Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar logra 3 flores de honra por parte do xurado de “Vilas en flor”

Gondomar estivo representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, quen foi o responsable de recoller o galardón que recoñece ao concello 3 flores de honra por a súa acción decidida por mellorar a contorna e protexer os espazos verdes e naturais.

Destaca o xurado na acta “as boas actuacións executadas na entrada do núcleo urbano, o deseño dun gran paseo fluvial incorporando zonas verdes entre as edificacións, e o desenvolvemento de novos espazos lúdicos para a realización de actividades de recreo”.

Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, mostrouse moi satisfeito ante o recoñecemento porque “pon en valor o traballo que moitas persoas realizan para que Gondomar sexa unha vila máis amable e respectuosa co medio ambiente e, unha localidade, pensada para e polas persoas, un obxectivo no que seguiremos traballando desde o goberno local”.

O acto de entrega dos galardóns celebrouse esta mañá na localidade de Allariz e estivo presidido pola alcaldesa do municipio, Cristina Cid, e a consellerira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que estiveron acompañadas, entre outros polo coordinador do programa Vilas en Flor, Pedro Calaza, membros do xurado e representantes dos 30 municipios participantes na edición deste ano.

O certame, organizado pola Fundación Juan de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinaría, márcase como obxectivo promover a mellora ambiental social e económica dos concellos participantes, así como dinamizar ou sector do paisaxismo e ornamentación como selo de calidade e reclamo turístico.