Mércores, 7 Maio de 2025

Gondomar recupera o seu mercadillo de Nadal

A Praza Paradela acollerá unha nova edición do seu Mercado de Nadal, promovido pola concellería de Comercio e Turismo, o próximo 19 de decembro durante toda a xornada. O prazo de inscrición para participar permanecerá aberto ata o próximo 14 de decembro. As bases e anexo de solicitude poderán consultarse e descargarse na páxina do concello www.concellodegondomar.gal.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, confía en revalidar o éxito rexistrado na primeira edición do Mercado de Nadal e converter esta cita “nun referente e característica máis do Nadal en Gondomar, como pode ser a nosa árbore vermella” sen esquecer o obxectivo máis importante que, lembrou, é “dinamizar o comercio local, a nosa economía con accións específicas que, ao mesmo tempo, son un atractivo turístico que aumenta a afluencia de visitantes”.

O II Mercado de Nadal contará cun número máximo de postos, e cuxa localización se fará seguindo a orde das solicitudes, tendo preferencia a veciñanza de Gondomar. Neste mercado teñen cabida todo tipo de productos típicos de nadal, restos de stock, artesanía, artigos de segunda man, etc.

Os interesados en facerse co seu oco deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do concello ata do 14 de decembro, e deberán achegar no momento de inscribirse un quilo de alimentos de produtos típicos de nadal que se destinarán ao banco municipal de alimentos.