A igrexa do Convento de Santa Clara acolle este venres 28 de xullo ás 20:00 h o segundo concerto das Noites de Música Antiga, que cada verán organiza o Museo de Pontevedra. Ars Longa será a formación encargada de clausurar a XIV edición do ciclo con “Tesouros de América”. O concerto será de balde pero, debido á alta demanda da actividade e a capacidade limitada do espazo, o acceso realizarase mediante reserva previa de praza, escribindo ata o mesmo venres ás 14:00 h a reservas.museo@depo.gal. Indicarase o nome completo e poderanse reservar como máximo dúas prazas por persoa.
Teresa Paz e Aland López crearon Ars Longa en 1994 en La Habana, con intérpretes saídos dos conservatorios da capital cubana e do Instituto Superior de Arte. Os membros da formación dedicáronse á recuperación e estudo do repertorio entre a Idade Media e o Barroco, con especial atención á música do período colonial na América Hispana. Ao longo destas case tres décadas de vida, o grupo actuou en relevantes festivais de música nacionais e internacionais de Europa e América e gravou once álbums dedicados á música do período colonial de España en América.
A formación no concerto en Pontevedra estará composta por Teresa Paz (soprano e dirección), Andrea Trueba (mezzosoprano), Aland López (arquilaúde e guitarra barroca) e Beatriz López (viola da gamba). Interpretarán, co título “Tesouros de América”, un programa que comprende unha ampla e coidada selección de compositores que se moven entre América e España, ben persoalmente ou ben a súa música, integrada como parte do patrimonio da música das cidades do Novo Mundo hispano. Entre pezas vocais e instrumentais, achegarase un repertorio variado e representativo da altura artística que se acadou nos ámbitos relixiosos e profanos, con mestura de ritmos, xiros melódicos e linguas.