7.6 C
Pontevedra
Sábado, 30 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaAberta a inscrición para a última ruta ornitolóxica "Voando nas Rías Baixas"

    Aberta a inscrición para a última ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas”

    A camiñada para observar aves desenvolverase de xeito gratuíto o 19 de decembro polo Esteiro do Río Miño (A Guarda) e a Foz de Ramallosa ou do río Miñor (Nigrán e Baiona)

    A Deputación de Pontevedra abre hoxe martes, 7 de decembro, o prazo de inscrición para a quinta e última das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, organizado pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife e que ten como obxectivo dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o vindeiro 19 de decembro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das contornas do Esteiro do Río Miño (A Guarda), e a Foz da Ramallosa ou do Río Miñor (Nigrán e Baiona), espazos protexidos pola Rede Natura 2000.

    Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse  na web https://www.depo.gal/voando-nas-rias-baixas.  A desembocadura do río Miño e a Foz da Ramallosa forman esteiros intermareais con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves, de xeito que no inverno nos pasos migratorios pódese gozar tanto de aves acuáticas coma de aves mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Entre elas hai que destacar as limícolas, coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, variedade de gaivotas, diferentes especies de parrulos, garzas, rálidos, mergullóns, ademais de aves mariñas coma os carráns cristados. Tamén é posible ver rapaces, como a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora.

    A  andaina estará conducida por dúas persoas guías de SEO Birdlife. Aconséllase ás persoas participantes levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo. Terán á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.