño

Tras un mes completo de festas o domingo 2 de outubro, no Recristo como é tradición, a Festa dos Callos do Porriño poñerá o broche de ouro á celebración das festas patronais.

A festa gastronómica por excelencia do Porriño chega este ano á súa vixésimo novena edición e o fai cun padriño de luxo: o futbolista porriñés Gabri Veiga. O centrocampista do RC Celta de Vigo foi o encargado de presentar hoxe oficialmente o evento, nun acto no que estivo acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o presidente da asociación de hostaleiros AHOSPOR, José Manuel Fernández, a presidenta da asociación de comerciantes ACIPOR, Juana Pérez, e concelleiros e concelleiras do goberno local.

Veiga animou agradeceu a toda a organización, Concello, hostaleiros e comerciantes do Porriño, “que fagan posible esta festa tan nosa e que seguro durará moitos anos máis” e animou a todo o mundo a “participar e degustar os callos este domingo no Porriño”.

Pola súa banda, o presidente de AHOSPOR,  explicou que este ano “serán 30 os locais que participarán na festa ofrecendo racións de callos para todos os gustos, cada local ten a súa maneira de preparalos e haberá unha gran variedade de propostas”.

No mesmo sentido se manifestou a presidenta de ACIPOR, que destacou que “hai tantas propostas como locais” polo que animou “a todo o mundo a probalas para decidir cal é a súa favorita”.

O prezo da ración será de 7 euros e incluirá a tradicional cunca desta edición e pan do Porriño.

Antes de dar comezo a degustación que se ofreceu na praza e na que participaron moitos veciños e veciñas que se achegaron ao Concello e nenos e nenas do CEIP Antonio Palacios que acudiron á presentación, o alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer en valor unha festa “que ademais de ser unha tradición para todos nós supón un verdadeiro revulsivo para a economía local, atraendo a miles de persoas ás rúas do noso pobo”. Lorenzo destacou que “os callos son un prato de gran arraigo no Porriño e hai tantas formas de cociñalos como fogares hai na vila. Neste sentido temos a honra de ser pioneiros na posta en valor deste prato e fomos os primeiros en celebrar unha festa na súa honra”.

O rexedor concluíu convidando a” toda a veciñanza do Porriño e da contorna a ateigar as rúas do Porriño o vindeiro domingo e degustar o manxar que a hostalería porriñesa propón para nós”.

O Concello de Oia reclama á distribuidora eléctrica UFD melloras urxentes no servizo

0

Durante estes últimos meses, o tramo da rede de distribución eléctrica que vai pola zona da costa do concello de Oia sufriu varios cortes no subministro, que causaron graves perdas á hostalaría da zona. Recentemente foron trasladadas estas queixas á alcaldesa, Cristina Correa, quen con carácter inmediato solicitou unha reunión urxente co delegado de UFD (Unión Fenosa Distribución). Así mesmo, requiriulle á empresa que, con carácter previo á xuntanza, analizara as causas dos cortes sufridos este ano e as medidas a tomar para evitar que esta situación se repita.

Ambas partes reuníronse o pasado venres 23 de setembro, nun encontro no que participaron a rexedora oiense, o delegado de UDF en Pontevedra, Francisco Ramos, e o xefe de operacións en Vigo, Marco Gelpi; a fin de analizar as causas sufridas e as melloras a implementar por farte da compañía para evitar que se sigan producindo cortes que tanto prexuízo causan.  

Desde UFD anunciaron que se van a priorizar e intensificar as obras de mellora e adecuación da rede de distribución eléctrica no Concello.

Neste sentido, a distribuidora comprometeuse a adiantar a substitución de determinados equipos, así como a intensificar as labores de tala e poda, tanto na liña principal do Rosal, como na liña de apoio de Gondomar. Os traballos de tala e poda selectiva consisten, principalmente, en labores de limpeza nas zonas de servidume das liñas eléctricas para garantir as maiores condicións de seguridade para as infraestruturas de subministro eléctrico e asegurar a calidade e a accesibilidade da rede, evitando posibles incidencias por acumulación de masa forestal nas zonas próximas ás redes de distribución.  Finalmente, a compañía comprometeuse a realizar todas as accións necesarias para minimizar as incidencias no municipio de Oia.

O serradoiro dos Carranos en Covelo volve abrir as súas portas este domingo

0

A Concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar na novena xornada de  portas abertas do serradoiro dos Carranos. Será este domingo día 2 de outubro e as persoas interesadas poderán inscribirse nun dos catro pases que se realizarán. As xornadas de portas abertas no Serradoiro dos Carranos están organizadas polo Concello de Covelo e financiadas pola Deputación de Pontevedra (liña de subvención Plan Concellos)  para o ano 2022. Ás visitas guiadas ao serradoiro enmárcanse na programación conxunta de promoción turística e do patrimonio cultural e natural que tamén ofrece as rutas do Museo Pazo da Cruz e as de observación das estrelas da man da Asociación Galega de Astronomía.

