14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia28 centros da provincia participarán na sexta edición do programa Depoemprende

    28 centros da provincia participarán na sexta edición do programa Depoemprende

    Preto de 800 estudantes dun total de 28 centros da provincia participarán este curso escolar na sexta edición do programa Depoemprende da Deputación, que busca fomentar o emprendemento no marco da comunidade educativa. O Goberno ven de aprobar a relación de colexios e institutos seleccionados para participar nas tres modalidades: Depoemprende na Escola, dirixida a estudantes de Primaria e Educación Especial; Depoemprende na ESO, para alumnado de Secundaria, e Depoemprende na FP, para estudantes de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior.

    En concreto, na categoría de Depoemprende na Escola participarán 12 centros, cunha previsión de 396 alumnos e alumnas. A través do programa, os e as estudantes de 5.º e 6.º de Primaria e de Educación Especial crearán e xestionarán unha cooperativa na que fabricarán produtos para a súa venda. Os colexios seleccionados son tres de Pontevedra (CEIP Santo André de Xeve, CEIP A Xunqueira 1 e o CEE Pontevedra); dous de Cambados (CEP Antonio Magariños Pastoriza e CEIP Enrique Barreiro) e un nos concellos de Ribadumia (CPI Julia Becerra Malvar); Vigo (CEIP Plurilingüe Ría de Vigo); Tui (CEIP Plurilingüe nº1 de Tui); Cerdedo-Cotobade (CEP Plurilingüe de Carballedo); Gondomar (CEIP Plurilingüe Souto-Donas); O Porriño (ACEESCA) e Nigrán (Colexio Estudio).

    No caso de Depoemprende na ESO, serán 7 centros os que tomarán parte na nova edición, cunha estimación de 168 estudantes. Son mozos e mozas de 15 a 16 anos (4º da ESO), que crearán cooperativas escolares nas que distribuirán produtos adquiridos de empresas provedoras e porán en práctica cuestións como a capacidade de negociación, a toma de decisións, comunicación e resolución de conflitos. Trátase de  centros de Redondela (IES Illa de San Simón); Vilaboa (CPI O Toural); Moaña (IES Plurilingüe A Paralaia); Cangas (IES de Rodeira); Gondomar (IES Plurilingüe Terra de Turonio); Tui (IES San Paio) e Pontevedra (IES Luís Seoane).

    Depoemprende na FP está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior, que desenvolverá proxectos empresariais nos que se potenciará a adquisición de competencias e aptitudes relacionadas co emprendemento. Participarán na nova edición 782 estudantes de 9 centros,  catro deles de Vigo (CEIP Valentín Paz Andrade, IES Manuel Antonio, Colexio San Miguel e CEBEM Formación Profesional); tres de Pontevedra (o CFEA Lourizán, CIFP Carlos Oroza e CIFP A Xunqueira); un de Cangas (IES de Rodeira) e un de Bueu (IES Johan Carballeira).

    Amais de fomentar o emprendemento no marco do sistema educativo, o programa da Deputación busca impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

    Ao longo do curso, a Deputación dotará aos centros de  recursos e ferramentas que posibilitan o desenvolvemento eficaz das accións relacionadas con cada un dos proxectos, cun proceso permanente de seguimento e avaliación. A principal é o Portal Educativo de DepoEmprende, plataforma que facilita e dinamiza a institución para potenciar a comunicación entre os centros participantes, favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua. Nas anteriores cinco edicións realizadas de Depoemprende participaron un total de 104 centros educativos da provincia, cun total de 2.680 alumnos. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.