10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorGondomarO Concello de Gondomar é asesorado pola Xunta para tratar de desbloquear...

    O Concello de Gondomar é asesorado pola Xunta para tratar de desbloquear a tramitación do PXOM

    O municipio pontevedrés réxese urbanisticamente polo Plan básico autonómico xa que o seu planeamento foi anulado por sentenza xudicial firme no ano 2005

    A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, e o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, mantiveron esta unha reunión de carácter técnico para tentar desbloquear o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no que traballa o Concello desde o ano 2009.

    Durante a xuntanza, na que tamén participaron o director do equipo redactor, Alfonso Botana, e a concelleira de Urbanismo, Iria Lamas, analizouse tecnicamente o documento e tratouse de consensuar os criterios a seguir en relación coas observacións formuladas no informe de consultas ambientais emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo a finais do ano pasado.

    Na mesma liña, Encarna Rivas reiterou a súa dispoñibilidade a manter novas reunións para lograr avanzar na tramitación e ofreceu o asesoramento e apoio da Xunta ao concello, que, pola súa parte, se comprometeu a introducir no PXOM os axustes necesarios de cara a sometelo á aprobación inicial do pleno, previsiblemente en outono.

    Neste sentido, cómpre ter en conta que, a día de hoxe, o concello de Gondomar non conta con planeamento propio e se rexe urbanisticamente polo Plan básico autonómico —unha ferramenta creada pola Xunta no ano 2018 e de aplicación directa naqueles municipios sen planeamento—, xa que o PXOM aprobado en 1997 foi anulado mediante sentencia firme do Tribunal Supremo no ano 2005.

    Por este motivo, o Goberno local de Gondomar comezou a elaborar un novo Plan xeral hai máis dunha década, un obxectivo para o cal a Xunta lle concedeu unha subvención de preto de 225.000 euros, equivalente ao 90% do custo total estimado de redacción.

    No marco da tramitación dese documento, mantivéronse unha serie de xuntanzas entre os técnicos de Urbanismo da Xunta e o persoal municipal para analizar diferentes versións do PXOM sen que o concello chegase a aprobar nunca de forma inicial ningunha delas. Tras a entrada en vigor da Lei 2/2016, do solo de Galicia, o concello de Gondomar tivo que reformular o documento, o que deu pé a novas reunións con Urbanismo. O último avance na tramitación do Plan produciuse en decembro do ano pasado, cando o órgano ambiental da Xunta formulou o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.