22.2 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaNigrá, Baiona e Gondomar reciben un investimento extraordinario da Deputación de Pontevedra

    Nigrá, Baiona e Gondomar reciben un investimento extraordinario da Deputación de Pontevedra

    “Ningunha Administración investiu tanto e con tanto tino para transformar os tres concellos do Valmiñor”. Así o reivindicou hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a súa comparecencia para render contas dos seis anos transcorridos dende o cambio no Goberno provincial, un tempo no que o investimento nesta comarca alcanzou a histórica cifra de 30.256.000 euros. Carmela Silva anunciou, ademais, que o Valmiñor vai dispor doutros 7,5 millóns de euros de fondos provinciais xa o ano próximo para despregar “políticas expansivas que impulsen a recuperación”. Unha inxección que chegará coas novidades do Plan Concellos bianual 2022-23 (dotado con máis de 5 millóns de euros para a comarca) e o plan extraordinario ReacPon (que subvencionará tres grandes proxectos municipais con máis de 2,4 millóns.

    A presidenta provincial afirmou que o balance destes 6 anos no Valmiñor “non pode ser máis satisfactorio” e recalcou que Baiona, Nigrán e Gondomar “teñen a unha Administración provincial aliada, que vai da man dos concellos e que permite que a xente, viva onde viva, goce de servizos e dereitos e non teña que irse a outros lugares”. Cualificou os avances deste sexenio como “unha transformación histórica asentada sobre un modelo moi claro de convivencia, cohesión social e territorial e de respecto polo medio ambiente, que defende a posición das mulleres no mundo, a recuperación das vilas para as persoas, un turismo sostible e unha economía avanzada”. Ao detalle, e concello por concello, explicou que en Baiona lévanse investidos 9,4 millóns de euros; 11,2 millóns en Nigrán e outros 9,4 millóns en Gondomar.

    Na súa visita ao Valmiñor, ao igual que xa ten feito nos balances para dación de contas á cidadanía realizados nas comarcas do Salnés, Deza e Baixo Miño, a presidenta puxo en valor que estamos diante do maior investimento da historia da Deputación, tanto na comarca como concello a concello. Ademais, engadiu, é a primeira vez que os fondos provinciais se reparten integramente con carácter regrado, obxectivo e transparente “porque hai 6 anos, a forma de gobernar do PP na provincia de Pontevedra era a dedocracia, en base a dous intereses: primeiro, e “sine qua non”, que gobernara o PP e, en segundo lugar, os intereses electorais en cada partido xudicial para traducir os investimentos en números de deputados e deputadas”. Carmela Silva insistiu en que “as políticas caciquís e clientelares” quedaron atrás e agora impera “un modelo claro de transformación da provincia de Pontevedra e no que os investimentos públicos melloran a calidade de vida de toda a veciñanza”.

    133 obras, 181 actividades socioculturais e 388 empregos co Plan Concellos

    O Plan Concellos, o gran operativo de financiación municipal desta Deputación, foi definido como “a medida estrela”. “Antes os fondos se decidían a dedo e había 20 millóns de euros de libre disposición para repartir como, cando e onde quería o presidente”, explicou. “Eu, como presidenta, non teño nin un euro de libre disposición. É máis, sería un escándalo e mesmo unha sinvergoncería”. A Deputación financiou ao Valmiñor con 17,4 millóns de euros baixo o paraugas do Plan Concellos. Recursos que fixeron posible a execución dun total de 133 obras, 181 actividades socioculturais e a creación de 388 empregos nos concellos “para garantir os servizos superando as dificultades que trouxo aquela tolería da lei Montoro que impedía repoñer persoal”.

