Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Gondomar facilita aos colexios material para fomentar a educación ambiental

En total repartiranse entre os colexios de Educación Pimaria do municipio vinte lotes con diferente material cuxo obxectivo é achegar ao alumnado a conceptos relacionados co medio ambiente e familiarizalos cos recursos que teñen ao seu alcance para coidalos.

A iniciativa enmárcase dentro da campaña escolar “Cambio Climático. Misión Actúa por el Clima” que promociona a Federación Española de Municipios e Provincias, dentro da Rede Española de Cidades polo Clima da que forma parte Gondomar. O goberno municipal quere así, aproveitar para subliñar a importancia que ten a celebración de xornadas como a do Día Mundial da Educación Ambiental para sensibilizar e implicar ás novas xeracións na defensa do Medio Ambiente.

Dirixida ao alumnado de Educación Primaria, a campaña está enfocada no concepto da eficiencia enerxética e facilítase ao profesorado unha variedade de medios para que poidan traballar nas aulas abordando, de forma divertida, cuestións relacionadas coa reciclaxe, o aforro da auga, etc.

Os lotes que se farán chegar aos colexios comprenden unha guía completa para os docentes, así como distintos xogos nos que o planeta ou o clima son os protagonistas, por exemplo, “A carreira polo clima”, unha especie de xogo da oca para toda primaria ou o “Clima en raia” cun pequeno test de coñecementos, entre outras propostas .