16.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaContinúan as charlas de Santa Clara

    Continúan as charlas de Santa Clara

    A igrexa de Santa Clara foi onte escenario dunha nova charla organizada pola Deputación e o Museo de Pontevedra para explicar os traballos de escavación realizados no convento nos últimos meses. ‘Compoñendo puzzles’ foi o título escollido pola responsable de Conservación e Restauración, Aldara Rico, que destacou que os achados no terreo foron excepcionais, entre outras cousas porque no traballo de campo se atoparon moitos elementos orgánicos (madeiras, ósos e téxtiles) non habituais noutras escavacións galegas polas características xerais do terreo no país.

    Rico falou de todos os materiais atopados nas escavacións, dende o momento no que apareceron, como se procesaron durante a escavación  e unha vez rematada esta, na fase de laboratorio. Explicou os materiais orgánicos, o tratamento das laudas e dos enlousados, de cerámicas, metais, vidros e líticos (material pétreo), ou outros artefactos ornamentais ou tipo ‘plomadas’ que apareceron non relacionados co material construtivo.

    Segundo a especialista os enterramentos descubertos tiveron moita importancia e tamén así os materiais vencellados a estes enterramentos, nos que apareceron metais, téxtiles e madeiras asociadas ás tumbas, alfinetes, un sudario, as madeiras dos ataúdes, e cravos con restos de madeira. “En Galiza é difícil de atopar iso polo tipo de chan que temos. Non se soe conservar o material orgánico. Neste caso si aparece, que é algo a destacar, así como a variedade e tipos de materiais”, subliñou.

    En concreto, Rico explicou que foi destacable atopar un sudario nunha das tumbas. Apuntou que non se sabe con exactitude o tecido porque estaba totalmente mineralizado. “Sabemos que era orgánico (liño  ou algodón) moi sinxelo, e queda a ‘impronta’ e a forma, pero xa nada de material orixinal, agora é mineral que foi substituíndo e mantén a forma que tiñan as fibras. Conservouse arredor do cranio, que é o que mellor se conserva nos restos de Santa Clara. O resto dos ósos das defuntas están en moi mal estado de conservación”, destacou, adiantando algún dato da conferencia deste xoves.

    Por outra parte, a responsable de Conservación e Restauración subliñou tamén a importancia da cerámica, que como xa se explicou en varias ocasións destaca pola grande variedade de procedencias. Salientou tamén o tamaño das pezas “que dá información que non é tan coñecida habitualmente e non soe aparecer habitualmente nas escavacións. Aquí podemos saber que tipo de obxectos son: se son tarteiras, pratos, tarteiras, formas das ‘anforetas’ de transporte. Os restos dannos información máis completas”.

    Finalmente, Rico fixo fincapé, ademais de nos materiais, na interacción entre a empresa que fixo o traballo das escavacións e o Museo, que foi moi dinámica. “Houbo unha colaboración moi activa que favoreceu a conservación do material. Houbo materiais que foron enviados ao Museo tan pronto apareceron, como o sudario. Nós alí non tiñamos as condicións apropiadas pero o Museo asumiu a responsabilidade e inmediatamente o levou”, destacou.

    As charlas en Santa Clara continuarán este xoves ás 19.30h coa doutora Olalla López e Clara Veiga. Ambas tratarán de dar datos do convento dende o punto de vista antropolóxico baixo o título ‘A vida a través da morte. Aproximación ao estudo das individuais recuperadas no convento de Santa Clara’.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.