14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoSalvaterra de MiñoMarta Valcárcel, "a mellor obra que podemos facer a día de hoxe...

    Marta Valcárcel, “a mellor obra que podemos facer a día de hoxe en Salvaterra, é crecer”

    Marta Valcárcel é, dende xuño deste ano, alcaldesa de Salvaterra de Miño. Colle a nova rexedora local a testemuña dun ‘histórico’ como Arturo Grandal Vaqueiro e convértese na primeira alcaldesa da vila fronteiriza para afrontar retos de futuro que permitan continuar a liña de crecemento sostido que mantén Salvaterra dende hai anos.

    Estar no concello dende hai doce anos é sen dúbida unha importante rodaxe e mais se se ten en conta que no último mandato de Arturo Grandal, exercía un traballo de coordinación de case que todas as áreas, o que lle permite ter un extraordinario coñecemento da política local.

    Están a piques de cumprirse os seus primeiros seis meses como alcaldesa, que valoración fai deste inicio de mandato?
    A dicir verdade, case sen darme de conta porque levamos seis meses sen parar. Rematamos as eleccións e atopámonos coa programación de verán, un tema complexo porque Salvaterra é un referente cultural cunha enorme cantidade de festas e eventos que case que non che deixan coller aire. Foron uns meses intensos, moi intensos, que nos deron para moito e nos que comezamos a marcar a nosa liña de traballo, con proxectos novos, moita ilusión e moitas ganas.

    Este último mandato, no que coordinaba case que todas as áreas do Concello, serviulle como experiencia?
    Si, claro. Coñecer como funciona internamente un Concello é fundamental se logo queres desenvolver unha labor que beneficie á cidadanía. Cando miras as cousas dende fora, xa sexa nunha empresa ou nunha administración, a cousas míranse dun xeito diferente que cando estás dentro. Cando te ‘empapas’ ves cousas invisibles dende fora. Estes doce anos no concello déronme unha visión e unha experiencia que agora resulta fundamental. Este tempo permíteche saber onde dirixirte cando xorden os problemas, que facer ante cada situación e iso é o que esperan de ti os teus veciños e veciñas.

    Pero é distinto ser alcaldesa que tenente de alcalde…
    Moi diferente. Ata o de agora, se había calquera problema o solucionaba pero, interiormente, sabía que se acontecía algo tiña a quen acudir, a esa persoa que te aconsella. Pouco a pouco, a experiencia vaiche dando seguridade.

    Míranse os problemas antes?
    Os problemas e as solucións. Cando entrei como concelleira por primeira vez mirei claramente que significaba o concepto ‘experiencia’. Eu consultaba todos e cada un dos problemas cos que me atopaba e o que a min levábame días resolver, Arturo (Arturo Grandal Vaqueiro, alcalde ata maio de 2019) o resolvía cunha chamada. Esa é a experiencia, saber onde tes que dirixirte para atopar solucións aos problemas que se che presentan nunha Alcaldía.

    Cando ti es alcaldesa pasas a ser ti mesma… en todo, á hora de afrontar os problemas e solucionalos pero tamén á hora de desenvolver os teus propios proxectos e as túas ideas”

    En todo caso múltiplicanse as responsabilidades.
    Literalmente. Cando ti es alcaldesa pasas a ser ti mesma… en todo, á hora de afrontar os problemas e solucionalos pero tamén á hora de desenvolver os teus propios proxectos e as túas ideas. Xa non son proxectos doutros, senón os teus e os de teu equipo. Hai un proxecto en común, cunhas liñas ben marcadas e definidas pero despois, cada un, ten a súa forma de actuar e traballar para desenvolvelas.

    Ese proxecto, como alcaldesa, o tes que ter moi claro porque dende ese momento, ti es a que tes que dar solucións ás dúbidas que poidan ter os teus compañeiros e compañeiras.