A organización ofrece a oportunidade de visitar este espectacular serradoiro nos seguintes tramos horarios: de 10 a 11:30 horas, de 12 a 13:30 horas, de 14 a 15:30 e de 16 a 17:30 horas. As inscricións poderán realizarse a través do número de teléfono 654 500 652.

O concello de Covelo oferta esta actividade guiada totalmente de balde dentro da programación anual que permite á cidadanía gozar dunha oferta de lecer estable e organizada, “as visitas guiadas son todo un éxito e sempre quedan persoas en listaxe de espera ás que lle damos a oportunidade de participar noutra data porque ofertamos a actividade varias veces ao longo do ano. Apostamos por propostas que conten con guías e persoal especializado para que as e os participantes lle saquen maior partido e ademais de pasar o tempo aprendan e poñan en valor”, explica Lourdes Enes, concelleira de Turismo.

Baiona acolle unha nova actuación de “Música no Ar”

0

O domingo 2 de outubro a Igrexa Parroquial de Santa María de Baiona será o espazo que acollera ó Trío Bórea a partir das 20:00 horas nunha nova actuación da terceira edición do programa “Música no Ar”, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

Este trío musical, é un grupo de cámara composto por: Clara Mascaró (viola), Julia Caro (violonchelo) e Brais González (piano). Esta agrupación foi fundada co obxectivo de explorar o progreso de novos modelos de interacción co público e desenvolver novas experiencias a través dos medios dixitais aplicados á música clásica. En 2020 o grupo recibiu unha bolsa do Concello de Salzburgo para desenvolver o seu proxecto “Alte Liebe”. Trátase dunha experiencia de concerto interactiva baseada na vida de tres das figuras máis importantes do Romanticismo alemán: Robert Schumann, Clara Schumann e Johannes Brahms. Unha viaxe musical e narrativa construída a partir da literatura epistolar existente entre os tres na que a música de cámara se mestura coas novas tecnoloxías, a creación audiovisual, a música electrónica e coa representación escénica.

O fío condutor do espectáculo son tres ciclos de lieder de cada un dos compositores: os Lieder, op. 13 de Clara Schumann, o Dichterliebe de Robert Schumann e os Vier Ernste Gesänge de Johannes Brahms. O programa de concertos tamén será interactivo, e dicir, través das redes sociais do grupo, o público poderá elixir a orde das pezas para interpretar e descubrir información histórica sobre os compositores.

“Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.

A Policía Local de Redondela detén a un mozo pola presunta comisión de tres delitos

0

Axentes da policía local de Redondela procederon esta mañanciña a detención dun mozo de 19 anos, veciño de Vigo, pola suposta comisión dos delitos de conducir carecendo de permiso, furto dun ciclomotor e falsidade documental.

Os feitos, aconteceron as 01:40 na Avenida de Vigo en Chapela, cando axentes da Policía Local redondelá daballe o alto a un ciclomotor que circulaba sen o alumeado obrigatorio. O condutor, facendo caso omiso das sinais dos axentes dabase a fuga, iniciando a patrulla unha persecución que remataba coa intercepción do vehículo á fuga. que se lle conseguiu dar alcance.

Unha vez inmovilizado o ciclomotor os axentes policiais puideron comprobar que o condutor non obtivera nunca ningún permiso para conducir, e feitas xestións co ciclomotor a través do seu bastidor, o mesmo figuraba como substraido.

O mozo tetido tamén seria investigado por unha presunta falsidade documental, posto que a matrícula tampouco pertencia ao ciclomotor co cal circulaba.

Por todo estes feitos os axentes da Polícia Local derin conta ao Xulgado de Garda e procedeuse a sus detención e traslado a comisaría da Policía Nacional. Na intervención, tamén colaboraría un indicativo zeta da policía nacional.

Dous días para que o Cemiterio dos Eidos sexa o gañador do “Cemiterio máis bonito de España”

0

O certame, convocado pola revista Adiós Cultural, busca poñer en valor o interese histórico, cultural, social, artístico e patrimonial dos camposantos. O antigo cemiterio de Redondela con 654 votos sitúase en primeiro lugar, seguido do cemiterio de Villaluenga del Rosario, na provincia de Cádiz, con 604 votos. O prazo para participar nesta votación pública remata o vindeiro venres 30 de setembro.

Para votar pódese acceder a través do seguinte enlace:

https://www.revistaadios.es/edicion/7/Concurso-de-Cementerios-de-Espana-2022.html?fbclid=IwAR32i673KmCJTMgRGhSrYtMmhlmHRWHzs-Xx858W-khzKduO2KAsezyBNxE

Cemiterio dos Eidos

O cemiterio dos Eidos, construído ao redor de 1830, está considerado cemiterio histórico pola Deputación de Pontevedra e aspira a entrar na lista de cemiterios singulares de Europa. Pero ademais está entre os candidatos para ser elixido “Cemiterio máis bonito de España” no concurso que organiza Funespaña a través da revista Adiós Cultural.

Un camposanto que, de seguir as votacións como ata agora, podería erixirse como gañador. Con todo, a votación popular sigue aberta na páxina web de Adiós Cultural. Compite para facerse co galardón co cemiterio de San Antonio (Archidona), o de Ballena (Castro Urdiales), o de Nuestra Señora de la Piedad (Iznájar), o de Sant Sebastià (Sitges), o Parque de la Paz (Valencia) e o de Villaluenga del Rosario.

