11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiRadio escolar desde a praza da Catedral de Tui para lembrar ás...

    Radio escolar desde a praza da Catedral de Tui para lembrar ás mulleres da raia

    A Radio do Patrimonio é o proxecto co que a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas! leva a radio escolar dos centros ás rúas para recuperar o patrimonio cultural inmaterial que se creou arredor das rutas xacobeas. Despois de comezar a súa peregrinación nas ondas en Cea, recalan este venres 30 na praza da Catedral de Tui, onde a
    partir das 12 do mediodía, os alumnos do IES San Paio e do CPR Santa María de Tui descubrirán a música tradicional a través dos ‘instrumentos pobres’ de Xavier Blanco, cantarán con Andrea Pousa e coñecerán as historias do tráfico de mercadorías na posguerra con Diana Gonçalves, directora do documental Mulleres da raia.

    Será na praza fronte a Catedral de Tui, Eurocidade xunto con Valença, onde os máis pequenos descubrirán as historias das mulleres que traficaban, na posguerra, con produtos dun lado e doutro do río. O alumnado entrevistará a Diana Gonçalves que achegará algún dos testemuños que ela mesma recompilou na súa viaxe polo espazo tranfronteirzo entre Galicia e Portugal.

    Tamén Andrea Pousa, que participou en Ponte…nas Ondas! no seu proxecto musical, Meniños Cantores, responderá ás preguntas das estudantes, a un mes de sacar o seu novo single sobre as familias da raia.

    O ramo ao programa porao Xavier Blanco que tentará transmitir aos xoves o amor pola música tradicional que el mamou desde ben cativo, sendo herdeiro da saga familiar dos Soledás de Moaña. Ademais, presentará a súa Fundación Legar coa que, desde Quiroga (Lugo), traballa na recuperación dos antigos instrumentos ‘pobres’ e de coplas esquecidas.

    Sarria e Santiago, serán as seguintes paradas, o 20 e 21 de outubro co Mago Antón e Pancho Álvarez como convidados, respectivamente.

    PNO! a un paso de ser modelo de boas prácticas

    O proxecto da Radio do Patrimonio chega a uns meses de que o modelo da Asociación Ponte…nas Ondas! sexa inscrito no rexistro de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) da UNESCO. PNO! leva 27 anos, desde 1995 impulsando a radio escolar para implicar ao alumnado na recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial.

    A candidatura de PNO! como modelo de boas prácticas co PCI foi presentada por Portugal e España, co apoio da Xunta de Galicia, en marzo de 2021. Na 17a sesión do Comité Intergobernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro, onde se coñecerá inscrición do “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.