Venres, 13 Decembro de 2024

A Deputación estende a mobilidade e seguranza á renovada estrada Ponteareas-As Neves-Salvaterra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto aos alcaldes das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e Ponteareas, Xosé Represas, e o alcalde accidental de Salvaterra, Ernesto Groba, visitaron esta mañá a renovada EP 4006 que transcorre por Ponteareas, As Neves e Salvaterra. A actuación acometida, que ascende a preto de 570.000 euros, segue os principios de mobilidade centrados na recuperación do espazo público para as persoas.

Carmela Silva asegurou que a estrada aposta polo modelo de mobilidade e seguranza viaria da Deputación de Pontevedra. “É unha obriga ética das administracións recuperar o espazo público para as persoas e situalas no centro das decisións”, destacou a presidenta provincial. Deste xeito, tal e como afondou Silva, o modelo de mobilidade da Deputación céntrase na seguridade das persoas, no calmado do tráfico e no compromiso co planeta. “Ao ano no mundo morren 7 millóns de persoas por contaminación atmosférica así que dende o local temos que tomar medidas e manter un compromiso firme co planeta”, destacou a presidenta.

A reforma da EP-6004 trátase “dunha actuación moi relevante, que abrangue case 13 quilómetros dunha vía que articula esta parte tan importante do territorio que temos que impulsar a todos os niveis, xa que non é posible manter poboación no territorio e crear crecemento económico sen recursos”, asegurou Carmela Silva.

Neste senso, a presidenta amosou o seu compromiso para seguir investindo nesta parte da provincia e adiantou que “temos xa proxectos redactados que axiña imos converter en realidade”.

Pola súa banda o alcalde accidental de Salvaterra, Ernesto Groba, destacou a importancia da actuación desenvolvida para a seguridade da xente e a redución da velocidade dos vehículos. Tamén neste aspecto incidiu o alcalde das Neves quen aproveitou para agradecer á Deputación “o seu interese por esta zona do sur, xa que o equilibrio é necesario en todo o territorio”. Finalmente, o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, amais de insistir na seguranza viaria tamén subliñou a repercusión medioambiental da actuación, “xa que a redución da velocidade implica que contaminemos menos”.

A actuación desenvolvida na EP 4006 esténdese entre Ponteareas, As Neves e Salvaterra e enlaza coa autovía A-52. En concreto, a obra consistiu no fresado e reposición de firme en varios treitos da estrada (49.425 m2), para o que se necesitaron unhas 5.800 toneladas de formigón bituminoso, 290 toneladas de betún asfáltico, e na execución de microaglomerado en frío (48.300 m2). Amais tamén se levou a cabo o pintado da estrada, renovouse a sinalización horizontal e impulsáronse actuacións do Plan Móvese.