Sábado, 3 Maio de 2025

O Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar súmase á enerxía renovable

A nova infraestrutura contou cun investimento de 88,600 euros, financiados con cargo aos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e cofinanciado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). “A instalación desta nova caldeira supón unha mellora e modernización substancial do espazo e proporcionará un importante aforro enerxético neste edificio”, manifestou o rexedor Paco Ferreira, durante a visita ao centro.

Acompañado polo concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, lembrou que “un dos nosos obxectivos como administración é reducir a pegada ambiental de Gondomar, e apostar por todos os medios e recursos que permitan logralo como é o caso das enerxías renovables, algo no que estamos traballando”.

A nova instalación térmica de biomasa está composta de catro caldeiras e dun sistema de control que permitirá o funcionamento por sectores no edificio, dividido en dúas ás, de maneira que “se poderá acender segundo as necesidades e as demandas que existan en cada momento, sen necesidade de quentar todo o edificio como viña facendo se ata o de agora”, explicou o edil de Medio Ambiente.

O proxecto complétase cun depósito de inercia de 1000 litros que almacena a enerxía que xeran as caldeiras. Ademais, situouse un contador para a medición de kwh térmicos consumidos e un sistema de telexestión e control de incidencias con comunicación de alarmas á empresa encargada do seu mantemento, acordado no contrato de concesión por un período de 6 anos.

A reforma das catro caldeiras completouse con outras melloras como o arranxo da cheminea, instalación dunha nova porta máis na sala e a localización dun silo de almacenamento, con capacidade de 20 toneladas, para cubrir as necesidades da nova instalación.

O alcalde Paco Ferreira mostrou a súa satisfación “por poder seguir fomentando
ou uso da biomasa forestal, unha enerxía renovable con reducido impacto ambiental
que polo seu carácter autóctono favorece o autoabastecemento e a seguridade de
subministración a prezos competitivos, á vez que reduce a contaminación e a nosa
pegada ambiental non planeta”.