O Concello de Nigrán ampliará o novidoso proxecto educativo de creación dun ‘Bosque-Escola‘ no CEIP Carlos Casares de Vilariño tamén ao CEIP da Cruz (Camos) ante a petición da comunidade escolar e o beneplácito da Comunidade de Montes de Priegue, quen cedería para este uso a parcela forestal ao carón suroeste e negociaría a permuta cos propietarios particulares se fose preciso (o centro está ubicado entre as parroquias de Camos e Priegue). Deste xeito, finalmente o Concello consignará 15.000 € do Remanente de Tesourería para que o arquitecto Fermín González, ideólogo do proxecto pedagóxico Sistema Lupo, de referencia en Galicia, redacte ambos proxectos paisaxísticos que defenden a natureza e o xogo como o mellor método de aprendizaxe. Nigrán pasará a ser unha localidade de referencia en España ao mesturar en dous dos seus colexios públicos a ensinanza convencional e os métodos educativos alternativos que plantexan as ‘escolas-bosque’.
“Tras ter coñecemento da nosa iniciativa no CEIP Carlos Casares a dirección do CEIP da Cruz púxose en contacto con nos e desde o Concello tamén consideramos que é unha oportunidade marabillosa para un colexio que, precisamente, está rodeado de monte pero non o pode desfrutar ao 100%. O propio Covid recordounos o importante que é gozar das actividades ao aire libre”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece especialmente a boa vontade da Comunidade de Montes de Priegue. “O colexio está rodeado de monte en todo o seu conxunto, pero a parte que nos gustaría integrar son algo máis de 2.000 metros cadrados da zona suroeste porque linda directamente co patio, sen ningún vial por medio”, explica González, quen incide en que, “en todo caso, habería outras alternativas”.
O CEIP da Cruz conta desde 2017, grazas á Comunidade de Montes de Camos, cun viveiro de especies autóctonas a escasos metros do colexio e, precisamente, hai escasas semanas realizaron a plantación tamén en terreos desta entidade. “Esto sería dar un paso máis de xigante nesta liña pedagóxica que defendemos neste colexio, o profesorado está moi motivados e implicado neste sentido, de feito participamos desde hai anos nun programa contínuo de formación relativo aos patios inclusivos”, explica a directora, Iria X.
No caso deste colexio, inmerso de feito en medio do monte, o arquitecto Fermín González considera que, inicialmente, hai que delimitar o peche para integrar todas as pequenas franxas de monte que quedan fora do mesmo e, a maiores, engadir a parcela en cuestión. “Hai que eliminar muros e estender o patio cara a natureza dun xeito accesible”, subliña ao tempo que aposta por deseñar mobiliario propio para que o leve a cabo a carpintería do CEE Juan María de Parada. “Pola súa propia esencia, este colexio ten que prescindir dos plásticos no seu mobiliario exterior e apostar pola madeira para os xogos no patio”, polo que deseñará xogos específicos. Na nova parcela que se integre como bosque o arquitecto defende manter as especies autóctonas (actualmente hai carballos novos), suavizar os desniveis e crear ramplas e sendeiros que den acceso ao bosque-escola, “nada de muros, escaleiras ou barreiras arquitectónicas”.
CEIP Carlos Casares de Vilariño
Tal e como xa anunciara o Concello, o programa #MestredeObra de Sistema Lupo tamén deseñará un bosque-escola para o CEIP Carlos Casares de Vilariño, tal e como demanda desde hai anos a comunidade educativa. Neste caso, trátase de integrar unha parcela municipal lindeira de 2.000 metros cadrados (separada físicamente por un muro e alambrada) e que no 2018 o Concello bautizou como ‘Souto Casares’ tras realizar unha plantación na que participou todo o colexio e os dous fillos do escritor.
O proxecto busca crear un bosque totalmente natural sen que se note que hai un traballo de deseño previo detrás para que dé a sensación de que estás nun lugar que sempre foi así. A intención é aproveitar a gran cota de diferencia entre o patio e o cumio da parcela para crear diferentes sendeiros peonís entre árbores de especies autóctonas que desemboquen nun claro no bosque, que será onde permaneza o actual xogo de bolos celta. Non existirán as actuais escaleiras, nen muros, nen ningún elemento de separación, seguiránse as propias regras da natureza.
Escolas-Bosque
O movemento ‘Escolas Bosque’ é moi recente en España pero ten décadas de historia en países nórdicos ou o Reino Unido e se basea nas teorías de grandes pedagogos e filósofos, desde Pestalozzi a Fröbel, pasando por Rudolf Steiner ou María Montessori. Moitos sitúan a súa orixe no concepto Friluftsliv dos países Escandinavos, isto tradúcese literalmente como liberdade-aire-vida e fai referencia a unha filosofía de vida baseada na conexión profunda coa natureza e a vida ao aire libre. Trátase dun modelo de educación ao aire libre no que os estudantes visitan espazos naturais para aprender habilidades persoais, sociais e técnicas. “Sería un gran salto de calidade para o sistema educativo de toda a comarca poder mesturar nestes dous centros, Camos e Vilariño, a ensinanza convencional cos métodos alternativos do Bosque-Escola, por iso desde o Concello defendemos estes proxectos”, resume González.