Xoves, 23 Xaneiro de 2025

As Festas de Setembro manteñen Ponteareas chea de vida

Ponteareas afianzouse durante o último mes como un referente de lecer. As Festas de Setembro remataron esta fin de semana despois de 30 días cunha ampla programación de actividades para todas as idades e todos os gustos que encheu as rúas ponteareás de vida durante todo o mes.

“Foron xornadas coas que a vila volveu gozar das súas festas con normalidade e por todo o alto, un éxito de participación que nos enche de orgullo e nos fai continuar traballando en ofrecer a veciñanza e visitantes un amplo programa de actividades, atraendo público e dinamizando Ponteareas”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

En total foron máis de 40 propostas culturais e deportivas coas que se percorreron diferentes recunchos da vila, nas que a música tivo un papel destacado, así como as competicións de natación, ciclismo ou tenis, os tradicionais globos de San Miguel ou a recuperación da Feira Tradicional dos Remedios tras dous anos de parón a causa da crise sanitaria. “Pechamos o verán dinamizando as nosas rúas, cunha ampla oferta de actividades para experimentar, gozar e compartir, que encheron de vida as rúas da vila e deron un importante pulo ao comercio local”, recalca o edil.

Nestes días de festexo nos que se celebraron a Festa dos Remedios e San Miguel, dúas datas moi sinaladas en Ponteareas, “enchéronse as butacas en todos os espectáculos, as prazas abarrotáronse de xente bailando e desfrutando da música, de familias gozando de atraccións tamén inclusivas e con descontos ofertados polo Concello ou de todas as competicións deportivas que a vila acolle durante este mes”.