    Ten medo a equivocarse?
    Non. Preocúpame pero non me da medo. Na política municipal, como na vida, chega un momento en que tes que asumir responsabilidades e estar ao fronte dunha Alcaldía, leva aparellado ter que tomar decisións, acertar e equivocarse. Somos humanos e, como tales, podémonos equivocar á hora de tomar unha decisión. No que non nos podemos equivocar en buscar, sempre e por enriba de todo, o mellor para noso pobo e para os nosos veciños e veciñas. Tómese a decisión que se tome, tense que facer sempre buscando o mellor para a cidadanía que é a premisa que sempre debería ter presente unha alcaldesa ou un alcalde.

    Sempre fun da opinión de que, fagas o que fagas, é fundamental que che guste e á min encántame o meu traballo. Se hai 20 anos dinme que ía acabar no mundo da política ríome, pero a día de hoxe non concibo a miña vida sen isto porque é o que, precisamente, lle da sentido a esa vida.

    Sempre dixo vostede que tivo moita sorte en estar tanto tempo traballando con Arturo Grandal.
    E o sigo dicindo. Tiven a sorte de traballar á beira dunha persoa que cho ensinaba todo, que non gardaba nada para el e descubriume un traballo que adoro. O contacto directo coas persoas, o poder dar solucións aos problema que teñen os teus veciños e veciñas, é marabilloso.

    Confiou en vostede a cegas?
    Podería dicirse así porque non me coñecía de nada. Eu entrei no Concello de Salvaterra no último ano do famoso Plan Labora (antigo plan da Xunta de Galicia para que os menores de 30 anos acadaran experiencia laboral), aínda estaba a estudar e entrei para facer prácticas. Nese momento Arturo confiou en min para que formara parte do seu equipo, posteriormente estiven no Parlamento de Galicia pero nunca deixei o Concello, a política local que é o que realmente me apaixona.

    Nunca dubidou?
    Nin por un momento. Por encima de calquera outra cousa está o Concello, a política municipal, o contacto coa xente, ese ir pola rúa e charlas con todos e todas e ter a capacidade de solucionar os seus problemas e mellorar a súa calidade de vida. Iso non ten prezo.

    Que proxecto lle gustaría ver rematado ao final de mandato?
    Moitos. Temos moitos e moi ambiciosos…

    Pero iso é bo, non?
    Si, claro que é bo, pero tamén son consciente de que é complicado. Pero voltando ao fío da pregunta, eu creo que o mellor proxecto que temos, a mellor obra que podemos facer a día de hoxe, é crecer. Crecer como municipio. Se miramos o problema de despoboamento que ten España e Galicia en que hai pobos que, literalmente, están morrendo, ver un pobo como Salvaterra, que mantén un crecemento continuo, sempre abre portas á esperanza.

    Crecer non é doado…
    Non, a verdade é que non porque é unha combinación de diferentes accións e esas accións son, basicamente, o teu programa electoral e pasan por seguir facendo a Salvaterra un lugar atractivo como pobo para que a xente queira vir a vivir a Salvaterra e gozar unha calidade de vida como poucas.

    Esa calidade de vida que ofrecemos, non a ofrece ninguén e non se conseguiu da nada nin por arte de maxia. Detrás desa calidade vida, hai un traballo duro e é precisamente esa liña de traballo a que temos que manter, a de aumentar a ese benestar dos nosos veciños e veciñas e iso, ao mesmo tempo, serve para que veñan outras persoas para asentarse aquí, persoas que buscan esa maior calidade de vida.