Dende o Concello, para facilitar o proceso de votación, dende o 12 de setembro, as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina de Turismo, nos baixos da Casa do Concello de Redondela, onde se lles informa sobre como facer a votación de xeito doado dende o seu teléfono ou dispositivo móbil.

A Guarda inaugura este sábado a exposición “Galiza Profunda”

0

Este sábado día 1 de outubro ás 11:30 a Casa dos Alonso da Guarda acolle a inauguración da exposición “Galiza profunda. interpretacións do rural galego mediante ilustración e fotografía contemporáneas”.

Contarase coa comisionaría da exposición, Vanesa Iglesias Casal, coa que poderase desfrutar dunha visita guiada para coñecer en profundidade todas as obras. Ademais tamén haberá unha intervención musical.

E que nos imos atopar nesta exposición?

A visión do rural galego brinca ás veces entre imaxes idealizadas que del conservamos de cando eramos cativos, os prexuízos cara o mesmo pero tamén a confrontación fronte á idealización que supón voltar a el cunha ollada adulta.

Esta mostra pretende, dende a conciencia e visión crítica das artistas escollidas, facer unha dignificación do mesmo fronte a unha visión clasista, reaccionaria, costumista e ata denigrante do rural galego que xerou co tempo un “autodio” cara o mesmo, e por conseguinte, cara a toda cultura galega.  Pois Galiza non se pode nunca desligar da súa ruralidade como país

Se ben é certo que fronte a certas visións utópicas do rural galego que se poidan ter dende a cidade, o día a día no mesmo alónxase desa idealización. Por iso as pezas elixidas axúdannos a confrontar esa dimensión bucólica á realidade tan dura que pasaron os nosos avós e avoas, especialmente as mulleres. Mulleres bravas e homes que con todo en contra lograron erguerse e sobrevivir en tempos de miseria tal como a posguerra.

GALIZA PROFUNDA quere facernos reflexionar sobre a dicotomía entre a fermosura do rural xunto coa potencia e riqueza do mesmo e as causas para o seu difícil desenvolvemento. Como, a pesares de termos todo a prol nosa, o contexto social e político logrou que non avanzaramos nestes séculos todo o que mereciamos.

Mais a mensaxe final é positiva. Cales son as achegas das novas xeracións e das artistas que manifestan as mesmas? GALIZA PROFUNDA recolle e representa o respecto, a dignidade e o orgullo cara as nosas raíces e cara a nosa historia vencellada á paisaxe. Así, presenta unha realidade complexa de Galiza para entender e comprender o noso pasado e reivindicar así a nosa orixe tantas veces maltratada e infravalorada.

Artistas participantes

  • LIDIA CAO
  • PAMPILLO STORE
  • MARY DE LYRIOS
  • ACONTRAVENTO/PRUDEN TT
  • CAVALINHO DO DEMO
  • XIRALÚA
  • ARIADNA SILVA FERNÁNDEZ
  • ALBERTE PEITEAVEL
  • IRIA RIBADOMAR
  • SABELA EIRIZ
  • ROSA DE CABANAS
  • ALEJANDRO MOSQUERA
  • REBECA LAR
  • NEKA

Organizan: Casal de Creación, Acontravento e Concello da Guarda.

O “Ralllye Recalvi Rías Baixas” supera as expectativas e contará con 120 pilotos

O Concello do Porriño acolleu hoxe a presentación da 55 edición do Ralllye Recalvi Rías Baixas. O acto, que presidiu o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, contou coa participación de Fernando Mouriño, presidente da Escudería Rías Baixas; José Vicente Medina, vicepresidente da RFEA; Abel Estévez, concelleiro de Deportes; Puri Silva, secretaria do Rallye Recalvi Rías Baixas; e os pilotos locais José Antonio Martínez del Río, José Calvar e a súa copiloto Eva Costas; e Miguel Rodríguez e o copiloto Roberto Paramos.

Tal e como explicou o presidente da Escudería Rías Baixas, a inscripción este ano superou todas as expectativas e serán 120 os pilotos que disputen a proba. Entre eles, o campión da Copa do ano pasado, Oscar Palacios, Víctor Senra que lidera neste momento a Copa, os irmáns Vallejo que son todo un emblema no rallye e os pilotos porriñeses hoxe presentes. Fernando Mouriño destacou a vinculación do Rías Baixas co Porriño que, según apuntou, “vén de moi lonxe. O Porriño conta cunha importante tradición do mundo motor e grazas a pilotos como os que hoxe nos acompañan, que seguro que farán un bo papel, daremos un gran espectáculo a todo o mundo”. Mouriño quixo agradecer o apoio do Concello a esta proba e tamén ao alcalde, do que dixo, “naceu case co Rías Baixas pasando frente á súa casa nun dos tramos importantes”. Destacou tamén o presidente que “a primeira clasificación que se pasou a ordenador no Campionato de España de Rallyes fíxose aquí no Porriño. Foi no ano 1967 en Zeltia, proba da estreita vinculación do Concello co Rías Baixas”.

