25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Xulgado ratifica a legalidade e corrección do nomeamento do novo director...

    O Xulgado ratifica a legalidade e corrección do nomeamento do novo director do Museo

    A Asociación de Amigos do Museo (AMUPO) debe facer fronte ás costas do proceso unha vez desestimado o seu recurso

    O Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra vén de facer pública unha sentenza que ratifica a legalidade e corrección do nomeamento do novo director do Museo, Xosé Manuel Rey. A Deputación certifica así a rectitude da designación tras o recurso presentado pola Asociación de Amigos do Museo (AMUPO) que, unha vez desestimada a súa queixa, debe facer fronte ás costas do proceso.

    A decisión do tribunal bota por terra a intención de Amupo de que se declarase nulo o nomeamento de Rey por considerar que o Museo é unha “competencia impropia” da Deputación, e polo tanto esta non debería ter capacidade para elixir un director/a, para a súa xestión, das súas coleccións e do seu persoal.

    Na resolución recoñécese que o procedemento para a selección de responsable de dirección fíxose atendendo aos principios de publicidade, mérito e capacidade: publicouse a convocatoria no BOP esixindo determinados requisitos segundo as bases, concorreron ao proceso unhas oito persoas, nomeouse unha comisión para buscar a especialidade técnica, un dos aspirantes declarado idóneo pediu unha valoración dos demais, e ningunha das persoas concorrentes recorreu o proceso “que foi pacífico e se desenvolveu con normalidade”, segundo a testemuña da xefa de Recursos Humanos da Deputación.

    No texto da sentenza apúntase, ao falar da lexitimidade da demandante, que a Asociación de Amigos do Museo, como entidade que pretende promocionar o Museo, “debería ser a primeira interesada en que se cubrise o posto de director dacordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, en orde á boa xestión da institución”, polo que fai a lectura de o fin do recurso era “aproveitar para suscitar controversia sobre a competencia xeral da Deputación sobre o Museo”.

    Fronte a este fondo da cuestión, a maxistrada do xulgado apunta que máis alá das noticias de prensa ás que alude a parte demandante “non existe ningunha proba de que a Comunidade Autónoma de Galicia tivera plantexado cuestión algunha de competencia sobre este aspecto –a titularidade do Museo- á Deputación”, tomando como base a declaración testifical do propio director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, quen subliñou que o feito de que o Museo teña a consideración de ben de interese cultural (BIC) “non obriga” a que sexa a Administración galega quen o administre ou sexa propietario.

    Por todo isto, a resolución xudicial subliña que “a demanda adolece de fundamentación”, xa que “non existe nin fundamento fáctico nin xurídico que ampare a pretensión suscitada”. Para a maxistrada “non se entende en que medida os preceptos citados pola parte recorrente apoian a consideración de que o Museo non poida ser servizo propio da Deputación, nin que deba ser considerado como BIC de competencia exclusiva da Xunta”.

    Así, a sentenza desestima o recurso contencioso administrativo de Amupo e imponlle o pago das costas do proceso.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.