Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar reivindica o papel do municipalismo na loita contra a violencia machista

A concelleira de Igualdade do Concello de Gondomar, Nuria Lameiro, xunto a técnicas do seu departamento e concelleiras do goberno leron o texto no que lembraron ás 37 mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas no que levamos de ano, así como a aquelas mulleres non computadas pola lei ao ser asasinadas por homes cos que non mantiñan unha relación, e que aumentaría o número de mortas a 70, segundo datos das asociación de mulleres.

“Aquí estamos a facer fronte común ante as mensaxes ou as fake news que calan na sociedade pretendendo desdibuxar a violencia machista como tal. Violencia machista que desde as administracións, os partidos políticos, a sociedade, en xeral, debemos denunciar e loitar contra esas mensaxes desde a base, educando en valores de igualdade ás novas xeracións, ao noso futuro”.

O manifesto repasou “as outras cifras” relacionadas coa violencia machista como son o número de agresións sexuais grupais rexistradas este ano, a porcentaxe de mulleres que sufriron violencia sexual ao longo da súa vida ou o número de mozos que cren “que non existe a violencia machista, que é un invento ideolóxico”.

Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, reiterou o compromiso “como administración local de axudar ás vítimas para saír desta situación” e engadiu que “os concellos, pola nosa relación directa coa nosa veciñanza, debemos converternos nun actor esencial en calquera política, pero especialmente, nas que inciden nas persoas e que neste caso avogan pola defensa das mulleres e a consecución da igualdade.

O acto clausurouse cun minuto de silencio e coa representación dunha coreografía preparada para esta xornada, na que durante a mañá o “Punto de Igualdade Vivo” do concello ofreceu información a todas e todos os interesados durante toda a mañá.