No mesmo sentido se expresou José Vicente Medina, o vicepresidente da RFEA, que destacou que “o alto número de inscritos fan honor a que se trata dun evento consolidado, que non sería viable sen  o respaldo dos concellos. A colaboración do Concello do Porriño é o claro exemplo, poñendo á nosa disposición non só medios económicos, senón tamén loxísticos e de persoal sen os cales non sería posible que se celebrara o evento”. Medina salientou que “o automobilismo deste nivel da visibilidade a concellos que como o do Porriño teñen moito que ofrecer, creando riqueza e turismo”.

O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, agradeceu á organización “a súa disposición a traballar da man do Concello xa que falamos dun deporte que conta con moitos adeptos no Porriño polo que seredes todos ben recibidos”. 

Pola súa parte, o alcalde concluíu destacando que “durante dous días O Porriño será o protagonista nun dos maiores eventos do motor. O primeiro deles o venres, co tramo Gondomar-Porriño ás 18:16 h e a nocturna ás 21 h, e o segundo o sábado, no que acolleremos dous importantes reagrupamentos, ás 12:44 h e ás 17:47 h”. O rexedor convidou a todo o mundo a “vira o Porriño a disfrutar deste espectáculo e tamén da nosa hostalería, comercio, das nosas paisaxes e sobre todo da hospitalidade das nosas xentes que vos recibirán cos brazos abertos”.

III ruta ciclista “Camiño do Irmandamento”

0

Un ano máis o Concello de Gondomar en colaboración coa Cámara Municipal de Gondomar (Portugal) organiza o CAMIÑO DO IRMANDAMENTO, unha ruta ciclista que unirá estes dous concellos irmandados.

A ruta cun percorrido total aproximado de 150 kilómetros, terá lugar os días 8 e 9 de outubro.

A saída dende a Praza da Paradela está prevista para o día 8 ás 09:00 horas cunha parada en Viana do Castelo para xantar, e chegada ao destino da primeira etapa en Póvoa do Varzim ás 17:00 hora (hora local).

O domingo 8 a saída será ás 09:00 horas e terá un percorrido de 45 quilómetros chegando ao destino final  na Cámara de Gondomar ás 12:00 horas.

Tras unha recepción oficial, un xantar e unha pequena visita á vila portuguesa, o regreso está programado para as 19:00 horas. 

É obrigatorio o uso de casco, ropa e calzado adecuados, e un kit de reparación de pinchazos.

En todo momento o pelotón irá acompañado por varios vehículos de apoio. Ademáis todos os participantes terán a disposición avituallamiento variado, así como un chaleco reflectante e un kit de primeiros auxilios, tendo asimesmo a cobertura dun seguro de asistencia en viaxe.

O prazo de inscrición remata o día 3 de outubro ás 14:00 horas.

Inscrición en: [email protected]. Máis información: 986 384 020. Prazas limitadas (con preferencia para empadroados en Gondomar).

O Concello de Tui denuncia diversos actos vandálicos

0

O Concello de Tui quere facer un chamamento á responsabilidade cidadá e ao civismo tras os actos vandálicos que se están a rexistrar en distintos puntos do municipio, e que provocaron danos no mobiliario urbano.

O último deles tivo lugar onte, 27 de setembro, no parque infantil do Souto en Guillarei. A Policía Local acudiu a este lugar ante a alerta dun presunto furto, con elementos illantes da goma protectora do chan arrincados e que non foron atopados. Asemade, a pasada fin de semana deuse aviso de máis desperfectos nunha das pérgolas na Veiga do Louro, onde foron arrincadas as plantas ornamentais. Así o recolle no seu informe a Policía Local, deixando constancia que estaban “totalmente arrincadas e con terra espallada pola calzada”.

Pero estes non foron os únicos rexistrados xa que no mes de agosto tamén se rexistraron danos no mobiliario urbano no parque infantil dos Xardíns Troncoso e na rúa Loureiro. A Policía Local personouse tamén nas localizacións e deu parte das incidencias.

Danos parque Souto Guillarei
Danos pérgola

No parque infantil dos Xardíns Troncoso os danos foron identificados cara ao mediodía do pasado 4 de agosto. Os axentes municipais atopáronse desperfectos no céspede artificial arrincado, o illante protector do solo arrincado e restos do teito dunha vivenda abandonada espallados polo espazo de xogos. O 25 de agosto os danos tiveron lugar na rúa Loureiro, onde se atoparon danos nunha das pérgolas da zona, con ladrillos soltos e rotos no chan amais de enredadeiras que serven de decorado rotas e arrincadas.

Ante estes actos vandálicos que se veñen sucedendo, o Concello de Tui insiste na mensaxe de respecto e coidado polos espazos públicos, que son para uso e desfrute da veciñanza e supoñen un gasto de reparación que prexudica a toda a cidadanía.

