O Concello de Nigrán iniciou hai tres semanas a través da empresa adxudicataria Construcciones Castro as obras para dotar ao CEIP Humberto Juanes dunha cociña industrial con capacidade para fornecer de menús a todos os centros públicos do municipio que actualmente empregan o sistema de catering da Xunta de Galicia. O investimento final será de 288.194 € con cargo ao remanente de Tesourería do Concello (o orzamento base era de 378.605 €). A nova instalación permitirá realizar máis de 570 menús diarios, tengo os colexios de Nigrán asignados 561 comensais, polo que poderá está dimensionada para favorecer a todos os centros públicos que o desexen. Tanto desde a comunidade educativa como desde o Concello consideran que prescindir do sistema de catering actual permite ter unha alimentación máis saudable porque a cociña in-situ contrarresta o uso de alimentos ultraprocesados e privilexia o uso de produtos frescos.
“A demanda partiu do CEIP Humberto Juanes pero é unha cuestión de xustiza, equidade e igualdade de oportunidades que beneficiará a tódolos colexios públicos do municipio, con este fin se dimensionou o proxecto”, incide González. Ademais, segundo consideran tamén desde a dirección do CEIP Humberto Juanes, “permitirá elaborar menús máis saudables, variados, equilibrados e axustados ao perfil do alumnado, resultando pratos máis atractivos para os cativos”.
“O Concello cumpríu co prometido e agora pedimos á Xunta de Galicia que canto antes cambie o modelo de xestión para que a empresa adxudicataria cociñe directamente aquí en beneficio da saúde dos nosos nenos e nenas”, urxe o alcalde, Juan González, quen incide en que “o modelo non é novo na comarca nin no municipio: no CEE de Panxón cocíñase tamén para o CPI Arquitecto Palacios e E.I ‘As Dunas’ con óptimo resultado” (en Vigo o caso é o Dr.Fleming, que submnistra a outros centros). “Xunto a comunidade educativa, desde o Concello temos máis que contrastado que o menú que se elabora directamente no CEE de Panxón é dunha calidade moi superior aos dos demais colexios que se nutren do sistema de catering, e non é xusto discriminar ao alumnado da ensinanza pública, estamos a falar da saúde dos nosos nenos; a Xunta non pode situar os intereses das empresas por riba da saúde pública dos nenos”, advirte González.
Así, esta nova instalación deseñada polo arquitecto nigranés Severo Fernández ocupará 490 metros cadrados dunha zona de almacén e de aulas que estaban en desuso e que contaba cunha distribución moi pouco funcional (a cociña do centro, inutilizada, carecía das instalacións e equipamento mínimo necesario para poder facer a comida, sen cámaras nin almacén de alimentos). Actualmente está xa completada toda a demolición interior e habilitouse unha nova entrada mediante rampla, polo que a obra civil rematará ao longo desta semana. O investimento inclúe a dotación mediante un equipamento acorde ás demandas actuais e a renovación e modernización das instalacións de fontanería, saneamento, electricidade, renovación do aire e seguridade contra-incendios. A nova distribución, ademais, contará con zona específica onde irán as novas cociñas, cámaras frigoríficas e almacéns ou zona de lavado e lixo.