AporM lamenta que o goberno do concello de Mondariz decidise deixar de colaborar co coro Mistura Vocal financiando o VI Ciclo Coral Outono en Son, que levaba 5 edicións celebrándose de forma ininterrompida na vila co apoio do Concello. Por esta razón, Mistura Vocal decidiu trasladar a edición deste ano, por vez primeira, fóra de Mondariz, e terá lugar o vindeiro 1 de outubro no convento de Canedo, en Ponteareas.
Outono en Son convertérase nunha celebración coral de referencia na bisbarra do Condado e A Paradanta, como proba a masiva asistencia de público de toda a área metropolitana de Vigo, non só conformado polos familiares dos coristas, como aseguran desde o goberno local.
En canto aos fondos empregados para financiar Outono en Son, estes non son fondos propios, senón que ata agora o Concello de Mondariz procuraba os fondos na Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos. Este medio foi o utilizado este ano polo goberno local para conseguir os 12.100 € que custou o grupo América e os 5.445 € do escenario do grupo Dakidarría, dúas actuacións que tiveron lugar este verán na localidade. Seguindo a lóxica do goberno local, Xoán C. Montes Bugarín recórdalle ao alcalde que ningún destes grupos son do municipio, ao igual que Mistura Vocal, coa diferencia de que este último si ten veciños de Mondariz entre os seus compoñentes.
Calis recorda que tampouco é certo que eses 4.000 € que o Concello deixa de destinar a Outono en Son vaian a repercutir en asociacións da vila, polo tanto queda en evidencia que se trata dunha decisión exclusivamente política: o alcalde decidiu non financialo e non repetir este evento en Mondariz, argumentando ante os organizadores que “a luz vai cara” ou que prefiren “apoiar economicamente actividades de dinamización sociocultural organizadas por asociacións e colectivos da localidade”.
A pesar de todo convidamos á veciñanza desprazarse ate ao Convento de Franciscanos de Canedo, no concello veciño de Ponteareas, onde seguro que os coros Mistura Vocal e Solo Voces non defraudarán ao público asistente, en particular ao da vila de Mondariz.
AporM comprométese públicamente a recuperar este certame coral para Mondariz na súa edición de 2023 se os veciños decidan poñelos ao fronte da alcaldía o próximo mes de maio.