Redondela comeza as obras do plan ReacPon para humanizar a trama urbana

0

As obras de humanización da “peza urbana” de Redondela formada pola rúa Picota e as prazas da Fonte do Mouro e da capela de Santa Mariña arrancaron co obxectivo de transformala nun espazo máis sostible e máis “amable” para as persoas que camiñan. O deputado Santos Héctor visitou a zona, acompañado da alcaldesa, Digna Rivas, e valorou a transformación radical que farán posible os 849.254 euros que van investir a Deputación, que achega o 75% do importe, e o Concello, no marco do plan provincial ReacPon.

Un dos aspectos máis valorados do proxecto redondelán, que concorreu á convocatoria  competitiva da Deputación, é que a rúa da Picota forma parte do Camiño Portugués ao seu paso polo centro urbano. É o único tramo que non conta aínda co pavimento de lastros identificativo do itinerario xacobeo e un deseño que facilite o tránsito peonil. Toda esta zona, explicou a alcaldesa, foi pensada hai tempo para os coches e sen ter en conta o encontro cos bens patrimoniais da súa contorna e sen facer unha lectura correcta do trazado da cidade vella.

Gracias ao plan provincial ReacPon recuperarase o espazo público para as persoas converténdoo nun lugar accesible e seguro. Para elo mellorarase o aspecto visual e funcional da rúa (desde o cruce coa rúa Fumeiros ata a N-550), integrando axeitadamente as dúas prazas de Fonte do Mouro e da capela de Santa Mariña. Deste xeito crearase unha zona continua onde o tránsito peonil será protagonista. Ademais preténdese harmonizar o trazado da rúa co tratamento das prazas. Óptase, para elo, por pavimento en plataforma única que, ademais, resolverá correctamente a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.

O proxecto redondelán é tamén unha aposta firme contra o “feísmo”, pois mellora accesos ás vivendas, establecementos de hostalería e aparcamentos, ademais de poñer en valor as dúas prazas coa instalación de mobiliario urbano e espazos de estancia con bancos. Entre os materiais que se empregarán destacan o aceiro galvanizado gris para escaleiras, o formigón para beirarrúas e escalóns e o lastro para habilitar franxas de separación entre as beirarrúas e o pavimento base na área de circulación rodada.

O Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, adxudicado en réxime de concorrencia competitiva entre os proxectos presentados polos concellos de toda a provincia de menos de 50.000 habitantes, está dotado cun total de 26,33 millóns de euros e ten como obxectivos impulsar a reactivación económica, ademais de contribuír a unha economía descarbonizada e á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030 e no Plan de Resiliencia e Transformación do Goberno de España. Un total de 47 concellos lograron a achega provincial. A Deputación está a financiar nestes intres un total de 25 actuacións de mobilidade segura, tres novas  bibliotecas públicas, cinco reformas de casas do concello, cinco reformas de espazos culturais, oito novas infraestruturas deportivas e a ampliación con criterios ecolóxicos dun cemiterio municipal.

Ponteareas aposta pola revitalización do centro histórico

O Concello de Ponteareas mantén a súa firme aposta por revitalizar o casco histórico da vila. Este martes a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e concelleiros do goberno municipal acompañaron ao equipo técnico nunha charla aberta á veciñanza para informar das axudas, contías e procedementos de solicitude das subvencións para a rehabilitación de vivendas ou edificios situados na Área de Rehabilitación Integral da zona vella de Ponteareas (ARIZV).

“Desde o Concello traballamos dende o ano 2015 na definición e presentación de iniciativas coas que seguir buscando a transformación de Ponteareas nunha vila moderna, cómoda, recuperando o espazo público para as persoas e convertíndoo nun lugar de encontro, de estancia e de lecer único”, salientou a rexedora ante as preto de cen persoas que participaron nesta reunión informativa na sala multiúsos do auditorio municipal.

Nestes intres a zona vella está ben delimitada na ARI, integrada por case 93.000 metros cadrados no núcleo histórico da vila con case 520 vivendas agrupadas en 74 edificios de uso residencial colectivo, 133 unifamiliares, 5 edificios de equipamentos e 16 destinados a outros usos que poderán beneficiarse das liñas de axudas abertas.

Pero ademais, o Concello traballa tamén na declaración de Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) coa que se optará a fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que permitirá ofrecer novas subvencións para a rehabilitación de inmobles. “Esta nova actuación posibilitará rehabilitar numerosos edificios, o que redundará nunha mellora da eficiencia enerxética e seguir camiñando cara a unha vila máis sostíbel. Pero tamén permitirá xunto con outras accións devolver ao núcleo histórico de Ponteareas todo o seu esplendor, apostando firmemente pola dinamización e revitalización desta zona emblemática, axudando a asentar poboación nela, mellorando a calidade de vida das persoas e favorecendo a creación de emprego”, destacou Fernández Davila.