    A presidenta puxo énfase no impacto dos plans extraordinarios, como o DepoRemse, pensado para a seguridade viaria en espazos públicos municipais. Deste programa beneficiouse Baiona, que obtivo 290.121 euros para a remodelación e mellora da seguridade viaria na avenida de Sabarís. En paralelo, do Plan de Reequilibrio beneficiáronse os concellos de Gondomar, “facendo unha obra que creou outro Gondomar, que é a praza da Paradela e contorna; unha obra que creou un verdadeiro centro, unha praza onde antes había unha estrada pola que pasaban vehículos e non paraban”. A achega provincial alcanzou os 639.056 euros. En tanto, Nigrán construíu a nova biblioteca municipal, con preto de 1.480.000 euros. Un equipamento que Carmela Silva definiu como unha grande referencia na provincia “polo que significa de apoio á cultura na comarca e tamén porque é unha obra moi singular”. En canto ao plan Ágora, que ten como obxectivo recuperar o 50% do espazo que ocupan os vehículos para as persoas, o investimento total foi de 146.530 euros que se repartiron nas obras de humanización da rúa Gaivota (Nigrán), con 46.530 euros; e os dous proxectos técnicos en Gondomar e Baiona subvencionados con 50.000 euros cada un.

    A maiores, anticipou que os 2,4 millóns de euros que a comarca vai recibir o ano próximo 2022 no marco do programa ReacPon dedicaranse ás obras do paseo Pinzón (Baiona), con 1.744.006 euros; a rúa Otero Pedraio (Nigrán), con 1.592.114 euros, e a praza de Rosalía de Castro (Gondomar), con outros 833.554 euros. O apoio provincial significará a mobilización dun total de 4,2 millóns de euros nestes tres grandes proxectos.

    A área de Infraestruturas investiu preto de 4 millóns de euros para executar un total de 23 proxectos nas 18 estradas provinciais da comarca. Nos 75 Km que a rede provincial suma no Valmiñor (sobre un total provincial de 1.700 Km)  asfaltouse a EP-2204 Sabarís-Belesar (Baiona) con 541.310 euros, así como a EP-2302 Gondomar-Chaín-Morgadáns, con 406.303 euros. Tamén efectuouse unha actuación de seguridade viaria na EP-2203 Baredo-Loureza (Baiona) con outros 381.022 euros. En trámite e a piques de licitarse está xa a mellora da conexión das rúas San Bieito e do Emigrante (Gondomar) coas estradas provinciais de Peitieiros e Morgadáns, valorada en 271.796 euros. A aposta pola seguridade viaria chegou tamén coa construción de 57 redutores físicos de velocidade e 54 pasos de peóns sobreelevados dentro do plan Móvese. Ademais subvencionáronse os Plans de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Gondomar e Nigrán e executouse un camiño escolar seguro en Gondomar. Neste punto, Silva recalcou que os PMUS son a chave para acceder a fondos estatais e europeos sobre mobilidade e a Deputación  fixo posible que a meirande parte dos concellos xa dispoñan deste documento.

    Sendas peonís de Nigrán

    Carmela Silva aproveitou a súa comparecencia para anunciar que xa están rematados os proxectos das sendas peonís de Nigrán, na EP-2106 Ramallosa-Parada (entre Camos e Chandebrito) e na EP-2102 Nigrán-Vincios (dende Areíña a Parada) e anunciou que en breve asinaranse os convenios co concello do que vai ser “un cambio radical en Nigrán”.

     O investimento acumulado dos servizos provinciais en subvencións ou programas desenvolvidos directamente alcanzou os 8,8 millóns de euros. O balance da titular da Deputación comezou pola área de Igualdade, que distribuíu preto de 115.000 euros en 67 subvencións para os tres concellos e colectivos sociais. Neste punto Carmela Silva destacou que trátase dun emblema da Deputación que, coa súa proactividade, está a conseguir que “polo menos outras Administracións comezaran tamén a falar de Igualdade”.

