Sábado, 3 Maio de 2025

Gondomar dá luz verde ao seu Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACES)

A aprobación por unanimidade no pleno da corporación municipal é un paso máis dentro do proceso iniciado hai unhas semanas co encontro de traballo presidido polo alcalde, Paco Ferreira e o concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, coa presenza de técnicas do departamento e outros membros do goberno local. Nesta xuntanza, a empresa Inova Labs expuxo os pormenores e accións concretas que se deberán abordar de aquí ao 2030 para reducir as emisións de CO2.

“Adiantámonos así á data límite fixada en xuño de 2022 e comprometémonos a traballar duro por conseguir os obxectivos prioritarios do Pacto, que nos beneficiará como localidade pero tamén sumará na loita contra o cambio climático a nivel mundial”, explicou o alcalde gondomareño, que insistiu en “que isto é un labor na que a colaboración e a unión de todos e todas é imprescincible”.

Obxectivos PACES

A redacción do plan está financiada polos fondos europeos FEDER, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o concello de Gondomar adquire como compromiso reducir en, polo menos, un 40% as emisións de CO2 no Concello, partindo do ano de referencia 2019. Obxectivo que se apoia en dous obxectivos complementarios:

  • Minimizar o consumo enerxético no municipio, con especial incidencia no eléctrico e de combustibles fósiles, especialmente o gasóleo A.
  • Incrementar o nivel de implantación das enerxías renovabales, como xa se está facendo en con a localización de caldeiras de biomasa en edificios municipais, ou a adquisición de vehículos eco, entre outras accións.