A declaración de ERRP permitirá ao Concello dar un paso máis e dispoñer dunha oficina de información das axudas de rehabilitación dispoñíbeis para persoas residentes e propietarias tanto das zonas declaradas ARI ou ERRP como de fóra destas áreas. Nestes intres, o Concello ten a disposición da veciñanza un servizo de información que facilita o acceso ás subvencións de fondos públicos ofrecendo asesoramento técnico, visitas técnicas, suxestións de intervención óptima nos inmobles, supervisión de orzamentos e facturas para os programas de axudas de rehabilitación da área, información de subvencións dos distintos plans de vivenda ou regulación autonómica ou estatal en materia de vivenda e de axudas compatibles dentro do ámbito ou fóra destas liñas de financiamento. As persoas interesadas poden consultar toda a información e documentación necesaria na páxina web do Concello ou realizar consultas a través de [email protected].

Salvaterra, Monçao, Tui e Valença poñen en valor a marca “Rio Minho” como destino turístico

O AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra celebraron hoxe o Día Mundial no Turismo destacando o grande potencial do territorio miñoto e a necesidade de poñer en valor a marca ‘Rio Minho’ como destino transfronteirizo de natureza e patrimonial. E fixérono dando os primeiros pasos para dúas novas actuacións na Eurocidade Tui-Valença: a creación dun Centro de Interpretación do Patrimonio Inmaterial Transfronteirizo (cunha plataforma web) e o acondicionamento dun novo sendeiro no concello de Tui.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez fixo estes anuncios na xornada ‘Crescimento e Sustentabilidade’ organizada polo Grupo Editorial Vida Económica en parcería coa Câmara Municipal de Valença , na que participou como relator. Na súa intervención salientou o enorme potencial e atractivo turístico do territorio transfronteirizo baixo marca Rio Miño, que identifica “con acerto” a todo o territorio, os 16 concellos galegos do Miño e aos 10 portugueses, baixo o lema ‘Un rio, dous países, un destino’, cun público obxectivo interesado na natureza e o patrimonio.

“Temos unha cultura común e unha natureza que destacan nos recursos a valorizar. Imos poñer en marcha o Anel Verde de sendeiros e promocionar as tradicións cultural miñotas”, salientou o nacionalista, quen subliñou que “o grande potencial dará grandes beneficios se o territorio está unido e se promociona conxuntamente”.

 Neste sentido, o director do AECT salientou que a marca Rio Minho xa está a ser utilizada para oferta produtos turísticos de todo o territorio miñoto nas oficinas de atención a visitantes de Tui e Valença e tamén nas de Salvaterra e Monçao. Estes puntos de información foron recentemente reformados grazas ao proxecto ‘Vive Miño’ financiado con fondos europeos do POCTEP.

Centro de Patrimonio Cultural Inmaterial na Eurocidade

Benítez explicou que o AECT está a traballar nestes momentos en varias iniciativas dentro da Estratexia 2030 de promoción do territorio transfronteirizo como destino turístico. De feito, na xornada de hoxe asinou o protocolo de colaboración entre o AECT Rio Minho, a Câmara Municipal de Valença e a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… Nas Ondas! Para o desenvolvemento dun Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) no ámbito do proxecto LIVHES, cofinanciado polo Interreg 2014-2020.

En concreto, o acordo asinado hoxe permitirá que se cree unha Plataforma Dixital sobre o patrimonio inmaterial transfronteirizo na que Ponte… nas Ondas! será responsable de contidos, poñendo a disposición todo o material tanto para a versión dixital. Tamén se habilitarán unhas instalacións físicas na Eurocidade nas que haberá exposicións sobre tradicións orais, contos e lendas, cultura marítimo fluvial ou cultura agraria, entre outras cuestións.

Por outra parte, Benítez anunciou que nos vindeiros días se dará a coñecer o proxecto de acondicionamento dunha nova senda na marxe do río Miño situada en Tui. Este novo tramo incorporarase no Anel Verde do Miño, a rede de sendeiros transfronteirizos que pretende conformar unha ruta continua de preto de 400 kilómetros de vías ciclables coas que atraer turismo de natureza ao territorio.  

Na xornada realizada hoxe na Pousada de São Teotonio en Valença estiveron presentes, ademais do deputado Uxío Benítez, o alcalde de Tui Enrique Cabaleiro e representantes da Câmara de Valença, o vicepresidente do Turismo Porto e Norte Inácio Ribeiro, o profesor de Turismo na Escola Superior de Tecnologia e gestão do Instituto Politécnico de Viana do Castelo Minho Rafael Vale Machado, o presidente da Confederação Empresarial do Alto Miño Luís Ceia, o director do AECT Galiza-Norte de Portugal Nuno Almeida, o presidente da Caixa de Crédito Agrícola Mutuo do Noroeste José Correia da Silva.

Nigrán celebra o Día das Persoas Maiores cunha andaina o sábado

0

O Concello de Nigrán celebrará un ano máis o Día Internacional das Persoas Maiores este sábado 1 de outubro, nesta ocasión constará, se o tempo o permite, dunha andaina desde o Camiño do Codaval (Priegue) ata o miradoiro do pericoto de Vilar (Camos) e posterior merenda e plantación de catro árbores conmemorativos: un acivro, un castiñeiro, unha sobreira e un madroño.

Para participar será preciso inscribirse previamente o xoves 29 de setembro de 10:00 a 12:00 horas no teléfono 986 36 50 00 e poderá asistir todo o núcleo familiar.

