Só unha semana despois da finalización da súa última edición, a Deputación de Pontevedra lanza a nova e sexta convocatoria de Depoemprende na Escola, na ESO e na FP, o programa co que busca fomentar a cultura emprendedora entre o alumnado de Primaria, Educación Especial, a ESO e a FP da provincia. O goberno ven de aprobar as bases da convocatoria 2021-2022 desta iniciativa que, como sinalou a presidenta Carmela Silva, quere “fomentar mentes creativas e emprendedoras nos centros educativos”
O programa está dividido en tres proxectos. “DepoEmprende na Escola” vai dirixido ao alumnado de educación primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial, que crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. “DepoEmprende na ESO” está enfocado a mozos e mozas de 15 a 16 anos (4º da ESO) que crearán tamén cooperativas nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras e porá en práctica capacidades de negociación, decisións, comunicación e resolución de conflitos. “DepoEmprende na FP” está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que desenvolverá proxectos empresariais para potenciar a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento.
A novidade do vindeiro curso estará en Depoemprende na Escola, onde o número máximo de centros participantes será de 12, fronte aos 10 da anterior edición. Doutra banda, será de 10 centros nas modalidades de ESO e da FP. A partir da publicación das bases no BOPPO os centros educativos xa poderán solicitar a súa adhesión e terán de prazo ata o 30 de setembro.
Nas cinco edicións anteriores deste programa de emprendemento da Deputación participaron un total de 2.680 alumnos e alumnas de 104 centros educativos da provincia