    O departamento provincial de Cohesión Social achegou preto de 1,2 millóns de euros en subvencións para o funcionamento dos Servizos Sociais Comunitarios; 203.200 euros para axudas sociais de emerxencia a persoas vulnerables e 17.120 euros para axudar aos concellos a manter o servizo de teleasistencia, “a pesar de que é unha competencia é dos gobernos do Estado e da comunidade autónoma”. O apoio provincial chegou tamén ás 67 entidades de iniciativa social que traballan pola integración social no Valmiñor, cun total de ase 100.000 euros de achega. A dinamización social con programas destinados para o avellentamento activo e a cohesión lograron a participación dun total de 3.851 persoas ao longo destes seis anos.

    O servizo provincial de Emprego posibilitou que 112 persoas que remataban os seus estudos universitarios ou de FP superior puidesen ter o seu primeiro contrato, pagado segundo convenio, e iniciar a súa carreira laboral. Os distintos programas, que absorberon 728.841 euros tamén reverteron nos concellos, dotándoos de persoas formadas para postos especializados. A presidenta enlazou este tipo de políticas de emprego co programa de asesoramento tecnolóxico ás pemes, SmartPeme, un programa singular en toda España e que chegou a un total de 44 empresas do Val Miñor que hoxe avanzaron na súa modernización e integración dixital gracias a un investimento de 156.000 euros.

    Dixitalización: Praia América, “praia intelixente”

    En canto ao investimento da área de Turismo alcanzou os 715.000 euros para materializar a aposta por pasar dun modelo obsoleto de sol e praia, herdado do PP, a un novo modelo de turismo sostible, dixitalizado, multipexperiencial e que aposta pola calidade, o interior, a desestacionalización e a posta en valor dos/as produtores/as que son a base da mellor gastronomía de España e unha das mellores do mundo. Carmela Silva avanzou o proxecto piloto de “praia intelixente” que se vai desenvolver en Nigrán no marco do programa “Tourist Inside”, financiado pola UE. Cunha dotación de 300.000 euros converterá a praia América nun espazo sostible, con redución da pegada de carbono e que aposta pola calidade na atención ao turista. Unha das medidas concretas que inclúe é unha aplicación móbil que, entre outras cousas, ofrecerá información online sobre tempo real de desprazamento en función do tráfico ou a ocupación das zonas de aparcamento.  A presidenta tamén destacou o crecente número de empresas con selo de calidade turística SICTED e lembrou que a provincia de Pontevedra xa é líder de España en número de  certificados. Unha calidade que tamén chegou ás oficinas de información da Rede Rías Baixas de Baiona e Nigrán coa Q de calidade.

    Dende a área de Transición Ecolóxica apostouse polo sector primario, subvencionando á Cooperativa de Pesca da Anunciada de Baiona, con 34.000 euros. Ademais, a Deputación impulsou a creación do parque forestal do río Táboas (Nigrán) e os sendeiros azuis de Baiona e Nigrán. Ademais, a aposta pola compostaxe manifestouse coa posta en marcha de 98 unidades modulares nos sete centros comunitarios existentes e no reparto de 90 composteiros individuais. “Un novo modelo no tratamento dos residuos, na liña das normativas europeas”, lembrou Carmela Silva, que significou outros 128.051 euros de achega provincial.

    A área de Cultura da Deputación empregou 168.000 euros en apoiar o desenvolvemento de 1.022 actividades culturais en Baiona, Nigrán e Gondomar. “Queremos que tódolos concellos dispoñan dunha oferta e que a cultura non se limite ás grandes cidades, queremos cultura en todo o territorio”, recalcou. Ademais, a presidenta significou a defensa da lingua galega cos 36.267 euros para os tres concellos e, finalmente, os 30.959 euros que sumaron as subvencións para para actuacións de recuperación patrimonial e de memoria democrática.

    O Deporte foi definido por Carmela Silva como unha das grandes apostas da Deputación. “Somos a Administración que máis inviste en Deporte, porque a Xunta conta cunha achega moi importante de Abanca e nós poñemos todo de fondos propios”, lembrou. A achega dende 2016 ata a actualidade totaliza no Valmiñor uns 607.000 euros, que se distribuíron en 351 subvencións a clubs e 27 a deportistas individuais. Ademais de materializarse en 14 escolas deportivas o cofinanciamento de 74 actividades e competicións deportivas celebradas nos concellos.

