14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Xunta amplía a cuantía dos incentivos para a compra de taxis...

    A Xunta amplía a cuantía dos incentivos para a compra de taxis adaptados e de baixas emisións

    A Xunta amplía ata os 650.000 euros os incentivos á compra de taxis adaptados e de baixas emisións tras incrementar as axudas en 300.000 euros.

    A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega do Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, e con membros da xunta directiva.

    Vázquez Mourelle explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o incremento no orzamento das axudas do ano 2021, destinadas á adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida, os eurotaxis, e para taxis eléctricos e híbridos ou de gas coa fin de facilitar a mobilidade coa menor contaminación posible.

    Trátase da ampliación da convocatoria, publicada o DOG o pasado 3 de febreiro e dotada cun investimento de 350.000 euros, que se incrementa cunha partida de outros 300.000 euros, polo que  Xunta pon á disposición deste colectivo unha partida total de 650.000 euros.

    Detallou que para responder á demanda, esta nova convocatoria pretende atender ás necesidades reais dos profesionais do taxi e facilitarlles a adquisición deste tipo de vehículos.

    Unha vez efectuada esta ampliación de crédito, a iniciativa da Xunta permitirá atender 27 solicitudes de axudas para vehículos adaptados á mobilidade reducida, 105 para taxis ECO e 11 para coches de cero emisión.

    As subvencións son de 10.000 euros no caso de compra de taxis adaptados, de 6.000 euros para os de cero emisións e de 4.000 euros para os de baixas emisións.

    O prazo de solicitudes destas axudas continúa aberto nos termos da convocatoria inicial, subvencionando a adquisición de vehículos desde o comezo do mes de abril do ano pasado e ata o vindeiro mes de novembro, ou ata o esgotamento do crédito.

    A conselleira fixo fincapé en que a Xunta leva desde o ano 2016 poñendo ao servizo do sector do taxi estes incentivos para a adquisición de vehículos adaptados. Nestas subvencións, a administración autonómica ten investido ata o momento case 3 millóns de euros, e xa facilitaron a renovación de 375 vehículos de taxi.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.