Domingo, 11 Maio de 2025

Gondomar humanizará varias vías do seu concello grazas aos investimentos da Deputación

As actuacións contan cun orzamento de case 271.800 euros, dos que o ente provincial aporta o 70% e o 30% restante é aportado polo concello do Val Miñor

Gondomar verá renovada a imaxe da interconexión das rúas San Bieito e Emigrante coas estradas de Peitieiros e Chain-Morgadáns a través dun proxecto aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Estas melloras contan cun orzamento de case 271.800 euros e levaranse a cabo grazas a un convenio de colaboración entre o ente provincial e o concello de Gondomar. A través deste acordo a Deputación de Pontevedra aportará o 70% do orzamento, máis de 190.000 euros, e o concello de Gondomar fará o propio co 30% restante, máis de 81.500 euros.

As actuacións levaranse a cabo para darlle prioridade e unha maior seguridade á veciñanza e viandantes nas rúas San Benito e Emigrante e nos tramos iniciais dos viarios de dirección ás parroquias de Peiteiros, Chain e Morgadáns, que unen estas parroquias co centro urbano de Gondomar. Deste xeito, co modelo de mobilidade amable e segura da Deputación, ampliaranse as beirarrúas –tratando de manter o ancho de 2,5 metros con variantes puntuais- e servizos como o alumeado público e mellorarase a parada de autobuses no inicio do viario en dirección ás parroquias de Chaín e Morgadáns. Esta humanización tamén contempla a construción de novos pasos de peóns ou peoas elevados, adecuados á normativa actual, á vez que se conserva o paso de vehículos.