Cun espectacular solpor e fronte ao mar de Baiona e co fondo das Illas Cíes, a poesía, a voz e a música uníronse na noite deste luns en ‘Palabr(A)’, a actuación coa que Najla Shami fixo un chamamento claro, emotivo, doce e vibrante pola igualdade no baionés parque da Palma. Con temas cun marcado corte feminista, nos que tamén deixou ver a protesta social e a fusión de culturas, a artista removeu a conciencia das persoas asistentes a este concerto do programa ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ ao que asistiron a presidenta, Carmela Silva, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, a deputada provincial, Raquel Giráldez, e representantes da corporación local. Todas elas e eles deixáronse levar polas músicas do mundo, corearon algúns dos temas, aplaudiron e desfrutaron do concerto sen esquecerse do motivo que as e os levou alí: a erradicación da violencia de xénero.
Durante preto dunha hora a artista interpretou cancións dos seus dous traballos, ‘Na lingua que eu falo’ e ‘Ela sabe a sol’, que a fixeron alzarse co favor da crítica e gañar varios premios. Najla Shami non estivo soa sobre as táboas, acompañárona a súa guitarra e o guitarrista Raúl Quioquio, que se quedou nun segundo plano e xunto a ela marcou o ritmo da actuación.
[su_image_carousel source=”media: 42852,42863,42851,42855″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Ao compás da música xurdiu unha conversa na que se puxo de manifesto a necesidade de expresar a forma do mundo na boca dunha muller empregando a poesía e a música como vehículo e arma. Todas as cancións da artista están compostas “dende a muller”, segundo ela mesma explicou durante a actuación, e nelas fala de “como as mulleres sacan forza de onde non a hai para renacer como a ave fénix”. Ademais, Najla Shami aproveitou a ocasión para agradecer á Deputación todas as accións que leva a cabo en materia de igualdade para “visibilizar o que se ten que visibilizar”.
A ‘Palabr(A)’ de Najla Shami foi a décimo novena das 25 accións da actual VI edición de ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’, co lema ‘Emerxencia cultural, urxencia feminista! Ni un paso atrás na loita cara a igualdade’. No que resta deste ano haberá outras seis propostas en outros tantos concellos da provincia.