Xoves, 16 Xaneiro de 2025

Gondomar aposta pola sensibilización e denuncia da violencia machista en todas as súas expresións no programa do 25N

O Goberno local de Gondomar, a través da súa concellería de Igualdade dirixida por Nuria Lameiro, programou diversas actividades para que a sensibilización e a denuncia da violencia machista “en todas as súas expresións” sexan o eixo ao redor do que xire o programa do 25N.

O acto central terá lugar na Praza Paradela onde se lerá o manifesto oficial deste ano e convidarase á poboación para sumarse á concentración de denuncia ante a violencia que acabou coa vida de 37 mulleres no que levamos de ano.

“Poñeremos en marcha actividades e iniciativas que busquen a transversalidade tan necesaria á hora de combater a violencia machista, á hora de implicar a toda a sociedade nesa loita”, explica o alcalde, Paco Ferreira, quen asegura que o “programa vai moito máis alá dunha data e un manifesto, plásmase con políticas concretas e cursos e obradoiros cos mozos e mozas, que como futuro, son fundamentais”.

Cuestións que se abordarán, así como o balance das actividades do departamento de Igualdade do concello, na asemblea do Consello Municipal da Muller convocada o próximo 18 de novembro, que se completará coa Mesa local da Violencia de Xénero o próximo 15 de decembro.

Accións dirixidas á mocidade

Un ano máis na semana do 25 N, o alumnado dos institutos serán protagonistas no programa de Igualdade. Nesta ocasión asistirán á representación de “Des-Alento”, creada e interpretada por Mónica Sueiro. Trátase dunha acción escénica que aborda os malos tratos psicolóxicos, que transcorre entre o metafórico e simbólico para finalizar compartindo co público unha vivencia de violencia do pasado.

Dende o departamento de Igualdade son conscientes da importancia de traballar coas novas xeracións e as diferentes mensaxes que reciben continuamente e que baseanse, en moitas ocasións, en ideas que sustentan comportamentos que promoven a desigualdade, como ocorre coa música.

“Letras de contido machista e denigrante para as mulleres e que deixan un pouso que vai perpetuando ideas que debemos desterrar da nosa sociedade”, explica a concelleira Nuria Lameiro, que anuncia unha serie de encontros con clubes deportivos – inicialmente- para ofrecerlles charlas sobre igualdade ao persoal directivo e, propoñer a desaparición ese tipo de música na megafonía dos encontros.