As persoas inscritas previamente deberán presentarse ás 10:00 horas do 1 de outubro no Camiño Codaval para realizar a andaina pola pista forestal das Medoñas ata o pericoto. Trátase dunha camiñata de dificultade baixa.

A Guarda acolle un obradoiro de creación de filtros para redes sociais con realidade aumentada

0

O Concello da Guarda acolle o vindeiro día 5 de outubro un obradoiro para a creación de filtros de realidade aumentada para redes sociais. A actividade está orientada a un público xeral a partir dos 12 anos. Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

O taller levarase a cabo na Aula Municipal, na Casa dos Alonso o vindeiro día 5 de Outubro, ás 19:30 horas. O proxecto forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia e estará impartida por monitores de Ceo Aberto Divulgación. Nestas sesións prácticas procurarase familiarizar as/os usuarias/os das principais redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok) coas ferramentas de creación de filtros de Realidade Aumentada e a súa posterior incorporación aos propios perfís. Asemade, falarase dos riscos de seguridades das redes sociais e daranse pequenas claves de como protexer os nosos contidos ao tempo que optimizamos o rendemento e impacto das nosas publicacións.

Na actividade, que é de balde,  poderase inscribir calquera persoa interesada a partir dos 12 anos de idade no mail de OMIX A Guarda [email protected].

Mos abre o prazo de solicitude de axudas para comedor e material escolar

0

Xa está aberto o prazo para solicitar as axudas municipais para comedor e material escolar en Mos. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de outubro.

As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica municipal. O modelo de solicitude a cumprimentar pódese así mesmo descargar na páxina web municipal, mos.es, ou recollelas en papel no Rexistro Xeral do Concello ou na OMIX.

Este curso Mos triplica as axudas para comedor e duplica as de material escolar. O orzamento municipal anual destinado a subvencións para comedor escolar ascende de 10.000 euros a 30.000 euros, de xeito que ningunha familia solicitante quedará sen axuda.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, informaron de que o Concello de Mos multiplicou as axudas para escolares, tanto no que se refire a comedor como a material escolar. Apostando de xeito decidido polo apoio á conciliación da vida familiar e laboral dos pais, nais e familias mosenses.

As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, explicaron que o pasado mes de xuño sacouse desde a administración local mosense unha convocatoria extraordinaria para triplicar o orzamento municipal destinado ás axudas para comedor escolar, pasando a cantidade anual destinada a tal fin de 10.000 euros a 30.000 euros. Polo que dos solicitantes da axuda para a anterior convocatoria, todos eles contaron con ela concedida.

A subvención concedida polo Concello neste senso é de 2 euros por menú de cada neno/a ao día.

Na presente convocatoria para estas axudas, cuxo prazo de inscrición ábrese hoxe, mantense a mesma contía orzamentaria destinada a tal fin co obxectivo de poder seguir concedendo a subvención a todas as familias demandantes.

En canto ás axudas municipais para a adquisición de material escolar xestionadas pola concellería mosense de Política Social e Igualdade que dirixe a edil Sara Cebreiro, tamén se duplicou o orzamento anual destinado a tal fin, pasando de 5.000 euros a 10.000 euros.

Neste presente curso 2022-2023, tanto as axudas para a adquisición de material escolar como de uso de comedor escolar, manteñen o importe multiplicado. No caso do material pásase, como xa se dixo, dos 5.000 aos 10.000 euros, para poder chegar ao maior número de familias.

Novidade no método de pago das axudas para comedor

Os pagos das axudas para comedor escolar inclúen este curso unha nova forma de pago trimestral. Os abonos das subvencións faranse cada tres meses, sendo o primeiro en decembro (para os meses de setembro, outubro e novembro), marzo (para os meses de decembro, xaneiro e febreiro) e xullo (para os meses de marzo, abril, maio e xuño).

Amplíase o prazo de presentación de traballos para o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético

0

O Concello de Redondela amplía o prazo de presentación de proxectos para o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista. Acéptanse traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) ata o 17 de outubro de 2022, inclusive.

Agora, o prazo inicialmente aberto ata o 30 de setembro, amplíase 17 días para achegar o máximo posible a data de entrega coa data da presentación do premio e así dar oportunidade a máis xente de presentarse, xa que trátase dun premio a nivel nacional.

As bases reflicten unha amplitude moi grande de profesionais e un abano extenso de formatos, polo que foi necesario ampliar o prazo para chegar a maior xente posible. A alcaldesa quere reiterar que “é importante recoñecer e tratar a ética feminista en todos os ámbitos”. Ademais, aconsellados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) “o cambio de data foi algo necesario, xa que esta é a época con máis convocatorios para certames en Galicia, polo que se quere facilitar e flexibilizar esta oportunidade”.

Redondela, lembrou a alcaldesa, “está sendo nos últimos anos un referente en igualdade e na loita contra a violencia machista, a creación destes premios en memoria a Sesé Mateo, son outro paso máis na loita diaria para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”. No xornalismo, engadiu Rivas, “é moi doado caer en tópicos e sensacionalismos á hora de informar sobre a violencia contra as mulleres e consideramos que era preciso premiar a aqueles e aquelas que, conscientes da gravidade da situación, evitan calquera tipo de sensacionalismo antepoñendo a ética profesional a calquera outra consideración”.

Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

O II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, dotado con 1.500 euros en metálico, está aberto aos traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e que deberán ser presentados antes do 17 de outubro do 2022.

Amais dos profesionais de xeito individual, tamén poderán presentar propostas e candidaturas os xornais, radios ou televisións. Neste caso, de resultar premiado o traballo, a beneficiaria e quen recibirá o premio será a persoa autora do traballo.

Só se poderá presentar un traballo por persoa. No caso de coexistir un traballo presentado polo/a autor/a e outro ou o mesmo dese autor proposto por calquera entidade, prevalecerá a candidatura do/a autor/a, rexeitándose a presentada polo xornal, radio ou televisión, respectándose así a Lei de propiedade intelectual (RDL 1/1996, do 12 de abril).

Os traballos poderán presentarse en lingua galega ou castelá, pero valorarase con maior puntuación os realizados en lingua galega por ser o seu uso minoritario no ámbito xornalístico e tendo en conta que “Redondela foi sempre pioneiro no uso, potenciación e espallamento da lingua galega”.

As bases ao completo, poden consultarse na ligazón https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2021/08/31/2021042654.

Covelo organiza a observación de estrelas no Alto do Castelo do Faro

0

Organizada polo Concello de Covelo, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o GDR Condado Paradanta, dentro da programación cultural estable que se ofrece ao longo do ano no concello, esta fin de semana trinta persoas poderán gozar do roteiro guiado e observación estelar no alto do Castelo do Faro. Esta proposta, ademais, está deseñada dentro da estratexia de promoción turística que o goberno de Covelo desenvolve tanto en tempada alta como baixa.

Este sábado ás 17:30 horas partirán da igrexa de Prado as e os participantes nesta  actividade para subir ao miradoiro paisaxístico do Faro, o punto xeodésico máis alto de Pontevedra con 1.154m de altitude situado na parroquia de Prado. De once da noite a dúas da madrugada observarán o firmamento da man da Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía.

As persoas interesadas en participar nesta actividade de interpretación astronómica deberán contactar nos números de teléfono 622 676 355 / 986 65 00 27.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, explica que son ocasións únicas nas que aprender ao aire libre da man de expertos, gozar dunha actividade saúdable nunha contorna natural e confraternizar co resto dos participantes.

O Rosal estrea a súa renovada Praza do Calvario

0

O Rosal estrea esta fin de semana a súa renovada Praza do Calvario. O Concello celebra este sábado 1 de outubro un acto inaugural aberto á veciñanza que contará coa presenza da alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, así como de membros da corporación municipal, rexedores e rexedoras do Baixo Miño, autoridades e representantes das asociacións culturais, deportivas e sociais do municipio. “É unha obra histórica para o noso concello que marca un antes e un despois na forma de entender os nosos espazos, creando iniciativas e proxectos que nos permitan construír O Rosal das persoas”, salienta a rexedora, Ánxela Fernández Callís.

O acto inaugural arrancará ás 20.00 h coa actuación do grupo de baile de Paula Covián e pecharase, tras a intervención das autoridades, cun concerto da Banda da Agrupación Musical do Rosal. Tras el a veciñanza poderá desfrutar xa dos resultados dun proxecto transformador co que o Concello do Rosal deu un paso adiante na recuperación de espazos públicos de calidade para as persoas, xerando unha zona de estancia, encontro e lecer de uso polivalente e marcado carácter peonil que tamén servirá para impulsar o dinamismo comercial da zona.

Tras oito meses de intenso traballo, a Praza do Calvario preséntase totalmente transformada despois dunha reforma integral feita con materiais construtivos que preservaron e potenciaron o carácter patrimonial e arquitectónico existente, mellorando as condicións de mobilidade peonil e as condicións ambientais e paisaxísticas da praza, así como todos aqueles elementos que non se ven pero que son de vital importancia, como a renovación de todas as canalizacións.

Un proxecto de mellora e transformación da praza nun espazo público de calidade que recolle parte da historia do Rosal e que trasladará á veciñanza a finais do século XIX, cunha praza humanizada no que a sobreira era a árbore protagonista e na que destacaba o valor patrimonial da contorna.

A reforma integral da Praza do Calvario contou cun orzamento de 1,5 millóns de euros cofinanciados entre o Concello e a Deputación de Pontevedra a través do ReacPon, e para o que o Goberno municipal tamén solicitou axudas europeas nese traballo de captación de fondos externos para continuar coa transformación do Rosal.

Fernández Callís convida a toda a veciñanza a participar neste acto inaugural e “a desfrutar deste novo espazo que volve poñer en valor un lugar central da vila amable, de convivencia, máis democrático, onde acontecerán cousas, onde a xente poderá relacionarse e gozar da cultura, doo deporte e doutras iniciativas. En definitiva, cambiando o modelo e poñendo ás persoas no centro de toda as actuacións”.