    A Administración Electrónica e o Padrón Electrónico chegaron ao Valmiñor da man da Deputación. “Xa era unha obriga legal cando chegamos, pero ningún concello a tiña”, destacou Silva. A Deputación, ademais de proporcionar o soporte tecnolóxico, formou ás/aos traballadoras/as e concelleiras/os. Gondomar e Baiona beneficiáronse, toda vez que Nigrán dispoñía doutro sistema.

    Os máis de 136.000 euros achegados aos tres concellos para axudar ao combate contra a pandemia de Covid19 mereceron un repaso exhaustivo da presidenta da Deputación. “O Goberno de España recibiu fondos de Europa, e a Xunta de Galicia recibiu cantidades inxentes: centos de millóns de euros”. “A min gustaríame que o presidente da Xunta comparecera para contarnos en que investiron os cartos porque aínda non fixeron balance”. A presidenta foi moi crítica coa actitude dun Goberno galego que obrigou aos concellos a atender as desinfeccións e a garantir as medidas de seguridade e deixounos sos no coidado das persoas maiores que viven soas nas casas, das/os nenas/os que non ían a clase; das nais e pais que non tiñan como atendelos e das persoas dependentes. “Nin un euro para os concellos”, recalcou. As achegas da Deputación distribuíronse entre as axudas para os sectores afectados polas restricións, reforzar os servizos sociais municipais encargados de cubrir as necesidades das persoas vulnerables e o impulso a programas municipais de corresponsabilidade familiar.

    Silva destacou tamén que a Deputación foi a chave para acceder aos fondos europeos. No Valmiñor foron máis de 407.000 euros distribuídos entre as actuacións de renovación das redes de iluminación pública con fondos do IDAE e a modernización dos puntos limpos de Gondomar e Nigrán con Estraee para adaptalos á normativa europea sobre lixo electrónico e eléctrico.

    GES do Valmiñor

    Finalmente, a presidenta detívose para explicar que a Deputación ten achegado 480.000 euros para o financiamento do Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) do Valmiñor con cargo aos compromisos incluídos nos convenios asinados coa Xunta de Galicia para os períodos 2016-18 e 2019-21. Neste senso destacou as dificultades que entraña a sinatura do convenio 2022-24 que a Xunta de Galicia está tratando de impoñer ás deputacións sen negociación previa. “A Xunta aprobou unha Lei de Emerxencias para cargar aos concellos con competencias autonómicas e logo crearon os GES, que naceron inicialmente cun financiamento dun 60% da Xunta, un 20% das deputacións e un 20% dos concellos”. A presidenta engadiu que cando o PP perdeu as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra cambiou o modelo dos GES rebaixando a súa achega ao 52,5% ao tempo que dobraba a parte das deputacións, pasando do 20% ao 40% e reducía aos concellos do 20% ao 7,5%”. “Agora, sen falar nin con Deus nin co demo, pídennos medio millón de euros máis á Deputación de Pontevedra. Cando isto empezou con Louzán non pasaba de 260.000 euros e agora, despois de subirnos ata un millón de euros, queren que poñamos millón e medio. Non imos poñer nin un euro máis”. Ademais, lembrou, as obrigas da Deputación cinguiríanse exclusivamente aos concellos de menos de 20.000 habitantes e na provincia hai varios en municipios de maior poboación.

    A presidenta da Deputación concluíu que o que está a suceder cos GES engarza co proxecto da nova Lei do Ciclo da Auga. Preténdese con este novo texto legal autonómico que os concellos  e as deputacións cofinancien as obras autonómicas e que, ademais, os concellos asinen convenios de xestión das depuradoras e grandes colectores e redes de abastecemento “en alta”. Todo parte, explicou, dunha concepción das competencias autonómicas como algo que derivar aos concellos, sen un euro, “para aforrar custes” á Administración autonómica.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.