O Goberno provincial da Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar o contrato que vai servir para inspeccionar, avaliar e realizar un inventario das pontes (obras de paso con luces superiores a tres metros) da rede de estradas provincial, traballos nos que investirá un orzamento de máis de 218.000 euros e que teñen un prazo de execución de dous anos.
A posta en marcha desta iniciativa responde á necesidade de garantir a adecuada situación destas infraestruturas. “Ten habido graves accidentes en pontes, como o que aconteceu en Italia –lembrou a presidenta Carmela Silva- e iso ten que levantar as alertas de todas as administracións públicas para garantir que as pontes da súa rede de infraestruturas estean nas mellores condicións”. Deste xeito, coa actuación que se desenvolverá, a institución provincial pretende ter un coñecemento das características destes pasos “para detectar se houbera anomalías e actuar nelas e, polo tanto, garantir unha seguridade total”.
Os traballos inclúen a realización do inventario e dunha inspección completa das obras de paso de titularidade provincial, incluíndo tódolos elementos (estribos, pilas, taboleiro, aletas, terrapléns ou leito no caso das obras que salvan cursos de auga entre outros). Coa realización destas inspeccións, determinarase o grao de deterioro, localización, gravidade e incidencias que poidan afectar á estrutura, propóndose, no seu caso, a realización de inspeccións especiais ou de actuacións que sexa aconsellable acometer. Crearase así mesmo unha ficha de inventario e unha ficha de inspección por cada obra de paso existente cunha toma “in situ” de datos. Habilitarase tamén unha aplicación informática para o sistema de xestión de obras de paso que incluirá, toda a información xeorreferenciada, recollida durante o proceso.