8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán adica outubro ao 'Mes da Memoria Histórica'

    Nigrán adica outubro ao ‘Mes da Memoria Histórica’

    O Concello de Nigrán, como cada ano desde 2015, celebrará durante todo outubro o ‘Mes da Memoria Histórica’ como recordo do tráxico suceso da ‘Volta dos Nove’ na comarca (15 de outubro de 1936). A programación, como ven sendo habitual, concentrará neste mes diferentes actos culturais que van desde a proxección de longametraxes ou documentais, a presentación de novos libros de investigación ou sendas homenaxes polo aniversario da propia ‘Volta dos Nove’ e os 70 anos da publicación de ‘Longa noite de Pedra’. Todo é no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completarse o aforo.

    “Coma sempre, trátase dunha programación cun fin divulgativo e educativo e está dirixida a manter viva a nosa memoria. Para que non se repita o peor da nosa Historia debemos coñecer episodios vergoñentos do noso pasado recente vinculados coa Guerra Civil e a represión franquista”, considera o alcalde de Nigrán, Juan González, quen precisamente como historiador recolleu moitos destes episodios no seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939′.

    A longametraxe ‘La trinchera infinita’, a través do cineclub Val Miñor Alice Guy, abrirá a programación este domingo 9 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal. O filme de Jon Garaño, Aitor Arregi e José Mari Goenaga protagonizado por Antonio de la Torre e Belén Cuesta retrata a vida dun home escondido na súa propia casa durante 30 anos por medo á represión franquista (desgraciadamente estes casos non foron anecdóticos en España e os seus protagonistas foron coñecidos como ‘topos’). O cine regresa o domingo 16 de outubro á mesma hora e lugar con ‘Mientras dure la guerra’, película de Alejandro Amenabar que retrata a postura do célebre escritor Miguel de Unamuno (protagonizado por Karra Elejalde) que pasa de apoiar públicamente a rebelión militar do 36 a cuestionala e rechazala ante a deriva sanguiñolenta da mesma.

    Unha parte importante da programación consiste na presentación de novos libros de investigación que abordan a represión e a sublevación na provincia, polo que estarán presentes os seus autores e se establecerá un coloquio posterior. Así, a través do Instituto de Estudos Miñoranos, o mércores 12 ás 19:00 horas será o turno de ‘Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate de refuxiados republicanos’, de Roberto Mera. O domingo 23 ás 19:00 José Antonio Uris e Víctor Manuel Santidrián presentan ‘A porta do inferno. O campo de concentración de Camposancos’ que se acompañará da proxección do documental de Antonio Caeiro ‘Aillados. A memoria dos presos de 1936 na illa de San Simón’. A programación a pechará o mércores 26 ás 20:00 horas ‘Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951)’ de Xosé Álvarez Castro, tamén en colaboración co IEM. Paralelamente, o Concello ofrecerá no IES Val Miñor e IES Proval unha charla de Carlos Meixome sobre o seu libro ‘Catas na Memoria’, agasallando a ambos centros con diversos exemplares.

    Un dos actos estrela será a proxección o xoves 20 de ‘La carcel de curas’, documental vasco de 2021 de Oier Aranzabal, Ritxi Lizartza e David Pallarés que narra a historia da viaxe real ao que foron sometidos 53 relixiosos de Madrid, Galicia, Cataluña e País Vasco no seu traslado forzoso ao devandito penal de Zamora, que foi o único cárcere de curas do mundo. Á proxección acudirán os seus directores e algún dos relixiosos represaliados co fin de establecer un coloquio posterior.

    Igualmente, o Concello colaborará con Lucenza-Ateneo para ofrecer o venres 14 de outubro no Auditorio Municipal un acto en homenaxe ao 70 aniversario da publicación de ‘Longa noite de pedra’ de Celso Emilio Ferreiro, libro clave para comprender a literatura galega contemporánea. Este título e o conxunto da obra fan referencia á prisión padecida polo autor no Mosteiro de Celanova no 1937, porén, alén da dimensión anecdótica ou persoal, esta longa noite de pedra tense identificado repetidamente coa longa ditadura franquista.

    O 15 de outubro, como cada ano, o Concello participará nos actos en homenaxe aos asasinados na ‘Volta dos 9’ en Baiona e celebrará o seu particular ás 12:00 horas no Xardín da Memoria (ao carón do Pavillón de Panxón). O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños de todo o Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.