    Para crecer, necesitamos nenos e se temos nenos, necesitamos que estes e as súas familias teñan todos os servizos necesarios…

    Como unha escola infantil?
    Exacto, como unha escola infantil. Tiñamos unha que era municipal e ao pasala á rede de Galiña Azul, puidemos duplicar o número de prazas dispoñibles, a maiores temos o compromiso de ampliación para este próximo ano. Temos moitos nenos e necesitan actividades extraescolares e aquí téñenas. A escola de música é unha das actividades que máis alumnos e alumnas ten e necesitan un espazo propio para que poidan desenvolver esta actividade coa calidade que se lle esixe. Nesa liña temos o proxecto para rematar a reconstrución da Sindical en casa da Música. Os nenos crecen, estudan e necesitan un lugar onde poder facelo con garantías…

    Como unha biblioteca axeitada?
    Si, porque a que temos se nos quedou pequena basicamente porque Salvaterra cambiou nos últimos anos e ese cambio chegou nos tempos nos que menos capacidade houbo de reacción por culpa dunha profunda crise. Agora estamos a pechar o proxecto de reconversión da antiga Casa do Concello en biblioteca municipal, é un proxecto que queremos que empezo e quede terminado neste próximo 2020

    Eurociudade foi simplemente poñer nome ao que Salvaterra e Monção levan facendo desde sempre. Aquí non estamos a forzar nada”

    O ser parte a Eurociudad axuda?, funcionan as eurocidades?
    Si que funcionan. Sen ningún tipo de dúbida. No noso caso, Salvaterra e Monção son un claro exemplo diso. É máis, unha Eurociudade foi simplemente poñer nome ao que Salvaterra e Monção levan facendo desde sempre. Aquí non estamos a forzar nada. A Eurociudade non a crearon os políticos, os políticos déronlle nome pero non crearon nada novo, non crearon unha relación que vén desde hai décadas.

    Que os fai diferentes?
    Moitas cousas. De entrada, temos os dous centros urbanos fronte a fronte e pegados ao río, cousa que poucos teñen. Iso conleva que unha persoa que vén a Salvaterra e vai pola rúa que leva a Monção, e digo rúa porque para nós a ponte é unha rúa máis, de súpeto está en Portugal e é algo que os veciños dun e outro lado víveno con toda a normalidade do mundo.

    Temos proximidade, non hai sensación de pasar dun sitio a outro. Esa proximidade fixo que, desde sempre, as relacións fosen moi estreitas… Aquí son frecuentes os matrimonios mixtos, hai nenos e nenas de Monção que veñen ás actividades extraescolares de aquí e hai nenos e nenas de Salvaterra que van a clases de inglés ou natación a Portugal. Así que o termo Eurociudade é algo que nos inventamos o políticos pero que aquí vén existindo desde sempre.

    Góstalle delegar ou levar todo persoalmente?
    Uf! Teño un problema con iso (ri). Gústame levar todo pero teño que delegar. Pero iso é un problema meu de sempre, non é de agora. Son unha persoa á que lle gusta ter todo atado e ben atado e á que lle gusta facer mil cosas á vez pero, o certo, é que non che queda outra que empezar a delegar. Pero, si, gústame ter todo moi controlado.

    Os poíticos locais son máis vocacionais que os que se chaman de ‘alta política’?
    Os de ‘Alta política’ como dis, están nun despacho e quizá un pouco alleos á realidade cotiá. Nós, na política municipal, temos a sorte de ter ese contacto directo, para o bo e para o malo, que conste.

    Aprendín o que era a vocación de servizo público de Arturo e o ensinoume a ver a política doutra forma diferente, cos nosos acertos e os nosos erros pero, repito unha vez máis, poder axudar á xente que o necesita non ten prezo.

    É máis difícil para unha muller?
    Si e non. Cando empecei en política era a única muller nun equipo de homes e teño que dicir que nunca sentín marxinada. É certo tamén que marquei desde o principio os meus horarios porque tiña que compaxinar a miña vida política coa vida persoal. Pero é verdade que no tema da conciliación, a pesar de ter andado moito camiño, aínda queda moito por percorrer.

    As administracións son importantes á hora de facilitar a conciliación pero despois queda a outra parte. A persoa que está contigo ten que compartir responsabilidade e tarefas e iso xa non é culpa das administracións… do todo, porque é de educación. Temos que empezar a cambiar a nosa mentalidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.