Mércores, 15 Xaneiro de 2025

O documental ‘Acorda’ sobre a memoria histórica da provincia opta ao premio Xacobeo

A peza estrarase oficialmente dentro do ciclo ‘Panorama Galicia’ no Teatro Principal ourensá de maneira previa á gala de clausura

O documental ‘Acorda. Cartografía Musical da Memoria Histórica de Pontevedra’, a peza audiovisual que pretende poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música producida polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, chegará este venres ao Ourense Film Festival con opcións a gañar o Premio Xacobeo á mellor produción galega.

‘Acorda’ estrearase oficialmente no Teatro Principal ourensá ás 17 horas de maneira previa á gala de clausura da sección oficial do festival, onde se entregarán todos os galardóns. Optará ao anterior Premio Galicia, que nesta edición pasou a denominarse Premio Xacobeo, un galardón transversal para calquera película de produción ou coprodución galega que participe no certame e que será concedido por unha comisión formada pola Fundación Carlos Velo, Deputación de Ourense e Xunta de Galici,a e dado a coñecer, a diferenza dos outros premios, no mesmo momento da gala.

A produción pontevedresa será proxectada dentro do ciclo temático ‘Panorama Galicia’, no que tamén se incluíron pezas como ‘Clown’s planet’, de Héctor Carré, ‘Devolvendo o golpe’ de Carlos Prado; Doppelgänger, de Paco Guitián e Tadeo Publieso; ‘El encuentro’, de Marcos Fernández; ‘No hay futuro’, de Ignacio Benedetti; Capuchóns ‘de Íñigo Rolán’; ‘Os tempos mortos (do Fürer)’ de Daniel R. González, ‘Polavisión: un fallo instantáneo’, de Álex López; ‘Tierra de leche y miel’ de Héctor Domínguez, Carlos Mora e Gonzalo Recio; e finalmente ‘Persoas SA’ de Carmen PG Granxeiro, sendo a única que aborda a temática da memoria histórica no país.

Fotografía de Rafa Estévez ©

A peza documental xurdiu trala idea orixinal do departamento de Memoria provincial dirixido por María Ortega, quen outorgou a dirección artística a Uxía e Marina Carracedo, xunto a Lucas Terceiro na realización, a Lois Pérez  no guión e a Montse Fajardo  como asesora de contidos.

No proxecto  participan voces moi diversas e reivindicativas como as de Emilio Rúa e Silvia Penide, Ugia Pedreira e Marina Oural, Sheila Patricia, Eladio Santos, Tanxugueiras, Ezetaerre e a propia Uxía e Su Garrido, e un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez, e Eduardo R. Cunha (‘Tatán’), entre outros, xunto a testemuñas reais de persoas como Queta Molas ou Blanca Francés.

Espazos

Os espazos escollidos para a grabación de ‘Acorda’ foron  a antiga ‘Escola Normal’ en Pontevedra, lugar onde se traballaba nos valores de liberdade; a Ponte Regueiro, en A Estrada, onde asasinaron a veciños da comarca do Deza-Tabeirós e do Salnés; para seguir ata o Pozo da Revolta, en Marín, onde se fala da represión contra as mulleres; a praia de Massó en Cangas onde foron arroxados os mártires de Anguieiro, e onde se representa o trauma que para as familias supuxo non poder chorar ás vítimas; a praia de Alcabre (Vigo), onde se fala do sufrimento das mulleres que quedaron e a súa loita porque se lles faga xustiza, para que se loite contra a impunidade; a Bombardeira ou Volta dos nove, onde están as nove cruces que durante décadas apareceron pintadas na curva de Baredo, onde foron asasinados nove homes, como acenos de resistencia; a Volta da Moura, onde se pon de manifesto a necesidade que ten a xeración neta e bisneta de rachar co silencio, para que non se dea un paso atrás na loita contra os extremismos; e finalmente a Illa de San Simón, o grande símbolo da memoria e a solidariedade na Galicia, nunha reclamación para que sexa denominada ‘Illa da Memoria’.