7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaBaiona acolle unha nova actuación de "Música no Ar"

    Baiona acolle unha nova actuación de “Música no Ar”

    O domingo 2 de outubro a Igrexa Parroquial de Santa María de Baiona será o espazo que acollera ó Trío Bórea a partir das 20:00 horas nunha nova actuación da terceira edición do programa “Música no Ar”, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

    Este trío musical, é un grupo de cámara composto por: Clara Mascaró (viola), Julia Caro (violonchelo) e Brais González (piano). Esta agrupación foi fundada co obxectivo de explorar o progreso de novos modelos de interacción co público e desenvolver novas experiencias a través dos medios dixitais aplicados á música clásica. En 2020 o grupo recibiu unha bolsa do Concello de Salzburgo para desenvolver o seu proxecto “Alte Liebe”. Trátase dunha experiencia de concerto interactiva baseada na vida de tres das figuras máis importantes do Romanticismo alemán: Robert Schumann, Clara Schumann e Johannes Brahms. Unha viaxe musical e narrativa construída a partir da literatura epistolar existente entre os tres na que a música de cámara se mestura coas novas tecnoloxías, a creación audiovisual, a música electrónica e coa representación escénica.

    O fío condutor do espectáculo son tres ciclos de lieder de cada un dos compositores: os Lieder, op. 13 de Clara Schumann, o Dichterliebe de Robert Schumann e os Vier Ernste Gesänge de Johannes Brahms. O programa de concertos tamén será interactivo, e dicir, través das redes sociais do grupo, o público poderá elixir a orde das pezas para interpretar e descubrir información histórica sobre os compositores.

    “Música no Ar”, enmarcado no amplo programa da Deputación, “Con-Fiando Cultura” ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.