9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCelebración do Día internacional contra o Cambio Climático en Pontevedra

    Celebración do Día internacional contra o Cambio Climático en Pontevedra

    Baixo a premisa de loitar a prol dun mundo sostible, a Deputación de Pontevedra celebrou un ano máis o Día internacional contra o Cambio Climático. Fíxoo coa instalación dunha carpa nos exteriores do Pazo provincial, na avenida Montero Ríos de Pontevedra, que albergou cinco stands dedicados a distintas iniciativas promovidas pola Deputación relacionadas co desenvolvemento sostible, a posta en valor do patrimonio natural e cultural da provincia ou a fixación de poboación nas zonas rurais. Ademais, as persoas que se achegaron á carpa puideron desfrutar dunha degustación de produtos destacados da provincia da man do CEIFP Carlos Oroza, que confeccionou un menú degustación con petiscos salgados e doces -elaborados con mexillóns, tomates da súa horta ou setas- maridado con bebidas elaboradas tamén polo alumnado do centro. Entre quen acudiron a esta carpa destacou a presenza da deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, así como de outras/os deputados provinciais, representantes de concellos da provincia e de entidades coas que colabora a Deputación.

    Os programas “Bosques Terapéuticos” e “Voando nas Rías Baixas” foron os protagonistas dun dos expositores no que se amosaron varios vídeos e fotografías dos baños de bosque e das rutas ornitolóxicas realizadas nos últimos anos. Na carpa tamén se difundiron as accións que están a piques de poñerse en marcha en colaboración con diferentes entidades. Os stans estiveron dedicados á concienciación da redución da pegada hídrica na provincia na que traballa a Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e á loita contra o desperdicio alimentario que leva a cabo a Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA. Tamén xiraron en torno ao uso sostible da enerxía e dos recursos que realiza a Asociación Vento Noso e ao estudo sobre os usos alternativos dos sistemas agroforestais que  está a realizar a Misión Biolóxica de Galicia para obter produtos de alto valor engadido

    Todos estes expositores contaron con paneis informativos e material divulgativo polo que se interesaron as persoas que asistiron a este evento, que se completou co reparto de botellas de cristal reutilizables, botes de marmelada e mel, imáns, bolsas de tea, camisetas do programa “Na casa non quedo” ou sobres con sementes das variedades locais xeradas na Misión Biolóxica.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.