11.4 C
Pontevedra
Venres, 8 de Decembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación convoca unha nova edición dos cursos de español para persoas...

    A Deputación convoca unha nova edición dos cursos de español para persoas inmigrantes

    A institución provincial volverá celebrar tres cursos, dous en maio e un en setembro, dirixidos a que os e as participantes poidan superar o exame DELE A2, requisito indispensable para que logo poidan obter a nacionalidade española

    A Deputación de Pontevedra acaba de convocar unha nova edición, a cuarta, dos cursos de español para inmigrantes, unha actividade formativa que está dirixida a que as persoas participantes poidan superar o exame DELE A2 expedido polo Instituto Cervantes, unha proba que é requisito indispensable para que poidan solicitar logo a nacionalidade española.

    Esta proba require unha preparación previa e ten un custo económico que dificultan o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, o que complica o seu proceso de integración na provincia como cidadanía de pleno dereito e favorece procesos de exclusión social. Por esta razón, a Deputación decidiu hai tres anos poñer en marcha estas actividades formativas, nas que se subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula no DELE A2. Deste xeito, se da apoio á consecución desta titulación a poboación de países ou territorios non hispanofalantes e se promove a súa integración. Nas tres edicións anteriores, os cursos tiveron un total de 180 participantes.

    A nova convocatoria prevé o desenvolvemento de tres cursos, dous en Vigo e un en Pontevedra, que terán lugar nos meses de maio e setembro e para os que existen 55 prazas en total. As persoas destinatarias son inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen superar o exame DELE A2 para a obtención da nacionalidade española.

    Do 18 ao 29 de maio se desenvolverán de xeito simultáneo os dous primeiros cursos, un no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e outro nas oficinas da Deputación en Vigo. Estes cursos, que terán ademais sesións de repaso do 7 ao 10 de setembro, teñen 40 horas de duración e vinte prazas cada uno. O terceiro dos cursos celebrarase na cidade olívica, na mesma sede da Deputación, do 14 ao 25 de setembro (os días de repaso son do 9 ao 12 de novembro), con 15 prazas.

    Os cursos estarán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo e, tras finalizar o período de formación, o alumnado examinarase da proba DELE A2 o 11 de setembro (no caso das persoas que os realizaron en maio) e o 14 de novembro en Vigo.

    As solicitudes para participar nestas actividades deberán presentarse no rexistro xeral da Deputación, en calquera das súas oficinas e no rexistro electrónico (sede.depo.gal). O prazo para a presentación de solicitudes será do 4 ao 25 de marzo.

    No pasado 2019, o 87,8 % do alumnado que realizou estes cursos de español aprobou o exame do DELE A2, un dato que a institución provincial considera moi positivo, sobre todo ao ter en conta que as persoas que se presentan a estas actividades teñen que compatibilizar a formación e os estudos co seu traballo ou as súas cargas familiares, para as que non teñen apoio.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.